Gilberto Gil celebra a vida en Vigo
O músico brasileuro Gilberto Gil ofreceu este martes pasado un cálido concerto en Vigo, na que foi a súa única parada en Galicia da xira na que está presentando o seu novo traballo, ‘Ok ok ok’, unha celebración da vida, como dixo o propio compositor.
No concerto, en Castrelos, Gilberto Gil estivo acompañado polos seus fillos Bem (guitarra e voces), Nara (coros) e José (percusión), e outros cinco músicos máis e a voz de Roberta Sá.
Analiza os teus hábitos a mellorar con esta curiosa iniciativa da Asociación Lenda
O pasado 11 de outubro celebrouse internacionalmente o Día Mundial da Saúde Mental. Para celebrar esta data, a Asociación Lenda colocou nas rúas de Redondela unha mesa informativa e distribuíu carteis para reflexionar acerca da importancia dos nosos hábitos para cuidar a saúde mental. Por exemplo, o dano que produce o estrés continuado.

Carteis vermellos, para reflectir aspectos nocivos a mellorar ou suprimir, ou verdes, cos que valorar bos hábitos acadados co tempo.
Todos estes, puntos importantes a ter en conta para fuxir da posibilidade que ten calquera persoa de sufrir problemas psicolóxicos en calquera momento da súa vida.

Ás veces, hai que facer autocrítica e poñer a un lado o bo e o outro o malo.

Porque hai rutinas positivas e negativas que afectan á nosa mente e ao noso estado de ánimo.
O BNG ve a súa volta ao Concello de Vigo como un “éxito” e un “excelente punto de partida”
O Consello Local do BNG en Vigo valorou como un “éxito” a volta da formación nacionalista ao Concello olívico, un paso que o concelleiro electo, Xabier Pérez Igrexas, ve como “un excelente punto de partida” para sumar a máis xente ao seu proxecto e reforzarse.
En declaracións trasladadas aos medios, Pérez Igrexas apostou por “consolidar o espazo político do BNG” en Vigo e avanzou que, nos próximos 4 anos, esta formación vai tecer “complicidades tamén fóra da Corporación”.
Así, incidiu, a formación nacionalista abordará un “intenso traballo a pé de rúa”, en “contacto permanente” co tecido asociativo de Vigo, de modo que a súa acta de concelleira converterase en “un asento ao servizo dos movementos sociais, que padecen unha política claramente autoritaria” por parte do goberno de Abel Caballero.
Así mesmo, confirmou que a próxima semana celebrarase unha asemblea local “aberta”, na que se trazarán as liñas de actuación do BNG para os próximos 4 anos, e abordaranse “medidas para reforzar organizativamente” á formación.
“Imos facer valer a nosa presenza coa maior intensidade e o maior traballo posibles”, proclamou, e agradeceu o apoio dos vigueses, que apostaron por “un proxecto aberto fronte ao permanente pimpampún e a incapacidade do goberno socialista para atender aos problemas reais da xente”.
Vigo acolle unha clase maxistral sobre como transformar as empresas cun consultor SAP
IESIDE presenta a masterclass «Consultor SAP: actor crave na transformación das organizacións» no seu Campus de Vigo (avda. de Madrid, 60) da man de Diego Costa Pujales, manager en Minsait. Será o vindeiro luns 11 de febreiro, ás 18.00 h. A entrada é libre e gratuíta, previa inscrición.
Lograr empresas rendibles depende de procesos que sexan eficientes e de contar con información estratéxica que permita tomar as mellores decisións de negocio para optimizar os recursos. Para iso, dispoñer dun ERP que achegue información veraz das diferentes áreas pode ser clave para o éxito.
SAP é un software que permite ás empresas executar e optimizar aspectos como os sistemas de vendas, finanzas, operacións bancarias, compras, fabricación, inventarios, relación cos clientes ou xestión de recursos humanos, entre outros moitos. O seu éxito é tal que máis de 70.000 empresas implantaron este tipo de solucións, o 90 % das principais multinacionais e máis de 1700 organizacións en España utilizan este software de xestión.
Diego Costas Pujales é licenciado en Economía e máster en Finanzas pola Universidade de Vigo, máster in Business Administration (MBA) por IESIDE e certificado en SAP. Foi director financeiro durante máis de cinco anos en empresas líder no seu sector. Foi xefe de proxecto, coordinando equipos de consultores de diferentes solucións SAP, consultor SAP sénior en solucións financeiras e xerente da liña ERP de Tecnocom. Traballou máis de tres anos en Latinoamérica abrindo a liña de negocio SAP en Perú para Tecnocom. Actualmente, é manager en Minsait.
Unicef e o Eskapark de Vigo achégannos aos 73 millóns de nenos que traballan en condicións extremas
Unicef iniciou unha nova campaña baseada nun experimento social inmersivo, coincidindo co Día Mundial contra o traballo infantil. Con esta iniciativa, chama á sociedade a pulsar un ‘botón vermello’ para adherirse a un movemento para axudar a 73 millóns de nenos e nenas no mundo a escapar dos traballos que ven obrigados a realizar en condicións extremas.
Baixo o nome ‘#TheUnescapeRoom’, esta campaña consiste nun vídeo no que se ve a un grupo de persoas anónimas (convidadas sen saber os detalles) participando nun ‘escape room’ (unha actividade que consiste nunha habitación na que os participantes teñen que resolver unha serie de pistas para poder gañar o xogo e saír).

Estas persoas mergulláronse nun escenario en penumbra, caloroso, húmido, con cheiro a xofre e po suspendido no aire, ambientado nunha mina de ouro en Camerún. Alí, mentres se supuña que resolvían as probas do xogo para poder gañar e escapar do lugar, eran azuzados por un ‘capataz’ a traballar para recoller pebidas de ouro.
Estas persoas permaneceron case dúas horas no lugar, onde foron levados “ao límite”, ata que foron conscientes de que a única opción para saír de alí era darlle a un botón vermello. “Para eles, foi só un xogo, pero para millóns de nenos e nenas é a vida real, e non teñen un botón vermello nin forma de saír de aí“, explicaron os promotores da iniciativa.
Na web da campaña pódese ver o vídeo no que ven as reaccións espontáneas dos participantes, e os interesados poden asinar o seu apoio a este movemento en contra do traballo infantil. “Ti podes ser o seu botón de emerxencia”, remarca Unicef, que incide en que o obxectivo da campaña é “acabar coas peores formas de traballo infantil”.

A directora de políticas de infancia e sensibilización de Unicef España, Maite Pacheco, asegurou que os participantes nesta acción saíron con “unha sensibilidade diferente e con maior proximidade a problemas que parecen afastados e dos que non se fala“. “É importante volver polo na axenda”, subliñou sobre esta cuestión.
“É importante dicir que isto segue ocorrendo”, mais aínda cando, aínda que entre os anos 2000 e 2016 o traballo infantil reduciuse un 40% e dentro diso baixou un 50% o realizado en condicións perigosas, desde 2012 a baixada “estancouse, vai moito máis amodo”, explicou, atribuíndo esta situación á “falta de prioridade na axenda” e a “baixada na cooperación internacional en xeral”.
Así as cousas, segundo Unicef actualmente hai 151,6 millóns de nenas e nenos de entre 5 e 17 anos obrigados ou forzados a traballar no mundo. Case a metade (73 millóns), realizan traballos perigosos: Manipulan produtos químicos, respiran sustancias tóxicas, transportan cargas pesadas ou levan a cabo labores nas alturas, baixa a auga, en recintos confinados ou pola noite.
Os peores escenarios de explotación infantil son as minas (ouro, diamantes, etc.), as fábricas, os vertedoiros, o traballo no campo, os traballos domésticos (que ademais se producen nun ámbito oculto para o exterior e onde moitos nenos sofren tamén abusos sexuais e vexacións), e a venda ambulante (que vai asociado ademais ao consumo de drogas e á delincuencia).
OBXECTIVOS DE UNICEF
Estes nenos empezan a traballar con tan só cinco anos de idade, ven a súa saúde en risco, non poden acceder a un sistema educativo normal, non poden ter momentos de lecer nin vivir en familia, ven os seus dereitos “pisados” e sen poder “saír do círculo da pobreza”. “Queremos que os nenos teñan unha infancia digna e poidan vivir como nenos”, selou Pacheco.
Como obxectivos para conseguilo, Unicef propón impulsar proxectos de medios de vida para familias e que os nenos volvan ao sistema educativo, para o que a organización xa traballa coas administracións e busca sensibilizar, concienciar e animar á xente a que se some a esta loita e pulse “o botón vermello de adhesión a este movemento”.
Inicialmente a campaña, que se difundirá por medios de comunicación e redes sociais, durará unhas dúas semanas, pero non descartan mantela por máis tempo. “Mentres dure o vídeo, durará a acción”, subliñaron os organizadores.
UN ‘ESCAPE ROOM’ DO QUE “NON SE PODE ESCAPAR”
Sobre a actividade que se ve no vídeo, o responsable do Escapark de Vigo, Jorge Martínez, explicou que se convidou a un grupo de persoas (asiduos a participar nestas actividades de escapismo) a probar un xogo novo, sen saber que era para Unicef nin o obxectivo real da actividade.
Alí, expúxoselles a gases, bombas fétidas (para recrear o cheiro a xofre) e altas temperaturas, mentres cargaban area e cribaban ouro. Ao comezo da actividade díxose aos participantes que estaban a substituír a Saturno e os seus compañeiros de traballo, pero despois de case dúas horas e chegar a unha “situación límite”, o maior impacto para os participantes é descubrir que a quen substituíron é a nenos.
“É un ‘escape room’ do que non se pode escapar”, apuntou Martínez, a colación do que recoñeceu que cando Unicef presentoulle este “reto brutal” decidiu “apostar por el e tentar recrealo o mellor posible”.
Piden penas que suman 80 anos de cárcere para un grupo que asaltou unha vintena vivendas de persoas maiores
A Fiscalía pide penas que suman 80 de cárcere para sete acusados de pertencer a un grupo criminal que se dedicaba a asaltar vivendas en diferentes municipios de Galicia, algúns deles con antecedentes, e que serán xulgados este martes na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Segundo o escrito de acusación pública, o modus operandi deste grupo consistía en que, mentres un deles facía labores de vixilancia e tiña un vehículo preparado para a fuxida, outras persoas entraban nas vivendas, ben polas portas que non tiñan o ferrollo botado ou ben polas xanelas, e apoderábanse dos obxectos de valor (xoias, sobre todo) e do diñeiro que atopasen.
Os acusados fixaban a súa atención en vivendas apartadas, habitadas por persoas de avanzada idade, “facilmente engañables” para convencelas de entrar con algunha escusa, e que non poderían opor resistencia no caso de que houbese un enfrontamento.
Así, a Fiscalía atribúelles case unha vintena de asaltos en vivendas de Salvaterra (Pontevedra), Ponteareas (Pontevedra), A Cañiza (Pontevedra), Mondariz (Pontevedra), Mos (Pontevedra), Cotobade (Pontevedra), A Lama (Pontevedra), Meis (Pontevedra), Fene (A Coruña), Culleredo (A Coruña), Begonte (Lugo) e Chantada (Lugo), cometidos entre xullo e setembro de 2016.
Nese tempo lograron facerse con máis de 6.000 euros, xoias valoradas en miles de euros, unha tablet, unhas chaves ou unha cartilla bancaria. Por estes feitos, a Fiscalía acusa a sete persoas de varios delitos –roubo con forza, roubo con violencia, furto, violación de morada, etc.–, e pide para as procesados penas que van desde os 24 anos de cárcere ata os 3 anos de prisión.
Serpes de metal
Os animais da contorna tamén sufriron a desgraza da catástrofe de Paramos, dende os máis grandes ata os máis fráxiles e pequenos.

Os máis sabios, parece que quedaron sen horizonte ao que mirar.

Todo é unha ruína: serpes de metal ameazan as fincas.

Están por todas partes, e son recordos dunha traxedia que non debería ter pasado nunca, mais pasou, e cada roto, cada anaco que voou, o demostra.

E eles xa non saben se agocharse…

Ou simplemente continuar coa vida coma se nada pasara.

Os centros de investigación do campus de Vigo abrirán durante un mes as súas portas á cidadanía
Abrir os laboratorios á cidadanía e achegar a investigación científica e tecnolóxica á sociedade. Con estes obxectivos naceu en 2018 o programa Divulgando Ciencia Singular, unha iniciativa para que os centros de investigación da Universidade de Vigo dean a coñecer de primeira man o traballo que desenvolven. Así, dende esta fin de semana e ata finais de novembro, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), o Centro de Investigación Mariña (CIM), o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais (Cintecx), o Centro de Investigación Economics and Business Administration for Society (Ecobas) desenvolverán actividades diversas para divulgar os proxectos de referencia e resultados de investigación.
As actividades son de balde, previa inscrición na web cienciasingular.gal, e pode participar calquera persoa, tanto adultos como nenos e nenas. O programa está cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Unha maneira de facer Europa.
CIM
O centro máis madrugador é o CIM, que mañá abre as súas instalacións do campus de Vigo cunha visita guiada que terá dúas quendas, unha ás 16:00 horas e outra ás 16:30 horas. O sábado poderase visitar a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, a onde se chegará nun traxecto en barco dende A Laxe. Durante o percorrido as persoas participantes poderán aprender cuestións interesantes sobre a ría de Vigo ou descubrir o funcionamento dun robot subacuático. O programa complétase o día 29 con visitas guiadas ás instalacións do CIM no campus de Ourense.
CINTECX
A seguinte semana será o Cintecx o que abra as súas portas á cidadanía. Farao o día 28 a partir das 16.00 h, coa visita do alumnado do Bacharelato STEM do colexio Compañía de María de Vigo, para o que deseñaron un programa de actividades que comprende tres obradoiros sobre conceptos relacionados coa combustión, a intelixencia artificial ou o desenvolvemento sostible e a biotecnoloxía.
CINBIO
O Centro de Investigación Biomédica deseñou para esta celebración un ciclo de actividades arredor de tres bloques temáticos. A primeira será o 2 de novembro para escolares de 4º da ESO e 1º de Bacharelato co fin de promover vocacións científicas. Os días 4 e 9 desenvolverase as actividades de Cinbio na rúa, coa instalación de postos informativos nas cidades de Ourense e Vigo, respectivamente, nos que persoal do centro informará á cidadanía das liñas de investigación e proxectos na rúa do Paseo e na rúa do Príncipe. O 11 de novembro o edificio Olimpia Valencia abrirá as súas portas a medio cento de persoas para realizar unha visita guiada, participar en charlas e experimentos en directo. Ademais, o día 13 terá lugar unha xincana científica e a programación rematará o día 19 cunha xornada de portas abertas na Escola Superior de Enxeñería Informática do campus de Ourense.
A programación do Cinbio irase cargando neste enlace.
ATLANTTIC
O Centro de Investigación e Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, abrirá as súas portas ao publico xeral a finais do mes de novembro. Nesta xornada de portas abertas, o centro ofrecerá visitas guiadas as súas instalacións, obradoiros e demostracións prácticas, e habilitaranse espazos de divulgación nos que investigadores e investigadoras de recoñecido prestixio presentarán os seus proxectos de referencia e resultados de investigación.
ECOBAS
O centro interuniversitario de investigación Economics and Business Administration for Society (Ecobas) tamén se une a esta actividade de promoción da investigación cun programa de actividades que comprende tres eventos. O día 26 de outubro presentarase en Vigo o proxecto Saves (Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social); o día 9 e Santiago de Compostela, terá lugar o seminario de seminario de transferencia Libra de Oficio, coa participación da cooperativa Muuhlloa e o día 23, dentro deste mesmo ciclo os protagonistas serán as adegas Martin Codax.
