Inicio Blog Páxina 2110

Desaloxadas 300 persoas de madrugada no centro de Vigo

0

Axentes da Policía Local e da Policía Nacional da Comisaría de Vigo desaloxaron a unhas 300 persoas que se congregaban na vía pública na zona de Inés Pérez de Ceta e rúa Pontevedra, e que causaron danos materiais, así como molestias aos veciños.

O operativo conxunto tivo lugar sobre as 3,00 horas deste venres, cando os axentes acudiron á zona alertados polos veciños sobre a presenza de centos de persoas na rúa, tras o peche dos locais de lecer nocturno, protagonizando pelexas, gritando, e causando danos en mobiliario urbano e coches estacionados.

Unha vez no lugar, a Policía comprobou que varios colectores foran desprazados, que había lixo pola calzada, danos en mobiliario urbano e danos en varios vehículos aparcados, aínda que non se rexistraron feridos nin danos persoais. Os axentes desaloxaron ás persoas que estaban na vía pública e retiraron varios valos de obras que varias persoas colocaran no medio da calzada para obstaculizar a circulación entre Rosalía de Castro e Inés Pérez de Ceta.

As medidas de prevención sanitaria con motivo da pandemia de Covid establecen que, a partir das 3,00 horas (horario de peche dos locais de lecer nocturno), non poden reunirse grupos de persoas non convivientes na vía pública.

Caballero recoñece a “saturación” nalgunhas terrazas e avisa que non dubidará en aplicar sancións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, admitiu este mércores que se rexistrou “algunha saturación indeseada” en terrazas de locais de hostalaría da cidade tras iniciarse a fase 1 da desescalada de medidas de confinamento, e advertiu de que non lle “tremerá o pulso” para tomar decisións se esas situacións non se corrixen.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico confirmou que, segundo informes da Policía Local, déronse episodios de aglomeracións, como o ocorrido na Praza da Independencia, onde varios nenos estaban reunidos xogando, mentres os seus pais estaban a tomar algo nas terrazas. “Isto non pode ser”, advertiu Caballero, quen fixo un chamamento “á responsabilidade” tanto dos clientes como dos propietarios dos establecementos.

“Non se poden producir aglomeracións e romper as distancias ou a disciplina da saúde, porque falamos de temas moi serios (…), respectemos as normas, son para coidar a vida da xente”, incidiu.

O alcalde lembrou que se mantén o estado de alarma e que o coronavirus “é tremendo e segue aquí”, polo que lanzou unha “moi seria advertencia”: “Tomémolo en serio, non nos podemos relaxar nin descoidar, porque isto non pasou”.

Abel Caballero explicou que a Policía “apercibiu” aos pais en Praza da Independencia e que a Asociación Provincial de Hostaleiros fixo pública “a súa propia regañina” con respecto ao ocorrido nalgúns lugares.

“Confío en que locais e clientes tomen medidas, pero xa saben que non me treme o pulso para decidir. A miña advertencia está sobre a mesa”, proclamou, en alusión a posibles sancións ou clausura de terrazas.

34 MILLÓNS PARA MANTEMENTO DE XARDÍNS

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo deu luz verde ao expediente de contratación do servizo de mantemento de parques e xardíns da cidade, un contrato que ascende a 34,2 millóns de euros e que terá unha vixencia de 5 anos.

Así o confirmou o alcalde, Abel Caballero, nunha rolda de prensa telemática na que lembrou que a tramitación deste contrato estivo parada debido á crise sanitaria polo coronavirus, o que obrigou a prorrogar o actual contrato en vigor.

As principais novidades do novo contrato son o incremento de persoal do servizo e o aumento nun 10 por cento das zonas verdes atendidas, xa que se inclúen as novas áreas humanizadas.

Segundo destacou o rexedor, Vigo conta con máis de 11.000 árbores nas beirarrúas, ademais dos plantados en xardineiras como, por exemplo, os da Avenida de Camelias. Así mesmo, o espazo de xardineiras duplicouse con respecto ao contemplado no anterior contrato.

‘Deseucaliptización’, palabra do ano na RAG… e tamén no Xornal de Vigo

Os termos ‘feminismo’, ‘sororidade, ‘fariña’, ‘apoderamento’ ou ‘fascismo’ foron outros dos máis votados na iniciativa promovida polo Portal das Palabras, un proxecto web da RAG e a Fundación Barrié.

O termo ‘deseucaliptización’ foi escollido Palabra do Ano 2018 logo de acadar a maioría absoluta na votación promovida no Portal das Palabras. Dos 5.724 votos rexistrados, esta verba xuntou 3.114 apoios cos que se impuxo ás outras cinco palabras finalistas: ‘feminismo’, ‘sororidade’, ‘fariña’, ‘apoderamento’ ou ‘fascismo’.

A iniciativa de elixir unha palabra do ano provén do Portal das Palabras, un proxecto web impulsado pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié que ten como fin divulgar o léxico galego. Neste caso, o seguimento da proposta superou os cinco milleiros de votos. Se queres coñecer esta iniciativa máis polo miúdo, visita Galicia Confidencial.

Podemos dicir que a deseucaliptización foi tamén palabra do ano en Xornal de Vigo, tendo en conta a cantidade de novas, reportaxes e entrevistas publicadas ao respecto deste asunto. Desta vez, recuperamos algunhas delas.

Xornada contra o eucalipto/ A. O Furatoxo

novas

Mos e Ponteareas celebran o Día do Patrimonio eliminando eucalipto.

As Neves esixe á Xunta que free a expansión incontrolada de eucalipto.

Cinco ducias de voluntarios eliminan eucalipto en Hío.

Ponteareas móvese para liberar de eucaliptos o castro de Troña.

Demandan outra xestión do monte mentres a Xunta insiste en aumentar o eucalipto.

O eucalipto coloniza unha fraga autóctona en Nigrán.

Chandebrito inaugura o Bosque da Memoria ao son do himno galego.

entrevistas e reportaxes

 “Tódalas mortes por incendio en estradas galegas e lusas desde 2006 foron en zonas de piñeiro ou eucalipto”.

The Navigator Company, a multinacional lusa que quixo encher de eucalipto os montes galegos.

Unha rede de colaboración para descobrer as causas agochadas tralos incendios.

As causas agochadas tralos incendios que asolaron Galicia o pasado outubro.

Podemos evitar que a traxedia se repita?

“O eucalipto é un veleno para a biodiversidade”

Así chegou o eucalipto a Galicia.

Un estudio demostra que a biodiversidade das zonas de carballo duplica a dos eucaliptais.

‘Feminismo’, con 1.032 votos; ‘sororidade’, con 641; ou ‘apoderamento’, con 316, foron outras das verbas que se coaron entre as máis apoiadas e que reflicten que este foi un ano repleto de reivindicacións pola igualdade de xénero. Tamén ‘fascismo’ ou ‘fariña’ estiveron entre as máis votadas.

As mulleres saen á rúa indignadas trala sentenza á “Manada” / Miguel Núñez

Rosa Quintana pon en valor a innovación e o “esforzo” realizado polo sector da conserva durante a pandemia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor a innovación do sector da conserva e o “esforzo” realizado polo mesmo para afrontar as dificultades derivadas da pandemia da covid-19.

Así se manifestou este venres en Vigo no marco da entrega do III Premio de Deseño Anfaco-Fundación Banco Sabadell a Laura Campos, unha nova deseñadora gráfica de 23 anos, pola súa proposta de ‘packaging’, segundo trasladaron a Consellería do Mar e a patronal conserveira. O deseño da galardoada utilizarase para estuchar as latas empregadas na campaña de promoción de consumo de conservas de peixe e marisco ‘Cata a Lata’ durante o próximo ano.

Neste contexto, Rosa Quintana eloxiou a capacidade do sector para adaptar a súa estratexia de comercialización nos momentos máis difíciles da pandemia, cando resaltou que afrontaron a procura novas oportunidades de negocio, potenciaron a venda ‘en liña’ e apostaron pola exportación, ademais de cumprir os protocolos sanitarios establecidos.

Así mesmo, reivindicou o “compromiso inquebrantable” e a “responsabilidade” mostrados polo sector durante a pandemia, cando traballou “sen descanso” para “manter o seu nivel de actividade e seguir ofrecendo alimentos de calidade á cidadanía”.

Adicionalmente, a conselleira do Mar puxo o III Premio de Deseño Anfaco-Fundación Banco Sabadell como exemplo da aposta das empresas conserveiras pola innovación e o impulso do consumo destes produtos.

Traballadoras de DomusVi denuncian á empresa por iniciar unha “caza de bruxas” para saber quen filtra información á prensa

As traballadoras da asociación Traballadoras de Residencias Galegas (TreGa) denuncian que a empresa DomusVi acaba de deixar sen directora a residencia de Bembrive, centro de titularidade pública mais de xestión privada. Segundo sinala TreGa no seu comunicado, a directora deste centro foi enviada á residencia de Aldán, unha das intervidas pola Xunta coa de Barreiro. Din non entender a decisión da empresa para deixar sen ninguén á fronte de Bembrive dentro das actuais circunstancias de epidemia da COVID-19.

Por outra parte, destacan que en Aldán xa están o director nomeado pola Xunta e a directora do centro, do cadro de persoal de DomusVi. As traballadoras interpretan a decisión de enviar á directora de Bembrive como a encargada de “orquestar unha caza de bruxas”. O motivo sería descubrir quen realiza filtracións á prensa “en vez de atender as súas responsabilidades como directora do seu centro de traballo”.

Ademais disto, denuncian que DomusVi tampouco realizou contratación de persoal para a residencia de Ribadumia e así levar adiante o seu “normal funcionamento”. Apuntan que as traballadoras desta residencia seguen traballando en quendas de nove ou dez dúas sen libranzas, sen cubrir incapacidades temporais nin permisos retribuídos.

Consideran que se está levando adiante un labor de castigo contra o persoal que se está manifestando para reclamar melloras. Así, denuncian que se envían a postos “penosos e sen rotación” ao colectivo de traballadores que reclaman melloras laborais. Entenden que isto cuestiona a profesionalidade do colectivo.

Finalmente, TReGa declara que a día de hoxe o persoal da residencia de Aldán, propiedade de DomusVi, foi reforzado de maneira acaída, con varios médicos, limpadoras para turno de noite e a presenza de enfermeiras e auxiliares aumentou en cada quenda.

Os colexios da área de Vigo suman máis de cen contaxios

Os casos activos de Covid-19 en centros educativos de Galicia –escolas infantís e ensino non universitario– ascenderon a 362, o que implica 14 máis que a xornada anterior, tras manter unha tendencia descendente despois do parón lectivo de Semana Santa. E soben a dúas as aulas pechadas.

Segundo os datos actualizados este venres polas consellerías de Educación e Sanidade, tras arrincar as clases despois das vacacións de Semana Santa sen aulas nin centros pechados, na segunda xornada lectiva quedou unha clase inoperativa, no CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces –por un positivo–, á que se suma unha do CPR Plurilingüe Alba en Vigo –cun positivo–.

Por áreas sanitarias, os casos activos en centros educativos descenden no da Coruña –seis menos– e Ferrol –un menos–, mentres que soben nas de Vigo –seis máis–; Pontevedra –seis máis–; Santiago –catro máis–; Ourense –tres máis– e Lugo –dous máis–.

A área de Vigo sitúase á cabeza, con 109 contaxios, tras sumar seis, co CPR Plurilingüe Casa da Virxe de Cangas que se mantén con máis contaxios, un total de sete. Ademais, conta cunha aula pechada no CPR Plurilingüe Alba por un positivo. Séguelle a da Coruña con 107, seis menos que a pasada xornada. O CPR Plurilingüe A Grande Obra de Atocha, con cinco casos, colócase con máis contaxios nesta área.

A área de Pontevedra e O Salnés experimenta un aumento a 63 casos activos –seis máis–. O CIFP A Xunqueira de Pontevedra e o IES Monte da Vila do Grove destacan co maior número de casos, cinco en cada caso. Mentres, a área de Santiago conta con 47 casos activos, catro máis que a xornada anterior, co CPR Plurilingüe La Salle e o IES Antonio Fraguas á cabeza, con catro cada un. Ademais, conta cunha aula pechada por un positivo no CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces.

MENOS CASOS

Entre as áreas con menos casos activos nos centros educativos sitúase a de Ferrol, con 14 –un menos que o día pasado–, co centro CPR Tirso de Molina con catro contaxios. Pola súa banda, con menos casos de Covid-19 atópanse as áreas de Ourense, con 12, ao rexistrar tres contagios máis, distribuídos en 12 centros; e Lugo, con dez, tras sumar dous con respecto á xornada anterior, distribuídos en nove centros.

Evitan o suicidio dun home nas proximidades do estaleiro Barreras

A Policía Nacional de Vigo evitou o suicidio dun home preto do estaleiro Barreras na tarde deste venres, despois de que un achegado do home que tentaba pór fin á súa vida avisase aos axentes do que ía ocorrer.

Así o confirmou este corpo de seguridade do Estado, que preto de 18,42 horas da tarde do venres recibiu a chamada desta persoa para alertalos. En cocreto, contoulles aos axentes que un achegado seu o chamara para despedirse, comunicarlle a intención de acabar coa súa vida e tamén lle enviou unha foto.

Grazas a esa imaxe, os axentes puideron identificar un barco que se constrúe nos estaleiros de Barreras e dirixíronse á zona para evitar que o home acometese o seu propósito.

Unha vez alí, os axentes interviñeron e lograron impedir que o home acabase coa súa vida tras falar con el e actuar de diversas maneiras. Sacárono da zona na que estaba a través da auga, levárono a un lugar máis seguro e unha ambulancia desprazouse ata o punto para atendelo.

Arbo, capital mundial da lamprea, presenta a XXIII edición da súa feira

0

A primeira quincena de agosto, a vila de Arbo volve converterse na Capital Mundial da Lamprea, produto que cativou ao longo da historia paladares tan selectos como os de Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Castro Vello.

Este ano a Festa da Lamprea Seca celebrará a súa XXIII edición os días 11 e 12 de agosto durante dúas xornadas festivas de exaltación do seu afamado produto durante a chamada “Festa da Lamprea do verán” na xa tradicional “Carballeira de Turbela”, dada a repercusión e a demanda do visitante, “ávido de seguir gozando dunha exquisitez única que cada vez desestacionaliza máis o seu consumo ao ir coñecendo o público asistente esas outras deliciosas receitas coas que os cocineros e cocineras de Arbo son capaces de preparar este exclusivo manxar do Miño fóra da tempada de pesca”, subliñan dende o Concello de Arbo.

Durante os dous días poderase degustar nos postos habilitados lamprea por racións nas súas diferentes variedades, asada, rebozada ou rechea; acompañada dos mellores viños da D.O. Rías Baixas, mentres se goza das diversas actividades programadas que propiciarán un ambiente festivo apto para todos os públicos.

Segundo manifesta o alcalde, Horacio Gil, a primeira Festa da Lamprea Seca tivo lugar no ano 1996, sendo el mesmo concelleiro de cultura, “co obxectivo de dar continuidade á promoción e consumo desta delicia gastronómica, poñendo en valor esas outras formas de preparar a lamprea fóra de tempada, que permiten, deste xeito, degustarla durante todo o ano, algo que se esta conseguindo grazas á promoción e bo facer de todos os sectores implicados”.

O trío vigués Caldo, gañador do Concurso Fran Pérez “Narf” de musica galega

Caldo foi a banda gañadora da final do Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña e que tivo lugar este sábado no Teatro Colón da Coruña nun espectáculo que foi retransmitido en directo a través do canal de Youtube da Deputación. Nel participaron as cinco bandas finalistas: Caldo, Ukestra do Medio, Koroiev e Momboi, ademais de Verto, o grupo convidado, nun acto que estivo conducido pola xornalista Belén Regueira.

Caldo son María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita), que presentan unha proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, canda pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas. Neste proxecto apostan pola composición de temas propios así como pola revisión do repertorio tradicional galego, poñendo o foco na aldea de Moscoso (Pontevedra).

Para isto, contaron co material das informantes Rosa e Aída Garrido, recollido polo mestre Xisco Feijóo. No seu 1º disco, formado por temas orixinais, Caldo emprega as pezas do repertorio de Moscoso como fío condutor do álbum. Este disco foi gravado en directo.

O segundo clasificado foi KOROIEV, o proxecto de electrónica en solitario do ferrolán Roberto Casteleiro, e en terceira posición rematou MOMBOI, a banda barbanzá de pop-rock con gusto pola música de raíz latinoamericana. En cuarta posición rematou a UKESTRA DO MEDIO, o compostelá grupo de ukeleles, e en quinta CRNDS, o compositor e produtor coruñés que fai dialogar a electrónica máis experimental e a música tradicional galega.

En metálico os premios son de 3.000 euros para a primeira banda clasificada, 2.000 para a segunda, 1.500 para a terceira e 1.000 para a cuarta e quinta. O Concurso Fran Pérez “Narf” de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf”. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mileth, Su Garrido, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros. 

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed