Inicio Blog Páxina 2030

O cangrexo azul, unha especie invasora que ameaza o choco galego

O cangrexo azul (Callinectes sapidus) é unha das grandes ameazas para as rías galegas. De procedencia americana, esta especie está considerada moi perigosa pola súa voracidade e agresividade. En 2016 deuse a coñecer o primeiro exemplar de cangrexo azul identificado en augas de Galicia, capturado en novembro de 2015 na ría de Vigo.

Agora hai evidencias de que esta especie exótica invasora orixinaria do Atlántico occidental podería poñer en perigo a subsistencia da Sepia officinalis, coñecida popularmente como choco, chopo ou xiba.

Científicos do Institut de Ciències del Mar en Barcelona, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), veñen de publicar os resultados dunha investigación sobre a depredación de ovos de sepia por invertebrados bentónicos. Unha das principais conclusións deste estudo indica que “o cangrexo invasor Callinectes sapidus pode constituír unha nova ameaza para as poboacións nativas de xiba europea”.

“O Callinectes sapidus é un cangrexo depredador en potencia, o que expón a preocupación de que esta especie invasora poida constituír unha nova ameaza para os ovos de sepia a medida que se establezan máis poboacións en augas do Atlántico nororiental“, afondan os científicos do CSIC.

Orixinario das costas do Océano Atlántico occidental, a distribución do voraz cangrexo azul ampliouse a augas costeiras europeas e xaponesas nos últimos anos. Trátase dun invasor cunha alta capacidade de expansión e a súa introdución pode ter consecuencias significativas para a ecoloxía dos ecosistemas invadidos.

Este cangrexo habita en fondos lodosos e areosos de esteiros e augas costeiras pouco profundas, xeralmente de ata 35 metros de profundidade, sublíñase no estudo. Voraces e altamente móbiles e agresivos, estes cangrexos incorporan ovos de invertebrados na súa dieta omnívora. Os científicos xa comprobaron que a súa distribución invasora e o rango batimétrico coinciden cos sitios de desova do choco, polo que “podería significar unha nova ameaza de depredación para as poboacións de Sepia officinalis“, alertan os investigadores do CSIC.

“Esta especie podería constituír unha nova ameaza para os ovos de sepia a medida que se establezan máis poboacións ao longo da súa distribución invasiva”, reiteran os científicos nas conclusións do seu estudo.

PRESENZA EN GALICIA DO CANGREXO AZUL

En xaneiro de 2016, o grupo científico Ecoloxía Azul mostraba o primeiro exemplar de cangrexo azul atopado en augas de Galicia, na ría de Vigo. O especime fora achado en novembro de 2015 na praia de Canabal pola tripulación do barco ‘O Vilela’, pertencente á confraría de Pescadores San Xosé de Cangas do Morrazo.

O propio grupo científico sinalaba que se trataba do primeiro rexistro de Callinectes sapidus en Galicia. A súa identificación foi posible grazas á bióloga Berta Barreiro, técnica da confraría de pescadores de Cangas.

Xa en decembro de 2016, o Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM) identificaba para Galicia Confidencial as principais especies invasoras que están ameazando as rías galegas: novas especies de crustáceos, moluscos e de diferentes filos zoolóxicos de invertebrados nunca antes observados aquí. Na ampla lista aportada polo GEMM destacaba a presenza do cangrexo azul, cuxa expansión tería consecuencias ecolóxicas e económicas “inimaxinables”, alertaron estes científicos, que lamentaban a pasividade das autoridades ante estas novas invasións.

O achado do cangrexo azul en augas de Galicia foi descrito polo Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), con base en Ribeira, nun artigo titulado ‘First records of two decapod crustaceans, the caramote prawn Penaeus kerathurus and the blue crab Callinectes sapidus from Galician waters (NE Atlantic)’, publicado na revista Cahiers de Biologie Marine, da Station Biologique de Roscoff, da Bretaña francesa. O estudo foi elaborado en colaboración co Instituto de Ciencias Marinas de Andalucía (CSIC) e a Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas do Morrazo.

A hipótese coa que traballan os científicos é que a chegada desta e doutras novas especies ás rías galegas pode deberse a un “proceso de tropicalización debido ao quentamento do océano”. De feito, e como se salienta no artigo publicado en Cahiers de Biologie Marine, “a temperatura do mar aumentou en Galicia en 0,24ºC por década desde 1974”.

Respecto do cangrexo azul, é o caso “máis problemático” das novas especies descritas, xa que “ten un potencial moi grande de converterse en invasor”, explicou a Galicia Confidencial

“A súa chegada a Galicia tan só era cuestión de tempo. Agora xa está estendido por case toda a costa Atlántica, Mar Báltico, Mediterráneo e Mar Negro”, comentou Juan E. Trigo, do GEMM, a Galicia Confidencial.

A alimentación desta especie baséase normalmente en pequenos bivalvos, “polo que Galicia, cunhas extensións enormes de cultivos destes moluscos, é un auténtico paraíso para o cangrexo azul, que pode chegar a expandirse rapidamente sen ningún tipo de impedimento”, advertiu o experto do GEMM.

A presenza deste crustáceo decápodo nas nosas rías podería causar “danos económicos inimaxinables” ás confrarías de pescadores e á extracción natural doutros bivalvos, sendo moi difícil a súa erradicación xa que “practicamente carece de depredadores naturais” e “o único que podería contar é case en exclusiva o polbo”, alertou Trigo.

Unha invasión de cangrexos azuis suporía enormes danos ecolóxicos e afectaría principalmente á supervivencia do bivalvos de Galicia, pero tamén entraría en “competencia feroz con outros crustáceos autóctonos como a nécora, o boi ou a centola, que poden chegar a verse parcial ou totalmente desprazados”, alertou este experto.

ESTUDO PIONEIRO

O estudo que agora publican os científicos do Institut de Ciències del Mar do CSIC é de enorme importancia, xa que até agora “só foron documentados uns poucos eventos de depredación de ovos de sepia na natureza”, un deles, precisamente na ría de Vigo por un demo (Parablennius gattorugine), en 2011.

“Sorprendentemente”, din os investigadores, “os invertebrados están case ausentes dos informes de depredación de ovos [de xiba]”. Por isto, investigaron os posibles depredadores e como as características de alimentación destes “están relacionadas coa súa capacidade mecánica para rachar a cápsula dos ovos e atacar os embrións”, aportan os autores.

As especies identificadas que se alimentaron de ovos de sepia foron o Bolinus brandaris —un gasterópodo procedente do Mediterráneo que o Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM) identificou tamén entre as novas especies de moluscos invasoras nas augas galegas—, o boi de mar (Cancer pagurus), o cangrexo ermitán vermello (Dardanus arrosor), o lumbrigante (Homarus gammarus), o camarón mantis (Squilla Mantis), os ourizos de mar Echinus melo e Paracentrotus lividus, a estrela de mar escavadora Astropecten aranciacus, ademais do xa mencionado cangrexo azul (Callinectes sapidus), o cal constitúe “unha nova ameaza para os ovos de sepia”, detallan os científicos.

“Os nosos resultados mostran que a depredación dos ovos de xiba por invertebrados mariños bentónicos é posible. Ata onde sabemos, este é o primeiro estudo que abordar deliberadamente a depredación por invertebrados de masas de ovos de sepia“, resaltan os autores, que se ben realizaron a investigación en laboratorio, aseguran que os seus resultados “sosteñen que a depredación dos ovos de sepia por invertebrados pode de feito ser posible na natureza”, podendo comprometer a súa supervivencia.

Os resultados do estudo veñen de publicarse na revista científica Estuarine, Coastal and Shelf Science, nun artigo titulado ‘Invertebrate predation on egg masses of the European cuttlefish, Sepia officinalis: An experimental approach’, asinado por Catarina Padilha Pires Martins, Roger Villanueva e Fernando Fernández-Álvarez.

Sabes cal é a orixe da merluza?

0

Científicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO), en colaboración ca Universidade de Vigo, a Universidade Autónoma de Barcelona e o Instituto de Ciencias del Mar (ICM-CSIC) fixeron unha análise xenética a 1205 exemplares de merluzar de todo o mundo que permitiu reconstruír a súa historia evolutiva.

Os fósiles de merluza máis antigos datan de fai uns 50 millóns de anos, cando comezaron a aparecer ecosistemas parecidos aos actuais. A merluza norteamericana é a máis antiga e extendeuse dende Groenlandia ata o sur a través dun océano Atlántico aínda nacente, ata chegar ao océano Pacífico. Porén, o peche da vía de panamá, fai 3,5 millóns de anos, actuou de barreira e favoreceu a especiación.

Este traballo suxire que unha orixe comun para as especies de merluza encontradas no Pacífico e Atlántico Sur. “É un fito conseguir esta información a partir de mostras fixadas de museo, a pesar de que aínda existen lagoas de coñecemento na taxonomía da merluza” explica a investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo e primeira autora do traballo, Montse Pérez.

O Goberno de Vigo habilitará zonas de aparcadoiro gratuítas en centros de atención primaria onde se vacúa

O Goberno de Vigo habilitará zonas de aparcadoiro gratuítas nas inmediacións dos centros de atención primaria da cidade onde se está realizando a vacinación polo coronavirus.

Así o comunicou este mércores o alcalde, Abel Caballero, que indicou que xa deu instrucións á Policía Local para que habilite estes espazos de estacionamento nun “prazo breve, dun ou dous días”. Así, aínda que se trate de zonas de estacionamento regulado, “quedarán libres de ningún tipo de pago”.

Segundo indicou o rexedor, estes espazos poderán ser utilizados polas persoas que acudan a vacinarse, “sobre todo a xente maior”. Para iso, bastará con ensinar un documento ou unha mensaxe no que conste a cita.

Caballero lembrou que a vacinación se realiza no Instituto feiral de Vigo (Ifevi), onde hai aparcadoiro gratuíto; nalgúns centros de atención primaria; e no Hospital Álvaro Cunqueiro. Respecto ao centro hospitalario, remarcou que “hai un aparcadoiro gratuíto do Concello”, pero “a Xunta cobra por aparcar” no seu, polo que instou á Administración galega a que “poña gratis” este estacionamento.

Tres detidos nunha operación da UDEF no Colexio de Enfermaría de Pontevedra, en Vigo

Tres persoas foron detidas na operación pola que a Unidade de delincuencia económica e fiscal (UDEF) da Policía rexistra este xoves a sede do Colexio de Enfermaría de Pontevedra, situada en Vigo.

En concreto, trátase do presidente do ente, Carlos Fernández, a súa muller e a súa filla, segundo informan fontes próximas á investigación. A operación parte do xulgado de instrución número dous de Vigo.

Os axentes efectuaron rexistros, ademais de na sede do colexio, noutro domicilio. O que afecta o órgano profesional aínda non terminou e a UDEF continúa solicitando información.

O pasado mes de xaneiro saíu á luz a existencia de dúas condenas ao Colexio de Enfermaría de Pontevedra ao pago de cotas ao Consello Xeral de Enfermaría de España.

En concreto, foi o secretario do colexio de enfermeiros pontevedrés, José Faustino Portela, quen acusou o presidente, Carlos Fernández, de “afundir” a institución coa súa xestión, mentres que este replicou asegurando que faltaba “á verdade”. Ambos levan máis de 20 anos no organismo.

José Faustino Portela fixo públicos estes enfrontamentos ao remitir un comunicado acompañado por diversa documentación.

Denunciaba entón que o ente foi “novamente condenado ao pago de máis de 1,5 millóns de euros ao Consello Xeral de Enfermaría de España“. E precisaba que a última sentenza foi ditada polo xulgado contencioso administrativo número 3 de Pontevedra pero “vén sumarse á de 2014 na que xa se condenaba o colexio ao abono de 4,5 millóns de euros”.

“Carlos Fernández non comunicou ningunha das sentenzas aos seus colexiados e esta última faise pública pola súa inclusión na carta de despedimento dun traballador do colexio tras unha inspección de traballo que supón unha sanción de 120.000 euros por distintas irregularidades da entidade”, afirmaba.

Neste sentido, o secretario da entidade sinalaba en xaneiro que “ata que haxa probas” non podía “facer nada” no ámbito da xustiza, pero xustificaba facer pública esa información xa que o presidente, segundo dicía, non respondía as súas demandas.

DEFENDÍA A súa XESTIÓN

Pola súa banda, Carlos Fernández, consultado entón por Europa Press, remitiu ao seu avogado pero defendeu a súa xestión e deu unhas explicacións que, segundo argumentaba, xa coñecían os colexiados.

Así, indicou que no seu día o colexio deixou de abonar as cantidades porque “se decidiu nunha asemblea xeral” ao ser os servizos “ningún ou moi poucos”. Esta reunión “nunca tivo lugar” segundo o secretario.

En calquera caso, Fernández, que recoñecía que “hai dous anos que se está abonando o 30%” desas cotas, aseguraba que Portela “falta á verdade” no relato dos feitos e resolveu que estas cuestións serían tratadas “en xunta de goberno”, polo que rexeitaba “entrar” nas acusacións. “Leva máis de 20 anos na xunta de goberno e foi persoa da miña confianza. Dáse conta agora?”, preguntábase en xaneiro.

Acusan ao Concello de Vigo de petender “invisibilizar” á oposición co novo regulamento do Pleno

0

Os partidos da oposición na corporación municipal de Vigo criticaron a reforma do regulamento do Pleno exposta polo goberno de Abel Caballero, por pretender “invisibilizar” a súa acción política e reducir a súa capacidade fiscalizadora da acción do goberno local.

Así, todos os partidos presentaron emendas á proposta e mesmo o PP presentou a súa propia alternativa de regulamento, segundo informou este mércores en rolda de prensa o portavoz do grupo ‘popular’, Alfonso Marnotes.

Segundo denunciou, o goberno local promove esta nova reforma normativa porque “gañan as votacións pero perden os debates” nos plenos pola súa falta de xestión e argumentos.

“A Abel Caballero non lle chega con marcharse dos plenos aos 20 minutos, ou co esperpento de que o seu grupo presente mocións de control á oposición…agora fai unha manobra covarde para calar á oposición e colapsar o pleno con intervencións do seu grupo“, criticou, e lamentou que as sesións xa se converteron en “plenos de inquebrantable adhesión á súa excelencia que vén, recibe o aplauso e vaise, plenos nos que só falan 4 concelleiros do goberno, que len o argumentario do alcalde e apláudense entre eles”.

Por iso, os ‘populares’ propuxeron un regulamento alternativo, fronte á intención de Caballero de acudir aos plenos “dopado” e “coas cartas marcadas”. Entre as cuestións que reclaman está a celebración das sesións no auditorio, con espazo para público en condicións de seguridade; emisión en directo e acceso a un arquivo audiovisual das sesións; “tempos equitatitos e quendas lóxicas” nas intervencións; repartición equilibrada das mocións; ou unha comisión de seguimento das concesionarias que funcione de forma efectiva.

MAREA E BNG

Pola súa banda, Marea de Vigo tamén presentou emendas á proposta de reforma do regulamento para reclamar medidas de transparencia e calidade democrática, como o establecemento dun “escano cidadán”, a posibilidade de que se poidan constituír grupos municipais con menos de tres edís; ou facilidade para que a oposición fiscalice o labor do goberno. Respecto diso, criticou que, por exemplo, o goberno local “se reserva para si mesmo” nos plenos rogos e preguntas que logo non formula, algo “ridículo”.

Marea tamén reclama que se revise a norma de que as mocións pasen previamente por comisión informativa e estean presentadas cando se reúna a xunta de portavoces, algo que “incumpre sistematicamente” o grupo de goberno.

Outra das propostas que fai esta formación é que se facilite a emisión das sesións, a súa gravación, ou que non se impida ao público asistente portar carteis ou pancartas.

Pola súa banda, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, deu a coñecer este mércores as súas emendas á proposta de novo regulamento e, aínda que admitiu a necesidade de adecuar a normativa á nova “realidade”, expresou o seu rexeitamento frontal á “autoenmenda” do alcalde, “coa que pretende duplicar as quendas de intervención do PSOE” (o goberno propón que, cando un concelleiro do goberno interveña no pleno, haxa unha intervención para cada grupo da oposición e, a maiores, outra do grupo socialista).

“Caballero pretende coar ‘de rondón’ unha dopaxe política, para converter os plenos nun monólogo do PSOE e do alcalde”, denunciou e explicou que, de aprobarse a nova norma, daríase o caso de que o PSOE podería usar 13 minutos nas súas quendas, fronte aos dous minutos cos que contaría el (o que menos tempo de intervención ten, por ser o único concelleiro do BNG).

Pérez Igrexas tamén criticou que o goberno local pretende “afogar” á oposición, impedindo o seu labor fiscalizador, co fin de “invisibilizar a pluralidade política” no pleno. Fronte a isto, propuxo medidas para facilitar o acceso dos concelleiros aos expedientes, maior participación cidadá e do tecido asociativo, o recoñecemento dos grupos municipais á marxe do número de edís, ou unha repartición equilibrada das mocións, rogos e preguntas, entre outras medidas.

A Xunta permite a mobilidade para a práctica da caza incluso con persoas non conviventes

0

O DOG vén de publicar a letra pequena da situación de “semiconfinamento” instaurada pola Xunta de Galicia ata, polo menos, mediados de febreiro para tentar aplacar o crecemento exponencial de contaxios e hospitalizados rexistrados nas últimas semanas. O documento vén de chamar a atención poque inclúe novidades significativas con respecto a modelos de restricións anteriores, como, por exemplo, a posibilidade de que matrimonios e parellas informais poidan verse malia non ser conviventes.

Non causou sensacións tan positivas o anuncio da Xunta de Galicia de que permitiría aos cazadores da Comunidade o desprazamento pola totalidade do territorio. O anuncio, recollido no artigo 6 do DOG, non discrimina expresamente entre practicantes federados e non federados, pero si limita –a diferenza de anuncios anteriores– a práctica permitida á caza de xabarín e lobo en supostos concretos.

XABARÍN E LOBO

De acordo co mesmo texto, a Xunta non aplicaría as limitacións de entrada e saída dos municipios a todas aquelas persoas que desenvolvan “accións de caza sobre o xabarín” desenvoltas de acordo cos “plans anuais de aproveitamente cinexético”. Máis restritivo é o caso do lobo, que tan só se poderá cazar no caso de “danos á agricultura ou á gandaría”.

Este mesmo suposto cúmprese tamén para o xabarín. Por último, as autoridades autonómicas volven permitir a mobilidade dos cazadores que vaian desenvolver batidas destinadas a frear “accidentes graves de tráfico reiterados nun único punto quilométrico”. A Xunta anuncia así a práctica liberdade de movementos para os cazadores galegos semanas despois de recibir duras críticas por un movemento semellante na vaga de restricións aprobadas a finais do ano pasado, momento no que tamén foi duramente criticada polo movemento ecoloxista galego a razón dunha suposta “violación da lei” con vistas a favorecer o lobby cinexético.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

Abel Caballero: “Somos unha referencia en Galicia, en España e no mundo a pesar do abandono da Xunta”

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo este luns balance dun 2020 “duro e infeliz” pola pandemia de COVID, e no que, no entanto, a cidade fixo gala dunha gran capacidade investidora, de mobilización de recursos para loitar contra a crise sanitaria, apoiar a sectores como hostaleiros e comerciantes, e xerar emprego.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico presumiu de que, a pesar da pandemia, o goberno local implementou “seguridade COVID“, os vigueses fixeron un “cumprimento xeneralizado das normas”, e mantívose ” a moral” da cidade.

Nese contexto, Caballero destacou que se implementaron un milleiro de accións relacionadas coa loita contra a pandemia, aumentouse o gasto social e o apoio á educación, e mobilizáronse “máis investimentos que nunca”. “Iso seguramente só sucedeu en Vigo”, proclamou.

MODIFICACIÓN DE CRÉDITO

Así, subliñou a aprobación da modificación de crédito que permitirá o uso de 35 millóns de euros de remanentes; a aprobación dos orzamentos municipais de 2021, que ascenden a 264 millóns de euros; e o investimento de máis de 100 millóns de euros “no medio dunha pandemia” para acometer actuacións como a reforma da bancada de Marcador, decenas de ‘humanizacións’ en rúas de Vigo, proxectos de ramplas mecánicas e ascensores, e outras obras.

Tamén destacou o impulso por parte do Goberno central de cuestións estratéxicas, como o AVE a Madrid por Cerdedo, o saída sur ferroviaria, ou a Biblioteca do Estado; á vez que puxo en valor a “presenza” da cidade no contexto de España.

“Somos unha referencia en Galicia, en España e no mundo“, incidiu, e criticou que, por contra, o 2020 foi “o ano de maior abandono da cidade por parte da Xunta”. Con todo, engadiu, Vigo destaca pola súa “estabilidade” e o seu “avance”, e “os enganos” do goberno galego “xa non teñen efecto”.

CRÍTICAS DO PP

Pola súa banda, o grupo municipal do PP ofreceu unha rolda de prensa na que presentaron a moción que levarán ao pleno do próximo mércores, na que tamén fan balance da actuación municipal neste 2020.

O portavoz ‘popular’, Alfonso Marnotes, lamentou que, en “o ano da COVID”, Abel Caballero “deixou tirados a todos os vigueses”, ao non dar axudas directas a hostaleiros e comerciantes, “subindo impostos” aos veciños, reducindo a partida de política social nos próximos orzamentos, ou prorrogando a concesión do bus urbano a Vitrasa.

Segundo o PP, en plena pandemia o alcalde de Vigo “preferiu seguir na liña do seu mandato, coma se non pasase nada”, e instou ao goberno local a “tomar conciencia da realidade” e “arrimar o ombreiro” para establecer como prioridades un maior gasto social e axudas a comercios e hostalaría.

O TS rexeita un recurso contra a declaración de dúas áreas de Vigo como zonas de gran afluencia turística

A Sala III do Tribunal Supremo (TS) desestimou un recurso da Asociación Nacional de Grandes Empresas de Distribución (ANGED) contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que rexeitou un recurso da mesma contra a resolución pola que se declararon o Centro histórico e a área antiga de Bouzas de Vigo como zonas de gran afluencia turística.

En concreto, a Xunta aprobou a proposta do Concello de Vigo respecto da limitación destas partes da cidade como zonas de gran influencia turística, o que permite que o horario de apertura dos locais se estenda ata as 22,00 horas co obxectivo de atender as necesidades dos consumidores.

Segundo recolle a sentenza, que é firme e non impón o pago de costas, confírmase así a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que desestimou un recurso da asociación contra a aprobación da declaración do Centro histórico da cidade e a parte antiga de Bouzas como zonas de gran afluencia turística.

En concreto, a parte recorrente cuestionou as limitacións territoriais e temporais que se recollen na declaración. Mentres, os xuíces consideraron xustificada a restrición temporal ao sinalar que o horario de apertura establecido “razoablemente será coincidente coa franxa horaria na que hai máis afluencia de visitantes”.

Ademais, os maxistrados concluíron que a limitación territorial resulta adecuada posto que, como recolle a sentenza impugnada, o Centro histórico e o barrio antigo de Bouzas “constitúen o principal foco turístico da cidade, onde se concentran os recursos artísticos, culturais e monumentais que atraen aos turistas”. Así, remitíronse ao expresado polo TSXG, que apuntou que “o valor específico destas zonas si pode xustificar unha delimitación xeográfica como a que se recolle no acordo impugnado”.

Así mesmo, o tribunal lembrou que a Lei de Horarios Comerciais (LHC) contempla a posibilidade de que as propostas de declaración de zonas de gran afluencia turística elaboradas polos concellos inclúan “unha limitación de carácter temporal ou territorial” e lembrou que estas áreas non deben comprender necesariamente a totalidade do termo municipal.

Ademais, lembrou que a LHC afecta a “municipios de máis de 100.0000 habitantes que rexistrasen máis de 600.000 pernoctaciones no ano inmediatamente anterior”, un caso no que se sitúa a cidade olívica.

Adicionalmente, o TS lembrou que a Lei de garantía de unidade de mercado sinala que o establecemento de “limitacións ao acceso a unha actividade económica ou o seu exercicio” ou a esixencia de requisitos para o desenvolvemento dunha actividade corresponde ás autoridades estatais ou autonómicas.

Así, xustificou a necesidade das “limitacións territoriais e temporais incorporadas pola Administración galega na declaración de zona de gran afluencia turística” de Vigo a “razóns imperiosas de interese xeral”. Nesta liña, precisouse que estas últimas se relacionan coa creación de traballo estable, a conciliación, o aprovisionamento das persoas, a presenza do comercio de proximidade e a habitabilidade das localidades.

É o abastecemento da auga en Vigo o maior problema da cidade?

Abel Caballero reunirase o 28 de agosto coa Ministra de Transición Ecolóxica, María Teresa Rodríguez, para falar da situación do abastecemento de auga na cidade de Vigo, “probablemente o maior problema da cidade”, considerou o alcalde.

“Trátase dunha competencia exclusiva da Xunta, que coa súa desatención atenta contra Vigo”, salientou, matizando que “e é lóxico que a competencia se estableza así, posto que non pode un concello solucionar unha cuestión que xorde a 40 quilómetros del”.

“a xenerosidade de vigo cos demais concellos é o que causa o problema”

Ante “a desidia absoluta da Xunta”, Caballero pensou nesta reunión, que non é a primeira: “Xa en plena crise da seca en Vigo fixen o mesmo, e obtiven como resposta unha desatención total, non lle importaba ao PP deixar sen auga a medio millón de persoas. Cumpre xa un ano desde que solicitei o transvase do río Verdugo ao Oitavén”.

“A presa de Vigo é insuficiente, comprobámolo de novo estes días. Sería suficiente para Vigo, en si mesmo, pero non para os 9 concellos aos que damos auga, e seguirémolo facendo, é a xenerosidade de Vigo o que causa o problema”.

“Feijóo segue sen facer nada, e esta desidia é un atentado contra a nosa cidade. Nada garante un outono con chuvias, un outono distinto ao pasado. E Feijóo non fixo absolutamente nada nun ano”, criticou.

Caballero amosará á ministra diferentes alternativas para o abastecemento da auga en Vigo, e o seguinte paso sería crear unha comisión de estudo coas tres administracións, os gobernos de Vigo, Galicia e España. O transvase do Miño é unha delas, máis dende o Concello manexan outras.

Estas accións serían “a garantía de que os concellos desta área non nos quedaremos sen auga”. Caballero culpa ao PP de ter que remar para acadar este obxectivo en contra da corrente, e dixo ademais “a Xunta, desde despachos fixo unha pésima xestión do caudal ecolóxico. Pura burocracia. Mentres, Vigo quedábase sen auga, tendo 10 veces máis de caudal ecolóxico do necesario”.

Galicia e o norte de Portugal, converténdose nunha comunidade transnacional

Construír e afianzar unha nación cosmopolita galego-portuguesa de 6,4 millóns de cidadáns nun novo contexto transnacional que supere o absolutismo das soberanías nacionais. Ese é o reto que teñen por diante Galicia e o Norte de Portugal, que atoparon na constitución da Eurorrexión un mecanismo para desenvolver e consolidar esta aspiración.

Estas son as premisas que plantexa o profesor Xaquín S. Rodríguez Campos, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), nun artigo titulado ‘Transnationalism between Galicia and Northern Portugal: An Emerging Cosmopolitism’, publicado na revista científica Sociology Mind.

Rodríguez Campos propón, nun contexto de supresión das fronteiras na Unión Europea post-nacional, a consolidación de comunidades transnacionais próximas ás fronteiras dos Estados, entre as que a galego-portuguesa se presenta como un caso singular, pois “o proceso de transnacionalismo galego-portugués ten raíces étnicas, especialmente en Galicia, o que nos permite comprender os procesos económicos e políticos actuais” relacionados coa Eurorrexión.

“As relacións recentes entre as sociedades de Galicia e do norte de Portugal constitúen un bo exemplo de como os espazos sociais que pertencen ás vellas fronteiras europeas estanse a reconfigurar, agora que as fronteiras entre os estados da Unión Europea son máis leves“, argúe o profesor da USC.

A partir destas ideas, propón unha reflexión antropolóxica para interpretar estas realidades sociais e políticas ligadas: por unha banda, observando como xorden os feitos que favorecen as transnacionalidades de cidadanía e institucións en ambos os países, por outro, analizando o proceso de afirmación da realidade galega no Estado español neste contexto. Así, recoñece dous procesos diferentes: transnacionalismo e etnicidade, que no caso galego-portugués son, para Rodríguez Campos, complementarios.

Fortaleza de San Lourenzo, en Goián (Tomiño). En Fronte, Vilanova da Cerveira, xa en Portugal.
Fortaleza de San Lourenzo, en Goián (Tomiño). En Fronte, Vilanova da Cerveira, xa en Portugal.

Para o profesor da USC, “a transformación das rexións de Galicia e do norte de Portugal nunha comunidade transnacional é cada vez máis clara a partir dunha variedade de actividades organizadas en diferentes lugares dos dous países”.

Así, pon como exemplos: a cooperación de universidades galegas e portuguesas, congresos, celebracións familiares e profesionais a ambos os lados da fronteira, festas e festivais gastronómicos e ecolóxicos populares, eventos musicais, a aparición de asociacións cidadás para a cooperación mutua e as orixes de novas institucións comúns…

Manifestacións ás que se suman outros fenómenos e iniciativas integradoras como a ruta de peregrinación Portugal-Santiago de Compostela (o Camiño Portugués), a constitución da Eurorrexión e do Eixo Atlántico como vertebrador da mesma, a emerxencia de novas entidades como a eurocidade Verín-Chaves, a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés ou a candidatura da tradición oral galego-portuguesa a Patrimonio Inmaterial da Humanidade, entre outras moitas afirmacións desa nova nación cosmopolita que sinala Rodríguez Campos.

Nese camiño cara á transnacionalización, facilitouse, por exemplo, que “hoxe en día é posible obter a dobre nacionalidade para os cidadáns dos Estados español e portugués”, condición que é máis doada de obter que, por exemplo a dobre nacionalidade española e francesa, por poñer por caso.

FLUXO DE POBOACIÓN E DE MERCADORÍAS

O fluxo de cidadáns dun lado e doutro da liña denota a consolidación dun espazo común, compartido. Por exemplo, e como se aporta neste estudo, en 2012 ao redor de 22.797 cidadáns portugueses residían en Galicia.

“Os inmigrantes portugueses son agora a maior nacionalidade estranxeira presente en Galicia”, o cal “está a contribuír a un proceso de mestizaxe transnacional“, salienta o experto da USC.

O certo é que, como sinala o profesor, “a transferencia transnacional de poboacións de Portugal a Galicia foi maior que a calquera outra Comunidade Autónoma española”. En 2012, o 22,3% de todos os portugueses en España residían en Galicia, a maior porcentaxe en todo o Estado español.

Ao fluxo de persoas hai que sumar o de mercadorías. Por exemplo, xa no ano 2004 o 23,2% das exportacións do Norte de Portugal a España foron destinadas a Galicia, e en 2005 o noso país importou o 57% do leite de Portugal exportado a España, “o que demostra a alta preferencia polos produtos portugueses no mercado galego”, sinala Rodríguez Campos. Tamén en 2004, o valor de mercado enteiro entre Galicia e o Norte de Portugal foi similar ao que mantiveron os portugueses con Italia, Gran Bretaña ou os Países Baixos.

Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal
Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal / Xunta.

Os sectores de exportación máis importantes de Galicia ao Norte de Portugal foron a agricultura, a pesca e a alimentación, seguidos polo sector téxtil. Galicia exportou o 33,9% da súa produción de alimentos ao país veciño en 2011, o 35% da súa produción pesqueira en 2001, o 71% da súa produción de carne en 2005 e o 22% da súa produción téxtil en 2010. E Portugal foi o principal provedor de Galicia, co 57% da súa importación, segundo os datos expostos neste estudo.

Esta transnacionalidade no comercio “non é tan prominente para outras fronteiras hispano-portuguesas, como Andalucía, Estremadura ou Castela”, compara Rodríguez Campos, quen aporta máis datos que demostran a súa tese: o 50,3% do tráfico viario entre España e Portugal a partir de 2004 pasa pola fronteira galego-portuguesa e o 87,8% deste tráfico componse de turistas e o resto, de traballadores; ademais, aproximadamente un millón destes viaxeiros fixeron pernoitas de máis dun e menos de dous días en Portugal, e fixeron máis de dous e menos de tres días en Galicia; a intensidade deste tráfico é maior desde o Norte de Portugal a Galicia que viceversa.

Para o profesor da USC “non hai dúbida sobre o aumento do tamaño do mercado entre Galicia e o Norte de Portugal tras a desaparición das fronteiras“.

LINGUA E IDENTIDADE

O profesor tamén se pregunta se se pode observar unha converxencia política similar noutras fronteiras españolas-portuguesas, como as de Castela, Estremadura ou Andalucía. A súa resposta é contundente: “Absolutamente non”. E volve preguntar: “Por que non funcionou ata agora a macrorrexión oficial que tamén incluía Castela e León e Asturias?”

A explicación, para el, sería que “entre Galicia e o Norte de Portugal xa existía unha comunidade esencial debido ás afinidades lingüísticas e culturais que historicamente se afirmaban. Aínda que as afinidades culturais non desenvolven por si mesmas desexos políticos, son necesarias para expresarse. As afinidades culturais non son suficientes para formar desexos políticos: é necesario que haxa outras mediacións culturais”.

Aí sitúanse, entre outros elementos integradores, as afinidades lingüísticas, xa que “son tamén moi importantes, porque promoveron raíces culturais na comunidade étnica”. “Cada día, os códigos lingüísticos da lingua galega son cada vez máis parecidos aos do portugués. Os portugueses do norte son definidos como ‘galegos’ polos sureños debido ao maior número de afinidades lingüísticas coa lingua galega que teñen”, expón Rodríguez Campos.

“O nacionalismo galego evolucionou desde a idea da independencia ata o concepto de participación nun federalismo cosmopolita”

Nese proceso de integración tamén xogaron un papel fundamental “as vellas reivindicacións de intelectuais e artistas galegos e portugueses que, no século XIX, trataron de expresar a necesidade de formar unha comunidade transnacional a través das afinidades étnicas entre ambos os pobos”, e cuxo legado tomou o movemento nacionalista galego.

Esta narrativa portuguesa e galega a prol da integración “compuxo unha memoria cultural dunha etnicidade común en ambos os países, que serviu para iluminar a moitas persoas sobre a existencia desta etnia común nos comezos da democracia, onde os discursos sobre a etnicidade proliferan tanto en Galicia e Portugal”, subliña Rodríguez Campos.

Nese proceso de desenvolvemento dunha conciencia colectiva común, “o movemento nacionalista galego evolucionou desde a idea de alcanzar a independencia -nos anos 70 e 80 do século XX- ata o concepto de participación nun federalismo cosmopolita, baixo o recoñecemento de Galicia como transnacionalidade emerxente que inclúe o Norte de Portugal nun Proxecto estatal federal ibérico, como Castelao propuxo ao comezo deste movemento”, explica o profesor.

NOVOS DEREITOS PARA NOVOS CIDADÁNS

Este proceso de transnacionalismo galego-portugués debullado por Rodríguez Campos creou e seguirá creando “novas formas de comunidades étnicas que demandan actividades e dereitos culturais nos seus propios Estados”. Por exemplo, apunta, “os dereitos a unha memoria e patrimonio común que esixe dereitos culturais comúns para ser recoñecidos como unha comunidade étnica, que esixe institucións globais e gobernanza”.

Como suxire o profesor da USC, “estamos a chegar ao final do absolutismo das soberanías nacionais, polo menos no mundo avanzado”, pola emerxencia de movementos transnacionais e de procesos étnicos afirmados dentro dos Estados que demandan “nacións máis cosmopolitas” e “novas esferas públicas, como a Eurorrexión entre Galicia e o Norte de Portugal”.

Esta transición cara ás comunidades transnacionais e a constitución de nacións máis cosmopolitas, nas que se recoñecen os dereitos de ser cidadáns cosmopolitas, “podería ser ineludible e irreversible” e “constitúe novas oportunidades institucionais para as afirmacións étnicas e para o desenvolvemento das comunidades transnacionales”.

“Os movementos étnicos non poden vivir ignorando a transnacionalidade dos seus cidadáns, nin o Estado pode vivir ignorando os seus movementos étnicos para a súa rexeneración cultural”, conclúe Rodríguez Campos.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed