InicioSociedadeA Xunta rectifica e reforza o persoal do Alexandre Bóveda tras as...

A Xunta rectifica e reforza o persoal do Alexandre Bóveda tras as protestas do claustro

O instituto vigués contará o próximo curso cun profesor e cun orientador máis dos previstos inicialmente, ata alcanzar os 67 profesionais, despois das críticas por unha "redución inxustificada" de recursos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Galicia finalmente reforzará o cadro de persoal do instituto Alexandre Bóveda de Vigo tras varias semanas de polémica e críticas por parte do claustro, que denunciara unha “redución inxustificada” dos recursos. Nun comunicado, o Goberno galego informou de que o centro contará o próximo curso cun novo profesor e cun orientador máis dos previstos inicialmente. Deste xeito, o instituto disporá de 67 profesionais, tres máis ca no curso académico 2025-2026.

Así llo trasladou o director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en Pontevedra, César Pérez, á directora do centro, Judit Alonso, durante unha reunión celebrada na mañá deste martes. Segundo explicou, a asignación de docentes é un proceso “vivo”, no que o departamento educativo da Xunta analiza centro por centro as necesidades de cada grupo de alumnado.

O CLAUSTRO DENUNCIARA MÁIS PRECARIEDADE E MENOS ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

A decisión chega despois de que o claustro do instituto denunciase unha “redución inxustificada” de recursos que, ao seu xuízo, agravaba a “precariedade” do centro. Nun comunicado, o profesorado expresara o seu “fondo malestar” e reclamara á Xunta máis docentes e unha mellor atención á diversidade do alumnado. As protestas puxeron o foco na necesidade de garantir os recursos suficientes para atender as características e necesidades específicas do alumnado do Alexandre Bóveda.

O BNG ACUSA O PP DE RECORTAR NO ENSINO PÚBLICO

Precisamente este mesmo martes, o BNG de Vigo esixiulle ao Executivo autonómico que atendese as peticións formuladas polo centro. O portavoz nacionalista local, Xabier Pérez Igrexas, acusou o Goberno galego de favorecer o ensino privado-concertado en detrimento do público. “A política educativa do PP é sempre a mesma: barra libre para o ensino privado-concertado e recortes e precariedade no ensino público”, criticou.

ÚLTIMAS

Intervida unha narcolancha cando era transportada nun camión en Mos

A Garda Civil de Pontevedra interveu unha posible narcolancha que estaba a ser transportada...

Ábrese o prazo de exposición pública para a revisión de autorización ambiental de CZ Vacines (Zendal) no Porriño

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a resolución pola que se...

Caballero recibe de Defensa a Gran Cruz do Mérito Naval con distintivo branco

O Ministerio de Defensa concedeu ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a Gran Cruz...

A vivenda volve sacar a xente á rúa: Vigo e Ourense mobilízanse contra a “emerxencia habitacional”

Alianza Pola Vivenda convocou mobilizacións para este venres nas cidades de Vigo e Ourense...