InicioCultura(Vídeo) Dioivo rompe o escenario no seu novo videoclip: o metal galego...

(Vídeo) Dioivo rompe o escenario no seu novo videoclip: o metal galego en todo o seu esplendor

No vídeo do tema 'Ata o final', pertencente ao seu último álbum de estudo 'Cara os Ceios Incrementes', aparecen membros de diversas bandas de metal viguesas, que colaboraron co dúo na presentación en directo do seu disco en Vigo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O dúo vigués de metal en galego Dioivo acaba de lanzar un novo videoclip para o seu tema Ata o final‘, pertencente ao seu último álbum ‘Cara os Ceios Incrementes’. Foi gravado no último concerto do grupo no Pub Transylvania de Vigo o pasado 23 de decembro, que serviu para presentar o traballo na súa cidade natal. Ante un público entregado que ateigou a sala ata colgar o cartel de entradas esgotadas, mercando as 150 que permite o aforo do local, os vigueses interpretaron os temas do disco xunto a numerosas colaboradoras e colaboradores da escena da cidade que fan tamén a súa aparición no vídeo.

A peza audiovisual foi froito do traballo de Marko Otero na gravación e de Adrián Porima na edición, logrando un resultado que dende Dioivo definen como “espectacular, conseguindo recoller á perfección o ambiente e as sensacións dun concerto que para nós foi inesquecible”. “Estamos moi agradecidos con ambos polo seu labor”, recalcan. Xuntos aos membros de Dioivo e das bandas que compartiron escenario con eles naquela noite, o trío vigués Karracho e o cuarteto segoviano Mortal Maze, aparecen ao longo dos case 5 minutos de vídeo os membros de diversas bandas destacadas da zona.

Concretamente, Aida de Her Anxiety, Jorge de Her Anxiety e Mileth, Belize Martínez, Dany de Atreides e Lardelúa, Soto de Ardora, Aarón de Lapsus Mentis, Fabio de Infrahumano e Ghandi Boxing Club e David de Sulf-Atär. Artistas de diferentes estilos que colaboraron co dúo vigués na voz, na guitarra ou no baixo para darlle un toque diferente ás cancións do seu repertorio, e que ao final do evento subiron de novo conxuntamente ao escenario para pechar a noite por todo o alto, como se pode ver na parte final do videoclip. Dioivo quixo, así mesmo, dar as grazas “a Adriana Goretti e a Lain Romasanta por facer as fotos daquela noite, a Roberto Fontán por ser o técnico de son e a todo o persoal do Transylvania pola marabillosa acollida que nos dan sempre”.

Ata o final‘ é o quinto videoclip lanzado pola banda para promocionar as cancións de ‘Cara os Ceios Incrementes‘. Chega despois da saída no pasado mes de xullo de ‘Que importa que nos craven as cadeas’, dirixido por Emilia Vidal-Hallett, no que os vigueses renderon homenaxe ao falecido escritor lucense Darío Xohán Cabana e ao seu poema homónimo. Tamén lanzaron videoclips para outras adaptacións literarias, como o de ‘Hai sede na Nova Galicia’ de Florencio Delgado Gurriarán, realizado por YOD Multimedia, e o de ‘Retorno a Tagen Ata’ de Xosé Luís Médez Ferrín, realizado por Brais Gómez Salvados e que conta coa participación do propio autor.

Brais Gómez Salvador foi o encargado, así mesmo, de dirixir o videoclip do tema ‘Cabeiros‘, e tamén o de ‘Por 100 anos máis‘, un sinxelo lanzado posteriormente ao álbum no que a banda viguesa homenaxeou ao Celta de Vigo con motivo do 100 aniversario do clube. Tanto o vídeo de ‘Ata o final’ como o resto dos traballos mencionados poden visualizarse na canle de YouTube do grupo, chamada @dioivo_metal, así como escoitarse nas demais plataformas dixitais de música.

O álbum ‘Cara os Ceios Incrementes‘ foi lanzado o pasado día 9 de xuño de 2023 en CD pola discográfica independente grega especializada en música metal Sleaszy Rider Records. Foi gravado, mesturado e masterizado en Vigo por Dany Soengas de Atreides, que tamén participou como colaborador no último concerto. É o segundo álbum completo do grupo formado en 2016, despois de ‘Dioivo II’ (2019), e o seu cuarto traballo de estudio contando os EPs ‘Dioivo I’ (2016) e ‘Dioivo III’ (2021). Estes traballos anteriores foron lanzados polo selo especializado estatal Darkwoods. Dende os seus inicios, Dioivo está conformado por Daniel Valladares Otero na batería e Jacobo Mouriño Almeida na voz e na guitarra.

‘Ata o final’ é o tema número 8 de ‘Cara os Ceios Incrementes‘, unha canción rápida que entronca co estilo trash metal da banda predecesora de Dioivo, Rust in Peace, formada en 2011 e disolta en 2016, e de cuxo repertorio chegou a formar parte. “Estamos preparando máis sorpresas relacionadas con esta anterior etapa, que lembramos con moito agarimo, e agardamos poder contarvos máis sobre elas moi proximamente”, sinalan dende a banda viguesa.

Dioivo ten xa numerosas datas anunciadas para continuar presentando o seu novo álbum ao vivo. O 30 de marzo tocarán no Pub Yggdrasil de Ferrol, o 6 de abril na viguesa Sala Kominsky, e o 8 de xuño na asociación cultural barcelonesa Los Trecers, entre outras datas que aínda están por anunciar. Estes concertos sumaranse aos xa realizados pola banda para presentar ‘Cara os Ceios Incrementes‘ no pasado ano, no que realizaron unha pequena xira que lles levou á Coruña, Sarria, Salceda de Caselas, Palma, Madrid e Vigo.

ÚLTIMAS

Última hora #ArgosGeorgia 14 sobreviventes, 9 falecidos e catro desaparecidos

No tráxico incidente ocorrido na mañá do 23 de xullo, o pesqueiro Argos Georgia,...

Vigo e Baiona drecretan un día de loito oficial pola morte dos dous mariñeiros locais falecidos na traxedia do Argos Georgia

O Concello de Baiona decretou un día de loito pola morte do seu veciño...

O pesqueiro vigués ‘Robin M. Lee’ mantense na procura de náufragos do ‘Argos Georgia’

O pesqueiro vigués 'Robin M. Lee' mantense na zona do naufraxio do 'Argos Georgia',...

(Crónica) Luis Fonsi queda abraiado co público de Vigo e coa “fermosa” cidade

"Que levanten a man os noivos e maridos que viñeron a este concerto obrigados...