Home Medio Ambiente e Patrimonio As causas agochadas detrás dos incendios que asolaron Galicia o pasado outubro

As causas agochadas detrás dos incendios que asolaron Galicia o pasado outubro

0
As causas agochadas detrás dos incendios que asolaron Galicia o pasado outubro
Lume en Gondomar, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 / Miguel Núñez

Xa pasou medio ano dende a traxedia acontecida o pasado outubro nos nosos montes e os portugueses, e os expertos aínda discuten e dubidan das causas daquel conflito. A dificultade para atopar un motivo concreto lévaos a afirmar que poderían ser moitos.

Na área de Vigo hai 13 comunidades de montes, e as máis afectadas polos incendios do pasado verán foron Matamá, San Andrés de Comesaña, Valadares, Coruxo e Chandebrito. O monte de Coruxo ardeu case na súa totalidade, de 247 hectáreas de bosque, perdéronse co lume o 90% delas. E falamos co presidente da súa Comunidade de Montes, Antonio Ocampo. “Ademais do tempo, houbo mans negras”, asegura.

Tralo incendio, Antonio Ocampo estivo 8 días ingresado por insuficiencia respiratoria. E como tantos outros, os seus pensamentos volvéronse negros. Tamén queimou os pés, e os tivo que levar vendados durante un mes.

O seu monte estivo ardendo durante un mes e unha semana: “hai zonas de turba (carbón) que poden seguir ardendo. Apagas por riba do chan, pero aínda segue o lume por debaixo da terra, así que levantas pola mañá e está todo cheo de fume”.

Operarios talan o eucalipto queimado en Coruxo / Miguel Núñez

Dicir un culpable resulta moi delicado e difícil, confírmao o presidente da Comunidade de Montes de Chandebrito, Víctor Vidal: “Non creo que foran os madereiros. Foi moita madeira en pouco tempo, o mercado saturouse, rompéndose o equilibro entre oferta e demanda. E diso non se beneficiou ninguén. Eu non son de teorías conspiranoicas. Teño algunha idea, pero sería especular. A pequena escala houbo incluso xente que se entregou á policía, fora un despiste. Pero a grande escala poden ser moitas cousas”.

No primeiro momento falábase de tramas criminais, pero este argumento parece perder forza co tempo. “En Vigo pensabaque estaban actuando pirómanos, non sei se era verdade o non, pero dende logo as cascas de eucalipto poden chegar igual”, asegura.

Tratouse dun incendio de dimensións insospeitadas, polo que tentaremos poñer sobre a mesa cales son os factores que explican tal alcance. Así, en palabras de Gregorio Álvarez, Presidente da Comunidade de Montes de Valadares: “O último incendio que lembro en Vigo foi hai máis de 30 anos, e para nada semellante. Desta vez foi imposible, apagabas polo chan e ardía polas copas. Nunca vira nada parecido en tantos anos que levo”.

Tamén nega as conspiracións: “Hai moita lenda sobre os incendios, que se os gandeiros, para recalificar terreos, os cazadores… E de todo hai na viña do señor, pero non creo en tramas, xa o dixo o outro día o fiscal Xeral de Galicia, a maioría dos incendios son por despiste dalgún paisano”.

Uxío González, Presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, defende que “era imposible predecir o que aconteceu, foi insólito. Nunca ardera en Vigo, senón na Cañiza, As Neves… E igual cada dez anos, nas Neves por exemplo ardeu en 1996, 2006 e 2016”.

factores climáticos

En primeiro lugar, non podemos esquecer que os incendios de outubro de 2017 ocorreron no marco dunhas condicións climáticas especialmente adversas. Galicia levaba moitos meses de seca, e neses días fortes ventos e unha baixa humidade axudaron de forma determinante á propagación do lume.

Levaba moito tempo sen chover, e facía tanto vento, lembra Gregorio Álvarez, que nin sequera a auga que botaban dende os hidroavións, era moi útil, posto que non caía onde debería.

O cambio climático sería clave, defende Uxío González, “igual que ocorreu o ano pasado, pode pasar outro. Foi en outubro. En verán non sería tan malo, porque non hai folla seca. O cambio climático alonga o verán, e un clima de vintetantos graos en outubro é propenso para o lume”. 

neglixencia administrativa

Defende Uxío González que “é incrible que a Xunta, a administración autonómica, o 30 de setembro mandara á xente á casa. Intentaron difuminar co da trama, pero é unha neglixencia súa como para ir aos tribunais, facer que os brigadistas terminen contrato en setembro e contratalos de novo o 18 de outubro, inconcebible despois dun dos veráns máis secos da historia de Galicia. Se estiveran os brigadistas traballando no Galiñeiro cando comezaba o incendio, coas avionetas, non tería ocorrido nada. Unha vez que arrincou, foi imparable”.

Porque logo xa é moi tarde: “Unha vez que hai tanto lume é normal que todo o mundo se vexa desbordado, chega un momento que non sabes a onde ir, e a policía, a garda civil e os bombeiros marchan a defender ás vivendas. Pero ao lume hai que atacalo antes. Logo os medios van ás casas e os montes son abandonados, e quedan esnaquizados. O que pasou en Portugal, que morreron 70 e pico persoas, puido pasar en Vigo. E a culpa é da Xunta, o seu resposable de montes leva moitos anos alí”.

as especies pirófilas: o eucalipto

Segundo os expertos, unha das causas da ola de incendios serían especies invasoras e pirófilas coma o eucalipto, aínda que matizan de forma diferenciada outorgándolle maior ou menor influencia.

Ocampo define ao eucalipto coma “unha árbore cuxa semente necesita calor para crecer, necesita lume, e vén de Australia, onde os nativos queiman a terra en determinados momentos para que medre”.

Necesitaríanse franxas de protección (espazos de bosque con outro tipo de especies arbóreas coma as frondosas, que ao ser húmidas reteñen o lume, ou zonas sen vexetación) para illalos, porque “o eucalipto e o pino son puro lume, iso arde en calquera momento”.

Engade Gregorio Álvarez que “as cascas de eucalipto son finas e lixeiras, e o vento as leva coma avións, metros e quilómetros, iso o vin eu cos meus propios ollos. O lume avanzaba tan rápido que pasou por moitas árbores sen chegar a afectalas”.

Por outra banda, para Uxío González, “estase inculpando ao eucalipto máis do debido. O que si que é certo é que ten moita continuidade, e debese facer cada certos metros un corte. Outra barbaridade é o eucalipto enriba dos tellados das casas do rural. Foi unha gran sorte que só morreran dúas persoas directamente e unha de forma indirecta. Puido ter sido unha catástrofe aínda maior”.

o abandono do rural, os pobos e o campo

Gástase diñeiro en apagar incendios pero moi pouco en previr. E á variola gañouse grazas á vacuna preventiva“, defende Ocampo. Empréganse millóns de euros na extinción, pero o problema de fondo podería ser a gran cantidade de propiedades no monte en estado de abandono, e a fuxida do campo en xeral.

Traxedias coma a acontecida lembra agora a importancia e o perigo que supón que a poboación se acumule nos grandes núcleos urbanos, e de investir no coidado do monte. De tal xeito, pregúntase Ocampo: “Canto se gasta en praias coma a de Samil? Eu creo que hai que darlle o mesmo valor aos montes periurbáns, que son zonas de ocio, ademais do seu efecto fixador de CO2. De feito, as empresas relacionadas coa producción de C02 deberían investir en nós con algún tipo de imposto, xa que nós o retemos. Un dos grandes fixadores de CO2 era o placton, e tamén o estamos eliminando”.

De tódolos xeitos, o coidado dos montes e a creación de cortalumes pode resultar inútil: “O cortalumes máis grande que hai en Galicia é a autopista, e foi saltada polo lume, segundo din, mesmo saltou o Miño para chegar dende Portugal…

O Presidente da Comunidade de Montes de Chandebrito, Víctor Vidal, apunta nesa mesma dirección: “Hoxe en día, a xente vai á industria e cada vez miramos menos ao monte, se queres leña pagas 200 euros e xa cha traen a casa. E claro, descoidamos as fincas. Non se che ocorre ir ao monte a máis que dar un paseo, cando antes a xente vivía do monte, que daba de comer a moitas persoas”.

Eran outros temos e modos de vida, nos que eran prácticas cotías “ir apañar toxos ou piñas e vendelos en Vigo por unhas pesetas, para traer peixe. A xuventude vai cada vez menos a limpar fincas, e tampouco podemos olvidar o papel do gando, antes había ovellas que facían a labor de limpeza dos montes…”

Montes de Coruxo, tras os incendios / Miguel Núñez

Para Vidal, esta é a causa principal, o descoido do bosque, “tamén do comunal pero sobre todo das propiedades privadas”. Gregorio Álvarez, en cambio, defende que “non é tanto a limpeza dos montes, porque o monte non é un xardín, senón onde viven os alimaliños, coas excepcións dos cortalumes, ou preto das estradas”. Ter pouco eucalipto tampouco sería infalible:”nós temos poucos, e incendio avanzou, por arriba co vento, polas copas”.

Do abandono, para Uxío González, somos todos culpables: “Ninguén se pode escaquear. Hai moitísimos propietarios privados en abandono absoluto, a Administración galega delega nos concellos e ninguén fai nada”.

Polo tanto, “a Xunta o que non pode dicir agora é que foi mala sorte, ou culpar a tramas incendiarias, escudarse no terrorismo, independentemente que non existan diversos intereses. O problema está na cantidade de monte privado, a metade dos seus propietarios non saben nin onde é a súa finca, falece a xente maior e seus herdeiros non coñecen a propiedade”.

E resume, de xeito esclarecedor: “Ata que se viu o lume enriba das casas, non se fixo nada”. Por último, engade: “Se a xente volvera ao monte como hai 40 anos, que estaba coma unha patena, non había un toxo que cortar, que se buscaban para facer abono… Era unha cadena totalmente distinta. Agora as comunidades de montes temos cada vez máis carga”.

dificultades legais

“Non é xa só as árbores, é que se poñen en risco vidas, moitas veces por intereses espúreos”, lamenta Ocampo. Pero, cales son eses intereses? Cales son os culpables? Madereiros, cazadores, gandeiros? Mesmo no pasado narcotraficantes teñen prendido lume para despistar a acción das forzas policiais.

“O incendio non foi casual, aínda que non lle poda botar a culpa a ninguén. É imposible que nun só día o incendio chegara ao centro de Vigo”, asegura Ocampo. Pero en calquera caso, lamenta a dificultade de atopar os culpables, ou que incluso “houbo incendios que demostrouse quenes foron os causantes, como en Salvaterra, e quedaron absoltos”.

“Os incendios son tan fáciles de provocar que plantas lume á mañá nunha ladeira do monte e subiu coma a escuma pola tarde, en verán”, recoñece.

Xa existen unhas leis moi estritas, o malo é que non hai quen aplique esa lexislación, porque políticamente non é moi correcto dicirlle á xente que corte as súas árbores, e logo botámonos as mans á cabeza, e pensamos que deben cambiarse as leis, cando a realidade é que xa existen pero non se están aplicando”.

utilización do lume

Outro punto importante sería o emprego do lume para diversas tarefas, práctica moi común na nosa terra: “Hai en Galicia un culto ao lume, todo o mundo queima, é unha enfermidade. Para limpar o toxo dunha finca, prenden lume e listo”, defende Ocampo, e advirte: “O monte é a nosa supervivencia e o noso futuro. E estamos poñéndoo en risco. Dentro de pouco, a praia do Bao estará inundada”. No 2016 houbo máis de 300.000 queimas autorizadas e comunicadas en Galicia.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here