InicioMedio Ambiente e PatrimonioOs animalistas denuncian a utilización de mascotas como agasallos de Nadal

Os animalistas denuncian a utilización de mascotas como agasallos de Nadal

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber anunciaron este xoves o inminente lanzamento da súa campaña “Non son un agasallo” para disuadir da adquisición de animais domésticos como agasallo do Nadal, sinalando que as tendas “aínda xogan coa compaixón e a impulsividade da cidadanía para lucrarse reducindo aos seres vivos a meros obxectos de consumo”.

A Lei de Benestar Animal de Galicia estableceu unha moratoria para a adaptación das tendas de animais a disposicións como a prohibición de exhibición dos mesmos en escaparates, e na comarca pecharon algúns destes establecementos nos últimos dous anos, pero o problema multiplícase na internet, onde os animalistas denunciaron unha proliferación de anuncios irregulares sen que a Xunta tomase medidas.

Con ofertas a prezos manifestamente baixos, os criadores ilegais benefícianse dun mercado negro onde calquera internauta pode comprar toda clase de animais, como cans e gatos, sen garantías nin seguridade algunha, e onde ata as plataformas que fan de intermediarias ofrecen “microcréditos” para facilitar as transaccións.

Así, FFW e LIBERA! impulsarán a súa campaña no mesmo campo de batalla, con anuncios recorrentes en coñecidas redes sociais para disuadir ás persoas de adquirir a un animal como presente do Nadal, apostando pola adopción sempre tras un proceso reflexionado e responsable.

Os animalistas advertiron que ‘tanto as tendas como os criadores irregulares buscan maximizar os seus ingresos co maior número de vendas, cosificando aos animais e expondo a súa adquisición como un simple agasallo cuxa devolución é imposible, ademais de non respectar as disposicións da normativa vixente’.

Estímase que o 30% dos animais adquiridos nestas datas será abandonado durante o segundo trimestre do próximo ano, supoñendo un custo para a administración pública e por extensión para o conxunto da cidadanía, que paga o egoísmo dunha parte da poboación preocupada na “orixinalidade” do que regala en Nadal.

ÚLTIMAS

Volven prender lume en Chandebrito oito anos despois da traxedia na que morreron dúas persoas

Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas...

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...