A Garda Civil e a Policía Nacional, nunha operación conxunta, culminou o desmantelamento dunha banda de atracadores a quen se vincula con roubos en sucursais do Porriño, Vigo e Mondariz, coa detención o pasado 7 de xullo do último integrante deste grupo criminal.
Segundo informaron fontes policiais e da Comandancia de Pontevedra, o último detido é un veciño de Arbo que, polo menos, participou en dous dos atracos (no Porriño e Mondariz) e ao que se lle atribúen os delitos de roubo con violencia, detención ilegal, tenencia ilícita de armas e pertenza a grupo criminal.
No rexistro practicado tras a detención, localizáronse unha escopeta recortada, un rifle, armas curtas, abundante munición, gran cantidade de diñeiro en efectivo, pezas utilizadas presuntamente nos atracos, un inhibidor de frecuencia e proxectís compatibles con armas de guerra prohibidas en España para particulares.
Tras ser posto a disposición xudicial, decretouse o seu ingreso en prisión provisional. A investigación foi dirixida pola Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia Praza Nº1 do Porriño e a Fiscalía de Área de Vigo. A Policía Nacional e a Garda Civil non descartan que este home poida estar detrás doutros atracos ocorridos na provincia, polo que a investigación continúa aberta.
OPERACIÓN PAMPA-TRACKER
A Operación Pampa-Tracker iniciouse en outubro do ano pasado, tras un violento atraco cometido nunha sucursal bancaria do Porriño. Dous individuos, armados e ocultando a súa identidade con máscaras e disfraces, entraron na oficina poucos minutos antes do peche. Tras inmobilizar con bridas a empregados e clientes e ameazalos con armas de fogo, lograron acceder á caixa forte e aos caixeiros automáticos, apoderándose duns 138.000 euros.
Os investigadores comprobaron que un dos autores asumía o liderado do asalto e utilizaba unha máscara de látex con aparencia dunha persoa de avanzada idade, lentes e outros elementos de caracterización. Armado cunha escopeta recortada dirixía a acción delituosa e daba instrucións tanto aos traballadores da entidade como ao resto de integrantes do grupo, demostrando un elevado grao de planificación e un profundo coñecemento dos sistemas de seguridade bancaria.
As primeiras pescudas permitiron relacionar aos sospeitosos con dous intentos de atraco previos labores nunha sucursal de Vigo, feitos que xa investigaba a Policía Nacional. A coincidencia do modus operandi levou á creación dunha liña conxunta de investigación entre ambos os corpos.
PRIMEIRAS DETENCIÓNS
Durante meses estableceuse un intenso dispositivo de vixilancia sobre os investigados, que cambiaban frecuentemente de domicilio e extremaban as medidas de seguridade para evitar a súa detección. O pasado 1 de abril desenvolveuse a primeira fase da operación, cando tres dos implicados foron detidos ‘in fraganti’, cando se dispuñan a atracar unha sucursal en Vigo. Nese momento portaban un arma de fogo, navallas, bridas, luvas e outros efectos destinados á comisión do roubo. Os detidos (un deles o ‘histórico’ atracador vigués ‘Tielas’) ingresaron en prisión por orde do xulgado, e arrestouse a outros dous individuos por darlles apoio loxístico, pero o xefe do grupo non participou nese asalto.
Paralelamente, tamén se investigaba un atraco cometido en febreiro nunha sucursal de Mondariz, onde unha persoa disfrazada cunha máscara entrou pouco antes do peche e, co mesmo modus operandi, usando un arma de fogo, levou un botín duns 115.000 euros. As pescudas permitiron identificar a ese atracador, o mesmo que se disfrazou de ancián no atraco do Porriño, e procedeuse á súa detención o pasado 7 de xullo.
