Inicio Blog Páxina 522

Dúbidas nas farmacias de Vigo: podo ou non podo deixar ao can atado fóra? “Non todo é branco ou negro”, advirten os veterinarios

A nova Lei de Proteción dos Dereitos e Benestar Animal, que entrou en vigor o pasado venres, establece, no seu artigo 29, que só se permite a entrada en establecementos públicos de animais de compañía que non costitúan un risco para as persoas. Esto supón que os cans e outro tipo de animais de compañía poden entrar xa en establecementos, transporte e demais espazos públicos. Sen embargo, esta lei tamén establece que a norma é sen prexuízo do disposto na normativa sobre saúde pública.

A normativa sobre saúde pública é autonómica, e xa prohibía a entrada destes animais en lugares de uso sociosanitario, como son as farmacias, e en hospitais e outros centros sanitarios. Pero ademais, no seu artigo 27, a Lei de Benestar Animal recentemente entrada en vigor, tamén establece que se prohíbe manter atados (xa sexa a unha farola, a un poste ou a unha arandela deseñada para tal fin) ou deambulando aos cans polo espazo público sen supervisión do seu dono.

Así as cousas, a día de hoxe os cans e outras mascotas de compañía poden entrar en restaurantes, centros comerciais e outros espazos de uso público, como os supermercados, pero non nas farmacias, en hospitais, centros de rehabilitación, fisioterapia, residencias e outros espazos sociosanitarios. Como afirma a presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra (COFPO), Alba Soutelo, en Galicia isto non é nada novo, porque xa se recollía na Lei autonómica 3/2019, do 2 de xullo, de Ordenación Farmacéutica. Antes de 2019 si se permitía entrar con can á farmacia, pero a partir de aí non, a excepción dos cans de asistencia, é dicir, dos que levan os cegos.

Dende esa xa todo o mundo tiña e ten claro que un can non pode entrar nunha farmacia, pero a dúbida agora xorde co feito de deixalo atado fóra. “As persoas chegáronnos ás farmacias o sábado a primeira hora (despois da entrada en vigor da Lei de Benestar Animal o venres) e queixáronse por non poder deixar ao seu can fóra“, explica Soutelo, que engade que “non é culpa nin decisión nosa, non podemos facer nada, porque a lei é de obrigado cumprimento”. Se o farmacéutico permitise atar o can na rúa estaría infrinxindo as normas e, se a persoa o fai igualmente, pode exporse a elevadas multas.

“Estes días, como saiu publicado en moitos medios aínda que logo se desmentise, dicíase que lle puxeran unha multa en Vigo a unha persoa que acudiu á farmacia e deixou atado fóra ao seu can“, recorda a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra. A contía da multa ascendeu aos 500 euros. “Isto creou moito temor nas farmacias de Vigo, que á fin e ao cabo é a cidade con máis habitantes de Galicia, onde hai un gran número de cans“, advirte Soutelo, que asegura que “por iso no COFPO recibimos un montón de consultas de pacientes durante a fin de semana”.

DENDE O COLEXIO MANDARON XA CARTEIS E PIDEN RETIRAR AS ARANDELAS

Así as cousas, a recomendación dende o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, xa non só para os seus colexiados, senón para todos os farmacéuticos de Galicia, é, por un lado, sacar as arandelas que estaban habilitadas ata o de agora para atar aos cans das fachadas das súas farmacias, porque “se as seguen a ter aí o paciente pode atalo e estaslle a facilitar que o faga, cando non está permitido”.

Por outra banda, dende a institución oficial, como informa Alba Soutelo, “xa lles mandamos aos nosos colexiados durante a pasada fin de semana uns carteis provisionais para pegar nas portas, e entre este martes e mércores chegáronlles os definitivos, plastificados, para poñer en escaparates, mostradores ou calquera outro sitio visible“, deixando clara a prohibición tanto de entrar con animais como de deixalos atados no exterior.

PRIMEIRA MULTA INTERPOSTA EN ESPAÑA?

En concreto, o caso ao que se refería Alba Soutelo era o dunha moza viguesa que esta fin de semana deixou ao seu dálmata atado no exterior dunha farmacia en Ronda de Don Bosco para entrar uns minutos a mercar unhas plantillas. Ao saír, agardáballe na porta a Policía Local para comunicarlle que se lle ía multar con 500 euros, que se quedaban en 250 se pagaba a multa de forma anticipada.

A información, publicada por un medio local, estendeuse como a pólvora por todo o territorio nacional, sendo recollida por numerosos medios de comunión, e prendeu as redes sociais, fundamentalmente entre os detractores dalgúns aspectos da nova norma. Con todo, nin a Policía Local da urbe olívica nin o Concello de Vigo rexistraron ningún tipo de sanción por este motivo, segundo informaron saíndo ao paso para desmentir a nova.

Fai tan só unhas horas, o medio local autor da primeira información sobre a multa dixo que finalmente o suceso non rematou en multa, senón nun simple aviso por parte da Policía Local. Sexa como fose, o certo e que serviu para que gran parte da poboación viguesa (e do resto de España) se puxese en alerta.

OS VETERINARIOS ADVIRTEN QUE NON TODO É BRANCO OU NEGRO

Así as cousas, dende o Consello Galego de Colexios Veterinarios fan un chamamento á calma. “A lei di que non se poden deixar na porta sen supervisión, unha cousa é deixalos atados e entrar dentro un momento vixiándoo dende un lugar onde esté visible e se vexa se lle ladra a alguén, por exemplo, que non debería ser sancionable, e outra sería deixalo alí sen supervisión”, indica o presidente do Colexio, Luis Núñez, que ve lóxico que “non poidas deixalo alí sen vixilancia co risco de que faga algo ás persoas”.

Aínda con todo, Núñez explica que “esa sanción, como calquera outra, ten unha tramitación, de tal xeito que quen expedienta é a Policía Local, pero logo quen incoa o expediente pode ser o concelleiro de Medio Ambiente ou o alcalde da cidade, e cabería presentar alegacións á mesma”. É dicir, non todo é branco ou negro, pois hai posibilidade de reclamar a multa e explicar en que circunstancias foi que se procedeu a deixar atado ao animal á porta da farmacia. Tamén pode tratarse dunha urxencia, por exemplo. “Sempre vamos un pouco á anécdota, ao que máis chama a atención, pero hai que ver os matices”, advirte.

O Concello acusa ao BNG de ter “unha cruzada contra o Nadal” e de facer un uso “malintencionado” dos datos

O goberno municipal de Vigo saíu ao paso das críticas do BNG sobre o “falso retorno” económico de mil millóns de euros que, segundo o alcalde, reporta á cidade a campaña do Nadal, e acusou aos nacionalistas de ter “unha cruzada contra o Nadal”. Nunhas declaracións remitidas aos medios, o concelleiro Abel Losada sinalou que o BNG “continúa coa súa guerra contra o Nadal” e utiliza argumentos para cuestionar a “importancia económica e social do Nadal na vida da cidade” que son “absolutamente erróneos, mesmo falsos”.

Así, o BNG sinalou este mércores que, de ser certo ese retorno económico de mil millóns de euros, debería notarse na recadación do IVE polo incremento da actividade económica e na evolución do emprego no sector servizos. Respecto diso, o grupo nacionalista constatou que a recadación do IVE entre novembro de 2022 e xaneiro de 2023 baixou máis de 7 % con respecto ao ano anterior, mentres que o número de empregos creados no sector servizos foi de 192 en novembro e decembro, e xaneiro pechou con 195 empregos menos.

Losada matizou que a evolución da recadación do IVE “vén dada pola aprobación no Congreso do paquete social para axudar ás familias fronte á inflación e a guerra de Ucraína”, un paquete “que sorprendentemente o BNG non apoiou”. No caso do mercado laboral, o edil socialista ve “erros ou mala intención” do BNG, porque a taxa de desemprego non é “absolutamente representativa da potencia dun mercado laboral”, e deben terse en conta a afiliación á Seguridade Social ou a EPA.

Atendendo a eses indicadores, engadiu, o mercado laboral en Vigo e a súa área “mellorou entre finais de 2021 e finais de 2022”. Segundo a EPA, “o mellor indicador”, nese ano aumentaron en 2.000 os ocupados no concello de Vigo e a taxa de desemprego baixou 2,5 puntos, segundo explicou. “O BNG fai unha utilización absolutamente malintencionada dos datos nesta cruzada absolutamente incomprensible, fronte a unha política municipal que só significa éxito económico e social para a cidade, e un reforzo da marca Vigo no conxunto de España e do mundo”, proclamou.

Con todo, Losada non fixo mención a outra das críticas do grupo nacionalista, que acusou directamente ao alcalde de “inventarse” a cifra de mil millóns de euros de retorno económico, da que non se achegou nin informe técnico, nin ningún documento que a avale.

A nai dun menor de 12 anos vese obrigada a chamar á policía por un brote de agresividade do seu fillo

A Policía Local de Vigo informou sobre un dispositivo de apoio prestado aos servizos sanitarios para o traslado dun neno menor de idade e que se atopaba en estado moi agresivo. A nai do menor, de 12 anos de idade, chamou este martes ao 092 para avisar de que o seu fillo estaba a ter un comportamento moi violento, polo que unha dotación se trasladou ao domicilio.

Unha vez na vivenda, os axentes comprobaron que o neno estaba encerrado na cociña e que estaba moi nervioso e agresivo, polo que se deu aviso a unha ambulancia. O persoal sanitario, co apoio dos axentes, conseguiu que o menor se acougase para ser atendido e, posteriormente, de forma voluntaria, accedeu a ser trasladado en ambulancia ao hospital Álvaro Cunqueiro.

O ano pasado transplantáronse na área sanitaria de Vigo 9 corazóns e 18 pulmóns

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou este mércores no acto de entrega de premios da Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI) con motivo da inauguración, no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, da exposición do V Concurso de Carteis para Escolares sobre Doazón e Transplantes, e destacou a importancia das intervencións educativas para fomentar a concienciación respecto diso.

No acto estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Javier Puente; pola delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz; pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López; e polo presidente de ADROVI, Celso García. O titular de Sanidade puxo en valor a actividade de concienciación da doazón dirixida a escolares, porque “permite dotar de coñecemento” aos máis novos, que están nunha idade “moi receptiva”, e así poidan tomar conciencia e transmitir esa información no seu ámbito familiar.

Segundo apuntou, no ano 2022 o Sergas alcanzou a cifra de 128 doantes de órganos, que permitiron a realización de 296 transplantes nos hospitais galegos. No caso do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, o ano pasado foi “histórico” na doazón de determinados órganos, con 9 corazóns e 18 pulmóns. Un fito que foi posible grazas á “xenerosidade” de 27 doantes, e que sumaron un total de 75 órganos. No primeiro trimestre de 2023 Galicia suma 50 doantes, dos que 9 son da área de Vigo. Desde a realización do primeiro transplante en 1981 e ata o final de 2022, en Galicia realizáronse 9.217 transplantes de órganos.

O ex alcalde Manuel Pérez, proposto pola Xunta para presidir o CES

A Xunta de Galicia propuxo ao que foi alcalde de Vigo e conselleiro de Traballo con Manuel Fraga Manuel Pérez Alvarez como novo presidente do Consello Económico e Social de Galicia (CES) tras a marcha de Agustín Herández.

Diso informou o Goberno galego nun comunicado, no que explica que, despois de trasladar esta proposta ás organizacións sindicais empresariais e ao resto de asociacións e entidades representadas no pleno do CES, o conselleiro de Facenda e Administacións Públicas, Miguel Corgos; e a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, elevarán esta proposta conxunta para ocupar a presidencia deste organismo consultivo da Xunta en materia socioeconómica.

O nomeamento corresponderá ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha vez que se produza a comparecencia do candidato proposto ante o Parlamento galego, como establece a lexislación autonómica.

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago e pertencente á súa etapa laboral ao corpo de inspectores de Traballo, Manuel Pérez Álvarez (decembro de 1946) foi conselleiro de Traballo e Asuntos Sociais do Goberno galego (1989-1995), alcalde de Vigo (1995-1999) e membro do Parlamento Europeo (1999-2004).

A Xunta lembrou que durante a súa etapa como conselleiro no Goberno de Manuel Fraga destaca a súa participación na posta en marcha da Renda de Inclusión Social (RISGA). Á fronte do Consello Económico e Social de Galicia, corresponderalle presidir este foro permanente de diálogo e deliberación entre a sociedade civil e a administración autonómica.

BNG acusa a Caballero de “estafar” aos vigueses por mentir co “retorno millonario” do Nadal

O grupo municipal do BNG de Vigo esixiu este mércores ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que “non volva tentar estafar aos vigueses con datos inventados” sobre o retorno económico da campaña de Nadal, tras constatar que ese suposto retorno de máis de mil millóns de euros do que presume o rexedor non casa cos datos de recadación tributaria e as cifras de emprego no sector servizos durante eses meses.

Nun comunicado remitido aos medios, o portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, lembrou que o alcalde “se atreveu a dicir que o Nadal era a principal industria da cidade“, un “absoluto disparate” por parte de Caballero, que non achegou “nin datos oficiais, nin informes técnicos nin ningún indicador obxetivable” que o avalase.

Pérez Igrexas denunciou que o goberno local utiliza ese suposto movemento económico para “xustificar” a “imposición” dun modelo de campaña do Nadal que, durante tres meses, “reduce a cidade a un parque temático inhabitable e inseguro”. “A cifra de mil millóns de euros de retorno só existe na cabeza do alcalde”, constatou o edil do BNG.

Respecto diso, explicou que, segundo os datos desagregados de recadación do IVE feitos públicos pola Axencia Tributaria, nos meses de novembro de 2022 a xaneiro de 2023, esa recadación baixou un 7,37 % con respecto ao Nadal anterior. Así mesmo, engadiu, as cifras de desemprego reflicten que, en novembro e decembro creáronse só 192 empregos no sector servizos, mentres que xaneiro acabou con 195 empregos menos.

Segundo sinalou Pérez Igrexas, “un catedrático de Economía” como Abel Caballero é “perfectamente consciente” de que un retorno económico de mil millóns de euros tería que ter reflexo tanto na recadación impositiva como na creación de postos de traballo.

Caos circulatorio en Vigo tras un accidente no túnel da Madroa preto da feira de Conxemar

0

Un accidente con dous feridos no que se viron implicados cinco vehículos rexistrado á primeira hora da mañá na AP-9 en Vigo provocou retencións nos accesos á cidade olívica, que vive este mércores a segunda xornada da feira Conxemar. A colisión por alcance de cinco vehículos produciuse ás 08,20 horas no túnel da Madroa da Autoestrada do Atlántico, segundo trasladou o CIAE 112.

O incidente provocou a interrupción do tráfico na zona e xerou importantes retencións na vía que serve de circunvalación na cidade olívica. Alí ten lugar este mércores a segunda xornada da 24ª edición da Feira de Produtos do Mar Conxelados, Conxemar, que reúne a máis de 700 empresas do sector ata este xoves no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi).

Durante a xornada inaugural producíronse colas nas vías de acceso aos pavillóns. Este ano, o plan de tráfico especial cortou a entrada 157 da AP-9 desde a Avenida do Tranvía de Vigo, converténdose este tramo da rúa dun único sentido cara ao Ifevi. Ademais, para acceso exclusivo de expositores, abriuse un ramal ata agora inhabilitado que conecta a AP-9 co aparcadoiro do recinto.

Un veciño da cidade xubilado recupera máis de 10.000 euros tras reclamar no xulgado o complemento por maternidade

Un veciño de Vigo xubilado logrou que un xulgado da cidade recoñeza o seu dereito a percibir o complemento por maternidade, e recuperou algo máis de 10.000 euros, nun proceso no que foi asistido por Unive Avogados.

A sentenza do Xulgado do Social nº6 de Vigo do pasado 26 de setembro confirmou o seu dereito de percibir o complemento por maternidade na súa pensión desde o 18 de xaneiro de 2018, data de inicio da súa xubilación, a pesar de que o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) denegáralla.

Deste xeito, este xubilado recuperará uns 10.140 euros como resultado da retroactividade total, calculada desde a data de inicio da súa pensión ata a data de efectos recoñecida pola sentenza de instancia. Este recobro traducirase nun aumento vitalicio da súa pensión ao 5 %.

O avogado de Unive, Jesús Soage, resaltou que “esta sentenza constitúe un triunfo significativo para todos aqueles individuos que buscan o recoñecemento dos seus dereitos” e sinalou que, na actualidade, “só aqueles afectados que recorren ás vías de reclamación teñen posibilidades factibles de conseguir o complemento”.

A Lei xeral da Seguridade Social estableceu o dereito a cobrar ese complemento ás mulleres que, por ter fillos, viron afectadas as súas traxectorias profesionais e cotizacións; posteriormente, o Tribunal da UE determinou que non se podía facer distinción entre homes e mulleres na aplicación dese dereito.

O xulgado Vigo sinala na súa sentenza que a directriz europea é “directamente aplicable” ás pretensións deste veciño da cidade, mesmo aínda que a súa fose unha xubilación anticipada involuntaria. Por iso, estimou a demanda e condenou á Seguridade Social.

Conxemar volve pedir unha ampliación do Ifevi e Pontón reclama baixar o IVE do peixe

O presidente de Conxemar, Eloy García, insistiu este martes en reivindicar unha nova ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para que a Feira de Produtos do Mar Conxelados poida competir na “liga das grandes feiras”.

Así o sinalou en declaracións aos medios de comunicación na xornada de inauguración do evento, que se levará a cabo na cidade olívica ata o vindeiro xoves.

García subliñou o “éxito” de Conxemar, xa que nesta 24ª edición “hai máis espazo expositivo ocupado que nunca“. “Xa non cabe máis“, engadiu, pedindo unha nova ampliación do Ifevi para poder manter a feira “no podio” dos grandes eventos do sector.

O presidente tamén falou do plan de tráfico que por primeira vez conta a feira, indicando que “está a funcionar que dá xenio”, reducindo as retencións, aínda que si se rexistraron atascos a certas horas da mañá.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sumouse a esta reivindicación. En declaracións aos medios de comunicación antes da inauguración oficial da feira, Pontón puxo en valor Conxemar que, segundo dixo, “coloca a Vigo e a Galicia no mapa internacional” ao ser un “referente” no sector.

Para ela, é “fundamental” que a feira manteña a súa sede en Vigo, polo que “baixo ningunha circunstancia se pode permitir que se perda a súa sede” xa que “sería unha perda irreparable”. Pontón indicou que “hai moita competencia e tamén presión para que Conxemar non siga en Vigo”, polo que insistiu na necesidade de ampliar o recinto feiral e ter unha mentalidade a “medio prazo”.

“É importante que todas as administracións e o conxunto da sociedade galega mobilicémonos para que Conxemar siga tendo a súa sede en Vigo”, engadiu, asegurando que o BNG levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa para ampliar o Ifevi porque “non se pode permitir que unha feira como Conxemar se poña en risco porque non ten as instalacións suficientes”.

Por outra banda, ela sumouse a unha das reclamacións do sector, a baixada do IVE ao peixe, esperando que o Goberno tome esta medida para facer fronte á crise económica e así aumentar as vendas deste alimento e axudar á industria.

Un incendio deixa danos materiais no almacén dun comercio en Redondela

0

Un incendio rexistrado este martes no almacén dun comercio en Redondela saldouse con danos materiais, segundo informou o CIAE 112 Galicia.

A alerta activouse sobre as 17,00 horas, cando un particular avisou a Emerxencias de que se estaba producindo un incendio nese establecemento, situado na rúa Pai Crespo. A testemuña tamén confirmou que non había persoas afectadas.

O 112 Galicia deu aviso aos bombeiros de Vigo e do Porriño, ao GES de Mos, á Policía Nacional e Local e a Protección Civil de Redondela. Unha vez finalizada a intervención, os servizos de Emerxencias informaron de que as chamas quedaran extinguidas e que se estaban levando a cabo tarefas de ventilación.

A pesar de que ninguén resultou ferido, os axentes da Policía Local deron indicacións aos veciños para que pechasen as xanelas das súas vivendas, debido á gran acumulación de fume que, ademais do almacén, afectou os inmobles lindeiros.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed