Inicio Blog Páxina 38

GKN Vigo e o comité pactan retirar o ERE a cambio de ampliar a flexibilidade da xornada

0

GKN Driveline Vigo e o comité de empresa alcanzaron un preacordo para a retirada do Expediente Regulador de Emprego (ERE) que ía afectar a un máximo de 75 traballadores. Ante este novo escenario, a CIG desconvocou a folga prevista para o luns, que non contaba co respaldo de CCOO e UXT.

O consenso chegou tras unha negociación de 12 horas este venres, na que a representación dos traballadores aceptou flexibilizar unha cláusula do contrato. O mecanismo, que permite prescindir de operarios en períodos de baixa carga de traballo cobrando o 50% do salario, pasará de 10 días ao ano (máximo dous ao mes) a 20 días anuais (cun tope de catro ao mes).

O presidente do comité, Pedro Corral (CIG), explicou que ata agora resistiranse a ampliar este tempo porque se usaba pouco e afectaba sempre aos mesmos obradoiros. Con todo, o comité ve cumprido o obxectivo de evitar “saídas traumáticas“. A decisión final queda agora pendente de ser referendada pola asemblea do persoal.

O vindeiro luns, o comité reunirase co xefe de operacións de GKN Europa para demandar máis carga de traballo para a planta de Vigo, poñendo en valor a súa capacidade de adaptación e a súa traxectoria no sector.

Falece un home de 56 anos ao caerlle encima unha árbore nunha leira de Soutomaior

0

Un home de 56 anos e veciño de Redondela faleceu na mañá deste sábado ao caerlle encima unha árbore que tallaba nunha leira do municipio pontevedrés de Soutomaior. Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o home utilizaba un guindastre para tratar de dirixir a caída da árbore que cortaba, pero malia esta precaución o exemplar acabou caéndolle encima.

Foron os servizos de Urxencias Sanitarias os que deron o aviso sobre as 9:50 horas da mañá. Ata o lugar do suceso desprazáronse de inmediato efectivos da Garda Civil, Protección Civil da Mancomunidade Oitavén-Tea e tamén de Protección Civil de Redondela, que nada puideron facer por salvar a vida do home.

Uruguai rescinde o contrato con Cardama por “incumprimentos graves” e anuncia accións xudiciais

0

O presidente de Uruguai, Yamandú Orsi, anunciou que o seu Goberno rescindiu o contrato para a construción de dúas patrulleiras asinado co estaleiro vigués Cardama por “incumprimentos contractuais graves“. Así o sinalou este venres o máximo mandatario uruguaio nunha conferencia ante os medios de comunicación, onde dixo que o seu Executivo iniciará accións xudiciais contra a empresa galega por “danos e prexuízos“.

Orsi expuxo a súa versión do ocorrido, explicando que o Goberno uruguaio tivo coñecemento destes “incumprimentos” cando se procedeu a renovar a garantía de fiel cumprimento necesaria. “Atopámonos que esa garantía non existía ou peor aínda, era un documento falso“, apostilou. A partir de aí, comezouse unha investigación, atopando tamén irregularidades noutra das garantías, a de reembolso. Para o presidente, estas dúas garantías eran “elementos substanciais” para que o contrato entrase en vigor e, con todo, non eran válidas.

“Despois de percorrer este camiño e ofrecela á empresa a oportunidade de resolver e camiñar xuntos, chegado este momento decidimos iniciar catro accións: a primeira, rescindir o contrato de subministración por incumprimentos contractuais graves coa empresa Cardama e iniciar accións por danos e prexuízos”, dixo Orsi.

RESPONSABILIDADES

Ademais, o Goberno de Uruguai realizará accións para recuperar o patrimonio do Estado e para definir responsabilidades institucionais e individuais. Por último, tratará de adquirir as patrulleiras oceánicas necesarias para a súa flota. E é que cabe lembrar que este contrato supuña a construción de dúas patrulleiras de vixilancia oceánicas tipo OPV (offshore patrol vessel) por ao redor de 82 millóns de euros. Foi o pasado mes de outubro cando Uruguai anunciou que rescindiría o contrato ao achar “fortes indicios de fraude ou estafa ao Estado“.

Esta semana o Goberno suramericano tiña que decidir se rescindir o contrato ou, pola contra, activar un novo pago a Cardama para que continuase coa fabricación dos buques. Finalmente, optou pola primeira das opcións. Pola súa banda, fontes de Cardama lamentaron a situación, indicando que se procedeu de “maneira moi incorrecta“, polo que estudarán “os camiños a seguir“.

“Sempre manexamos isto con criterios empresariais e iso non vai cambiar agora, de modo que non nos imos a deixar apurar por ninguén. Xa haberá oportunidade de discutir todos estes temas e veremos a quen lle asistía razón”, sentencian desde a empresa.

Concello e Zona Franca blindan o futuro de Balaídos coa prórroga da bancada de Río ata 2080

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o delegado de Zona Franca, David Regades, formalizaron este venres, cun acto de firma celebrado en Balaídos, a prórroga de 49 anos de cesión dos terreos sobre os que se asenta a bancada de Río do estadio municipal. No acto, no que tamén estiveron a presidenta do R.C. Celta, Marián Mouriño, e a tenente de alcalde, Carmela Silva, asinouse ampliar a cesión (que se iniciou en 1981) ata o ano 2080.

O delegado de Zona Franca, David Regades, destacou que “se cumpre o obxectivo que teñen o Celta e o Concello para este Estadio, que é a ampliación e o aumento do seu aforamento co investimento previsto”. “Para iso necesitaban unha garantía de futuro e iso é o que significa esta ampliación da concesión da parcela de Río”, incidiu. Mentres, Abel Caballero celebrou que esta firma “supón que o Concello será o dono da superficie da parcela e garante que ata o ano 2081 a bancada de Río formará parte do Estadio”.

O alcalde apuntou que “os proxectos requiren seguridade e esta é unha forma de traballar a longo prazo porque os grandes proxectos deben ter ese tempo para planificalos de forma correcta”. Caballero referiuse de novo á candidatura de Vigo para ser sede do Mundial 2030 e insistiu en que a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) “ten que explicar por que non declarou aínda a Vigo sede do Mundial como xa fixo co resto das cidades”.

REFORMA DE BALAÍDOS E MUNDIAL

En declaracións aos medios tras a firma do convenio, o alcalde sinalou que a obra da reforma da bancada de Gol “vai mesmo adiantada con respecto ás previsións”, e a principios de 2027 estará terminada e lista para ser ocupada polos espectadores. No caso do proxecto de Tribuna, volveu a criticar que nin Xunta nin Deputación queren cofinanciar os traballos de reforma que empezan co desprazamento do colector (para mover a bancada uns 25 metros e gañar aforamento), cun custo de 3,1 millóns de euros.

O custo de volver reformar a bancada enteira de Tribuna será duns 60 millóns (practicamente o mesmo custo da reforma de todo o Estadio), aínda que en marzo do ano pasado o rexedor estimaba ese custo en 41 millóns. Caballero matizou que “todo aquilo que sexa reutilizable vaise a reutilizar, porque é novo”, en alusión á recente reforma desa bancada, realizada entre 2016 e 2017 cun custo de 5,2 millóns de euros (sen IVE).

O alcalde sinalou que o Concello está disposto a asumir a obra en solitario. “Pero avergoñaremos e demandaremos politicamente á Xunta e á Deputación por non pagar (…), a Xunta só pensa en Vigo para levar o diñeiro a outros sitios; e a Deputación recibe de Vigo 85 millóns e isto ten que cambiar, non pode ser que veñan dando 5 millóns”, matizou, e engadiu: “Que non soñen con vir a Vigo, porque a xente lles vai a dicir o que pensan”.

O PP DENUNCIA O “CINISMO” E O “SECTARISMO” DE CABALLERO

O PP de Vigo afeou ao alcalde, Abel Caballero, o seu “cinismo” por realizar unha firma pública, este venres no estadio de Balaídos, coa Zona Franca (un convenio para prorrogar a cesión dos terreos da bancada de Río), tras dicir que este tipo de actos eran algo “vello” e “case ilegal“. En declaracións remitidas aos medios, a presidenta do PP vigués e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, lembrou que o organismo provincial instou durante meses ao goberno de Caballero a asinar publicamente o convenio polo que a Deputación inviste 5 millóns na reforma da piscina de Teis. A finais do pasado 2025 o rexedor olívico rexeitou participar nun acto dese tipo, alegando que se trataría dunha “firma paripé“.

“Entón, que fixo este venres no estadio de Balaídos co delegado da Zona Franca?”, preguntou Luisa Sánchez sobre a “escenificación” pública da firma dese acordo cunha “administración socialista“, “mentres lla nega á Deputación de Pontevedra argumentando nese caso que estas firmas son algo ‘vello’ e ‘case ilegal'”. “O que é evidente é que unha vez máis o señor Caballero quedou retratado como o que é, un alcalde sectario. Quedou claro que o único que en verdade lle preocupa é vetar á Deputación e, en especial, vetarme a min como vicepresidenta (…) Caballero leva 18 anos facendo da confrontación a súa principal forma de facer política: vetando, bloqueando e ninguneando calquera investimento doutra administración que non estea gobernada polo PSOE“, proclamou a líder dos ‘populares’ vigueses.

Collen a un neno de 13 anos conducindo o coche da súa nai en pleno centro de Vigo

0

Axentes da Policía Local interceptaron o pasado mércores pola tarde a un menor de 13 anos de idade conducindo o coche da súa nai, un vehículo que ela deixara parado sobre a beirarrúa, co motor en marcha, mentres ía recoller unha compra.

Os feitos ocorreron na rúa Aragón, cando un axente fóra de servizo que circulaba pola zona observou un turismo ao seu lado, conducido por un mozo que aparentaba ser menor de idade. O axente deu aviso ao 092 e unha patrulla trasladouse ao lugar. Á súa chegada, os axentes observaron ao neno circulando marcha atrás uns 150 metros, realizando unha manobra antirregulamentaria e “constituíndo un perigo para o resto dos usuarios da vía” e para el mesmo.

Os policías interceptaron o coche e comprobaron que no seu interior só estaba o menor, ao volante. No momento da intervención presentouse no lugar a titular do coche, nai do neno, e cun elevado estado de nerviosismo explicou que parara o seu vehículo sobre a beirarrúa, co motor en marcha, para recoller unha compra, deixando ao seu fillo de 13 anos no asento do copiloto.

A Policía Local trasladou que, “evidentemente o menor carece de ningún tipo de habilitación para conducir e a responsable do vehículo puxo coa súa acción nun clara situación de risco e desprotección, tanto ao menor como a terceiros usuarios da vía”. Por iso, os axentes encargados da Seguridade Víal, darán conta dos feitos sucedidos ás autoridades xudiciais competentes.

O Heraldo do Desconcerto: A Pinta en Baiona

0

O horizonte de Baiona, aquel 1 de marzo de 1493, non agardaba milagres. O frío galego calaba nos ósos dos vixías que escudriñaban a bruma do Atlántico, ata que un perfil ferido e valente recortou o gris do mar: era a carabela Pinta. Martín Alonso Pinzón, co rostro curtido pola salitre e unha febre que xa comezaba a consumilo, non buscaba só refuxio; traía consigo o peso dun mundo novo. A lixeireza da súa nave convertera a Baiona no primeiro porto de Europa en coñecer a fazaña, adiantándose á capitá de Colón por varios días de angustia.

​Cando os cabos finalmente se amarraron aos norais do peirao, o silencio da vila rompeuse para dar paso ao asombro. A pasarela non só descargou mariñeiros exhaustos con ollos alucinados; descargou o descoñecido en forma de mercadoría e vida. Do ventre da nave brotaron cores que a Europa medieval non sabía nomear: mazorcas dun gran dourado que chamaban maíz, raíces de batata con sabor a terra doce e o recendo punzante dos primeiros axís. Eran as probas de que o Edén existía e tiña outros sabores, pero a marabilla botánica pronto quedou eclipsada por unha visión moito máis crúa.

​O murmurio da multitude apagouse cando apareceron eles. Sete homes de pel cobriza, capturados nas illas do Caribe, foron obrigados a baixar aos peiraos galegos. Seminuos a pesar do xélido vento do norte, miraban con ollos baleiros un mundo que os recibía con cadeas e desprezo. Para Pinzón e a súa tripulación, aqueles seres non eran máis que curiosidades zoolóxicas, pezas dun botín humano destinadas a probar a existencia de novas terras ante os Reis Católicos. Eran tratados con menos dignidade que os animais de carga, exhibidos como trofeos nunha terra que lles era hostil dende o primeiro alento.

​A traxedia, porén, non agardou á viaxe cara á Corte. O porto de Baiona, que para os mariñeiros era o fin do inferno, converteuse nunha tumba inmediata para os cautivos. O choque térmico das Rías Baixas, sumado ao esgotamento e ás enfermidades europeas para as que non tiñan defensa, fixo que varios deles morresen aos poucos días de pisar terra. Mentres Pinzón enviaba correos urxentes reclamando a gloria, a vida dos indíxenas apagaríase entre a humidade e o frío de Galicia. Un mes despois, o propio Pinzón seguiría o mesmo camiño cara á tumba, deixando en Baiona o eco dunha fazaña que naceu tinguidade de asombro, pero tamén de sangue e desolación.

Vigo humanizará os accesos á ermida da Guía

0

A xunta de goberno local de Vigo aprobará este venres a humanización dos accesos á ermida da Guía, no barrio de Teis, por un importe de 638.000 euros. Segundo anunciou o alcalde, Abel Caballero, a través dun audio enviado aos medios, o obxectivo principal desta actuación é lograr unha recuperación e mellora do espazo urbano no acceso á capela, “potenciando o espazo do peón fronte ao do coche” nunha das contornas máis emblemáticas da cidade.

Os traballos desenvolveranse nunha zona de 200 metros de lonxitude, afectando a unha superficie total de máis de 3.000 metros cadrados. O proxecto contempla a demolición da antiga cafetaría e o acondicionamento do camiño de acceso á mesma, así como a redistribución do viario e a renovación integral do pavimento e da iluminación pública. Caballero cualificou esta obra de “importantísima” e estimou que os traballos terán un prazo de execución de aproximadamente cinco meses.

O PP de Vigo esixe a revisión urxente dos danos causados polos temporais na cidade

0

O PP de Vigo reclamou ao goberno municipal que proceda a revisar “canto antes” os posibles danos provocados pola sucesión de temporais rexistrados durante este inverno. Nun comunicado, os populares sinalaron que o mal tempo causou diversos desprendementos de elementos en fachadas e luces de Nadal, así como a caída de árbores e ramas ou o colapso da praia da Calzoa. A formación alerta de que existen puntos na cidade que representan un perigo real tras verse afectados polas inclemencias meteorolóxicas, o que require unha intervención inmediata por parte dos servizos municipais.

Entre os lugares máis críticos, o PP destaca a entrada ao campo de fútbol da Guía, onde unha árbore de gran tamaño medrou practicamente envorcada sobre o acceso ao recinto. A escasa distancia deste punto tamén se rexistrou o esborralle dun noiro, o que levou aos veciños a solicitar unha supervisión oficial para verificar o risco de novos derrubamentos. Segundo denuncian os populares, o goberno local ignorou ata o momento estas reclamacións, xerando temor entre a veciñanza ante a posibilidade de que a árbore acabe caendo nun lugar de tránsito diario para numerosos nenos e nenas.

O ADN dá un xiro ao crime do Porriño: arquivada provisionalmente a causa contra o único investigado polo asasinato de Judith M.G.

As probas de ADN realizadas polo Instituto Nacional de Toxicoloxía no marco da investigación polo asasinato de Judith M.G., cuxo cadáver foi atopado en novembro de 2023 no Porriño, afastaron as sospeitas que recaían sobre o único investigado, Casimiro F. Por iso, a xuíza da sección civil e de instrución, praza 3, do Tribunal de Instancia do Porriño acordou o sobresemento provisional da causa ao non existir indicios suficientes contra el.

O corpo da vítima, unha muller de 37 anos veciña de Vigo que exercía a prostitución, foi localizado oculto tras uns colectores no polígono das Gándaras. A autopsia confirmou unha morte violenta por asfixia, combinando a presión coas mans no pescozo e a introdución dun pano na boca. Cinco meses despois do achado fora detido este home como suposto autor, principalmente en base ao posicionamento dos teléfonos móbiles. O sospeitoso xa estaba en prisión por outras condenas por roubos con intimidación e agresión sexual.

UN “XIRO TOTAL” NA INVESTIGACIÓN

No seu auto, a xuíza recoñece que os resultados das análises de ADN supuxeron “un xiro total” na investigación. Os estudos detectaron que o ADN do investigado aparecía só nos restos de seme atopados no pano, pero tamén revelaron outros perfís xenéticos de dous homes descoñecidos, denominados polos investigadores como Home A e Home B.

O perfil xenético do Home A apareceu na pube da vítima, na roupa e no pano, ademais de en restos de sangue presentes nas mans e baixo as uñas de Judith. Pola súa banda, o perfil do Home B foi localizado en diferentes zonas do corpo e tamén nas uñas da falecida. Segundo a xuíza, estas evidencias encaixan coa autopsia, que describe un forcexeo directo entre a vítima e o agresor, o que explicaría a presenza de sangue alleo nas mans da muller.

“DÚBIDA RAZOABLE” SOBRE A AUTORÍA

A resolución xudicial admite que non hai dúbida de que o investigado mantivo un encontro sexual coa vítima, pero subliña que existe unha “dúbida razoable” sobre que fose quen lle causou a morte. O feito de que o seu seme apareza no pano non implica necesariamente que fose el quen o utilizase para asfixiala. “O sangue baixo as uñas debe reputarse como pertencente ao agresor, co que a vítima se enfrontou cara a cara”, sinala a maxistrada, lembrando que os perfís xenéticos presentes nesas mostras non corresponden ao investigado.

NOVA LIÑA DE INVESTIGACIÓN

Ante esta situación, a xuíza acordou o sobresemento provisional da causa e ordenou á Garda Civil iniciar actuacións para identificar aos dous homes vinculados aos perfís xenéticos A e B. Unha vez identificadas estas persoas, a investigación podería reabrirse e dar lugar a novas imputacións relacionadas co crime.

Vigo reorganiza o Entroido polo mal tempo e avisa: “Que treme Río de Janeiro”

0

O Concello de Vigo actualizou a súa programación de Entroido debido ás condicións meteorolóxicas adversas que atravesa a cidade e pospuxo a actuación da orquestra París de Noia, prevista para este venres, para o vindeiro venres 20 de febreiro. Así o sinalou o alcalde, Abel Caballero, en rolda de prensa, quen subliñou que a programación do sábado si se mantén xa que non se esperan choivas. Esta xornada inclúe, entre outros, o desfile de comparsas e carrozas, que comezará ás 18.00 horas na rotonda de Isaac Peral.

Con todo, a animación de rúas do venres foi cancelada, así como a actuación de París de Noia en Porta do Sol, que se pospón ao día 20. Os actos do domingo, con animación nas rúas e actuacións infantís, cun concerto de Uxía Lambona e a banda molona (17.30 horas) mantéñense na Porta do Sol, con chocolatada ás 19.00 horas. No entanto, en caso de choiva trasladaranse ao Auditorio Municipal.

Entre outras actuacións, luns tamén haberá talleres para os máis pequenos e animación nas rúas, que se repetirá o martes, cando tamén haberá concurso de disfraces. Do mesmo xeito que o día anterior, en caso de precipitacións, celebrarase no Concello. “Que trema Río de Janeiro que imos a por eles!. Xa lles gañamos aos entroidos de Canarias e xa estamos noutra dimensión”, apostilou Cabaleiro.

 

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed