InicioPolíticaO BNG insiste en que Vigo será decisiva para volver ter deputado...

O BNG insiste en que Vigo será decisiva para volver ter deputado por Pontevedra

Néstor Rego pide aos "decepcionados" non quedar en casa porque "hai esperanza" co BNG

PUBLICADO O

- Advertisement -

O BNG fixo este venres en Vigo un chamamento á cidadanía que lle dera o seu apoio nas últimas eleccións autonómicas, nas que foi a primeira forza na cidade olívica, para volver contar con representación no Congreso pola provincia de Pontevedra, e insistiu en que só unha maior presenza do BNG nas Cortes garante a defensa dos intereses dos vigueses, dos galegos e das maiorías sociais.

Así o trasladou o deputado Néstor Rego, que participou nun almorzo informativo con medios, no que tamén estiveron a responsábel local do BNG, Carmela González, e o voceiro municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas. Rego fixo balance “con satisfacción e orgullo” dos logros acadados en Madrid e do cumprimento dos compromisos asumidos, aínda que recoñeceu que quedaron cuestións por culminar, como a implantación das cercanías ferroviarias. En todo caso, o deputado do BNG sinalou que “cómpre preguntarse” que fixeron o resto de representantes pola provincia de Pontevedra e por Galicia, cando un único deputado nacionalista presentou máis iniciativas e impulsou máis medidas ca eles, con máis representantes.

Segundo Rego, “hai moita potencialidade” en Vigo e na provincia para que o 29N “poida haber un cambio importante en favor dos intereses de Galicia”, e insistiu en que o BNG pode gabarse de ter cumprido os seus principais compromisos no Congreso: defender os intereses de Galicia e das clases populares, impulsar “políticas sociais e transformadoras” e “ser muro de contención fronte á involución do bloque reaccionario do PP e Vox”.

“HAI ESPERANZA”

Tras afirmar que o BNG é a única forza da esquerda que sobe “e a única que vai subir en Galicia”, fixo un chamamento ás persoas que, nas últimas eleccións xerais, confiaron noutros partidos da esquerda “que prometeron políticas avanzadas” e non cumpriron. “Esas persoas hoxe están desilusionadas, eses partidos quedaron a medio gas, e a decepción, ás veces, pode levar á inacción e a ficar na casa, pero non é a solución”, advertiu. “En Galicia hai unha alternativa, que é o BNG. Ficar na casa é o que queren PP e Vox, non lles fagamos ese favor. Hai esperanza, hai alternativa”, proclamou.

O RETROCESO OU “MÁIS DO MESMO”

Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tras gabarlle o “enorme e coherente” traballo da formación nacionalista nas Cortes, “coas mans libres e sen subordinacións”, advertiu de que os vigueses e galegos se xogan moito o 29 de novembro.

Así, apelou ao voto que confiou nos nacionalistas nas últimas eleccións galegas, para recuperar a representación do BNG pola provincia no Congreso (en 2023 quedaron a 6.000 votos), e evitar “o retroceso ou máis do mesmo”. “Os vigueses poden ter a certeza de que a papeleta do BNG vale o triplo: é a única que fai valer os intereses de Vigo e Galicia, a que vai pular por políticas progresistas e a que vai ser garantía de pechar o paso á ameaza reaccionaria e ao fascismo“, remarcou.

Pérez Igrexas subliñou que “a forza de Vigo vai ser determinante” nos comicios do 29N, e insistiu en que os vigueses que xa confiaron no BNG en febreiro de 2024 teñen agora “a oportunidade de usar esa forza para lograr un BNG cun peso máis decisivo”.

ÚLTIMAS

Caballero sobre o Nadal: “A publicidade son eu. Cando a xente ve o meu debuxo, ve Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este xoves na VI Convención de Turespaña,...

A Xunta insiste no seu apoio ao Mundial en Vigo pero advirte da falta de planificación do concello

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, remitiulle unha carta ao alcalde...

Un inspector de Policía de Vigo denuncia a existencia dun chat policial con información confidencial de persoas e causas policiais

Un xulgado de instrución do Porriño  abriu dilixencias pola actividade dun chat de Telegram...

A protesta pola vivenda en Vigo non deixa de medrar: xa son 60 tendas e ata 40 persoas durmindo cada noite

A acampada pola vivenda en Vigo acada xa as 60 tendas, nas que cada...