A Sección Quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo, confirmou a medida de 8 meses de liberdade vixiada imposta a un menor por ameazar e intimidar unha profesora do seu instituto, á que lle botaran da clase polo seu mal comportamento, en xaneiro de 2025.
O Xulgado de Menores de Pontevedra considerou probado que, cando esta docente expulsou o alumno, o menor se dirixiu a ela con expresións como “vasme expulsar por isto, tía, de que vas?”, “que puto noxo me dás, sempre igual, ódiote con todas as miñas forzas”, “se me atopas pola rúa xa verás o que che vai pasar, non vas quedar viva, corre, corre, que se non xa verás o que che vai pasar, xa verás como te vas calar, a partir deste momento non vas falar nunca máis”, ou “oxalá teñas un cancro, un cancro de pulmón”.
Como consecuencia desas ameazas, a profesora acabou atemorizada, temendo pola súa integridade física, tendo en conta os antecedentes do estudante, que xa fora expulsado e sancionado con anterioridade en varias ocasións por outros incidentes. O informe forense expón que a profesora sufriu un dano psíquico con reagudización sintomática dun trastorno adaptativo previo, e que tivo que estar de baixa varios meses. Por todo iso, o tribunal impuxo ao menor a medida de 8 meses de liberdade vixiada, a obriga de participar nun programa de resolución de conflitos e de someterse a seguimento psicolóxico ou psiquiátrico; ademais, os seus pais deberán indemnizar a docente con 2.000 euros.
O menor interpuxo recurso, pero a Audiencia rexeitou os seus argumentos e validou a decisión do Xulgado de Menores, expondo na súa resolución que as expresións proferidas polo alumno foron “obxectivamente intimidatorias”.
