InicioMedio Ambiente e PatrimonioDemandan unha nova xestión do monte mentres a Xunta insiste en aumentar...

Demandan unha nova xestión do monte mentres a Xunta insiste en aumentar o eucalipto

PUBLICADO O

- Advertisement -

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, vén de reunirse con representantes das Comunidades de Montes e da súa Mancomunidade en San Andrés de Comesaña.

Todo para reflexionar sobre a mellor maneira de conservar os nosos montes, á luz da revisión do Plan Forestal da Xunta, que aumenta nun 1% a superficie de eucaliptos a plantar, sen contar os millóns que xa creceron co lume.

Igrexas demandou dotar de máis recursos técnicos e materiais a xestión do monte, e apostou na posta en marcha de iniciativas destinadas a diversificar o aproveitamento dos recursos forestais, promover a biodiversidade, protexer o patrimonio cultural e acrecentar o “uso social” do monte.

“A nosa aposta por un Vigo verde pasa pola urxente necesidade de reconciliar a cidade non só coa súa faixa litoral senón tamén co seu pulmón forestal”, explicou. Para o candidato nacionalista “un monte con futuro require poñer en marcha tamén proxectos de investigación e innovación”.

En resumo, a aposta do BNG é “entender o monte como unha cuestión de cidade”. “O monte ten que deixar de ser visto como un ‘problema’ das comunidades de montes, senón como unha tarefa de todos e de todas, das administracións públicas e tamén da cidadanía”, enfatizou Igrexas.

Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 / Miguel Núñez.

No encontro foi unánime a denuncia da falla de apoio e implicación da Xunta de Galiza co monte. Nese sentido, Igrexas criticou que ademais de “falta de recursos e dunha pésima xestión, o problema real é que a Xunta do Partido Popular non ten vontade política para defender o monte galego, todo o contrario, como demostra a revisión do Plan Forestal que promoven e que insiste nun modelo de monte insostíbel e pirófito”.

Emporiso, o candidato do BNG considera “imprescindíbel” aumentar o apoio do Concello de Vigo ás Comunidades de Montes en Man Común, por ser entidades que prestan un “servizo público de grande importancia xestionando o monte para o poñer ao servizo de todos os viguesas e todas as viguesas”.

No concreto, volveu demandar que se eleve a partida orzamentaria dedicada ao Plan Municipal de Emprego até os 3 millóns de euros, tal e como reclamou a formación nacionalista nos últimos anos a través das súas emendas aos orzamentos municipais.

Lume en Gondomar, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 / Miguel Núñez

“Grazas ao Plan Municipal de Emprego que impulsou o BNG en 2012, as Comunidades de Montes comezaron a recibir apoio económico, pero despois da brutal vaga de lumes do ano pasado, que afectou un terzo da superficie forestal da cidade, hai que aumentar substancialmente esa axuda e estabilizala para que se poidan poñer en marcha programas e actuacións durante todo o ano e non apenas durante uns meses”, defendeu Igrexas.

O Bloque compartiu a reivindicación da Mancomunidade de Montes de Vigo de reforzar o papel das comunidades e tamén recoñecer o seu papel como interlocutor a nivel institucional.

“É evidente que unha entidade que representa algo tan importante como o monte ten que estar presente nos organismos consultivos do Concello, a principiar polo Consello Social da Cidade”, subliñan.

Montes de Coruxo, tralos incendios / Miguel Núñez

A poucos días de se celebrar o fatídico aniversario da vaga de lumes de outubro de 2017, Xabier P. Igrexas urxiu o Concello de Vigo a poñer en marcha medidas que aumenten a protección do monte.

Neste sentido, o candidato nacionalista expresou o seu apoio á proposta da Mancomunidade de Montes de crear “liñas de defensa” nos lindes exteriores do monte, especialmente no sur da cidade, e que se complementen co proxecto de anel verde.

“Hai que anticipar a defensa do monte fronte ao lume, non só para evitar que poña en risco as vivendas senón para protexer a súa masa forestal”, razonou.

Por outra parte, a fronte nacionalista demandou que se colabore coas comunidades de montes para dotalas de máis medios propios que faciliten o combate do lume, como a posíbel instalación de depósitos de auga.

Eucalipto cortado tralos incendios de 2017/ Miguel Núñez

Igrexas lamentou “que un ano despois o Goberno municipal non teñan feito absolutamente nada” para revisar os dispositivos e planos de emerxencia fronte ao lume na cidade.

“Hai un ano comprobamos como tivo que ser o compromiso heroico da veciñanza o que nos permitiu frear o lume, por iso é incomprensíbel que non se teña posto en marcha un plan de continxencia específico para os lumes forestais dentro do termo municipal de Vigo”, criticou.

ÚLTIMAS

A Xunta di que o contrato con Povisa está pendente “dos últimos matices” para que a empresa se presente

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, explicou este xoves que o contrato de...

Stellantis Vigo é competitiva, segundo o número dous do grupo industrial

Os sindicatos do comité de empresa da factoría de Stellantis en Vigo trasladaron este...

O Concello de Vigo asume os custos pola perda de axudas ao bus urbano

O Concello de Vigo asumirá os custos da perda de axudas ao transporte urbano...

As obras do hospital de día do Chuvi finalizarán antes do verán

As obras de ampliación do hospital de día do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo...