Inicio Blog Páxina 521

Chocan cun coche roubado contra un camión durante unha persecución policial en Vigo

0

Tres persoas resultaron feridas de consideración, na mañá deste sábado, tras chocar o coche que conducían, que era roubado, contra un camión durante unha persecución policial na rotonda de Beade na VG-20, en Vigo.

Así, segundo explicaron fontes policiais a Europa Press, a Policía Local de Vigo foi requirida pola Garda Civil por un vehículo que se estaba dando á fuga na AP-9 e que continuaba dirección VG-20.

Estas mesmas fontes detallaron que o motivo da fuxida era por un suposto roubo na localidade pontevedresa de Tui e, ademais, o vehículo no que circulaban, un home e dúas mulleres, figuraba como subtraído.

Nese momento, desprazáronse cara á VG-20, e tanto a Policía Local como a Policía Nacional estableceron un dispositivo para tentar pechar a súa saída. O condutor tomou a saída do Hospital Álvaro Cunqueiro, pero en lugar de dirixirse cara a Clara Campoamor dirixiuse ao Parque Tecnolóxico de Valladares.

Nesa saída, cunha curva á dereita moi pronunciada, o condutor perdeu o control do vehículo e chocou contra un camión que circulaba de forma correcta.

Segundo confirmou o 112 a Europa Press, ás 10,50 horas a Garda Civil deu a voz de alarma á central de emerxencias sobre este sinistro, indicando que parecía que as persoas non podían saír polos seus propios medios.

Con todo, pouco despois informaron que todos os ocupantes estaban fóra do vehículo e accesibles. Así, a central de emerxencias pasou información aos servizos sanitarios, ao servizo de mantemento das estradas e aos bombeiros de Vigo. O tres ocupantes foron traslados ao hospital Álvaro Cunqueiro por feridas de consideración.

Unha muller de 78 anos alcanzada por un coche no porto de Cangas

0

Unha muller de 78 anos tivo que ser evacuada en ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo despois de ser alcanzada por unha furgoneta no porto de Cangas (Pontevedra).

Trátase do cuarto atropelo rexistrado na mañá deste xoves nas estradas galegas despois dos rexistrados en Ourense, Melide (A Coruña) e Touro (A Coruña). O primeiro foi, polo momento, a de máis gravidade cunha muller evacuada a un centro hospitalario con feridas severas ao ser arroiada por un guindastre.

En Cangas, o atropelo produciuse ás 08,15 horas da mañá deste xoves na estrada PO-551, onde unha furgoneta arroiou a unha muller de 78 anos. O propio condutor deu a voz de aviso á central de emerxencias, que trasladou a alarma a Urxencia Sanitarias 061. A vítima foi recollida nunha ambulancia de soporte vital básico para a súa evacuación ao Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Localizado en Vigo un mozo de 15 anos de idade que fuxira dun centro de menores

0

Axentes da Policía Local de Vigo localizaron a un mozo de 15 anos de idade, que accedera a unha vivenda de forma ilegal, e que resultou estar fuxido dun centro de menores.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada deste xoves, cando o 092 recibiu un aviso para acudir a unha vivenda da Travesía de Numancia, onde dous descoñecidos entraran de forma ilegal.

A Policía desprazouse ao lugar e deu aviso ao propietario do inmoble. Unha vez na zona, os axentes observaron a un mozo e unha moza, aos que indicaron que saísen. A muller, de 21 anos de idade e natural de Gondomar, explicou aos funcionarios que accedera ao interior da vivenda para pasar alí a noite cun amigo. O mozo manifestou nun primeiro momento estar indocumentado, pero os axentes localizaron o seu DNI entre as súas pertenzas.

Así puideron constatar que sobre o menor pesaba unha orde de procura por ausentarse dun centro tutelado, polo que foi trasladado a dependencias policiais. Pola súa banda, o propietario da vivenda presentouse no lugar e expresou que non desexaba presentar denuncia.

Unha moza acepta 2,5 anos de cárcere ou ingreso psiquiátrico tras recoñecer que incendiou a súa casa

Unha moza de 21 anos de idade aceptou a pena de 2 anos e medio de prisión ou internamento nun centro psiquiátrico por período non superior a ese tempo, tras recoñecerse autora dun delito de incendio e admitir que prendeu lume á súa vivenda en Vigo, coa súa nai e o noivo dela dentro do domicilio.

Así se acordou nunha vista de conformidade celebrada na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo. Ademais da pena privativa de liberdade, impúxose o pago de algo máis de 6.300 en indemnizacións polos danos que causou o incendio á comunidade de propietarios e a algúns veciños nas súas vivendas. Na aplicación da pena tívose en conta a eximente incompleta de alleamento mental, xa que a moza padece un trastorno de saúde mental que fixo que, no momento dos feitos, a súa capacidade volitiva estivese afectada.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, que pedía inicialmente 5 anos de cárcere, os feitos remóntanse á madrugada do 25 de agosto de 2020, cando a acusada, “con ánimo de queimar a súa casa e consciente do risco”, prendeu lume ao sofá do salón do domicilio familiar. A continuación, a moza, que entón tiña 18 anos, saíu da vivenda, un dúplex na zona das Travesas.

No domicilio atopábanse nese momento a nai da nova e a súa parella, ademais do can da familia. A nai puido saír da vivenda, pero o seu noivo quedou bloqueado polas chamas e o fume, e tivo que ser rescatado polos bombeiros desde unha xanela dunha habitación. O edificio foi desaloxado e as chamas causaron importantes danos na vivenda familiar, así como danos noutros pisos e na fachada do edificio. Ademais, no incendio faleceu o can da familia.

A acusada padece un trastorno de personalidade límite con trazos desadaptativos e trastorno por uso de sustancias tóxicas (cannabis e alcol), que lle ocasionan problemas de autocontrol e que, no momento dos feitos, afectaban de maneira importante ás súas facultades volitivas.

Vigo mantén as súas opcións para ser sede do Mundial 2030 segundo o alcalde Abel Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este xoves que a cidade mantén as súas opcións para ser sede dalgún dos partidos do Mundial de Fútbol de 2030, que terá lugar en España, Portugal e Marrocos, e, tras asegurar que o proxecto vigués é “moi sólido”, acusou ao PP local e ao seu portavoz municipal, Marta Fernández-Tapias, de oporse.

O rexedor olívico mostrou a súa satisfacción pola adxudicación da celebración deste macroevento deportivo á candidatura presentada por España, Portugal e Marrocos (aínda que os partidos inaugurais serán en Sudamérica), e lembrou que “agora vén a seguinte fase”, é dicir, haberá que decidir, en 2024, que estadios en España albergan partidos.

“Nós mantemos con toda a forza a opción de Vigo (…) sabemos que é un proxecto moi sólido, consistente, ten garantías totais de bo funcionamento”, recalcou Abel Caballero, que insistiu en que a cidade pelexará por ser sede “ata o final”.

Con todo, o alcalde lamentou que Marta Fernández-Tapias “decidiu que Vigo está descartado”. “De onde sacou iso, que Vigo non é unha boa opción? Non quere que sexa sede, iso é o que pasa. Están tan obsesionados que todo o que sexa bo para a cidade, eles van estar enfronte”, criticou.

RESPOSTA DO PP

Pola súa banda, o grupo municipal do PP matizou que Fernández-Tapias fixo unhas declaracións nunha entrevista en Onda Cero, na que o xornalista recoñecía que “todo apunta” a que Vigo quedará fóra das sedes elixidas.

A resposta da portavoz ‘popular’ foi que “non está confirmado ao cento por cento, pero todo apunta” e sinalou que “é unha pena”. Segundo engadiu, se o estadio municipal de Balaídos estivese “en condicións”, quizá “fose outra cousa” ou se non se esperou ” 8 anos para facer unha bancada”.

O PP de Vigo pediu a Abel Caballero “que deixe de facer interpretacións e manipulacións interesadas” sobre a posición deste grupo con respecto á candidatura para ser sede do Mundial, e lembrou que foi o propio alcalde é que “asegurara que Vigo ía ser sede”.

Desaloxan a Cidade da Xustiza por unha falsa alarma de incendio

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada por unha falsa alarma de incendio que fixo soar os sinais acústicos minutos antes das 11.00 horas deste xoves. Esta situación obrigou a abadonar o inmoble a todo o persoal e usuarios que se atopaban no interior do edificio xudicial da cidade olívica.

Todos eles foron conducidos polo persoal de seguridade ata o exterior da Cidade da Xustiza, á que, polo momento, non se desprazaron efectivos de bombeiros. Uns 15 minutos despois, tras comprobar que a alarma fora activada sen que respondese a unha situación de emerxencia, permitiuse o acceso ao edificio para retomar a actividade.

Os traballadores de Madeira Fiber ven como “única solución” que Faurecia recompre a empresa

O comité de empresa de Madeira Fiber Technologies, situada na localidade pontevedresa do Porriño, reivindicou que a “única solución” para resolver a situación actual da compañía, en concurso de acredores, é que a auxiliar automobilística Faurecia recompre a firma, tras vendela en 2022.

Así o sinalaron durante a reunión que mantiveron este xoves en Santiago de Compostela coa directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha; a directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toga, e o secretario da Consellería de Industria, Nicolás Vázquez.

Segundo trasladaron os traballadores aos medios de comunicación, o relato dos acontecementos “deixou atónitos” aos responsables políticos, “con ganas de investigar máis a fondo para ver se incorreron nalgún delito social ou mesmo algún tipificado como delito penal”.

O comité indicou que os responsables da Xunta reuniranse co administrador concursal para solicitale toda a documentación. Tamén se porán en contacto con Faurecia, xa que os empregados ven como “única solución” que sexa esta compañía quen recompre Madeira Fiber, “asumindo o seu mal facer ou recoñecendo que foron enganados”. “Deben asumir si ou si as súas responsabilidades con aqueles que ata hai dous días, despois de 20 anos, formaban parte do seu persoal”, sentenciaron.

FEITOS

A situación, segundo explicaron os traballadores, vén dada despois de que en xullo de 2021 Faurecia comunicou aos empregados a venda da unidade produtiva ao grupo Callista Private Equity, tratándose dun fondo voitre alemán.

En xaneiro de 2022 esta compañía tomou o control da planta do Porriño tras o pago dun euro, a pesar de que Faurecia ademais inxectou capital por valor de tres millóns, segundo denuncian os empregados.

Nese momento, os responsables do comprador reuníronse co comité informando de que traían un plan industrial para dar viabilidade ás instalacións. “A realidade que puidemos comprobar foi que nunca tiveron un plan industrial, nin investiron nada para telo, senón todo o contrario, dedicáronse a descapitalizar a planta, chegando mesmo a vender os terreos en xullo de 2022 por un prezo moi inferior ao valor de mercado de 2,4 millóns”, criticou o presidente do comité de empresa, Leonardo Suárez.

“En febreiro deste ano o fondo voitre alemán, seguindo o seu modus operanti habitual, abandona a antiga planta de Faurecia cedendo os activos por 3.600 euros a unha empresa romanesa xestionada por Rüdiger Wisser, personaxe que se define a si mesmo como ‘o enterrador”, engadiu o presidente do comité.

Segundo el, o novo propietario deixou claro que pretendía buscar un novo comprador ou pechar a planta e o pasado xoves, 14 de setembro, presentou o concurso de acredores.

Un operativo antidroga no Morrazo sáldase con dúas detencións

0

A Garda Civil de Pontevedra puxo en marcha un operativo contra o tráfico de drogas na comarca do Morrazo, que se salda polo momento coa detención de dúas persoas e varios rexistros.

Así, segundo puido confirmar Europa Press, a actuación policial ‘explotou’ este mércores, cando levaron a cabo as detencións de dúas persoas e tamén entradas e rexistros, con apoio de cans adestrados na detección de estupefacientes, en inmobles de Cangas e Bueu, así como nun taxi que presta servizo nesta última localidade.

A investigación, coordinada por un xulgado de Cangas e que está baixo segredo de sumario, continúa aberta e non se descartan novas dilixencias ou arrestos.

Un menor entre os tres feridos nun accidente con tres coches implicados en Mos

0

Tres persoas, unha delas un menor de idade, resultaron feridas nun accidente de circulación con tres vehículos implicados rexistrado na tarde noite do mércores no municipio pontevedrés de Mos.

Segundo trasladaron fontes dos servizos de emerxencias, o sinistro tivo lugar ás 19,50 horas na N-550 á altura do cruzamento das Regadas, onde dous coches chocaron e acabaron impactando contra un terceiro que estaba estacionado.

Os servizos sanitarios desprazados ao lugar atenderon a dous adultos, unha muller de 47 anos e a un home de 27 trasladados a centros hospitalarios, ademais da un menor de idade.

Ademais, foi necesaria a intervención dos bombeiros de Mos, xa que un dos ocupantes dos vehículos non estaba accesible e tivo que ser excarcerado.

Unha hora máis tarde, ao redor das 21,00, tivo lugar outro accidente de tráfico no termo municipal de Mos. Segundo a información facilitada polo CIAE 112 Galicia, produciuse na avenida de Puxeiros de Tameiga entre un coche e unha moto.

Unha muller de 78 anos alcanzada por un coche no porto de Cangas eleva a catro os atropelos este xoves en Galicia

0

Unha muller de 78 anos tivo que ser evacuada en ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo despois de ser alcanzada por unha furgoneta no porto de Cangas.

En Cangas, o atropelo produciuse ás 08,15 horas da mañá deste xoves na estrada PO-551, onde unha furgoneta arroiou a unha muller de 78 anos.

O propio condutor deu a voz de aviso á central de emerxencias, que trasladou a alarma a Urxencia Sanitarias 061. A vítima foi recollida nunha ambulancia de soporte vital básico para a súa evacuación ao Álvaro Cunqueiro de Vigo.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed