Inicio Blog Páxina 435

(Vídeo) Dioivo rompe o escenario no seu novo videoclip: o metal galego en todo o seu esplendor

O dúo vigués de metal en galego Dioivo acaba de lanzar un novo videoclip para o seu tema ‘Ata o final‘, pertencente ao seu último álbum ‘Cara os Ceios Incrementes’. Foi gravado no último concerto do grupo no Pub Transylvania de Vigo o pasado 23 de decembro, que serviu para presentar o traballo na súa cidade natal. Ante un público entregado que ateigou a sala ata colgar o cartel de entradas esgotadas, mercando as 150 que permite o aforo do local, os vigueses interpretaron os temas do disco xunto a numerosas colaboradoras e colaboradores da escena da cidade que fan tamén a súa aparición no vídeo.

A peza audiovisual foi froito do traballo de Marko Otero na gravación e de Adrián Porima na edición, logrando un resultado que dende Dioivo definen como “espectacular, conseguindo recoller á perfección o ambiente e as sensacións dun concerto que para nós foi inesquecible”. “Estamos moi agradecidos con ambos polo seu labor”, recalcan. Xuntos aos membros de Dioivo e das bandas que compartiron escenario con eles naquela noite, o trío vigués Karracho e o cuarteto segoviano Mortal Maze, aparecen ao longo dos case 5 minutos de vídeo os membros de diversas bandas destacadas da zona.

Concretamente, Aida de Her Anxiety, Jorge de Her Anxiety e Mileth, Belize Martínez, Dany de Atreides e Lardelúa, Soto de Ardora, Aarón de Lapsus Mentis, Fabio de Infrahumano e Ghandi Boxing Club e David de Sulf-Atär. Artistas de diferentes estilos que colaboraron co dúo vigués na voz, na guitarra ou no baixo para darlle un toque diferente ás cancións do seu repertorio, e que ao final do evento subiron de novo conxuntamente ao escenario para pechar a noite por todo o alto, como se pode ver na parte final do videoclip. Dioivo quixo, así mesmo, dar as grazas “a Adriana Goretti e a Lain Romasanta por facer as fotos daquela noite, a Roberto Fontán por ser o técnico de son e a todo o persoal do Transylvania pola marabillosa acollida que nos dan sempre”.

‘Ata o final‘ é o quinto videoclip lanzado pola banda para promocionar as cancións de ‘Cara os Ceios Incrementes‘. Chega despois da saída no pasado mes de xullo de ‘Que importa que nos craven as cadeas’, dirixido por Emilia Vidal-Hallett, no que os vigueses renderon homenaxe ao falecido escritor lucense Darío Xohán Cabana e ao seu poema homónimo. Tamén lanzaron videoclips para outras adaptacións literarias, como o de ‘Hai sede na Nova Galicia’ de Florencio Delgado Gurriarán, realizado por YOD Multimedia, e o de ‘Retorno a Tagen Ata’ de Xosé Luís Médez Ferrín, realizado por Brais Gómez Salvados e que conta coa participación do propio autor.

Brais Gómez Salvador foi o encargado, así mesmo, de dirixir o videoclip do tema ‘Cabeiros‘, e tamén o de ‘Por 100 anos máis‘, un sinxelo lanzado posteriormente ao álbum no que a banda viguesa homenaxeou ao Celta de Vigo con motivo do 100 aniversario do clube. Tanto o vídeo de ‘Ata o final’ como o resto dos traballos mencionados poden visualizarse na canle de YouTube do grupo, chamada @dioivo_metal, así como escoitarse nas demais plataformas dixitais de música.

O álbum ‘Cara os Ceios Incrementes‘ foi lanzado o pasado día 9 de xuño de 2023 en CD pola discográfica independente grega especializada en música metal Sleaszy Rider Records. Foi gravado, mesturado e masterizado en Vigo por Dany Soengas de Atreides, que tamén participou como colaborador no último concerto. É o segundo álbum completo do grupo formado en 2016, despois de ‘Dioivo II’ (2019), e o seu cuarto traballo de estudio contando os EPs ‘Dioivo I’ (2016) e ‘Dioivo III’ (2021). Estes traballos anteriores foron lanzados polo selo especializado estatal Darkwoods. Dende os seus inicios, Dioivo está conformado por Daniel Valladares Otero na batería e Jacobo Mouriño Almeida na voz e na guitarra.

‘Ata o final’ é o tema número 8 de ‘Cara os Ceios Incrementes‘, unha canción rápida que entronca co estilo trash metal da banda predecesora de Dioivo, Rust in Peace, formada en 2011 e disolta en 2016, e de cuxo repertorio chegou a formar parte. “Estamos preparando máis sorpresas relacionadas con esta anterior etapa, que lembramos con moito agarimo, e agardamos poder contarvos máis sobre elas moi proximamente”, sinalan dende a banda viguesa.

Dioivo ten xa numerosas datas anunciadas para continuar presentando o seu novo álbum ao vivo. O 30 de marzo tocarán no Pub Yggdrasil de Ferrol, o 6 de abril na viguesa Sala Kominsky, e o 8 de xuño na asociación cultural barcelonesa Los Trecers, entre outras datas que aínda están por anunciar. Estes concertos sumaranse aos xa realizados pola banda para presentar ‘Cara os Ceios Incrementes‘ no pasado ano, no que realizaron unha pequena xira que lles levou á Coruña, Sarria, Salceda de Caselas, Palma, Madrid e Vigo.

‘A Homenaxe’ achegará a música do gaiteiro Julio Vázquez Carril e o baile tradicional de Oliva López López a Vigo

O Grupo Etnográfico A Buxaina de Coruxo celebrará, o próximo sábado 23 de marzo, ‘A Homenaxe’ no teatro Afundación de Vigo. O acto comezará ás 20.00 horas e a apertura de portas será ás 19.30 horas. Trátase dun acto anual que A Buxaina organiza en colaboración co Centro Recreativo Artístico e Cultural de Coruxo (CRACC) e que ten como obxectivo principal dar a coñecer a aquelas persoas que, de xeito altruísta, souberon conservar e transmitir a sabedoría do noso baile e música tradicionais. Trátase, xa que logo, de apreciar a quen soubo atesourar a identidade do noso pobo.

Para isto, desta volta os homenaxeados serán a bailadora Oliva López López, da Fonsagrada, e o gaiteiro Julio Vázquez Carril, de San Miguel, en Arzúa. Ademais desta homenaxe, tamén haberá actuacións dos grupos ‘De Ninghures’, septeto formado por xente moza de distintas partes da xeografía galega comprometida coa música, o baile e a lingua a través do seu proxecto de música folk, e o grupo de baile a Mámoa de Luou. Tamén contarán coa presenza de Celso Fernández Sanmartín, recoñecido poeta e contacontos nado en Lalín, como presentador desta edición.

‘A Homenaxe’, previamente chamada ‘Homenaxe ao Gaiteiro’, homenaxeou desde o seu comezo a persoas que bailaban ou tocaban instrumentos tradicionais, polo que dende a pasada edición o cambio de nome pretende reflectir esa inclusión, riqueza e variedade que sempre estivo presente no acto. Dende A Buxaina invitan a todo o mundo a pasar unha noite máxina na que se gozará de grandes actuacións e se descubrirá a traxectoria musical de persoas que inspiraron e ensinaron a outras moitas.

A Xunta pide ao Concello de Vigo “axilizar ao máximo” o seu informe sobre a PXOM

A Xunta de Galicia pediu ao Concello de Vigo que “emende os erros detectados” para “axilizar ao máximo” a emisión do seu informe previo imprescindible para a aprobación definitiva do novo plan xeral de ordenación municipal (PXOM).

Tras a reunión mantida este luns entre representantes autonómicos e a concelleira de Urbanismo e Vivenda de Vigo, María José Caride, o Executivo galego indicou que, cando reciba a documentación correspondente e comprobe que o goberno local corrixiu todos os erros detectados e completou o expediente cos informes estatais que faltan, axilizarase “ao máximo” o informe autonómico. Nun comunicado, a Xunta lembrou que primeiro haberá que resolver todos os aspectos sinalados no requirimento remitido a semana pasada ao Concello, tal como indicou a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo no encontro, Encarnación Rivas.

A maiores das correccións esixidas tras analizar o documento provisional e que afectan sobre todo a aspectos arqueolóxicos e culturais, Rivas trasladou á concelleira a urxencia de dispor de dous informes perceptivos sobre a PXOM do Goberno central, que a estas alturas seguen pendentes e, sen eles, a Xunta non pode informar o documento.

Unha vez téñase toda a documentación e se corrixan os erros, o Executivo autonómico acurtará “ao máximo” o prazo para emitir o seu informe, que tamén depende da dirección xeral de Patrimonio Cultural. Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo e Vivenda do Concello de Vigo asegurou que “a corrección de erros materiais que se puideron cometer resólvese en cinco minutos e o Concello de Vigo comprométese a facelo”. Con todo, tras ser avisados a semana pasada, por agora non se corrixiron.

Nun audio difundido aos medios de comunicación, Caride reivindicou que a novo PXOM cataloga e protexe uns 170 elementos engadidos máis aos que estaban recollidos en 2008, asegurando que a Dirección Xeral “non avaliou” a información completa enviada polo goberno local. “Se á marxe destes elementos a Dirección Xeral identifica algún máis que motivada e singularmente deba ser incorporado ao catálogo, incorporarémolos”, indicou. Respecto diso, a Xunta informou de que Caride recoñeceu no encontro erros como a non protección patrimonial do Monte do Castro e a súa Fortaleza e do Parque Quiñones de León.

“A revisión do Plan xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo é absolutamente respectuosa coa lexislación de patrimonio. Solvente legalmente e por tanto non se lle pode impor ningunha condición que non se esixa a ningún outro concello de Galicia e que non estea recollida na lexislación vixente”, sentenciou a concelleira, asegurando que “non haberá problemas” para obter os informes favorables. Todo iso despois de meses con críticas por parte de Caride cara á Xunta, acusando o Goberno autonómcio de “atrasar” a aprobación da PXOM.

Curiosamente, esta situación é similar á que viviu a alcaldesa ‘popular’ Corina Porro en Vigo a principios dos 2000, con María José Caride á fronte da consellería de Política Territorial da Xunta. Durante anos, Porro esixiu ao Executivo autonómico unha solución para desbloquear a PXOM de Vigo, debido a que a Consellería de Política Territorial de Caride solicitaba todo tipo de documentación para poder darlle o visto e prace. Agora, máis de 15 anos despois, os papeis cambiaron e é Caride a que pide axilidade á Xunta.

O Goberno traslada “tranquilidade” polo crime da maleta que, por agora, non se considera violencia de xénero

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, trasladou este luns unha “mensaxe de tranquilidade” sobre o crime da muller cuxo cadáver apareceu en avanzado estado de descomposición no interior dunha maleta en Vigo. Por agora, o caso non se considera violencia de xénero.

É o Xulgado de Instrución número 4 da cidade olívica o que investiga o sucedido. Precisamente o pasado venres acordou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza de José Manuel Durán González, alias ‘O Chioleiro’, como suposto autor. Abel Losada dirixiu, este luns, “unha mensaxe de confianza ao conxunto da sociedade” destacando que “se está solucionando e estase atacando este tema que lexitimamente intranquiliza”, dixo.

O subdelegado do Goberno sinalou que este “é un asasinato que, presuntamente, foi cometido por unha persoa que xa estivo condenada por outros dous asasinatos”, o primeiro deles foi o da súa avoa, en marzo de 1988. Antes diso, ‘O Chioleiro’ xa fora condenado por violala. O outro crime cometido por este individuo foi o acuchillamento de Alicia Rey, unha veciña e amiga súa de Paradela de Xende, na Lama, no mes de decembro de 2004.

Ademais, Abel Losada quixo “agradecer o magnífico traballo, neste caso do Corpo Nacional de Policía, na aparente resolución do crime”. O subdelegado estendeu este agradecemento “por suposto, á colaboración cidadá da contorna do barrio” no que se atopou o corpo da vítima. O testemuño destes veciños “dirixiu un pouco nos momentos iniciais, unha investigación atípica, en orixe”. Por agora, este caso non se trata como violencia de xénero, segundo comunicou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A CEG aborda con Caballero as necesidades de transporte de Vigo e insiste en pedir que o tren chegue ao porto de Bouzas

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, reuniuse este luns co alcalde de Vigo, Abel Caballero, para abordar cuestións relacionadas co papel da cidade como un dos eixos sobre os que pivota a actividade económica e industrial da Comunidade.

En concreto, fixeron un repaso das necesidades e cuestións pendentes que afectan á urbe e a súa área metropolitana, como a mellora da infraestrutura de transporte e comunicación, “esenciais” para o desenvolvemento económico da cidade e de Galicia en xeral. Aí, Vieites puxo o foco na necesidade da chegada do tren ao porto de Bouzas. Entre outras cuestións, para el, é “inaprazable” o pleno despregamento do Corredor Atlántico de mercadorías, para contribuír á cohesión territorial dos territorios do noroeste co resto de España e de Europa.

“Hai que apostar pola intermodalidade e concluír a interconexión dos principais portos de Galicia co ferrocarril de mercadorías”, subliñou o presidente da CEG, vendo “imprescindible” que o Ministerio de Transportes e Portos do Estado reclamen a Bruxelas que contemple a Vigo nos seus mapas como porto nodal.

Vieites insistiu na necesidade de coñecer o Plan Director e traballar conxuntamente coas administracións competentes no desenvolvemento do devandito plan. “Temos que coñecer por onde vai entrar o tren en Galicia, os seus apeadeiros e estacións… Entendemos que debe contar desde Monforte cunha entrada polo norte e outra polo sur”, engadiu, segundo recolle a CEG nun comunicado.

Por outra banda, afirmou que os empresarios defenden a conexión ferroviaria da terminal de Bouzas cun trazado que permita cumprir coas máximas garantías, tanto técnicas como funcionais e ambientais, e no menor prazo posible. “Guixar debe optimizar o espazo e ofrecer a maior superficie posible aos operadores e facilitar a intermodalidade en termos competitivos: hai que adaptar a transición barco-tren e que esta sexa competitiva“, apuntou.

Vieites tamén se centrou no AVE a Madrid e na importancia de que cheguen os trens Avril, así como no saída sur cara a Portugal. “Necesitamos custos de transporte competitivos tamén por estrada. É imprescindible arbitrar as medidas necesarias para conseguir este obxectivo e, entre outras medidas, necesitamos liberar a AP-9 como arteria principal de conexión“, reivindicou.

Non entanto, Abel Caballero insistiu en que “o porto de Vigo xa ten tren”, pero “practicamente non se utiliza”. A pesar de que os empresarios piden que chegue a Bouzas, o rexedor continuou indicando que isto “romperá a cidade” e dixo que “lle quitaría o sitio a Stellantis”, porque é no porto de Bouzas onde almacena coches dita empresa.

“Os coches que veñan de importación para outros sitios de España non xustifican un tren de ningún modo. Eses coches non viaxan en tren e é ocupar espazo que o necesitamos vitalmente para a automoción de Vigo”, engadiu nun audio enviado aos medios de comunicación, asegurando que “Stellantis non ten interese en que o tren chegue a Bouzas”, segundo as súas palabras.

Moaña ten unha cita co Regueifa Tour polo 8M

As Regueifeiras da Semente chegan a Moaña coa súa xira ‘O Regueifa Tour’ que comezou en setembro en Vigo e continuou no Courel, Vilalba, Vila de Cruces, Viana do Bolo e, en no País Vasco, en Lekeitio, Derio e Donosti. Desta forma levaron a regueifa por distintos locais onde se reune a mocidade para realizar estas rimas improvisadas, fóra do horario escolar.

Este 8 de marzo, ás 17:30, O Regueifa Tour fai parada en Moaña, dentro das actividades feministas do Concello, na Casa da Mocidade. Participarán no evento as improvisadoras Sara Marchena e Tegra do Courel, acompañando ás Regueifeiras da Semente.

AS REGUEIFEIRAS DA SEMENTE

As Regueifeiras da Semente son catro rapazas de entre 11 e 14 anos que regueifan desde sempre: son regueifeiras nativas, aprenderon a regueifar ao mesmo tempo que a falar. Reúnense un dia á semana para regueifar, como atividade extraescolar na Escola de Regueifa da Semente, en Compostela.

Teñen actuado en dúcias de festas e festivais, como a Regueifesta, o Enreguéifate, o Festival de Pardiñas, o Festival de Repentismo de Madeira, o Festival Internacional de Verso Popular- Festcordel, en Abanca, Portugal, a Escola de Regueifa de Carballo ou en cursos de formación de profesorado do CFR. En 2023 participaron na serie documental sobre regueifa “Regueifa – Freestyle” de Nós Televisión.

O espectáculo contén desde regueifa tradicional até novas influencias como bases eletrónicas, xogos de humor, temas vinculados aos movimentos sociais como, neste caso, o feminismo. 

O Concello de Tui agradece o traballo policial para resolver o roubo da furgoneta

O Concello de Tui emitiu un comunicado para agradecer publicamente a actuación das forzas policiais nas últimas horas, na resolución do roubo dunha furgoneta, en cuxo interior se atopaba un neno de dous anos, que foi localizado ileso.

Así, fontes municipais trasladaron o seu recoñecemento tanto á Policía Local como á Garda Civil e Protección Civil, que colaboraron na procura do vehículo subtraído e permitiron “solucionar en moi pouco tempo” este caso, detendo á persoa que levou a furgoneta e devolvendo o neno á súa nai.

O Concello destacou o “rápido despregamento” de efectivos e a coordinación, demostrando “eficacia e profesionalidade”. Así mesmo, puxo en valor a “marea de solidariedade” demostrada polos veciños e a súa implicación na difusión de mensaxes de alerta.

En especial, agradeceu a actuación dos veciños que localizaron a furgoneta roubada e ao menor, e que, rapidamente, deron aviso para que as forzas policiais actuasen.

“É en situacións como estas cando as circunstancias esixen ou mellor dos nosos corpos de segiridad, cando a sociedade pode apreciar a calidade do seu labor, que permite que vivamos nun concello seguro e protexido”, subliñaron fontes municipais que, en todo caso, matizaron que situacións como a vivida este luns “son excepcionais” e, cando suceden, “soluciónanse con celeridade e eficacia”.

Trasladan ao hospital a unha octoxenaria con problemas respiratorios tras un incendio no portal dun edificio en Gran Vía

Unha muller de 82 anos de idade foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo esta fin de semana tras rexistrarse un incendio no portal do seu edificio, que xerou gran cantidade de fume. Os feitos ocorreron na madrugada do domingo, nun inmoble da rúa Gran Vía, onde se orixinou un lume nun sofá situado no portal do edificio. O incendio produciu unha gran cantidade de fume, que invadiu todo o tiro da escaleira.

Os axentes de Policía Local desprazados á zona comprobaron que o sofá se calcinou por completo, e avisaron aos bombeiros, mentres indicaban aos veciños que permanecesen nas súas vivendas e mantivesen a calma. O servizo de bombeiros procedeu a ventilar o inmoble e, cando xa non había perigo, os axentes contactaron cos veciños para que saísen ao exterior e comprobar que estaban ben. Ao facer o reconto, decatáronse de que faltaba unha muller maior, que vive nun dos pisos da terceira planta.

Os policías subiron ata o domicilio e, tras chamar insistentemente, unha muller abriulles a porta. A señora confirmou que estaba a durmir, e que presentaba algúns problemas respiratorios, polo que se deu aviso a unha ambulancia, para o seu traslado ao hospital. O resto de veciños atopábanse en bo estado e os bombeiros déronlles indicacións para deixar abertas as xanelas dos pisos superiores e facilitar así a saída do fume. A Policía Nacional fíxose cargo da investigación do sinistro.

Investigan a 10 persoas por danos en ambulancias na zona de Vigo durante a folga do sector

Dez persoas permanecen investigadas como presuntos autores de danos en doce ambulancias cometidos na zona de Vigo durante a folga que viviu o sector o verán de 2023 en demanda dun novo convenio colectivo que durou ata mediados de xullo.

Segundo informou a Garda Civil este martes, os feitos producíronse entre xuño e xullo no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, na base do 061 en Sabarís-Baiona e nunhas instalacións de ambulancias de Mos. A investigación iniciada entón concluíu coa identificación de dez persoas como presuntos responsables dos danos, que a Garda Civil vincula a traballadores de empresas concesionarias do servizo de transporte sanitario.

Os danos causados nos vehículos están valorados “en miles de euros” e consistiron, fundamentalmente, en picadas de rodas que provocaban que os vehículos quedasen inutilizados durante horas.

Os investigados teñen idades comprendidas entre os 39 e 62 anos e están acusados de delitos de danos agravados por afectar a bens de uso público e aos intereses xerais, co que se expoñen a penas de prisión dun a tres anos. As dilixencias instruídas foron remitidas ao Xulgado de Instrución número catro dos de Vigo.

Susto en Tui co furto dunha furgoneta que tiña a un neno de dous anos no interior

A Policía Local de Tui localizou, en bo estado, a un neno de 2 anos que se atopaba no interior dunha furgoneta, que foi subtraída neste municipio á primeira hora da tarde. Segundo informaron fontes municipais e da Comandancia da Garda Civil, os feitos ocorreron á primeira hora da tarde, cando a nai do neno aparcou a furgoneta nas proximidades dun colexio para recoller a un dos seus fillos.

A muller deixou ao outro menor, de dous anos de idade, no interior do vehículo, coas chaves postas, mentres ía ao colexio a recoller a outro cativo pero ao regresar, atopouse con que non estaba nin a furgoneta nin o menor. De inmediato despregouse un amplo dispositivo para dar co vehículo e co neno. A furgoneta foi interceptada pola Policía Local na zona das areeiras de Veiga do Louro, no propio municipio de Tui, e no interior, ademais do condutor que roubara o vehículo, estaba o neno, que se atopaba en aparente bo estado, aínda que foi trasladado a un centro de saúde para ser avaliado.

Polo momento non transcenderon máis datos acerca das circunstancias do furto do vehículo-. O presunto autor dos feitos pasou a disposición xudicial.  Trátase de un veciño de Guillarei de 54 anos de idade con antecedentes policiais.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed