O Concello de Vigo actualizou a súa programación de Entroido debido ás condicións meteorolóxicas adversas que atravesa a cidade e pospuxo a actuación da orquestra París de Noia, prevista para este venres, para o vindeiro venres 20 de febreiro. Así o sinalou o alcalde, Abel Caballero, en rolda de prensa, quen subliñou que a programación do sábado si se mantén xa que non se esperan choivas. Esta xornada inclúe, entre outros, o desfile de comparsas e carrozas, que comezará ás 18.00 horas na rotonda de Isaac Peral.
Con todo, a animación de rúas do venres foi cancelada, así como a actuación de París de Noia en Porta do Sol, que se pospón ao día 20. Os actos do domingo, con animación nas rúas e actuacións infantís, cun concerto de Uxía Lambona e a banda molona (17.30 horas) mantéñense na Porta do Sol, con chocolatada ás 19.00 horas. No entanto, en caso de choiva trasladaranse ao Auditorio Municipal.
Entre outras actuacións, luns tamén haberá talleres para os máis pequenos e animación nas rúas, que se repetirá o martes, cando tamén haberá concurso de disfraces. Do mesmo xeito que o día anterior, en caso de precipitacións, celebrarase no Concello. “Que trema Río de Janeiro que imos a por eles!. Xa lles gañamos aos entroidos de Canarias e xa estamos noutra dimensión”, apostilou Cabaleiro.
O xefe da Policía Local de Vigo, Alberto Carballo, súmase á lista de persoas investigadas na causa xudicial aberta polo accidente da atracción Saltamontes, que custou a vida a un mozo en agosto de 2024. Neste procedemento están investigados tamén a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez; o xefe da área municipal de Seguridade, Antonio V.M.; o perito que revisou a atracción, Antonio L.A., o dono do Saltamontes, G.M.M.D.S., o presidente da comisión de festas de Matamá, C.G.M., e a propia comisión.
O pasado 3 de febreiro comparecían a edila socialista e o alto funcionario do seu departamento e, á súa saída, un dos letrados da acusación (en representación da parella do mozo falecido) xa avanzara que non deran “explicacións claras” e que solicitaría a citación do xefe da Policía Local para que aclarase, entre outras cuestións, se os axentes recibiron orde de precintar a atracción, dado que non contaba con autorización municipal.
A xuíza do tribunal de instancia, sección penal, praza 3 de Vigo accedeu á petición e acordou citar ao xefe da Policía Local en calidade de investigado, “en aras de salvagardar os seus dereitos” (si declara como testemuña está obrigado a dicir a verdade, pero como investigado pode mentir, non responder as preguntas ou responder só ao interrogatorio dalgunha das partes). Alberto Carballo foi citado para o 26 de febreiro.
O accidente ocorreu na madrugada do 3 de agosto de 2024, en plenas festas da parroquia de Matamá, cando un dos brazos do Saltamontes partiuse e un mozo de 36 anos, Iván C.H., caeu e sufriu lesións que lle causaron a morte.
O Equipo de Seprona da Garda Civil de Pontevedra investiga a un home, veciño de Vigo, por un presunto delito de malos tratos a animal doméstico tras localizar a un cabalo con varias feridas. Segundo explicou nun comunicado o Instituto Armado, os feitos producíronse o 19 de xaneiro cando os axentes, tras unha inspección técnica ocular nun terreo rústico localizaron a dous cabalos, ambos sen marcas de identificación externa algunha e carecendo de microchip de identificación.
Un dos equinos estaba atado na parcela cunha corda que non tiña sistema antitorsión, non presentaba lesións e está nutrido. Polo que, aparentemente, está en bo estado de saúde. O outro equino estaba atado na parcela rústica contigua cunha corda e un cabezal de cadea metálica, que estaba incrustado na cabeza e no fuciño do animal provocándolle feridas abertas e de certa profundidade.
As feridas de maior gravidade tíñaas na nunca e na zona superior do fuciño, aínda que toda a zona abrazada polo cabezal de cadea metálica estaba a enterrarse na carne do animal. Os axentes deduciron que o cabezal foi colocado hai moito tempo, o animal creceu e o cabezal está tan tensionado que se enterra por baixo da pel do cabalo.
Ademais, na pata esquerda ten unha ferida xa cicatrizada e con pouco pelo que está relacionada coa rozadura da corda á cal está atado. Os axentes localizaron e investigaron ao propietario dos cabalos, ao que lle atribúen un delito contra os animais e as dilixencias foron enviadas á área de Medio Ambiente da Fiscalía. Así mesmo, os efectivos actuantes solicitaron a asistencia dun veterinario para atender ao animal das lesións e facerlle un seguimento.
Juan Magán, Álvaro de Luna, Taburete e Marlena son as novas incorporacións confirmadas ao cartel do Galicia Fest, que se celebrará os días 26 e 27 de xuño no Peirao de Transatlánticos de Vigo. Así o anunciou este xoves a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, quen lembrou que estes artistas se suman á actuación da La Reina del Flow, fenómeno musical latinoamericano coñecido polo seu éxito en Netflix e que tamén estará presente no festival.
Acompañada da delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, entidade que tamén patrocina o evento, Sánchez explicou que as catro novas actuacións terán lugar o sábado, unha das xornadas principais do festival. Ademais, destacou que as entradas xa están á venda desde 25 euros, co obxectivo de facilitar o acceso ao público. A vicepresidenta provincial reivindicou que “o Galicia Fest 2026 promete espectáculo e variedade, con música para todos os gustos e un cartel diferenciador”, pensado para ofrecer propostas que non coincidan con outros festivais do panorama estatal.
Sánchez avanzou tamén que o cartel completo aínda está en proceso de peche, polo que nas próximas semanas anunciaranse novas confirmacións. Iso si, asegurou que o festival contará con “acento galego” e representación local, reforzando a presenza de artistas da comunidade nun evento que aspira a consolidarse como unha das grandes citas musicais do verán en Galicia.
O temporal que afecta estes días a Galicia tamén obrigou a cancelar e a desviar varios voos tanto no aeroporto de Peinador, en Vigo, como no de Alvedro, na Coruña. Segundo informaron a Europa Press fontes de Aena, en Peinador, o voo procedente de Barcelona desviouse ao aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, polo que se cancelou o voo asociado de saída. Ademais, un avión procedente de Madrid regresou a orixe ao non poder aterrar en Vigo.
Por iso, tamén se cancelou o de saída a Madrid. Pola súa banda, no aeroporto da Coruña, o voo procedente de Madrid regresou a orixe por mala meteoroloxía en destino; mentres que outro voo procedente de Gatwick desviouse ao Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro.
O BNG de Vigo esixiu un “cambio radical” no modelo de transporte urbano da cidade tras analizar os datos de uso dos últimos anos. Segundo apuntan os nacionalistas nun comunicado, o servizo de autobús perdeu 1,3 millóns de viaxeiros desde o ano 2019, unha cifra que cualifican de “alarmante”. Para a formación nacionalista, esta caída non é froito do azar, senón da “precarización continua” dun sistema que, ao seu xuízo, non ofrece unha alternativa real ao uso do vehículo particular.
O portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, sinalou directamente como causas principais o “recorte” de 250 frecuencias diarias aplicado desde a pandemia, a desregularización dos horarios e o mantemento dun mapa de liñas “obsoleto” que non responde ás necesidades actuais da veciñanza. “Con menos buses circulando, con peores horarios e con este mapa é imposible que aumente o uso”, criticou Igrexas, incidindo en que a calidade actual do servizo está moi lonxe de ser competitiva.
Ademais, o BNG advertiu de que esta situación non se vai reverter coas condicións do novo contrato que prevé licitar o goberno local. Segundo o portavoz nacionalista, os pregos da futura concesión non contemplan un incremento no número de vehículos nin de condutores, o que na práctica “impide recuperar as frecuencias recortadas e mellorar os horarios”. Para Igrexas, sen un aumento real dos medios materiais e humanos, o autobús urbano de Vigo seguirá perdendo peso fronte ao coche privado.
O que está a acontecer este inverno na costa da ría de Vigo non é ninguna sorpresa, e tampouco ten causas extraordinarias, se cadra este ano nótase un pouquiño máis, mais esa precisamente é a tendencia, que o retroceso da costa e a erosión do litoral aumenten ano a ano. Os padróns son ben coñecidos e están estudados a partir dos rexistros de décadas. Non hai misterio, o nivel do mar está a aumentar e o litoral móvese costa arriba. A partires dos rexistros medios mensuais dos mareógrafos do Porto de Vigo entre 1943 e 2018, a NOAA estima a subida en 2,05 mm por ano (+/-0.38, 95%), por riba da media mundial de 1,8 mm por ano. Cálculos máis afinados realizados por investigadoras do IEO para o período de 1943 a 2010 resultaban nunha subida media anual de 2,43 mm en Vigo, que considerando os axustes isostáticos (PGR-Post Glacial Rebound) serían 2,68 mm por ano. En se ben o ascenso do nivel do mar se modula en períodos de aproximadamente unha década e, portanto, se precisa tempo para fixar a taxa a longo prazo, disque o aumento do nivel do mar estaría a acelerarse, puidéndose superar en Vigo os 3 mm cada ano.
Porén, tan importante como a taxa media é a variabilidade do proceso. A miúdo son os extremos os que chaman a nosa atención, no entanto ignoramos as mudanzas de fondo. E resulta que no estudo comparativo do EIO para os portos de Santander, A Coruña e Vigo, a costa das rías non só aparece coa maior taxa media de subida, tamém ten a máxima variabilidade, é dicir, os eventos máis extremos. Un exemplo: se ben as mareas vivas equinocciais acadan en Vigo un rango por volta dos catro metros, as mareas mesmas movéronse arriba e abaixo nun rango de 653 mm. Esta variabilidade é un contributo da atmósfera, das baixas e altas presións, dos temporais e das cheas dos ríos que reforzan ou amortecen os efectos das mareas empurrando a auga contra a costa. Así pois, a ría de Vigo non apenas rexistra unha das maiores taxas de aumento do nivel do mar na península, este aumento ten lugar nun ambiente con eventos máis extremos.
As consecuencias da subida do nivel do mar e o retroceso da costa non collen por sorpresa a ninguén, e as solucións son ben evidentes para calquera. En 2024 a Dirección General de Carreteras incluira xa a PO-11 entre Pontevedra e Marín para avaliar o risco de anegamento no marco do Plan Nacional de Adaptación al Cambio Climático. Esta estrada foi construída como dique de contención apara o recheo de ENCE, e dende a sua construción, en pleno franquismo, ven sendo periódicamente inundada, cada vez con maior frecuencia. Este febreiro a última e máis grave inudación rexistrada tivo a estrada cortada cinco dias nada menos, e a solución dada polo ministerio é subila de cota para mantela operativa. Non hai outra. E do mesmo modo, se queremos conservar as praias debemos permitir que retrocedan sobre a costa elevándose conforme o nivel do mar ascende. Mais para isto non parece haber plan do ministerio nin doutras administracións públicas; e tamén non hai outra.
A diferencia das estradas, que podemos elevar e reconstruir en vertical, mesmo sobre pilotes, as praias deben manter un equilibrio dinámico coas ondas, coas correntes litorais, cos ventos e coa topografía do fondo mariño. Por iso as praias non suben chanzos, e se tras delas construimos muros, ficarán simplemente inundadas pola suba do mar e convertidas en fondos mariños, que é o que está a ocurrir baixo o paseo de Panxón, no entando a praia retorcede sobre o río Muiños, onde aínda ten sitio pàra facelo. Non é apenas un problema de ‘erosión’, senón de espazo. O mesmo está a suceder baixo o paseo de Samil, e vai ocurrir en toda a beiramar se non deixamos espazo ás praias retorceder. Por tanto, hai que elexir: ou temos praias na beiramar ou temos muros, paseos, estradas e urbanizacións en primeira liña. Se queremos praias eses obstáculos deben ser expopiados e derrubados. Non é un problema económico. Non houvo nen hai problema para expropiar a propiedade privada -ou enaxenar a pública-, para facer esas autoestradas, rúas, portos, hoteis ou centros comerciais que rechean e limitan a beiramar. Por que non se pode facer o mesmo para conservar as nosas praias? Ou é que non se quere? Ou será que uns poucos non queren? Que estamos a protexer, as piscinas privadas? No 2008, o ministerio presentou un proxecto para derrubar e retranquear o paseo de Samil un cento de metros na totalidade do areal. Xusto fixérase cargo do ministerio Elena Espinosa, que hoxe é concelleira de Medio Ambiente no Concello de Vigo. En 2025, a obra finalmente executada polo ministerio xunto ao concello botou para atrás uns míseros 25 metros o treito de 285 metros de paseo, incumplindo mesmo os obxectivos do proxecto de retranquear 400 metros. Que mudou de 2008 para 2025? Non retrocede a praia, recuan as administracións, e perdemos a beiramar.
García, M. J., Tel, E., and Molinero, J. 2012. Sea-level variations on the north and northwest coasts of Spain. Journal of Marine Science, 69: 720–727.
https://doi.org/10.1093/icesjms/fss058
Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible. 2024. Plan de prevención y respuesta ante el cambio climático. Transportes adjudica por 4 millones de euros la evaluación de la resiliencia de las carreteras ante el riesgo de inundaciones. 29/11/2024.
Un axente da Policía Local de Redondela resultou ferido este fin de semana durante unha intervención cun home que foi detido tras tentar reter a unha moza contra a súa vontade no centro urbano de Redondela. Os feitos producíronse a última hora da tarde do sábado, cando os axentes foron alertados pola presenza dun individuo que intentara impedir que unha muller marchase, sen o seu consentimento. A vítima conseguiu finalmente zafarse e fuxir, segundo indicaron testemuñas presenciais.
Coa descrición facilitada, os policías lograron localizar ao sospeitoso, que reaccionou de forma agresiva ao decatarse da presenza policial, chegando a ameazar aos axentes, polo que foi necesario reducilo. Durante o forcexo, un dos policías locais resultou ferido cun corte nunha man, causado polos cristais dunha botella que o individuo lanzara ao chan no transcurso da intervención. O home foi detido e trasladado a un centro médico, mantendo unha actitude violenta mesmo durante o traslado no vehículo policial. Pola súa banda, o axente ferido tamén precisou asistencia sanitaria, sen que transcendera a gravidade das lesións.
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrou este mércores o xuízo contra un acusado de estafar a unha persoa con dous falsos alugueres na cidade olívica. O procesado é un vello coñecido da Policía por casos similares e, segundo declararon os axentes na vista, a finais de 2023 o home xa estaba a ser investigado por outras presuntas estafas. “Ese ano estaba especialmente activo”, apostilou unha das funcionarias, quen confirmou que o sospeitoso utilizaba sempre o mesmo número de teléfono móbil para as súas operacións.
Pola súa banda, o procesado negou os feitos e asegurou que el lle prestara diñeiro previamente á suposta vítima. Segundo a súa versión, as transferencias recibidas eran en concepto de devolución dese préstamo, a pesar de que nos xustificantes bancarios especificábase claramente “Pago de aluguer” ou “Seguro de falta de pagamento”. O home si recoñeceu que cobrou uns 500 ou 600 euros por prestarlle a súa documentación á vítima para alugar un piso, xa que esta non tiña os papeis en regra, pero defendeuse afirmando que el “non se dedicaba a alugar pisos”.
CONTRATOS FALSOS E VIVENDAS INEXISTENTES
A presunta vítima, que tamén declarou na vista, explicou que contactou co acusado para alugar un piso para el e unha casa para un amigo que traía á súa familia desde Sudamérica. Segundo o seu testemuño, chegou a asinar “contratos falsos” e realizou varias transferencias. Porén, descubriu que as vivendas nunca existiron e decidiu denunciar. No xuízo tamén compareceu un suposto cómplice, quen afirmou que só prestou a súa conta bancaria como un “favor” ao principal procesado porque este non podía recibir o diñeiro na súa.
A Fiscalía atribúelles un delito continuado de estafa agravada, ao tratarse dun ben de primeira necesidade como é a vivenda. Por este motivo, pide para o principal acusado seis anos de prisión e unha multa de 4.320 euros, mentres que para o cómplice solicita un ano de cárcere e 1.800 euros de multa. Ademais, reclama a devolución íntegra do diñeiro cos intereses correspondentes. As defensas, pola contra, solicitaron a libre absolución ao considerar que non existen probas suficientes dos feitos.
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a tres anos de cárcere a un home que foi sorprendido durante un control policial mentres se atopaba nun bar da cidade olívica portando máis de 10 gramos de cocaína destinados á venda.
Segundo recolle a sentenza, os feitos producíronse na tarde do 16 de setembro de 2024, cando o acusado estaba no interior dun establecemento hostaleiro de Vigo. Ao local accederon axentes da Policía Nacional para realizar un control preventivo de consumo e menudeo de drogas.
Ao decatarse da presenza policial, o home tratou de ocultar ás súas costas, nun pano, un envoltorio de plástico azul, pero foi sorprendido polos axentes. Tras intervirlle o paquete, comprobaron que contiña algo máis de 10 gramos de cocaína. Ademais, durante o cacheo tamén lle atoparon outro envoltorio cunha pequena cantidade de cannabis.
A Audiencia Provincial considera acreditado que a cocaína tiña como destino a súa venda e non deu credibilidade á versión do acusado, que sostivo no xuízo que adquirira a droga para consumila nunha festa con amigos.
Por estes feitos, o tribunal condenouno por un delito contra a saúde pública á pena de tres anos de prisión, coa aplicación da atenuante de drogadicción, ao constar que o procesado padece un trastorno por consumo de cocaína. Ademais, deberá aboar unha multa de 1.100 euros.
A sentenza non é firme e pode ser recorrida en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).