O BNG de Vigo denunciou este luns a “demora inxustificable” na tramitación do contrato do servizo de bus urbano da cidade, un contrato de 470 millóns de euros, debido a un atraso de máis de 100 días na emisión dun informe, a pesar de que o prazo legal para emitilo era de 10 días hábiles.
O portavoz municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, advertiu de que esta situación está a xerar unha “evidente inseguridade xurídica”. Segundo lembrou, o pasado 12 de marzo a Mesa de Contratación abriu o sobre B, correspondente aos criterios sometidos a xuízo de valor, e solicitou un informe ao servizo municipal de Transportes sobre a valoración das ofertas, imprescindible para continuar a licitación.
Pese ao prazo de 10 días hábiles, pasaron 108 días e o informe segue sen presentarse, “seis autoprórrogas despois”, e a Xunta de Goberno “limitouse aos funcionarios responsables a priorizar de maneira inmediata os traballos técnicos”, algo “insuficiente” para o BNG.
Pérez Igrexas lamentou a “deficiente” xestión de “un dos contratos de maior relevancia económica da historia” do Concello olívico. “Estamos ante unha tramitación absolutamente chafalleira nun dos contratos de maior volume da historia da cidade, que demostra a incapacidade de xestión do goberno municipal”, constatou Pérez Igrexas.
O portavoz do BNG apuntou que “esta demora prolonga unha situación de provisionalidade na prestación do transporte urbano, ao manterse o servizo baixo unha prórroga contractual”. “É inaceptable que un servizo absolutamente esencial para as viguesas e vigueses continúe condicionado pola incapacidade do goberno de Abel Caballero para tramitar unha licitación”, sinalou.
