O grupo municipal do PP en Vigo presentará unha moción no Pleno que se celebrará o vindeiro luns para reclamar a “destitución inmediata” do concelleiro responsable do servizo de bus urbano, Javier Pardo, tras coñecerse un “posible amaño” na licitación do novo concurso (para un contrato valorado en 470 millóns de euros), e para pedir a comparecencia do alcalde, Abel Caballero, e esixirlle información sobre este procedemento.
Así, despois de que Europa Press adiantase que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia apunta a “indicios” de prácticas irregulares, como a presentación de ofertas “de acompañamento” (ofertas non competitivas para dar aparencia de concorrencia, pero sen intención de resultar adxudicatarias da licitación), a voceira municipal do PP, Luisa Sánchez, advertiu de que Javier Pardo debe ser cesado pola súa responsabilidade política “na opacidade e xestión da licitación do transporte urbano”.
“Levamos dous días sen explicacións por parte do goberno municipal nin de Abel Caballero, malia as sospeitas sobre o maior contrato da historia da cidade, de 470 millóns, e a incerteza verbo do futuro do bus municipal, cunha licitación que leva dous meses suspendida, e cun contrato prorrogado que vence o 30 de xuño”, subliñou.
Para a voceira do PP, “non se pode consentir o silencio” e por iso pedirá no vindeiro pleno que, ademais de cesar a Pardo, o alcalde compareza para “dar explicacións á cidadanía”. Así, esixiu que o rexedor aclare que medidas xurídicas e administrativas adoptará o Concello ante o “inquietante informe” da Competencia.Así mesmo, os ‘populares’ pedirán no Pleno ter acceso ao devandito informe e ao expediente administrativo da licitación, porque “o goberno local non pode seguir ocultando esa información á cidade baixo a escusa da confidencialidade”.
