InicioPolíticaA Deputación reclama iniciar en setembro as reunións do Pacto por Peinador

A Deputación reclama iniciar en setembro as reunións do Pacto por Peinador

Luisa Sánchez asegura que a Xunta e AENA responderon favorablemente á proposta e avanza unha achega de 200.000 euros para promocionar cada nova ruta que se abra no aeroporto de Vigo

PUBLICADO O

- Advertisement -

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, instou á Xunta de Galicia e a AENA a iniciar durante o mes de setembro as reunións para poñer en marcha o denominado Pacto por Peinador, unha proposta coa que a institución provincial pretende coordinar ás distintas administracións para favorecer a recuperación de conexións aéreas no aeroporto de Vigo.

Sánchez indicou este martes que tanto o Goberno galego como o xestor aeroportuario estatal responderon favorablemente ás comunicacións enviadas pola Deputación despois de que a vicepresidenta formulase hai dúas semanas a creación deste marco de colaboración.

A intención é que os primeiros encontros permitan definir unha estratexia conxunta e concretar as actuacións que poderá asumir cada administración. Entre as conexións que xa foron analizadas figuran destinos como París, Londres, Milán ou Amsterdam, que, segundo Sánchez, poden constituír “un punto de partida idóneo” para estudar a incorporación de novos voos desde Peinador.

A vicepresidenta considera que as reunións previstas para setembro deberán servir para ordenar os seguintes pasos e determinar como se poden combinar os recursos económicos dispoñibles por parte das institucións participantes.

Dentro desta proposta, a Deputación de Pontevedra comprometeuse a destinar 200.000 euros durante o primeiro ano por cada nova conexión aérea que se incorpore ao aeroporto vigués. Os fondos estarían dirixidos á promoción da ruta nos lugares de orixe dos viaxeiros.

“É unha aposta concreta, con recursos fixados e cunha meta moi clara: que Peinador teña máis e mellores conexións”, afirmou Sánchez.

A responsable provincial admitiu, con todo, que a recuperación da actividade do aeroporto de Vigo presenta dificultades, aínda que sostivo que existe “unha forte vontade” entre as administracións que xa responderon á proposta para avanzar nunha estratexia compartida.

O plantexamento da Deputación busca establecer un marco institucional estable para analizar posibles conexións, estudar a súa viabilidade e coordinar as actuacións de promoción sen que cada organismo desenvolva iniciativas de maneira independente.

Sánchez sinalou tamén que o futuro acordo debería contar coa participación dos axentes económicos e empresariais da área viguesa. A vicepresidenta defendeu a necesidade de “escoitar” estes sectores á hora de definir as prioridades aeroportuarias e pediu ao conxunto das institucións implicadas que se incorporen ao consenso.

Neste contexto, reiterou a invitación ao Concello de Vigo para participar no Pacto por Peinador. Segundo indicou, o alcalde, Abel Caballero, aínda non respondeu á proposta remitida pola Deputación.

A vicepresidenta provincial empregou como referencia o modelo de cooperación desenvolvido arredor do aeroporto de Santiago, onde Concello, Xunta e AENA colaboraron na captación de novas conexións operadas por Wizz Air, sen establecer unha subvención directa á compañía aérea.

“Os aeroportos funcionan mellor cando as administracións colaboran”, manifestou Sánchez, quen defendeu trasladar a Peinador unha fórmula baseada na coordinación institucional para tratar de ampliar a oferta de destinos.

ÚLTIMAS

A Xunta outorga ao Concello de Vigo unha concesión de ocupación para a recuperación ambiental da praia de Ou Vao

A Xunta outorgou ao Concello de Vigo unha concesión para ocupar 20.978,11 metros cadrados...

Piden case 7 anos de cárcere para unha muller acusada de encerrar e maltratar o fillo adolescente da súa parella en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o mércores unha vista preliminar...

O BNG de Vigo propón subir ata un 150 % o IBI para grandes propietarios con vivendas baleiras

O BNG de Vigo propoñerá duplicar o recargo do imposto sobre bens inmobles (IBI)...

Afectados polo PIA do Ofimático de Vigo piden á Xunta que paralice a “trampa” das expropiacións

Afectados o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do Ofimático e Santa Cristina de Vigo...