O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou de que a xunta de goberno local deste venres adxudicou o contrato do servizo de ambulancias para o nadal do próximos tres anos por un importe duns 167.000 euros. Nun audio enviado aos medios de comunicación, o rexedor indicou que este total se repartirá nuns 70.000 euros estas próximas festas, en 2027 serán uns 84.000 euros e no 2028 uns 13.000 euros. “Estamos xa facendo a montaxe do Nadal e os contratos que hai que facer para cada unha das necesidades e esta vez xa foi o das ambulancias”, reivindicou Caballero.
Abanca e Conxemar renovan a súa alianza para a 27ª edición da feira en Vigo
Abanca e Conxemar, a Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos Pesqueiros e Acuícolas, renovaron a súa alianza para impulsar a 27ª edición da Feira Internacional de Produtos do Mar, que se celebrará en Vigo do 6 ao 8 de outubro.
O acordo foi ratificado na sede da entidade bancaria na cidade olívica polo conselleiro delegado de Banca Corporativa, Empresas e Pemes de Abanca, Víctor Casal, e o presidente de Conxemar, Eloy García.
Con esta firma, a entidade mantén a súa posición como patrocinador clave do evento, reforzando o seu apoio institucional e comercial a través da súa unidade especializada Abanca Mar.
O convenio ten como obxectivo principal ofrecer solucións conxuntas aos desafíos actuais da cadea de valor do sector pesqueiro. Entre as prioridades establecidas destacan o crecemento sustentable, o investimento en dixitalización, a integración da Intelixencia Artificial (IA) nos procesos empresariais e a substitución xeracional.
Así mesmo, o acordo contempla o apoio financeiro para a renovación da frota, a xestión dos fluxos de capital circulante e a resposta á estacionalidade na compra de materias primas.
Para esta nova convocatoria, Abanca contará cunha caseta propia onde un equipo de profesionais de Abanca Mar ofrecerá asesoramento personalizado en materia de financiamento especializado, seguros e servizos orientados á internacionalización das empresas do sector.
Baiona, entre a bandeira azul e a bandeira vermella: o verán que volveu poñer en evidencia a contaminación da Foz do Miñor
Este verán de 2026, as praias de Santa Marta, A Ladeira e Ribeira viviron unha auténtica montaña rusa sanitaria. En apenas unhas semanas, o Concello de Baiona tivo que izar a bandeira vermella en varias ocasións, prohibindo o baño por contaminación microbiolóxica. Días despois, novas análises devolveron a bandeira verde e o Concello puido celebrar, case en paralelo, o izado das Bandeiras Azuis que distinguen o seu litoral. Un contraste que resume á perfección a dualidade de Baiona: un municipio turístico de imaxe impecable que, porén, arrastra baixo a superficie unha ferida ambiental que non consegue pechar.
“É culpa do río e das choivas”: é toda a verdade?
Ante cada episodio de contaminación, a versión oficial apunta a dous factores: as choivas torrenciais e o río Miñor. E non é totalmente falso. Os informes científicos máis rigorosos —como o estudo da Universidade de Vigo do grupo ECOTOX, liderado polo catedrático Ricardo Beiras— confirman que o río Miñor é, con diferenza, a principal fonte de bacterias fecais que chegan á Foz. No verán, este río achega aproximadamente o 63% da contaminación fecal total; en outubro, tras as choivas, esa porcentaxe sobe ata o 77%.
Pero aquí está o matiz clave: o río Miñor non chega limpo nin se ensucia só ao final. O mesmo estudo, realizado en 2018 con mostras tomadas no entorno da depuradora, demostrou que o río xa presentaba “níveis intolerablemente altos de bacterias fecais” antes de pasar pola Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Gondomar. E, aínda que os vertidos da depuradora incrementan esa carga en máis dun 50% augas abaixo, a investigación conclúe que a EDAR “achega cantidades importantes, pero non é a principal responsable”.
En outras palabras: botar toda a culpa ao río é ignorar que o propio río xa chega contaminado por múltiples vertidos de augas fecais sen depurar que se infiltran no seu cauce ao longo de todo o Val Miñor.
Un problema de tres concellos e moitos anos
A Foz do Miñor non é unha zona calquera. É un espazo protexido, incluído na Rede Natura 2000 como Zona de Especial Conservación (ZEC ES1140003 “A Ramallosa”), e debería gozar dos máximos estándares de protección. Porén, desde o punto de vista da salubridade das súas augas, está clasificada como Zona C para a produción de moluscos desde 1998. Iso significa que as ameixas e os berberechos que alí se crían teñen niveis de E. coli tan altos que nin sequera poden ir a unha depuradora comercial; precisan un proceso de reinstalación longo e intenso. Na práctica, como recoñecen os propios informes do INTECMAR (o organismo oficial de control da Xunta de Galicia), estes recursos marisqueiros “carecen de valor comercial”.
Os datos do INTECMAR, recollidos en informes técnicos aos que tivo acceso a asociación Salvemos Monteferro, son elocuentes. No punto de control de “Lombo da Foz”, os niveis de E. coli en ameixas oscilaron nos últimos anos entre centos e decenas de miles de unidades por cada 100 gramos de carne. Para facernos unha idea: o límite para unha Zona A (onde o marisco se pode vender fresco) é de 230 E. coli/100g. O límite para Zona B (que permite enviar a depuradora) é de 4.600. A Foz do Miñor supera sistematicamente estes valores.
O que revelan as análises da auga
O estudo da Universidade de Vigo analizou a auga de 13 puntos de mostraxe nos ríos Miñor, Groba, Belesar e Muíños en 2018. O resultado foi demoledor: ningunha mostra cumpriu o obxectivo de calidade da Lei de Augas de Galicia, que fixa un máximo de 100 colonias de coliformes fecais por cada 100 mililitros. Todas o superaron con creces.
Outros estudos, como o realizado polo IES Val Miñor en 2020-2021, confirmaron que os puntos máis críticos son a desembocadura da Foz, a zona da EDAR de Gondomar e a avenida Diego Sarmiento de Acuña, con recuentos de E. coli que superaron os 14.000 e 17.000 UFC/100 mL, respectivamente. Só o río Amial, augas arriba do encoro de Zamáns, presentou niveis aceptables.
Un dato para entender a magnitude: a carga fecal total que sae da Foz cara á ría estimouse en 19.887 millóns de bacterias E. coli por hora en 2018. Esa carga coincide case á perfección coa suma de todos os aportes contaminantes estudados.
Son as choivas a desculpa?
É certo que as choivas intensas empeoran a situación. Cando chove moito, as redes de saneamento saturanse, prodúcense reboses e arrástranse residuos acumulados. Pero os informes demostran que a contaminación é crónica, non só puntual. Os datos do INTECMAR mostran valores elevados en meses sen choivas. O estudo de 2018 fíxose en xullo (período seco) e outubro (período de choivas), e en ambos casos os resultados foron “non aceptables” na maioría dos puntos.
Ademais, a propia asociación Salvemos Monteferro, que leva máis dunha década denunciando esta situación ante o Parlamento Europeo, sinala que a situación “non cambiou en absoluto nos últimos 8 anos” desde que presentou a súa denuncia en 2011. Se o problema fose meramente estacional ou meteorolóxico, non se mantería inalterable durante máis de 15 anos.
O custo de non actuar
A Foz do Miñor é un ecosistema de enorme valor. Alberga pradeiras de Zostera noltei (unha planta mariña clave para a vida do estuario), serve de refuxio a aves migratorias e foi, historicamente, unha zona marisqueira próspera. Pero o crecemento urbanístico descontrolado de Baiona, Nigrán e Gondomar —que multiplicaron a súa poboación entre un 78% e un 154% desde 1930— converteu este espazo natural no receptor final dunha rede de saneamento deficiente.
Os estudos conclúen que a solución non pasa só por mellorar a EDAR de Gondomar, que “supostamente” xa conta con tratamento avanzado (eliminación de nutrientes e desinfección UV), senón por revisar toda a rede de saneamento dos tres concellos, detectar os vertidos directos e ilegais, e actuar sobre os múltiples puntos onde as augas fecais entran sen depurar no río Miñor e nos seus afluentes.
A posición da Comisión Europea: un expediente dividido e sen avances reais
A intervención da Comisión Europea sobre a contaminación da Foz do Miñor leva máis dunha década nun estado ambiguo. A petición 0920/2011, presentada por Salvemos Monteferro, denunciaba o incumprimento das directivas europeas de augas residuais e de conservación de hábitats nun espazo protexido da Rede Natura 2000.
En 2019, Bruxelas respondeu cun criterio dividido.
Augas residuais. A Comisión aceptou a versión das autoridades españolas, concluíndo que a EDAR de Gondomar cumpría a Directiva 91/271/CEE e que a futura declaración do estuario como “zona sensible” era suficiente. Non apreciou infracción específica neste ámbito.
Hábitats e conservación. Adoptou unha postura máis crítica e mantivo aberta unha investigación dentro dun procedemento de infracción máis amplo contra España pola deficiente protección de espazos Natura 2000, incluíndo o ZEC ES1140003 “A Ramallosa”. Con todo, non abriu un caso específico centrado na Foz do Miñor.
A asociación denunciou en 2020 que a situación ambiental seguía igual que en 2011 e que os datos oficiais enviados por España non coincidían cos recollidos por INTECMAR e pola Universidade de Vigo. Solicitou manter a denuncia aberta ata que a contaminación alcanzase niveis aceptables.
Hoxe, o caso permanece nun limbo administrativo: sen infracción concreta por augas residuais e cunha investigación ambiental que continúa formalmente, pero sen avances visibles. Para os colectivos ecoloxistas, Bruxelas está a actuar con insuficiente contundencia ante un problema que leva máis de 15 anos sen solución.
Conclusión
Cando estes días o Concello de Baiona dixo que a culpa é do río Miñor e das choivas, dixo unha media verdade. O río Miñor, efectivamente, trae a maior parte da contaminación, pero tamén os ríos Groba (Sabarís) e o de Baiña (Santa Marta) que non dependen da situación do Miñor. Pero o Miñor está contaminado porque durante décadas o Val Miñor medrou sen unha rede de saneamento á altura. A Foz do Miñor non se ensucia soa: é o espello dunha infraestrutura obsoleta, de vertidos sen control e dunha planificación urbanística que priorizou o ladrillo sobre a protección dun espazo natural único.
Mentres tanto, Baiona seguirá alternando a bandeira vermella adornado a Bandeira Azul. E os bañistas, como cada verán, preguntaranse se a auga está realmente limpa ou se, unha vez máis, só agardan a que a marea baixe para que todo volva parecer bonito.
“Seguimos tendo medo”, din as compañeiras de axuda no fogar un ano despois do asasinato de Teresa de Jesús
A localidade pontevedresa do Porriño acolleu este mércores varios actos en recordo á traballadora do servizo de axuda non fogar (SAF) Teresa de Jesús, falecida hai un ano nunha das casas ás que acudía: “Seguimos tan asustadas como o primeiro día”. Un centenar de compañeiras e amigas da vítima acudiron esta mañá a unha manifestación convocada pola CIG a partir das 11.30 horas en rexeitamento ao ocorrido e para esixir máis seguridade para as empregadas deste servizo.
Con berros de ‘Dignidade laboral para a axuda no fogar’; ‘Ante a violencia, nin un paso atrás’; ‘Rebelión, desobediencia contra a súa violencia‘, ou ‘O público é servizo, o privado beneficio’, as manifestantes, na súa gran maioría mulleres, percorreron diversas rúas do municipio ata chegar á praza do Concello. Alí, leron un manifesto no que pedían “dignidade laboral” para o SAF, co obxectivo de que as empregadas poidan acudir ás casas “seguras” e que algo como o que lle sucedeu a Teresa de Jesús “non se repita nunca máis”. “Ningunha traballadora máis abandonada á súa sorte”, subliñaron.
Mar Acuña, compañeira da falecida, atendeu aos medios de comunicación, indicando que, a pesar de ter pasado un ano, continúan con “medo”. “A realidade é que a día de hoxe estamos tan asustadas como o día que lle pasou a Teresa. Volver traballar con normalidade está a custarnos”, apuntou ante a prensa. Ela lamentou o falecemento da súa compañeira porque “se podía evitar” e agora elas senten “medo” cada vez que teñen que acudir a unha nova casa “que non coñecen”.
Acuña celebrou o protocolo asinado que permite ter “unha forma de salvarse” e deixar de acudir a unha vivenda no caso de que detecten violencia. A pesar de todo, indicou que aínda hai pasos que dar para seguir mellorando a seguridade das traballadoras do SAF. Tras a manifestación, as compañeiras realizaron unha homenaxe coa tirada de globos de helio en recordo á vítima.
Pola súa banda, Comisione Obreiras do Hábitat de Galicia reafirmou o seu compromiso coa seguridade e a dignidade das traballadoras do SAF. Nun comunicado, reivindicou a Teresa como un “símbolo de loita”. “Traballar coidando dos demais nunca pode significar traballar con medo”, lembraron, esixindo unha “aplicación efectiva” do novo protocolo que acaba de ser asinado.
MINUTO DE SILENCIO
Pola súa banda, o Concello do Porriño levou a cabo ás 13.30 horas un minuto de silencio en recordo á vítima. O alcalde, Alejandro Lorenzo, condenou o “asasinato” de Teresa de Jesús hai xa un ano, mostrando o seu apoio á familia e ás empregadas do SAF, que fan un labor “magnífica”.
A axencia estatal de seguridade aérea emite unha exención para Vigo para construcións, instalacións ou plantacións
A Axencia Estatal de Seguridade Aérea emitiu unha exención para o termo municipal de Vigo que permite evitar, en determinadas zonas e baixo condicións concretas, a solicitude do acordo previo da Aesa para executar construcións, instalacións ou plantacións.
As servidumes aeronáuticas en España delimitan a zona de protección arredor de aeroportos, helipuertos e instalacións radioeléctricas co fin de garantir a seguridade das operacións aéreas. No caso de Vigo, o estudo técnico realizado conclúe que determinadas actuacións dentro do termo municipal non comprometen a seguridade das operacións aéreas nin o funcionamento das instalacións radioeléctricas. Esta exención non implica unha redución das exixencias de seguridade, senón unha aplicación máis eficiente da normativa.
A exención, publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE), é aplicable nas zonas delimitadas como exentas e sempre que se respecten as condicións fixadas na resolución. Entre elas, establécese que a altura máxima non poderá superar os 45 metros sobre o terreo ou a auga circundante, incluídos todos os elementos engadidos. Fican excluídas desta exención as instalacións que, pola súa natureza, poidan supoñer un risco para a seguridade aérea, como focos de atracción de fauna, instalacións que xeren fumes ou po ou aquelas susceptibles de producir deslumbramentos.
Esta medida enmárcase no plan de exencións de servidumes aeronáuticas impulsado por Aesa, cuxo obxectivo é axilizar os procedementos administrativos en concellos situados baixo servidumes aeronáuticas, contribuír a mellorar a coordinación entre administracións e reducir as cargas administrativas, tanto para as entidades locais como para a Axencia.
Vigo inicia o Nadal en pleno verán coa montaxe dos seus “12 millóns” de luces
O Concello de Vigo comezou este mércores a montaxe das súas “12 millóns” de luces de Nadal, que este ano decorarán 500 rúas da cidade con máis de 7.000 motivos ornamentais. Así o anunciou o alcalde, Abel Caballero, nun acto celebrado esta mañá na Porta do Sol, centro neurálxico do Nadal olívico. Cun arco de Nadal ao fondo, o rexedor puxo en valor a importancia destas festas para a cidade e convidou “toda España” a que se achegue a gozar das luces.
Segundo avanzou, este ano o Nadal de Vigo contará coas “maiores novidades”, con 2.700 árbores adornadas e 1.500 arcos. Con todo, o alcalde non quixo dar máis detalles para que “ninguén os copie”, bromeou. Ademais, o “segredo mellor gardado” é a data do acendido das luces, subliñando que ese día se acenderá o Nadal “en todo o planeta” porque a cidade “creou o Nadal do século XXI”.
Caballero asegurou que o ano pasado unhas 5 millóns de persoas visitaron a cidade durante os dous meses que duraron as festas. Non obstante, animou a todo o mundo a que volva porque vai atopar un Nadal “renovado”. Tamén lle mandou un “recado” ao “segundo mellor alcalde do mundo”, o de Nova York, pedíndolle que veña a Vigo a ver as luces de Nadal.
A Xunta rectifica e reforza o persoal do Alexandre Bóveda tras as protestas do claustro
A Xunta de Galicia finalmente reforzará o cadro de persoal do instituto Alexandre Bóveda de Vigo tras varias semanas de polémica e críticas por parte do claustro, que denunciara unha “redución inxustificada” dos recursos. Nun comunicado, o Goberno galego informou de que o centro contará o próximo curso cun novo profesor e cun orientador máis dos previstos inicialmente. Deste xeito, o instituto disporá de 67 profesionais, tres máis ca no curso académico 2025-2026.
Así llo trasladou o director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en Pontevedra, César Pérez, á directora do centro, Judit Alonso, durante unha reunión celebrada na mañá deste martes. Segundo explicou, a asignación de docentes é un proceso “vivo”, no que o departamento educativo da Xunta analiza centro por centro as necesidades de cada grupo de alumnado.
O CLAUSTRO DENUNCIARA MÁIS PRECARIEDADE E MENOS ATENCIÓN Á DIVERSIDADE
A decisión chega despois de que o claustro do instituto denunciase unha “redución inxustificada” de recursos que, ao seu xuízo, agravaba a “precariedade” do centro. Nun comunicado, o profesorado expresara o seu “fondo malestar” e reclamara á Xunta máis docentes e unha mellor atención á diversidade do alumnado. As protestas puxeron o foco na necesidade de garantir os recursos suficientes para atender as características e necesidades específicas do alumnado do Alexandre Bóveda.
O BNG ACUSA O PP DE RECORTAR NO ENSINO PÚBLICO
Precisamente este mesmo martes, o BNG de Vigo esixiulle ao Executivo autonómico que atendese as peticións formuladas polo centro. O portavoz nacionalista local, Xabier Pérez Igrexas, acusou o Goberno galego de favorecer o ensino privado-concertado en detrimento do público. “A política educativa do PP é sempre a mesma: barra libre para o ensino privado-concertado e recortes e precariedade no ensino público”, criticou.
A CIG convoca manifestación no sector da Axuda no Fogar para lembrar a morte da traballadora Teresa de Jesús
A CIG convocou para este mércores unha manifestación no Porriño cando se cumpre un ano do falecemento de Teresa de Jesús, traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que morreu nunha das vivendas ás que acudía na parroquia de Atios. Baixo o lema “O sector non esquece”, a protesta partirá ás 11.30 horas do Centro Cívico do Porriño e rematará diante do Concello. Nunha rolda de prensa, o responsable nacional de CIG-Servizos, Pedro Pérez, lembrou a traxedia ocorrida en xullo de 2025 e asegurou que, desde entón, o sindicato fixo “todo o posible” por “erradicar” as situacións de violencia no sector.
A CIG DENUNCIA QUE O PROTOCOLO CONTRA A VIOLENCIA SEGUE SEN EFECTO
Pedro Pérez e a secretaria comarcal das Mulleres da CIG de Vigo, Ester Mariño, referíronse ao protocolo de actuación ante situacións de violencia no SAF, asinado polos sindicatos, a patronal e distintos axentes negociadores. A Consellería de Política Social, porén, non asinou o documento, aínda que si o fixo o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), organismo dependente da Xunta.
“Un ano despois, tras unha negociación moi intensa, a Consellería négase a asinar e deixa o protocolo sen ningún tipo de efecto”, lamentaron os representantes sindicais. Segundo explicaron, o protocolo ía acompañado dun anexo no que se recollían as medidas necesarias para a súa aplicación efectiva, entre elas diferentes cambios lexislativos que debería impulsar o Goberno galego. Porén, o ISSGA asinou unicamente o protocolo e non este anexo.
MÁIS SEGURIDADE E GARANTÍAS PARA AS TRABALLADORAS
Desde a CIG insistiron tamén na necesidade de negociar un novo convenio para o sector, que inclúa melloras salariais e laborais para un persoal composto maioritariamente por mulleres. O sindicato reclama máis seguridade nas vivendas, así como a posibilidade de que unha traballadora poida deixar de acudir a un domicilio no caso de sufrir unha agresión sen que isto implique unha redución das súas horas de traballo e, como consecuencia, dos seus ingresos. A protesta reclamará tamén a creación dun sistema público galego de atención ás persoas, xa que, segundo denuncia a central sindical, a privatización deste servizo só xera “precariedade”.
O BNG CHAMA A PARTICIPAR NA MANIFESTACIÓN
O BNG do Porriño animou este martes a cidadanía a sumarse á mobilización e criticou que o alcalde, Alejandro Lorenzo, “se negue a reclamar á Xunta melloras para o SAF”. “Para o BNG, o que ocorreu en Atios hai un ano supuxo un punto de inflexión para urxir cambios que dignifiquen o traballo das persoas que prestan este servizo”, subliñou a concelleira Míriam Martínez. A edil reclamoulle á Xunta “que asuma a súa responsabilidade” e impulse medidas para mellorar as condicións laborais e a seguridade das traballadoras.
UN MINUTO DE SILENCIO DIANTE DO CONCELLO
Pola súa banda, o Concello do Porriño convocou un minuto de silencio en lembranza da traballadora falecida. O acto terá lugar este mércores ás 13.00 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios, unha vez rematada a manifestación convocada pola CIG.
Un coche sae da vía en Vigo e unha persoa queda atrapada no interior
Unha persoa tivo que ser excarcerada na mañá deste martes en Vigo despois de que o vehículo no que viaxaba saíse da vía e impactase contra a mediana na rúa Arquitecto Antonio Palacios. Segundo informou o 112 Galicia, os feitos ocorreron poucos minutos despois das 12.30 horas. Foron varios os particulares que alertaron do accidente e advertiron de que podía haber persoas atrapadas no interior do vehículo.
Unha vez no lugar, os bombeiros de Vigo confirmaron que había unha persoa dentro do coche que non podía saír polos seus propios medios, polo que iniciaron as correspondentes tarefas de excarceración. No operativo participaron tamén os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e axentes da Policía Local de Vigo.
