InicioTraballoA CIG convoca manifestación no sector da Axuda no Fogar para lembrar...

A CIG convoca manifestación no sector da Axuda no Fogar para lembrar a morte da traballadora Teresa de Jesús

Te

PUBLICADO O

- Advertisement -

A CIG convocou para este mércores unha manifestación no Porriño cando se cumpre un ano do falecemento de Teresa de Jesús, traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que morreu nunha das vivendas ás que acudía na parroquia de Atios. Baixo o lema “O sector non esquece”, a protesta partirá ás 11.30 horas do Centro Cívico do Porriño e rematará diante do Concello. Nunha rolda de prensa, o responsable nacional de CIG-Servizos, Pedro Pérez, lembrou a traxedia ocorrida en xullo de 2025 e asegurou que, desde entón, o sindicato fixo “todo o posible” por “erradicar” as situacións de violencia no sector.

A CIG DENUNCIA QUE O PROTOCOLO CONTRA A VIOLENCIA SEGUE SEN EFECTO

Pedro Pérez e a secretaria comarcal das Mulleres da CIG de Vigo, Ester Mariño, referíronse ao protocolo de actuación ante situacións de violencia no SAF, asinado polos sindicatos, a patronal e distintos axentes negociadores. A Consellería de Política Social, porén, non asinou o documento, aínda que si o fixo o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), organismo dependente da Xunta.

“Un ano despois, tras unha negociación moi intensa, a Consellería négase a asinar e deixa o protocolo sen ningún tipo de efecto”, lamentaron os representantes sindicais. Segundo explicaron, o protocolo ía acompañado dun anexo no que se recollían as medidas necesarias para a súa aplicación efectiva, entre elas diferentes cambios lexislativos que debería impulsar o Goberno galego. Porén, o ISSGA asinou unicamente o protocolo e non este anexo.

MÁIS SEGURIDADE E GARANTÍAS PARA AS TRABALLADORAS

Desde a CIG insistiron tamén na necesidade de negociar un novo convenio para o sector, que inclúa melloras salariais e laborais para un persoal composto maioritariamente por mulleres. O sindicato reclama máis seguridade nas vivendas, así como a posibilidade de que unha traballadora poida deixar de acudir a un domicilio no caso de sufrir unha agresión sen que isto implique unha redución das súas horas de traballo e, como consecuencia, dos seus ingresos. A protesta reclamará tamén a creación dun sistema público galego de atención ás persoas, xa que, segundo denuncia a central sindical, a privatización deste servizo só xera “precariedade”.

O BNG CHAMA A PARTICIPAR NA MANIFESTACIÓN

O BNG do Porriño animou este martes a cidadanía a sumarse á mobilización e criticou que o alcalde, Alejandro Lorenzo, “se negue a reclamar á Xunta melloras para o SAF”. “Para o BNG, o que ocorreu en Atios hai un ano supuxo un punto de inflexión para urxir cambios que dignifiquen o traballo das persoas que prestan este servizo”, subliñou a concelleira Míriam Martínez. A edil reclamoulle á Xunta “que asuma a súa responsabilidade” e impulse medidas para mellorar as condicións laborais e a seguridade das traballadoras.

UN MINUTO DE SILENCIO DIANTE DO CONCELLO

Pola súa banda, o Concello do Porriño convocou un minuto de silencio en lembranza da traballadora falecida. O acto terá lugar este mércores ás 13.00 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios, unha vez rematada a manifestación convocada pola CIG.

ÚLTIMAS

Piden case 7 anos de cárcere para unha muller acusada de encerrar e maltratar o fillo adolescente da súa parella en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o mércores unha vista preliminar...

O BNG de Vigo propón subir ata un 150 % o IBI para grandes propietarios con vivendas baleiras

O BNG de Vigo propoñerá duplicar o recargo do imposto sobre bens inmobles (IBI)...

Afectados polo PIA do Ofimático de Vigo piden á Xunta que paralice a “trampa” das expropiacións

Afectados o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do Ofimático e Santa Cristina de Vigo...

Roubo “sacrílego” de cálices, copones, patenas e unha xerra nunha igrexa de Nigrán

A Diocese de Tui-Vigo lamentou o roubo rexistrado o pasado mércores na igrexa de...