InicioPolíticaBesteiro pon o foco nas 100.000 vivendas baleiras de Galicia e esixe...

Besteiro pon o foco nas 100.000 vivendas baleiras de Galicia e esixe á Xunta actuar, poñendo a Vigo como exemplo de boa xestión: “Non mañá nin pasado, senón hoxe”

O líder do PSdeG propón un Banco Público de Aluguer que garanta prezos moderados e seguridade para propietarios e inquilinos. Abel Caballero reivindica as políticas de vivenda de Vigo e acusa os gobernos de Feijóo e Rueda de construír "cero" pisos sociais na cidade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo este venres como exemplo as políticas municipais de Vigo en materia de vivenda e pediu á Xunta que siga ese ronsel, tomando medidas para poñer no mercado de aluguer vivendas baleiras, “pero non mañá nin pasado, senón hoxe”. En declaracións aos medios durante unha visita ao barrio vigués de Navia, o líder dos socialistas galegos lembrou que hai unhas 100.000 vivendas baleiras en Galicia e sinalou que o PSdeG aposta por poñer esas vivendas no mercado con “garantías” para os propietarios e para os inquilinos.

Así, subliñou que se trata de garantías que ofrece “unha administración pública”, polo que instou á Xunta a actuar como intermediaria entre propietarios e inquilinos. Deste xeito, garantiríase unha renda moderada, “que non facilite a especulación”, e, por outra banda, ofreceríanse tamén garantías aos propietarios sobre o pagamento da renda, o mantemento da vivenda e a duración do contrato. “A isto responde a proposta dos socialistas para Galicia, do Banco Público de Aluguer”, lembrou.

Besteiro criticou que o Goberno galego aprace ese tipo de medidas para dentro de seis anos, anunciando 10.000 vivendas para 2030, despois de, segundo denunciou, 17 anos sen construír vivenda pública en Galicia. “Agora quere facela, pero non hoxe, mañá, como di o chiste de Mota”, ironizou. “A resposta é que hai que ser eficaces hoxe, porque é hoxe cando temos este problema, e a mellor fórmula é sacar esas vivendas baleiras ao mercado”, sentenciou.

CABALLERO REIVINDICA AS POLÍTICAS DE VIVENDA DO CONCELLO DE VIGO

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, lembrou que o Goberno bipartito construíu 450 pisos para aluguer social en Navia, mentres que os gobernos de Feijóo e Rueda fixeron “cero”, segundo afirmou. O rexedor asegurou que o Concello xa rehabilitou “máis de mil vivendas” e que, xunto á Zona Franca, ten “en proceso de construción” outras 600 vivendas en Guixar, das que 400 son protexidas. Tamén se referiu a outras vivendas “en proceso de construción”, como as previstas en Beiramar ou noutras zonas da cidade.

“Entre rehabilitacións e o que temos en marcha en vivendas de aluguer, estamos a facer máis vivendas que todas as que pretende facer a Xunta de Galicia”, proclamou, e engadiu que todo iso se fai “sen competencias” e sen recibir “nin un só céntimo” doutras administracións. Caballero tamén puxo en valor a creación da Empresa Municipal de Vivenda, cuxa aprobación inicial recibiu luz verde do Pleno o pasado mes de xullo, así como o plan municipal de aluguer para mobilizar vivendas baleiras. Este programa contempla axudas de ata 20.000 euros para reparacións e adecuacións de pisos que sexan postos en aluguer e, segundo o alcalde, “está a funcionar francamente ben”.

ÚLTIMAS

“12 non son 13”: a comunidade educativa do EEI Vila Laura de Vigo ponlle un 0 á Xunta por deixar sen cubrir unha praza...

A comunidade educativa da EEI Vila Laura de Vigo volveu mobilizarse este venres, e...

O BNG insiste en que Vigo será decisiva para volver ter deputado por Pontevedra

O BNG fixo este venres en Vigo un chamamento á cidadanía que lle dera...

Caballero sobre o Nadal: “A publicidade son eu. Cando a xente ve o meu debuxo, ve Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este xoves na VI Convención de Turespaña,...

A Xunta insiste no seu apoio ao Mundial en Vigo pero advirte da falta de planificación do concello

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, remitiulle unha carta ao alcalde...