InicioSociedadeAtención viaxeiros: o Halo non funciona como ascensor dentro de Google Maps

Atención viaxeiros: o Halo non funciona como ascensor dentro de Google Maps

O xigante tecnolóxico contempla o recén inaugurado ascensor como un monumento, pero non inclúe o seu uso, polo que para chegar dende Vialia ata a estación de Vigo-Guixar, por exemplo, manda á xente a facer un rodeo de 1,2 quilómetros cando podería chegar percorrendo só 450 metros e aforrándose 10 minutos collendo o Halo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A pesares de que o famoso ascensor Halo de Vigo si aparece xa situado en Google Maps, a aplicación non contempla o seu uso. Aparece coma se fose unha escultura ou monumento máis da cidade, pero non como un ascensor que pode acurtar os tempos de desprazamento entre rúas para os veciños e visitantes. Isto supón un verdadeiro problema xa que, tendo en conta que se ubica en Vialia, o complexo comercial que se creou arredor da estación de tren e que ten pegada a estación de autobuses, miles de viaxeiros chegan e marchan cada día cargados de maletasSe non coñecen Vigo nin saben que existe o recentemente inaugurado Halo, cargarán por empinadas costas coa súa equipaxe sen necesidade, cando poderían ter aforrado tempo e esforzo se Google Maps lles dese esta solución. Polo momento, non o fai, así que igual poderiamos estar falando de que o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, rompeu as regras da aplicación do xigante tecnolóxico Google.

En concreto, dende o Galicia Confidencial fixemos un experimento. Pedímoslle a Google Maps que nos dixese como chegar dende Vialia a varias rúas do centro da cidade ás que sabemos que usando o Halo chegariamos en menos tempo ou máis comodamente. Que nos dirá? Comezamos pola rúa máis evidente: García Barbón, unha das rúas con máis negocios da cidade, pedíndolle á aplicación que nos achegue á rotonda de García Barcón con Rosalía. A súa solución? Camiñar durante 16 minutos, deixando o Halo atrás, baixando pola rúa de Alfonso XIII ata a Avenida de García Barbón para despois percorrela practicamente enteira cara atrás ata a rotonda. Un total de un quilómetro andado, dando un rodeo espectacular e baixando unha costa ben empinada (pero ollo, que á volta hai que subila). Collendo o Halo a distancia ata esa rotonda sería de tan só 4 minutos a pé e 270 metros. Carai se cambiou a cousa!

De Vialia á rotonda de García Barbón con Rosalía sen e con Halo / Google Maps

Poñendo un exemplo máis práctico, imaxinemos que acabamos de chegar á estación de Vialia, xa sexa en tren ou en bus, e precisamos facer un trasbordo a un tren que sae dende a estación de Guixar. Ata que abriu o Halo tiñamos que percorrer 16 minutos andando, cargados con maletas, durante 1,2 quilómetros, baixando a empinada costa de Alfonso XIII (se o trasbordo fose ao contrario, da estación de Guixar a Vialia, habería que subila para chegar sen folgos), torcendo por García Barbón, collendo a pequena rúa do Canceleiro e chegando ao Areal. O Halo permítenos evitarnos semellante volta e chegar en tan só 6 minutos dunha estación a outra, andando uns 450 metros pola rúa Serafín Avendaño ata o Areal, case en plano. Dez minutos aforrados e unha importante camiñata, sen lugar a dúbidas.

De Vialia á estación de Vigo-Guixar sen e con Halo / Google Maps

E outro exemplo práctico. Calquera que visite Vigo ten como parada obrigada a Avenida da Beiramar, onde pode coller algunha das navieiras que o leven ata as Cíes ou as Ons ou simplemente disfrutar das vistas do porto. Canto nos di Google Maps que tardaremos en chegar dende Vialia? Poñamos como referencia o monumento a Julio Verne, un dos máis visitados. Teriamos que andar, como mínimo, 19 minutos, segundo a aplicación, baixando pola rúa de Alfonso XIII (non nos esquezamos de que é unha costa moi pronunciada que á volta haberá que subir), para coller un tramo da avenida de García Barbón e enlazar logo coa rúa de Colón ata Praza Compostela para seguir por Concepción Arenal ata chegar á Beiramar. Collendo o Halo, semella que tardamos case o mesmo 20 minutos. E baixando tanto nos ten, pero para volver de volta, o Halo permítenos facer un traxecto a pé case en plano, sen costas, a pesares de que a distancia percorrida é a mesma: 1,5 quilómetros.

De Vialia á estatua de Julio Verne no paseo da Beiramar sen e con Halo / Google Maps

ÚLTIMAS

Un condutor recibe o impacto dunha pedra despois de pasar por debaixo dunha pasarela na AP-9 en Vigo

Un condutor recibiu na mañá deste venres o impacto de pedra tras pasar por...

Abel Caballero enxalza a figura de Salvador Illa por traer a “tranquilización e normalización” de Cataluña

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo este xoves senllos encontros co alcalde de...

Visto para sentenza o xuízo Karar que afecta a 28 acusados de traficar con 3,8 toneladas de cocaína

O xuízo polo alixo de 3,8 toneladas de cocaína transportadas no buque 'MV Karar'...

Stellantis Vigo e sindicatos acordan un ERE voluntario para un máximo de 80 traballadores e un ERTE de ata 75 xornadas

Tras varias xornadas de negociacións, a dirección da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis...