Inicio Blog Páxina 432

Falece unha moza de 19 ao saírse da vía co coche en Ponteareas cando se dirixía a xogar un partido

0

Unha moza de 19 anos perdeu a vida tras saírse da vía o vehículo no que circulaba pola estrada PO-254, ao seu paso polo municipio pontevedrés de Ponteareas. Segundo informou o 112 Galicia, foi un particular quen alertou deste sinistro no punto quilométrico 4 desta vía, na parroquia de Pías, sobre as 09.50 horas.

Ata o lugar, mobilizados pola central de emerxencias, desprazáronse profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Policía Local, Garda Civil de Tráfico, servizos de mantemento da estrada e efectivos do GES-SPEIS de Ponteareas, que interviñeron para liberar á vítima.

A falecida é unha moza de 19 anos que á primeira hora desta mañá dirixíase a atoparse coas súas compañeiras do club de fútbol Sporting Club San Mateo para disputar un partido en Teo contra a SD Cacheiras, que foi suspendido. Tras transcender a noticia tamén se suspendeu o partido do Sporting Club San Mateo B.

A Federación Galega de Fútbol (RFGF) mostrou a súa “inmensa dor” polo falecemento de Paula Andrea, xogadora de 19 anos do Sporting Club San Mateo de Ponteareas. “Desde a RFGF enviamos un fortísimo abrazo aos seus familiares, ás súas compañeiras e compañeiros e a todos os que forman a familia do Sp. San Mateo”, publicou nas súas redes sociais. Tamén o clube da vítima emitiu un comunicado no que sinala que “non hai palabras para describir” o que senten tras este “terrible suceso”. “Onde esteas, sempre estarás entre nós”, conclúe.

Rescatan a un matrimonio de Vigo atrapado pola neve nunha pista forestal de Cantabria

Os bombeiros do 112 rescataron onte á noite aos dous ocupantes dun vehículo que se quedou atrapado pola neve nunha pista forestal de Cantabria, en Cillorigo de Liébana, concretamente a que vai de Bejes ao Jitu Escarandi. Trátase dun matrimonio de Vigo que, seguindo as indicacións do GPS, introduciuse erroneamente nesta pista e o seu coche quedou atrapado pola cantidade de neve acumulada.

Os bombeiros accederon en 4×4 ata unha zona situada a dous quilómetros da parella e, de aí, continuaron a pé ata o punto exacto onde se atopaba. Despois, regresaron con eles ata o vehículo e trasladáronos a Tama, onde buscaron unha hospedaxe. Mentres, o seu coche quedou no lugar á espera de ser retirado.

Atención viaxeiros: o Halo non funciona como ascensor dentro de Google Maps

A pesares de que o famoso ascensor Halo de Vigo si aparece xa situado en Google Maps, a aplicación non contempla o seu uso. Aparece coma se fose unha escultura ou monumento máis da cidade, pero non como un ascensor que pode acurtar os tempos de desprazamento entre rúas para os veciños e visitantes. Isto supón un verdadeiro problema xa que, tendo en conta que se ubica en Vialia, o complexo comercial que se creou arredor da estación de tren e que ten pegada a estación de autobuses, miles de viaxeiros chegan e marchan cada día cargados de maletas. Se non coñecen Vigo nin saben que existe o recentemente inaugurado Halo, cargarán por empinadas costas coa súa equipaxe sen necesidade, cando poderían ter aforrado tempo e esforzo se Google Maps lles dese esta solución. Polo momento, non o fai, así que igual poderiamos estar falando de que o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, rompeu as regras da aplicación do xigante tecnolóxico Google.

En concreto, dende o Galicia Confidencial fixemos un experimento. Pedímoslle a Google Maps que nos dixese como chegar dende Vialia a varias rúas do centro da cidade ás que sabemos que usando o Halo chegariamos en menos tempo ou máis comodamente. Que nos dirá? Comezamos pola rúa máis evidente: García Barbón, unha das rúas con máis negocios da cidade, pedíndolle á aplicación que nos achegue á rotonda de García Barcón con Rosalía. A súa solución? Camiñar durante 16 minutos, deixando o Halo atrás, baixando pola rúa de Alfonso XIII ata a Avenida de García Barbón para despois percorrela practicamente enteira cara atrás ata a rotonda. Un total de un quilómetro andado, dando un rodeo espectacular e baixando unha costa ben empinada (pero ollo, que á volta hai que subila). Collendo o Halo a distancia ata esa rotonda sería de tan só 4 minutos a pé e 270 metros. Carai se cambiou a cousa!

De Vialia á rotonda de García Barbón con Rosalía sen e con Halo / Google Maps

Poñendo un exemplo máis práctico, imaxinemos que acabamos de chegar á estación de Vialia, xa sexa en tren ou en bus, e precisamos facer un trasbordo a un tren que sae dende a estación de Guixar. Ata que abriu o Halo tiñamos que percorrer 16 minutos andando, cargados con maletas, durante 1,2 quilómetros, baixando a empinada costa de Alfonso XIII (se o trasbordo fose ao contrario, da estación de Guixar a Vialia, habería que subila para chegar sen folgos), torcendo por García Barbón, collendo a pequena rúa do Canceleiro e chegando ao Areal. O Halo permítenos evitarnos semellante volta e chegar en tan só 6 minutos dunha estación a outra, andando uns 450 metros pola rúa Serafín Avendaño ata o Areal, case en plano. Dez minutos aforrados e unha importante camiñata, sen lugar a dúbidas.

De Vialia á estación de Vigo-Guixar sen e con Halo / Google Maps

E outro exemplo práctico. Calquera que visite Vigo ten como parada obrigada a Avenida da Beiramar, onde pode coller algunha das navieiras que o leven ata as Cíes ou as Ons ou simplemente disfrutar das vistas do porto. Canto nos di Google Maps que tardaremos en chegar dende Vialia? Poñamos como referencia o monumento a Julio Verne, un dos máis visitados. Teriamos que andar, como mínimo, 19 minutos, segundo a aplicación, baixando pola rúa de Alfonso XIII (non nos esquezamos de que é unha costa moi pronunciada que á volta haberá que subir), para coller un tramo da avenida de García Barbón e enlazar logo coa rúa de Colón ata Praza Compostela para seguir por Concepción Arenal ata chegar á Beiramar. Collendo o Halo, semella que tardamos case o mesmo 20 minutos. E baixando tanto nos ten, pero para volver de volta, o Halo permítenos facer un traxecto a pé case en plano, sen costas, a pesares de que a distancia percorrida é a mesma: 1,5 quilómetros.

De Vialia á estatua de Julio Verne no paseo da Beiramar sen e con Halo / Google Maps

Un raio causa avarías nalgúns equipos de radioaxudas do aeroporto de Peinador

A caída dun raio causou avarías nalgúns equipos de radioaxudas (proporcionan información da súa posición aos avións e sinais de guiado durante o voo) do aeroporto de Peinador, en Vigo. Segundo confirmaron fontes de Aena consultadas por Europa Press, os técnicos atópanse nestes momentos traballando para solucionar a incidencia. Con todo, por mor desta incidencia non se produciu ningunha cancelación e o tráfico aéreo funciona, ata o momento, con normalidade.

Un raio derruba parte do tellado dunha casa de madeira en Cabral

Un raiou derrubou parte dun tellado dunha vivenda de madeira na rúa de Amaro, na parroquia de Cabral, en Vigo, sen causar feridos. Segundo indicou o 112, foi pasadas as 2.30 horas cando un dos residentes do inmoble chamou para indicar que todos estaban ben pero que non tiñan luz e que había importantes danos materiais. A central de emerxencias deu aviso aos bombeiros municipais e á Policía Nacional e Local que se desprazaron ata o punto.

ARDE UNHA CASA PREFABRICADA EN TOMIÑO

Por outra banda, ás 19.00 horas do sábado no lugar da Gandariña, en Tomiño, ardeu por completo unha casa prefabricada que estaba deshabitada. Foi un particular quen chamou ao 112 Galicia para alertar de que estaba a saír fume polo tellado e por baixo da porta da vivenda. Aínda que adoitaba ser frecuentada por algunhas persoas, os servizos de emerxencias comprobaron que non había ninguén no interior e procederon a apagar o incendio. Neste operativo participaron os Bombeiros do Porriño, o GES da Guarda e a Garda Civil.

Adxudicadas as obras da nova unidade de Hospitalización a Domicilio do Álvaro Cunqueiro: canto custarán?

A Xunta de Galicia publicou no Perfil do Contratante a adxudicación das obras da nova unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, por un importe de 581.485 euros. A pandemia obrigou a diferenciar os circuítos Covid-19 e non-covid, e especialmente nos servizos de urxencias. Por iso, foi necesario expandir o servizo de urxencias, ocupando espazos contiguos á unidade HADO do Hospital. En consecuencia, e de forma provisional, esa área tivo que ser situada na zona de Docencia.

Segundo informou o Executivo galego, con estas obras, a unidade disporá dun espazo definitivo e ben dimensionado, deseñado para asumir o crecemento de persoal previsto no plan autonómico de HADO, ademais de estar previsto dotalo cun equipo de profesionais máis, integrado por un facultativo e persoal de enfermaría.

Na actualidade, o servizo conta con 15 efectivos (seis médicos, oito enfermeiros e un administrativo) que dan cobertura domiciliaria á poboación de todos os concellos da área sanitaria de Vigo. HADO presta asistencia a pacientes que, polas súas doenzas ou características, necesitarían un ingreso hospitalario pero prefiren permanecer no seu domicilio onde os profesionais sanitarios ofrecen os mesmo coidados e atencións que nun ingreso hospitalario. Así, o pasado ano, os profesionais desta unidade da área de Vigo atenderon a 866 pacientes nas súas casas.

Un choque entre dous coches na AP-9, ao seu paso por Vigo, deixa tres persoas feridas

Unha colisión entre dous vehículos na AP-9, ao seu paso pola parroquia viguesa de Cabral, deixou tres persoas feridas este sábado. Segundo informou o 112 Galicia, pouco antes das 13.45 horas o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 puña en coñecemento da central de emerxencias este sinistro. Na súa comunicación, sinalaba que a colisión se produciu á altura do quilómetro 159 da AP-9. Nos instantes posteriores, varios particulares que circulaban pola zona tamén contactaron co 112 para facilitar información.

Ao ter constancia do accidente, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) activaron un operativo para o que solicitaron a colaboración da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local de Vigo e dos servizos de mantemento da autoestrada. Unha vez finalizada a intervención, os profesionais sanitarios desprazados ata o lugar confirmaron ao 112 que tres persoas resultaran feridas.

SAÍDA DE VÍA EN MOS CUNHA PERSOA FERIDA

Por outra banda, durante esta xornada o 112 Galicia tamén rexistrou un accidente cunha persoa ferida tras saírse da vía o vehículo no que circulaba nas proximidades da saída 12 da A-55, en Mos. O sinistro produciuse instantes antes das 14.30 horas. Un das testemuñas que se achegou a auxiliar á persoa accidentada confirmou á central de emerxencias que esta podía saír ao exterior polos seus medios, pero estaba ferida. Tras o accidente, o coche quedou orientado en sentido contrario á circulación.

Miles de persoas esixen en Vigo o fin das violencias machistas e pon o foco na muller traballadora

Miles de persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para clamar o fin das violencias machistas e para esixir a igualdade real entre homes e mulleres con motivo do Día Internacional das Mulleres, que se conmemora este 8 de marzo.

Un ano máis, Feminismo Unitario de Vigo foi a organización encargada de convocar a manifestación, que partiu desde a Praza de España ás 20,00 horas e percorreu diferentes rúas da cidade olívica ata desembocar na Porta do Sol. Batucadas, bandeiras feministas e do colectivo LGTBIQ+ acompañáronas durante máis dunha hora de traxecto.

A concentración estaba encabezada por unha pancarta que rezaba ‘O feminismo defende dereitos. O machismo, violencias e privilexios. 8M Xuntas somos máis fortes‘. Detrás desta, miles de persoas, na súa maioría mulleres, reivindicaron a igualdade.

‘Nin sumisas, nin pasivas. Somos mulleres combatibas‘; ‘Non é a minisaia, non é o pantalón. Na mente do machista está a provocación’; ‘Deixa pasar, son feminista e o mundo vou cambiar’; ‘Non é un caso illado, é o patriarcado’, foron algunhas de consígnas que se escoitaron ao longo da manifestación que, a pesar da choiva, non impediu que máis xente se sumase a medida que ía baixando pola rúa Gran Vía.

Tamén houbo cánticos dirixidos aos políticos, como ‘Menos discursos e máis recursos’ ou ‘Fóra machistas das institucións’. Nesta ocasión, Feminismo Unitario de Vigo quixo pór o foco na muller traballadora, indicando que nos últimos anos o 8M converteuse tamén nunha consigna utilizada por parte dos medios de comunicación e do capitalismo, “apropiándose da loita das mulleres”. Por iso, reivindicaron que se trata dunha “cuestión de clase”.

En declaracións a Europa Press, Raquel Crespo, representante da organización, puxo en valor que, a pesar da choiva, miles de mulleres desprazáronse para acudir á manifestación este 8 de marzo xa que “razóns non faltan”.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén se quixo sumar á loita do feminismo, asistindo á concentración xunto á presidenta do PSdeG, Carmela Silva, e ao deputado electo José Ramón Gómez Besteiro. Eles reclamaron os dereitos das mulleres “hoxe máis que nunca”, criticando que Vox e o PP “neguen a violencia machista”. “É momento de lembrar que hai unha forza política que se opón a esta acción, Vox, e o PP a blanquea pactando con eles”, lamentou Caballero. Besteiro reivindicou “o moito que queda por conseguir” para lograr a “igualdade real”. Tamén indicou a necesidade de que as administracións destinen un 2% dos seus orzamentos a políticas de igualdade.

Así, a pancarta do PSdeG foi unha das moitas que se puideron ver entre a manifestación, que contou con diversos colectivos feministas que representan sensibilidades distintas. Un deles, mesmo, estaba formado por decenas de mulleres vestidas con sabas brancas e con careta branca en representación das que “xa non están”.

CONSELLO MUNICIPAL DÁ MULLER

Precisamente na mañá deste venres no Concello de Vigo levou a cabo un pleno específico do Consello Municipal dá Muller, que está formado por entidades que loitan polos dereitos das mulleres. Tras el, unha destas entidades denunciou “transfobia” nun dos discursos pronunciados por outra asociación. En concreto, foi Nós Mesmas a que anunciou que abandonaba o Consello, tras anos formando parte do mesmo, despois de escoitar as palabras da portavoz de Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG).

Cando tomaron a palabra, desde MNG indicaron a necesidade de “seguir loitando” contra “teorías acientíficas queer” que pretenden, ao seu xuízo, destruír o movemento feminista con afirmacións como que “ser muller é un sentimento”, tal como se recolle na lei Trans. Así, Nos Mesmas solicitou a eliminación desas declaracións, ao consideralas “transfóbicas”. Con todo, estas palabras non se borraron do discurso e, segundo lamentan, non houbo máis alegacións por parte do resto de entidades.

Acoso sexual en redes a Desiré Vila logo de publicar un vídeo

0

A atleta paralímpica gondomareña publicou onte unha imaxe maquillada corporalmente, para lembrar o paso dos nove anos dende o fatal accidente onde perdeu a súa perna dereita.

“Hoy cumplo 9 años de vida. 9 años del día en que me amputaron la pierna para regalarme una segunda oportunidad. Pero no os voy a mentir, la primera vez que me vi en el espejo con mi nuevo cuerpo sentí rechazo. ” así comezaba o seu vídeo.

@desivila98

Una sesión de fotos muy especial… mi noveno cumpleaños amputada 🙂 #discapacidad #sesiondefotos

♬ original sound – Desirée Vila Bargiel

A carraxe visceral das redes non tardou en chegar e a imaxe recibiou centos de comentarios con insultos, burlándose da súa condición física, ou mesmo de indole sexual. Tamen comentarios de apoio e ánimo.

Desiré lonxe de deixarse amedrentar pola voráxine dos “haters” respondeu cun vídeo, precisamente no 8M, para denunciar e visualizar o acoso ao que están exposto as mulleres en redes. Dende comentarios sexuais, burlas, ata o envío de imaxes de xenitais masculinos por mensaxería interna.

Que yo pueda hacer una broma con mi propio físico no significa que una persona que no me conoce de nada pueda darse el lujo de hacer comentarios de índole sexual. Un extraño hablando de sexo y del cuerpo de una mujer NO es humor. Morbosear y faltar al respeto a una persona NO es un derecho que te den las redes sociales. No se trata de machismo ni feminismo, se trata de respetar a una persona ya sea hombre o mujer y ya tenga dos piernas o una.

Case o 60% do alumnado da Universidade de Vigo sufriu acoso en Instagram pero só o 17% o denunciou

Case o 60% do alumnado da Universidade de Vigo se viu sometido a episodios de acoso na rede social Instagram, pero só o 17% chegou a denuncialo. Así o recolle un estudo elaborado no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo elaborado pola profesora de Comunicación Audiovisual da UDC Teresa Piñeiro e o profesor de Comunciación da UVigo Luís Xabier Martínez Rolán.

Este equipo traballa agora noutra investigación centrada en profundar en que se esconde detrás destas situacións, para o que organizaron grupos de discusión compostos por 44 estudantes de varios ámbitos, das cales 33 son mulleres.

O obxectivo, segundo recolle un comunicado da UDC, é “coñecer as experiencias e percepcións de toxicidade e violencia dixital” para coñecer como os estereotipos de xénero “poden ter un impacto profundo na autopercepción e autorrepresentación”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed