InicioSociedadeDúbidas nas farmacias de Vigo: podo ou non podo deixar ao can...

Dúbidas nas farmacias de Vigo: podo ou non podo deixar ao can atado fóra? “Non todo é branco ou negro”, advirten os veterinarios

Dende o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra aseguran que recibiron un aluvión de chamadas durante a fin de semana preguntando sobre a nova Lei de Benestar Animal. O Consello Galego de Colexios Veterinarios pide calma, e explica que as sancións sempre teñen posibilidade de ser recurridas.

PUBLICADO O

A nova Lei de Proteción dos Dereitos e Benestar Animal, que entrou en vigor o pasado venres, establece, no seu artigo 29, que só se permite a entrada en establecementos públicos de animais de compañía que non costitúan un risco para as persoas. Esto supón que os cans e outro tipo de animais de compañía poden entrar xa en establecementos, transporte e demais espazos públicos. Sen embargo, esta lei tamén establece que a norma é sen prexuízo do disposto na normativa sobre saúde pública.

A normativa sobre saúde pública é autonómica, e xa prohibía a entrada destes animais en lugares de uso sociosanitario, como son as farmacias, e en hospitais e outros centros sanitarios. Pero ademais, no seu artigo 27, a Lei de Benestar Animal recentemente entrada en vigor, tamén establece que se prohíbe manter atados (xa sexa a unha farola, a un poste ou a unha arandela deseñada para tal fin) ou deambulando aos cans polo espazo público sen supervisión do seu dono.

Así as cousas, a día de hoxe os cans e outras mascotas de compañía poden entrar en restaurantes, centros comerciais e outros espazos de uso público, como os supermercados, pero non nas farmacias, en hospitais, centros de rehabilitación, fisioterapia, residencias e outros espazos sociosanitarios. Como afirma a presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra (COFPO), Alba Soutelo, en Galicia isto non é nada novo, porque xa se recollía na Lei autonómica 3/2019, do 2 de xullo, de Ordenación Farmacéutica. Antes de 2019 si se permitía entrar con can á farmacia, pero a partir de aí non, a excepción dos cans de asistencia, é dicir, dos que levan os cegos.

Dende esa xa todo o mundo tiña e ten claro que un can non pode entrar nunha farmacia, pero a dúbida agora xorde co feito de deixalo atado fóra. “As persoas chegáronnos ás farmacias o sábado a primeira hora (despois da entrada en vigor da Lei de Benestar Animal o venres) e queixáronse por non poder deixar ao seu can fóra“, explica Soutelo, que engade que “non é culpa nin decisión nosa, non podemos facer nada, porque a lei é de obrigado cumprimento”. Se o farmacéutico permitise atar o can na rúa estaría infrinxindo as normas e, se a persoa o fai igualmente, pode exporse a elevadas multas.

“Estes días, como saiu publicado en moitos medios aínda que logo se desmentise, dicíase que lle puxeran unha multa en Vigo a unha persoa que acudiu á farmacia e deixou atado fóra ao seu can“, recorda a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra. A contía da multa ascendeu aos 500 euros. “Isto creou moito temor nas farmacias de Vigo, que á fin e ao cabo é a cidade con máis habitantes de Galicia, onde hai un gran número de cans“, advirte Soutelo, que asegura que “por iso no COFPO recibimos un montón de consultas de pacientes durante a fin de semana”.

DENDE O COLEXIO MANDARON XA CARTEIS E PIDEN RETIRAR AS ARANDELAS

Así as cousas, a recomendación dende o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, xa non só para os seus colexiados, senón para todos os farmacéuticos de Galicia, é, por un lado, sacar as arandelas que estaban habilitadas ata o de agora para atar aos cans das fachadas das súas farmacias, porque “se as seguen a ter aí o paciente pode atalo e estaslle a facilitar que o faga, cando non está permitido”.

Por outra banda, dende a institución oficial, como informa Alba Soutelo, “xa lles mandamos aos nosos colexiados durante a pasada fin de semana uns carteis provisionais para pegar nas portas, e entre este martes e mércores chegáronlles os definitivos, plastificados, para poñer en escaparates, mostradores ou calquera outro sitio visible“, deixando clara a prohibición tanto de entrar con animais como de deixalos atados no exterior.

PRIMEIRA MULTA INTERPOSTA EN ESPAÑA?

En concreto, o caso ao que se refería Alba Soutelo era o dunha moza viguesa que esta fin de semana deixou ao seu dálmata atado no exterior dunha farmacia en Ronda de Don Bosco para entrar uns minutos a mercar unhas plantillas. Ao saír, agardáballe na porta a Policía Local para comunicarlle que se lle ía multar con 500 euros, que se quedaban en 250 se pagaba a multa de forma anticipada.

A información, publicada por un medio local, estendeuse como a pólvora por todo o territorio nacional, sendo recollida por numerosos medios de comunión, e prendeu as redes sociais, fundamentalmente entre os detractores dalgúns aspectos da nova norma. Con todo, nin a Policía Local da urbe olívica nin o Concello de Vigo rexistraron ningún tipo de sanción por este motivo, segundo informaron saíndo ao paso para desmentir a nova.

Fai tan só unhas horas, o medio local autor da primeira información sobre a multa dixo que finalmente o suceso non rematou en multa, senón nun simple aviso por parte da Policía Local. Sexa como fose, o certo e que serviu para que gran parte da poboación viguesa (e do resto de España) se puxese en alerta.

OS VETERINARIOS ADVIRTEN QUE NON TODO É BRANCO OU NEGRO

Así as cousas, dende o Consello Galego de Colexios Veterinarios fan un chamamento á calma“A lei di que non se poden deixar na porta sen supervisión, unha cousa é deixalos atados e entrar dentro un momento vixiándoo dende un lugar onde esté visible e se vexa se lle ladra a alguén, por exemplo, que non debería ser sancionable, e outra sería deixalo alí sen supervisión”, indica o presidente do Colexio, Luis Núñez, que ve lóxico que “non poidas deixalo alí sen vixilancia co risco de que faga algo ás persoas”.

Aínda con todo, Núñez explica que “esa sanción, como calquera outra, ten unha tramitación, de tal xeito que quen expedienta é a Policía Local, pero logo quen incoa o expediente pode ser o concelleiro de Medio Ambiente ou o alcalde da cidade, e cabería presentar alegacións á mesma”. É dicir, non todo é branco ou negro, pois hai posibilidade de reclamar a multa e explicar en que circunstancias foi que se procedeu a deixar atado ao animal á porta da farmacia. Tamén pode tratarse dunha urxencia, por exemplo. “Sempre vamos un pouco á anécdota, ao que máis chama a atención, pero hai que ver os matices”, advirte.

ÚLTIMAS

Vigo, epicentro da fabricación das narcolanchas

As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado aumentaron nos últimos días a presión policial...

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...