Inicio Blog Páxina 53

Detido o último integrante dun grupo que atracou varias sucursais no Porriño, Vigo e Mondariz

0

A Garda Civil e a Policía Nacional, nunha operación conxunta, culminou o desmantelamento dunha banda de atracadores a quen se vincula con roubos en sucursais do Porriño, Vigo e Mondariz, coa detención o pasado 7 de xullo do último integrante deste grupo criminal.

Segundo informaron fontes policiais e da Comandancia de Pontevedra, o último detido é un veciño de Arbo que, polo menos, participou en dous dos atracos (no Porriño e Mondariz) e ao que se lle atribúen os delitos de roubo con violencia, detención ilegal, tenencia ilícita de armas e pertenza a grupo criminal.

No rexistro practicado tras a detención, localizáronse unha escopeta recortada, un rifle, armas curtas, abundante munición, gran cantidade de diñeiro en efectivo, pezas utilizadas presuntamente nos atracos, un inhibidor de frecuencia e proxectís compatibles con armas de guerra prohibidas en España para particulares.

Tras ser posto a disposición xudicial, decretouse o seu ingreso en prisión provisional. A investigación foi dirixida pola Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia Praza Nº1 do Porriño e a Fiscalía de Área de Vigo. A Policía Nacional e a Garda Civil non descartan que este home poida estar detrás doutros atracos ocorridos na provincia, polo que a investigación continúa aberta.

OPERACIÓN PAMPA-TRACKER

A Operación Pampa-Tracker iniciouse en outubro do ano pasado, tras un violento atraco cometido nunha sucursal bancaria do Porriño. Dous individuos, armados e ocultando a súa identidade con máscaras e disfraces, entraron na oficina poucos minutos antes do peche. Tras inmobilizar con bridas a empregados e clientes e ameazalos con armas de fogo, lograron acceder á caixa forte e aos caixeiros automáticos, apoderándose duns 138.000 euros.

Os investigadores comprobaron que un dos autores asumía o liderado do asalto e utilizaba unha máscara de látex con aparencia dunha persoa de avanzada idade, lentes e outros elementos de caracterización. Armado cunha escopeta recortada dirixía a acción delituosa e daba instrucións tanto aos traballadores da entidade como ao resto de integrantes do grupo, demostrando un elevado grao de planificación e un profundo coñecemento dos sistemas de seguridade bancaria.

As primeiras pescudas permitiron relacionar aos sospeitosos con dous intentos de atraco previos labores nunha sucursal de Vigo, feitos que xa investigaba a Policía Nacional. A coincidencia do modus operandi levou á creación dunha liña conxunta de investigación entre ambos os corpos.

PRIMEIRAS DETENCIÓNS

Durante meses estableceuse un intenso dispositivo de vixilancia sobre os investigados, que cambiaban frecuentemente de domicilio e extremaban as medidas de seguridade para evitar a súa detección. O pasado 1 de abril desenvolveuse a primeira fase da operación, cando tres dos implicados foron detidos ‘in fraganti’, cando se dispuñan a atracar unha sucursal en Vigo. Nese momento portaban un arma de fogo, navallas, bridas, luvas e outros efectos destinados á comisión do roubo. Os detidos (un deles o ‘histórico’ atracador vigués ‘Tielas’) ingresaron en prisión por orde do xulgado, e arrestouse a outros dous individuos por darlles apoio loxístico, pero o xefe do grupo non participou nese asalto.

Paralelamente, tamén se investigaba un atraco cometido en febreiro nunha sucursal de Mondariz, onde unha persoa disfrazada cunha máscara entrou pouco antes do peche e, co mesmo modus operandi, usando un arma de fogo, levou un botín duns 115.000 euros. As pescudas permitiron identificar a ese atracador, o mesmo que se disfrazou de ancián no atraco do Porriño, e procedeuse á súa detención o pasado 7 de xullo.

Revogada a condena a un empresario por non executar unhas obras no Porriño ao entender que o caso non era penal

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) revogou a condena de dous anos de prisión imposta a un empresario por un delito de apropiación indebida tras non executar unhas obras contratadas por unha comunidade de propietarios do Porriño, ao concluír que os feitos deben resolverse na xurisdición civil e non na penal.

A Audiencia Provincial de Pontevedra considerou probado que o acusado, administrador único dunha mercantil, subscribiu en 2016 un contrato para a reforma das instalacións térmicas dun edificio do Porriño e recibiu da comunidade de propietarios tres transferencias por un importe total de 54.000,06 euros. Segundo a sentenza de instancia, o empresario non chegou a iniciar as obras e foi condenado por apropiación indebida e indemnizado o importe abonado.

Agora, o alto tribunal galego estima o recurso presentado polo condenado e entende que os feitos non son constitutivos do devandito delito. Para iso, explica que o diñeiro entregado como parte do prezo dun contrato de execución de obra pasa a ser propiedade do contratista, polo que a obrigación de devolvelo non nace do propio contrato, senón do seu incumprimento e da súa posterior resolución.

Ademais, lembrou a existencia dunha sentenza civil firme que declarou resolto o contrato e condenado á empresa a devolver á comunidade de propietarios os 54.000,06 euros, xunto cos intereses correspondentes. Por todo iso, considera que o incumprimento contractual debe ser resolto pola vía civil e non cunha condena por apropiación indebida.

Condenado a tres anos de prisión un home por tráfico de drogas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de tres anos de prisión imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a un home en Vigo por tráfico de drogas. A resolución desestima o recurso de apelación presentado polo condenado e confirma integramente a sentenza ditada o 29 de xaneiro de 2026 por Audiencia Provincial. Os feitos sucederon o 16 de setembro de 2024, cando o acusado foi localizado nun bar de Vigo con 10,076 gramos de cocaína, cunha pureza do 80,34%, e 2,039 gramos de resina de cannabis.

O home, segundo os feitos probados, portaba as sustancias para vendelas e tratou de ocultar o envoltorio que contiña a cocaína cando entraron no establecemento axentes que realizaban un control de prevención do consumo e menudeo de drogas en locais de lecer. No recurso, a defensa sostivo que a droga estaba destinada a un consumo compartido e alegou un erro na valoración da proba. Con todo, o alto tribunal galego considera que se realizou unha valoración racional da proba practicada e conclúe que a versión exculpatoria carece de credibilidade.

A Sala tamén rexeita que o caso poida encadrarse na doutrina do consumo compartido. Así, entende que a situación descrita non respondía os requisitos esixidos pola xurisprudencia para apreciar esa figura. A Sala destaca que a cantidade de cocaína intervida excedía os límites que a xurisprudencia considera compatibles cunha posesión destinada ao consumo propio, polo que avala a conclusión da Audiencia Provincial de que a sustancia estaba destinada, polo menos en parte, á súa distribución a terceiras persoas.

Saen dous camións de bombeiros de Vigo cara a Ucraína

O Concello de Vigo formalizou a doazón de dous camións de bombeiros a Ucraína, atendendo unha petición do cónsul honorario do país en Galicia. Trátase de dous camións retirados recentemente do servizo municipal, ao ser substituídos por vehículos máis modernos, que están en perfecto estado de funcionamento e que este mesmo luns partiron cara a Ucraína.

O alcalde, Abel Caballero, acudiu este luns ao Parque Central para asistir á saída dos vehículos e explicou que poderán ser utilizados en tarefas de emerxencia e rescate. “Queremos contribuír á atención das persoas en Ucraína e apoiar unha causa nobre, digna e xusta“, explicou o rexedor, que tamén trasladou “todo o apoio e afecto de Vigo ao pobo ucraíno”.

Pola súa banda, o cónsul honorario de Ucraína en Galicia, Antonio Corredoira, agradeceu a colaboración do Concello e explicou que os camións se usarán en labores de rescta en zonas próximas á fronteira. “Están a sufrir bombardeos continuos e estes vehículos van ser de gran utilidade para salvar vidas e atender ás emerxencias”, explicou. Deste xeito, un dos camións irá destinado á cidade portuaria de Ochakiv, no sur de Ucraína, na provincia (óblast) de Mykolaiv; e o outro irá para o Hospital Militar de Kharkiv, cidade de 1,4 millóns de habitantes no leste do país.

Condenados un traficante de droga e o seu provedor a 4 e 7 anos de prisión

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 4 e 7 anos de prisión, respectivamente, a un veciño de Pontecesures e outro de Vilanova de Arousa, como autores dun delito contra a saúde pública, e coa circunstancia agravante de que ambos son reicindentes. A investigación foi levada a cabo pola Garda Civil que, mediante seguimentos e intervencións telefónicas, constatou que ambos se dedicaban a traficar con estupefacientes, e que un deles provía ao outro de droga, para que este distribuísea posteriormente a terceiros.

Así, entre maio e setembro de 2022, documentáronse varias conversacións e contactos, e tamén un encontro entre ambos en Vilanova de Arousa, no que un dos acusados entregoulle ao outro un paquete dun quilo de cocaína. Nos rexistros levados a cabo con motivo das detencións, interviñéronse ao redor dun quilo e medio de cocaína, máis de 25.000 euros, básculas de precisión, teléfonos móbiles, vehículos e un rifle de aire comprimido, entre outros efectos. Ao comezo do xuízo, un dos acusados recoñeceu os feitos, polo que a Fiscalía rebaixou a petición pena (atenuante de confesión).

A Audiencia, condenou finalmente a un dos procesados a 4 anos de cárcere e pago dunha multa de 250.000 euros, coas atenuantes de confesión, dilacións indebidas e a agravante de reincidencia. O provedor do anterior foi condenado a 7 anos de cárcere e pago de multa de 350.000 euros, coa mesma agravante e a atenuante de dilacións indebidas (non recoñeceu os feitos).

Caballero contra a Xunta pola seca: “Non queren que digamos que hai que construír outro encoro”

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reafirmouse este luns na súa decisión de declarar a situación de prealerta por seca na cidade, e acusou a Xunta de pretender que non se adopten medidas de precaución, así como de querer silenciar a demanda de construír unha nova presa para aumentar a capacidade de almacenamento.

En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico insistiu en que a situación do encoro de Eiras está 8 puntos por debaixo das reservas de hai un ano, e reiterou que a prealerta é “un estado de atención” e a recomendación de facer un consumo responsable da auga.

Así, rexeitou as acusacións de “discurso apocalíptico” e insistiu en que se trata de “aplicar o sentido común”. “Porque nós estudamos os datos, claro”, asegurou, e lembrou que agora mesmo a situación de Eiras é a “segunda peor da historia”, só por detrás de 2011.

O BNG de Vigo denuncia a “demora inxustificable” na licitación do contrato de bus urbano, valorado en 470 millóns

O BNG de Vigo denunciou este luns a “demora inxustificable” na tramitación do contrato do servizo de bus urbano da cidade, un contrato de 470 millóns de euros, debido a un atraso de máis de 100 días na emisión dun informe, a pesar de que o prazo legal para emitilo era de 10 días hábiles.

O portavoz municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, advertiu de que esta situación está a xerar unha “evidente inseguridade xurídica”. Segundo lembrou, o pasado 12 de marzo a Mesa de Contratación abriu o sobre B, correspondente aos criterios sometidos a xuízo de valor, e solicitou un informe ao servizo municipal de Transportes sobre a valoración das ofertas, imprescindible para continuar a licitación.

Pese ao prazo de 10 días hábiles, pasaron 108 días e o informe segue sen presentarse, “seis autoprórrogas despois”, e a Xunta de Goberno “limitouse aos funcionarios responsables a priorizar de maneira inmediata os traballos técnicos”, algo “insuficiente” para o BNG.

Pérez Igrexas lamentou a “deficiente” xestión de “un dos contratos de maior relevancia económica da historia” do Concello olívico. “Estamos ante unha tramitación absolutamente chafalleira nun dos contratos de maior volume da historia da cidade, que demostra a incapacidade de xestión do goberno municipal”, constatou Pérez Igrexas.

O portavoz do BNG apuntou que “esta demora prolonga unha situación de provisionalidade na prestación do transporte urbano, ao manterse o servizo baixo unha prórroga contractual”. “É inaceptable que un servizo absolutamente esencial para as viguesas e vigueses continúe condicionado pola incapacidade do goberno de Abel Caballero para tramitar unha licitación”, sinalou.

A familia rexeita un acordo e irá a xuízo para esixir a responsabilidade da Xunta no fratricidio de Lavadores

As acusacións particulares, que representan ao viúdo, fillos, irmáns e netos de Mari Carmen D.E., asasinada o seu irmán en abril de 2024 no barrio vigués de Lavadores, rexeitaron un acordo coa defensa do acusado, e irán a xuízo para tratar de que a Funga (Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas, dependente da Xunta) asuma o que consideran que foi a súa responsabilidade neste crime.

Así o trasladaron tras a audiencia preliminar celebrada este luns na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo. Ao rexeitarse un acordo de conformidade, agora o tribunal deberá ditar o auto de feitos justiciables e sinalar unha data para a celebración de xuízo, que terá lugar cun tribunal de xurado.

Na vista deste luns non compareceu o acusado, Juan D.E., que permanece na prisión da Lama, e tampouco estará presente durante o xuízo, xa que o seu estado de saúde impídeo. Por tanto, asistirá á vista por videoconferencia desde a Enfermaría do centro penal.

O avogado dunha das acusacións, que representa ao viúdo, fillos e irmáns da vítima, Raúl Vázquez, explicou que as acusacións se opuxeron a un acordo porque queren que a Funga compareza en xuízo “como responsable civil subsidiaria”. “Non só polas indemnizacións, senón porque queremos expresamente que se depuren responsabilidades”, explicou.

O letrado apuntou que “hai proba suficiente” para conseguir unha sentenza condenatoria en contra desta fundación pública. Se as acusacións accedesen a un acordo, terían que litigar mediante un procedemento civil ou un contencioso administrativo, o que non garante que logren o seu propósito, indicou. Neste procedemento, tanto a Fiscalía como a outra acusación (que representa aos netos da falecida) solicitaron que Juan D.E. sexa condenado a internamento psiquiátrico, mentres que os outros familiares reclaman prisión (25 anos) e, subsidiariamente, ese intermamiento.

EXIMENTE DE ALTERACIÓN PSÍQUICA

A Fiscalía pide 20 anos de internamento psiquiátrico para o acusado, aínda que entende que debe ser absolto do delito de asasinato por concorrer a circunstancia eximente de alteración psíquica. No seu escrito de acusación, o ministerio público sinala que os feitos ocorreron ao mediodía do 3 de abril de 2024, cando a vítima acudiu ao domicilio do seu irmán, no barrio vigués de Lavadores, a entregarlle diñeiro.

Cando estaban na cociña, Juan colleu un coitelo e asestoulle varias puñaladas, causándolle lesións nas costas, brazos, mans, costado e pescozo, que provocaron a morte de Mari Carmen por unha hemorraxia masiva. Todo iso, de forma súbita e repentina, sen que a muller tivese oportunidade de defenderse.

No momento destes feitos, o acusado (cuxa curatela tiña a Funga) estaba a sufrir unha descompensación psicótica, xa que levaba 4 meses sen tomar a medicación que tiña pautada para a súa esquizofrenia paranoide e o seu trastorno do comportamento. Por iso, a Fiscalía considera que se anularon completamente as súas capacidades intelectiva e volitiva.

Detido por ameazar cun martelo a unha octoxenaria en Teis para roubar na súa vivenda

Detido o presunto autor dun roubo con violencia perpetrado nunha vivenda do barrio de Teis, en Vigo. O home supostamente ameazou á dona, de 80 anos, cun martelo e un coitelo. Tal e como trasladou a Policía Nacional nunha nota de prensa, os feitos tiveron lugar en metade da noite do pasado 30 de xuño, cando un individuo supostamente accedeu ao interior dunha vivenda.

Alí, sorprendeu á moradora durmindo, espertándoa de forma “agresiva” esixíndolle diñeiro mentres a ameazaba cun martelo e un coitelo de “grandes dimensións”. A continuación, o asaltante obrigou á vítima a percorrer as estancias da vivenda en busca de diñeiro. Finalmente conseguiu facerse con 150 euros en efectivo, un teléfono móbil, e outros obxectos.

Tras facerse co botín, o presunto autor abandonou a vivenda, deixando á vítima nun estado de “gran nerviosismo” e sen o seu teléfono móbil. A muller saíu ao exterior solicitando auxilio, sendo asistida por un veciño que alertou aos servizos policiais. Neste contexto, o grupo UDEV-Roubos da da Comisaría de Policía Nacional de Vigo-Redondela fíxose cargo da investigación, logrando identificar ao presunto autor en menos de 24 horas, a quen se detivo a mañá do pasado 1 de xullo.

Por mor da mesma, tamén se detivo a outros dous individuos, en compaña dos cales o primeiro perpetraría outro roubo con forza o pasado mes de abril noutra vivenda da cidade olívica. Naquel caso, o roubo foi perpretado tamén de noite, aínda que non había persoas no interior da vivenda. Con todo, os tres detidos foron postos a disposición do Xulgado de Garda de Vigo que decretou o ingreso en prisión provisional do presunto autor do roubo con violencia e intimidación.

Vigo precinta a pantalla da Deputación para ver o España-Bélxica por falta de permisos municipais

A Policía Local de Vigo precintou este venres, por orde da Concellería de Seguridade, a pantalla que a Deputación de Pontevedra estaba a rematar de instalar na Praza da Estrela para seguir o partido da selección española de fútbol. Segundo informou o Concello, a pantalla carecía dos permisos municipais necesarios para a celebración dun espectáculo público nun espazo aberto.

O goberno local explicou que este mesmo venres trasladou á Deputación e ao Porto de Vigo, xa que a Praza da Estrela é terreo portuario, que para instalar “unha pantalla cinematográfica” na que proxectar o partido era preciso cumprir a normativa vixente da Xunta sobre espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público.

O CONCELLO DEFENDE QUE ERA NECESARIA UNHA DECLARACIÓN RESPONSABLE

Nun comunicado, o Concello sinalou que se viu na obriga de lembrarlles ás dúas administracións que a celebración dese espectáculo público está suxeita ao réxime de declaración responsable, que debe recibir e comprobar a administración municipal no exercicio das súas competencias. Segundo o goberno local, esa declaración permite verificar que a actividade cumpre os requisitos de seguridade, accesibilidade e salubridade.

Ademais, a instalación debía ir acompañada de documentación técnica relativa á estrutura desmontable, neste caso a pantalla. O Concello lembrou tamén que, cando en xullo de 2024 a Deputación instalou unha pantalla no mesmo lugar para ver a final da Eurocopa, xa lle enviara un requirimento nos mesmos termos.

A DEPUTACIÓN ACUSA AO ALCALDE DE “SECTARISMO”

Ante a falta de autorización municipal, a Policía Local precintou a pantalla ao mediodía. A medida foi duramente criticada pola vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, que atribuíu a orde ao “sectarismo” do alcalde, Abel Caballero. Sánchez cuestionou que o goberno local dea “leccións de seguridade” e lembrou a situación da concelleira responsable desa área, Patricia Rodríguez, investigada por un homicidio imprudente tras o accidente ocorrido no Saltamontes en agosto de 2024. A vicepresidenta provincial sinalou que aquela atracción estaba a funcionar sen autorización e non foi precintada malia carecer de permiso.

“Os mesmos que non cumpren os servizos mínimos de bombeiros, os que teñen en cadro a Policía Local ou os que están a permitir que outros eventos na cidade comecen sen ter concedidos todos os permisos”, engadiu. Fontes da Deputación aseguraron que a documentación e a declaración responsable foron entregadas “a tempo”, pero que a resposta do Concello foi enviar oito axentes da Policía Local con orde de precintar e desmantelar a pantalla, que finalmente foi retirada. Desde a institución provincial sinalan que esta situación non se producira en 2024, cando se puido seguir con normalidade a final da Eurocopa no mesmo emprazamento. Segundo esas fontes, daquela Luisa Sánchez xa era vicepresidenta da Deputación, pero aínda non fora elixida líder do PP de Vigo.

O BNG IRONIZA SOBRE A “AXILIDADE” DO CONCELLO

Tamén se pronunciou o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, que publicou unha mensaxe na rede social X na que ironizou sobre a “axilidade e dilixencia” do goberno local para ordenar o precinto da pantalla. O edil nacionalista comparou esa rapidez coa que, ao seu xuízo, faltou en agosto de 2024 para precintar unha atracción que estaba a funcionar sen permiso e na que acabou perdendo a vida un veciño de 36 anos. Coa pantalla da Deputación desmontada, a única gran pantalla na que os vigueses poderán seguir o partido entre España e Bélxica será a instalada polo propio Concello no auditorio de Castrelos.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed