Inicio Blog Páxina 2150

Marea de Vigo considera perigosos o casino de A Laxe e a futura casa de apostas de Navia polo aumento da ludomanía

“No caso de A Laxe, o Goberno de Abel Caballero e Zona Franca semellan estar traballando en ‘comandita’ para abrir un casino con capacidade para máis de 500 persoas en A Laxe, á vez que se pretende abrir unha casa de apostas en Navia, o barrio coa poboación máis nova de Galicia”, advirte Marea de Vigo.

Para a Marea de Vigo, “o feito de propoñer a apertura dun espazo de xogo e apostas na cidade é un erro brutal, mesmo coa gravidade de ser impulsado pola Zona Franca. Significa incidir nun perigoso crecemento da ludomanía, máxime agora, coa recente proliferación de campañas moi agresivas nos medios de comunicación, de casas de apostas deportivas online que veñen a normalizar o xogo especialmente entre os mozos e mozas” explica Xosé Lois Jácome.

Marea de Vigo, en rolda de prensa/ Miguel Núñez

Marea de Vigo afirma que o que se está transmitindo desde as casas de apostas ou casinos, de forma física ou a través de Internet é unha idea moi clara: “(Que é sinxelo) xerar riqueza dun xeito desvinculado da actividade laboral e sen necesidade da mesma, xunto ao acceso e capacidade de investir os cartos e, de facelo ben, multiplicalos facilmente. É o momento de que as diferentes institucións adapten a normativa á realidade social, económica e tecnolóxica da actividade do xogo antes de que se converta nun problema sen retorno”.

Marea de Vigo considera que o Concello de Vigo ten que realizar unha actuación activa e non colaboradora con este tipo de negocios, tanto poñendo as trabas legais posibles á apertura dos mesmos como regulando de xeito restritivo a publicidade destes locais cara a frear a súa expansión a través das ordenanzas ou as normas urbanísticas, así como medidas de prevención da ludomanía. O grupo municipal ten previsto trasladar propostas ao respecto en forma de moción nos vindeiros meses.

Paredes de Coura non se esqueceu dos artistas do país e os portugueses Dead Combo cativaron ao público

0

O Festival Vodafone Paredes de Coura deste ano non só destacou pola calidade dous artistas convidados, senón que tamén apostou polo seu, e antes do gran cabeza de cartel, os apaixonantes Arcade Fire, tocou a dupla portuguesa Dead Combo, que combinou fado, tango, flamenco, rock… En cambio, o programa de concertos do Vigo en Festas 2018 fora acusado de ignorar o talento galego.

Combo /Miguel Nuñez

Foi o de Dead Combo un concerto intimista, ecléctico e especial, que fixo as delicias dos presentes.

Dead Combo / Miguel Nuñez

Unha actuación tranquila pero chea de maxia que preparou ao respectable para o apoteósico final do festival.

Dead Combo / Miguel Nuñez

Música sen artificios

Dead Combo / Miguel Nuñez

portugal aposta polo seu e pola calidade

Dead Combo / Miguel Nuñez

Unha estética singular

Dead Combo / Miguel Nuñez

XORNAL DE VIGO VISITA PAREDES DE COURA

Concerto de Slowdive: Centos de vigueses visitaron o Festival Paredes de Coura… e Slowdive levounos ata un lugar sen nome

Concerto de Skepta: Skepta, o concerto máis rabioso do Festival Paredes de Coura

O BNG traslada ao exalcalde Ventura Pérez Mariño os seus desexos de “pronta recuperación”

O BNG de Vigo trasladou ao exalcalde da cidade, Ventura Pérez Mariño, os seus desexos dunha “pronta recuperación”, despois de que transcendese que o exrexedor se atora ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro, tras ser rescatado do mar nunha praia de Cangas en estado semiinconsciente.

A través dun comunicado, a formación nacionalista expresou publicamente o seu desexo de que Pérez Mariño (exmaxistrado e que encabezou a lista do PSdeG como independente nas eleccións locais de 2003) se restablezca completamente, para o que trasladaron os seus “mellores ánimos”.

Ventura Pérez Mariño, maxistrado xa xubilado, foi deputado entre 1993 e 1995 e, en xuño de 2003, foi investido alcalde de Vigo polo PSdeG e formou goberno co BNG de Lois Pérez Castrillo. Pero as diferenzas en materia de política urbanística acabaron cunha ruptura do pacto e desembocaron nunha moción de censura, na que o socialista perdeu a alcaldía, que foi asumida por Corina Porro (PP), en decembro dese ano.

Segundo precisou este venres o BNG, a investidura de Porro non contou co seu voto favorable, xa que os seus sete concelleiros apoiaron a Pérez Castrillo como candidato. Nese pleno, o PSdeG declinou presentar candidato, a pesar de que os nacionalistas trasladaran a súa disposición a apoiar a un aspirante socialista diferente a Pérez Mariño (ao que retiraran a súa confianza).

Os sindicatos preparan unha gran mobilización obreira para o 1 de maio, Día da Clase Traballadora

Os sindicatos vigueses, entre eles CIG, CC.OO e UGT, chaman á folga o día 1 de maio para unha evolución favorable das clases baixas e medias, damnificadas pola crise e os recortes posteriores a ela.

Así, a CIG chama á cidadanía a participar “masivamente” na manifestación que convocou para o 1 de maio polo Día da Clase Traballadora ante unha situación laboral que considera que “non só non mellorou, senón que continúa empeorando“. Trátase dunha mobilización que ve como un paso previo a unha folga xeral que convocará antes do verán.

A iniciativa foi presentada este venres en Vigo (que será a cidade que acollerá a manifestación central da CIG) polo secretario comarcal do sindicato, Alberto Gonçalves, quen remarcou que a pesar de que os indicadores macroeconómicos mostran síntomas de recuperación, “o desemprego é insoportable” e hai unha “brutal precarización das condicións laborais”.

Neste marco, criticou que os salarios están a ser atacados por que “se priva do emprego”, por que se paga menos ou se fai traballar máis por menos salario, e, indirectamente, polos recortes e a privatización dos servizos públicos e pola “nova campaña” contra as pensións públicas. “Atacan ós salarios para seguir coa explotación obreira”, selou.

Tamén aludiu a que hai “violencia da patronal contra a clase traballadora” a través da “temporalidade, as altas cargas de traballo, o acoso aos traballadores a golpe de sancións e ameazas, o incumprimento dos convenios, as horas extra que non se pagan, e a inacción da autoridade laboral”.

No relativo a Galicia, tamén reprobou a “ausencia de políticas industriais, de emprego e sociais”; un contexto no que manifestou que o “país segue condenado a ser a periferia” de España, porque, “sen industria, ningún país ten futuro”.

CAMIÑO Á FOLGA XERAL

Neste senso, a CIG considerou que “é tempo de facer unha folga xeral”, cuxa data comunicará o propio día 1 de maio. En todo caso, asegurou que será antes do verán, e en concreto no mes de xuño.

Sobre a participación dos sindicatos CC.OO. e UGT nestas mobilizacións, Gonçalves comentou que na CIG están “fartos de esperar”. “Se veñen connosco, serán benvidos, senón xulgará a clase obreira”, espetou.

En relación con iso, a preguntas dos xornalistas respondeu que o sindicato nacionalista defende a unidade de acción coas demais centrais, pero non só para unha manifestación concreta, cando “non a hai na realidade das fábricas e sobre todo cando son cómplices do que está a ocorrer coas pensións”.

UGT / Europa Press

Os sindicatos CC.OO. e UXT tamén manifestaranse o próximo 1 de maio en Vigo baixo a lema ‘Tempo de gañar’, para reclamar que o final da crise “tan cacareado” polo Goberno, se faga notar nos petos dos traballadores e nas súas condicións laborais.

A marcha conxunta sairá ás 11.30 horas do cruzamento de Vía Norte con Urzáiz, e finalizará en Montero Ríos, ante a delegación territorial da Xunta en Vigo. Ao tratarse da mobilización principal das dúas centrais, está prevista a presenza dos seus respectivos secretarios xerais en Galicia, Ramón Sarmiento (CC.OO.) e José Antonio Gómez (UXT).

A secretaria comarcal de CC.OO. en Vigo, Amelia Pérez, advertiu de que “é tempo de gañar para os traballadores”, tempo de que haxa “ou repartición da riqueza ou conflito”. Se os resultados da recuperación económica non chegan á clase traballadora, incidiu, “haberá conflito, irá crecendo, e chegará onde teña que chegar”.

Pola súa banda, o responsable comarcal de UXT, Ernesto Fontanes, destacou que, a pesar das cifras macroeconómicas, o paro segue castigando á clase traballadora, especialmente a mulleres e xente moza; a metade dos parados non ten prestación por desemprego; e un 14 por cento dos asalariados están “no limiar da pobreza”.

“Reclamamos máis protección, melloras salariais, e cambiar o modelo do mercado laboral”, proclamou, e fixo un chamamento aos cidadáns para que participen na manifestación do 1 de maio, e nas mobilizacións “que haberá nos próximos meses”.

 

O BNG pide a Goberno e Xunta que interceda polo mariñeiro de Bueu retido en Iemen

0

O BNG solicitou ao Goberno central e á Xunta que intercedan polo patrón de barco galego que se atopa retido xunto coa súa tripulación nun porto de Iemen desde finais de setembro do ano 2020. Os nacionalistas presentaron senllas iniciativas no Congreso e no Parlamento galego para urxir ás administracións estatal e autonómica que “realicen as xestións necesarias” para que Pablo Costas, natural de Bueu e patrón do buque ‘Cobija’, sexa liberado.

Segundo recolle un comunicado, o Bloque censura a situación de “abandono” que, di, padece o mariñeiro galego por parte das autoridades desde que o seu barco foi retido a finais de setembro no porto iemení de Al Mukalla.

O buque ‘Cobija’ (inicialmente con bandeira de Bolivia e, máis tarde, de Somalia) arribou a este porto o 26 de setembro do ano 2020 tras recibir a autorización do Goberno de Iemen. Desde entón, permanece fondeado en Al Mukalla despois de ser acusado por Australia de pesca ilegal. O buque e a súa tripulación foron xulgados e condenados a tres meses de arresto que, segundo o BNG, xa cumpriron.

A portavoz de Pesca do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, advirte que a situación a bordo do ‘Cobija’ é “insustentable” tras once meses de retención durante os cales, continúa, o Goberno español a través do Ministerio de Asuntos Exteriores mostrou unha “inoperatividade manifesta” limitándose a “facer chamadas telefónicas e desembararse do caso”.

A formación frontista tamén cuestiona o papel da Xunta, á que insta a realizar as xestións necesarias para conseguir a repatriación a España de Pablo Costas.

O Porto de Vigo tratará no seu consello de administración a extinción da concesión a Vulcano

A Autoridade Portuaria de Vigo (APV) levará ao seu consello de administración deste venres a incoación do expediente para declarar a extinción da concesión administrativa das antiga Factorías Vulcano (agora Estaleiros San Enrique).

Así consta no punto 12 da orde do día do consello de administración, que está previsto que se celebre este venres a partir das 9,30 horas por videoconferencia. Tal e como se apunta neste apartado, a concesión foi aprobada en xuño de 2009 “con destino á construción e reparación naval”.

O pasado 7 de abril, o Porto de Vigo xa confirmou que iniciaría os trámites para executar a extinción da concesión. Ademais, indicou que redactará un novo prego para sacar a concurso a concesión do estaleiro e sinalou que “non se descarta nada” para ese espazo, sempre que sexa “un proxecto viable e xere emprego”.

Este proceso é resultado da resolución do Tribunal de Conflitos de Xurisdición, que a principios de mes ditou sentenza na que declaraba que corresponde á Administración (polo tanto, ao Porto de Vigo) tramitar e resolver o expediente de extinción da concesión do antigo Vulcano.

OPOSICIÓN DA CIG

A CIG considerou que, coa inclusión deste punto na orde do día do consello de administración do porto, o Partido Popular “segue insistindo na súa ofensiva contra o sector naval” a través de “unha estratexia suicida” que busca “substituír un estaleiro centenario” para “gañar uns poucos metros máis de superficie para colectores”.

O sindicato, que está representado no consello de administración por Anxo Igrexas, trasladou a súa oposición “frontal” a esta decisión. Así, entende que “suporá impedir o desenvolvemento dun novo proxecto industrial impulsado pola empresa Mariña Meridional” e “constitúe o primeiro paso para desmantelar o estaleiro e destinar a concesión a usos loxísticos”.

Ante todo iso, anunciou que reclamará a retirada deste punto da orde do día do consello de administración e que esixirá “un compromiso firme e inquebrantable coa continuidade do estaleiro”. “A CIG non vai permitir que acaben afundindo o naval”, selou.

CONFLITO

O conflito ten a súa orixe na liquidación de Factorías Vulcano, un estaleiro con máis de 100 anos de historia no barrio vigués de Teis e que, tras anos de problemas económicos, entrou no seu último concurso de acredores en 2011. En xullo de 2019 declarouse disolta a sociedade e abriuse fase de liquidación, cuxo plan foi aprobado en novembro dese ano.

O Porto recorreu a aprobación do plan de liquidación ante a Audiencia, ao entender que a concesión non podía ser obxecto de venda porque estaba extinguida, pero o tribunal provincial avalou a decisión do xuíz de primeira instancia. Así, completouse o proceso e as instalacións (xunto coa concesión, que finaliza en 2027) foron vendidas a Mariña Meridional que, precisamente, a finais de marzo completou o pago polo estaleiro, case 8 millóns de euros.

A decisión do Tribunal de Conflitos de Xurisdición pon en xaque agora o futuro do proxecto de Mariña Meridional (sociedade tras a que está o empresario vigués José Alberto Barreras) xa que, aínda que teña as instalacións, non poderá desenvolverse nelas a actividade de construción e reparación naval sen dispor da concesión.

Os animalistas denuncian a utilización de mascotas como agasallos de Nadal

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber anunciaron este xoves o inminente lanzamento da súa campaña “Non son un agasallo” para disuadir da adquisición de animais domésticos como agasallo do Nadal, sinalando que as tendas “aínda xogan coa compaixón e a impulsividade da cidadanía para lucrarse reducindo aos seres vivos a meros obxectos de consumo”.

A Lei de Benestar Animal de Galicia estableceu unha moratoria para a adaptación das tendas de animais a disposicións como a prohibición de exhibición dos mesmos en escaparates, e na comarca pecharon algúns destes establecementos nos últimos dous anos, pero o problema multiplícase na internet, onde os animalistas denunciaron unha proliferación de anuncios irregulares sen que a Xunta tomase medidas.

Con ofertas a prezos manifestamente baixos, os criadores ilegais benefícianse dun mercado negro onde calquera internauta pode comprar toda clase de animais, como cans e gatos, sen garantías nin seguridade algunha, e onde ata as plataformas que fan de intermediarias ofrecen “microcréditos” para facilitar as transaccións.

Así, FFW e LIBERA! impulsarán a súa campaña no mesmo campo de batalla, con anuncios recorrentes en coñecidas redes sociais para disuadir ás persoas de adquirir a un animal como presente do Nadal, apostando pola adopción sempre tras un proceso reflexionado e responsable.

Os animalistas advertiron que ‘tanto as tendas como os criadores irregulares buscan maximizar os seus ingresos co maior número de vendas, cosificando aos animais e expondo a súa adquisición como un simple agasallo cuxa devolución é imposible, ademais de non respectar as disposicións da normativa vixente’.

Estímase que o 30% dos animais adquiridos nestas datas será abandonado durante o segundo trimestre do próximo ano, supoñendo un custo para a administración pública e por extensión para o conxunto da cidadanía, que paga o egoísmo dunha parte da poboación preocupada na “orixinalidade” do que regala en Nadal.

Abel Caballero censura que reclamase el, e non Feijóo, os 23 millóns para pagar débeda de Barreras aos seus auxiliares

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou este mércores que tivese que ser el quen reclamase ao Goberno de España 23 millóns de euros para que as auxiliares do estaleiro Barreras puidesen cobrar as súas débedas, mentres que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo “non di nada do naval, está calado”.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico sinalou que foi el quen reclamou ao Executivo os fondos do tax lease “e conseguiuse”, así como os 23 millóns “para o naval”. Respecto diso, sinalou que, na Conferencia de Presidentes celebrada a pasada semana en Salamanca, tivo que ser “o alcalde de Vigo” o que reclamase atención para a industria naval e pedise, entre outras cuestións, “o paraugas dun fondo europeo” para atender a este sector.

“Non escoitei ningunha outra voz, só falei eu do naval. O presidente da Xunta non falou do naval”, denunciou e cuestionou “para que serve o presidente da Xunta en Vigo” se ten que ser o rexedor o que reclame esas axudas ao sector, ou a implantación de proxectos como a planta de hidróxeno verde, a de baterías eléctricas ou a iniciativa do vehículo conectado.

O Consello de Ministros deste martes deu luz verde ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para outorgar unha subvención de 23,6 millóns de euros a Caixabank, para sufragar o préstamo concedido á sociedade Aris Rosen (a cuxo nome está o buque de Ritz Carlton ‘Evrima’, que constrúe o estaleiro vigués Barreiras).

O sindicato UGT, que ostenta a presidencia do comité de empresa, sinalou que ese diñeiro se destinará integramente ao pago da débeda que o estaleiro ten coa industria auxiliar que participou no proxecto do cruceiro de luxo.

Precisamente, o grupo municipal Marea de Vigo reclamou a intervención do Ministerio de Industria e a súa entrada no accionariado do estaleiro para garantir que ese diñeiro se destine, efectivamente, a pagar esa débeda.

ACREDORES

Pola súa banda, a plataforma Uninaval, que aglutina á maior parte de acredores da industria auxiliar de Barreiras, sinalou que a subvención aprobada non permitirá custear toda a débeda xerada polo estaleiro con estas empresas.

Así, estiman que a débeda total rolda os 30 millóns e que o último compromiso era pagar “o 50 %” do segundo prazo das débedas do Evrima, uns 14 millóns de euros. No entanto, advertiron de que aínda non teñen confirmación da empresa sobre eses 23 millóns nin sobre a cantidade que se destinará a sufragar estas débedas.

O emblemático estaleiro atópase actualmente en mans da firma Kroll Business, pendente de ser vendido e con parte do seu persoal afectado, desde este mércores, por un expediente temporal de regulación de emprego. O cruceiro de luxo Evrima, o seu único traballo, nin sequera está en Vigo, senón que se atopa nas instalacións de Astander para o seu remate.

O exalcalde pedáneo de Bembrive nega o amaño de obras

O exalcalde pedáneo de Bembrive (Vigo), Roberto Ballesteros, negou amañar o pago a unha construtora dunha obra que supostamente executaría previamente outra empresa e asegurou que, de feito, “nunca” lle puxeron reparos suspensivos a “ningunha factura”.

Así se pronunciou na primeira sesión do xuízo por estes feitos, que arrincou este martes na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, onde se sentou no banco dos acusados xunto cun construtor.

Durante a súa quenda de palabra, o excargo socialista defendeu a súa xestión durante o tempo que exerceu como alcalde pedáneo, e apuntou que “os contratos menores facíanse de forma verbal”. “Eu actúo como se facía antes e como se fai agora”, xustificou.

Segundo indicou, todas as facturas de obras contaban cun orzamento e, unha vez que as obras finalizaban, ía el mesmo a comprobar que estaban rematadas. Era entón, explicou, cando se abonaban as facturas.

En concreto sobre a obra obxecto da causa, na Praza da Cruz, Ballesteros explicou que unha empresa levou a cabo unha primeira acometida na zona, tras o que os veciños lle pediron que leva a cabo unha ampliación da área empedrada.

Por iso, recorreu a unha construtora –cuxo administrador é o segundo acusado nesta causa– que xa “estaba a facer outra obra” noutra zona do barrio. Na súa intervención, o construtor confirmou que a súa empresa levou a cabo a obra da Praza da Cruz, mediante a ampliación da zona empedrada onde se atopa un colector.

Cuestionado pola defensa acerca de se cobrou algunha cantidade das empresas coas que fixo obras, Ballesteros apuntou que “é evidente que non”. Ademais, cuestionado acerca de se a factura puido ser “inflada”, aseverou que non se “ía a complicar a vida por unha trangallada”.

PERITO XUDICIAL

Un perito xudicial que elaborou un informe para determinar cal foi a obra realizada pola construtora, apuntou que “esta obra dá a impresión de que se realizou nunha acometida, porque o deseño é similar e continuo”.

Así, considerou que a obra a fixo “unha empresa única e ao mesmo tempo” e que a construtora cuxo administrador foi procesado “non fixo aquí ningunha obra“. No entanto, en resposta a preguntas da defensa recoñeceu que nas ampliacións das obras, o habitual é buscar a homoxeneidade.

Neste sentido, tras admitir que o material tampouco arroxa pistas concluíntes, xa que a obra levou a cabo en 2014 e a súa visita para elaborar o informe pericial foi en 2020, recoñeceu que non pode descartar “absolutamente” que a obra non levase a cabo en dúas fases e por empresas distintas.

TESTEMUÑAS

O vogal popular da Entidade local Carlos Comesaña, que compareceu como testemuña, indicou que denunciou as “irregularidades” nas obras da Praza da Cruz porque el “sabía que esas obras” as fixo outra empresa. “Pediuse a documentación e non apareceu, non había expediente de contratación desas obras, non había orzamento, nada”, censurou.

Pola súa banda, Concepción Martínez, que foi alcaldesa-pedánea en funcións tras a dimisión de Ballesteros en 2018, asegurou que as obras na Praza da Cruz fixéronse en dous procesos distintos. Así, primeiro levou a cabo unha remodelación e “posteriormente fíxose unha pequena ampliación a petición dos veciños”; con todo, dixo non saber quen levou a cabo cada obra.

Acto seguido, un administrativo da Entidade local manifestou que “había moitos casos de facturas” ás que non lles constaban os orzamentos e que “na gran maioría de casos non había expedientes de contratación porque eran obras menores”.

POSICIÓN DA FISCALÍA

A Fiscalía e a acusación particular entenden que a obra foi realizada na súa totalidade por outra empresa, posto que apreciaron discrepancias polo tamaño dos lastros, pola cantidade de material comprada pola primeira empresa, polo momento en que supostamente se realizaron as acometidas e polo contido da factura da construtora.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, Ballesteros contratou unha obra na pedanía por algo máis de 15.700 euros, e que foi executada entre setembro e outubro de 2014. Posteriormente, concertouse co representante legal doutra construtora e simulou a contratación verbal doutra obra por importe de máis de 9.400 euros.

Esta segunda obra nunca se executou e os conceptos dos traballos que figuraron na factura, pagada en 2015, correspondíanse cos xa realizados pola outra empresa, que fixo as obras en 2014.

O Ministerio público considera a Ballesteros autor dun delito de malversación de caudais públicos e prevaricación, así como cómplice no delito de falsidade documental. Mentres, acusa ao representante da construtora de ser autor dun delito de falsidade e cooperador necesario nun delito de malversación.

Por iso, pide que o primeiro sexa condenado a penas que suman 4 anos e cinco meses de cárcere, 17 anos de inhabilitación e a pagar unha multa de 3.750 euros; mentres que para o construtor solicita penas que suman 3 anos e 8 meses de prisión, e multa de 6750 euros. Ademais, ambos deberán indemnizar á entidad local nos máis de 9.400 euros pagos pola obra supostamente inexistente.

CONDENA ANTERIOR

O exalcalde pedáneo de Bembrive xa foi condenado en 2017 (a pena foi ratificada polo Tribunal Supremo en 2018) por un delito de prevaricación a 7 anos de inhabilitación, por suspender (en xuño de 2013) as retribucións dos vogais do PP na entidad local menor.

Na sentenza condenatoria, do xulgado Penal número 3 de Vigo, sinalábase que Ballesteros tomou esa decisión “a propósito da súa inxustiza e no entanto ser apercibido polo secretario-interventor da ausencia de legalidade na súa resolución”. Tras esta condena, Ballesteros presentou a súa dimisión.

Antes diso, estivo envolvido noutra polémica, xa que foi denunciado en 2011 por unha excompañera socialista. A denunciante sostiña que Ballesteros cobraba comisións a cambio de favores no Concello de Vigo (ademais de alcalde pedáneo, era funcionario no consistorio olívico).

Os xulgados abriron dilixencias, pero a causa acabouse arquivando por falta de probas, e, aínda que mesmo se puxo en marcha unha comisión de investigación no propio Concello, esta tamén concluíu sen ningún tipo de medida sancionadora.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed