InicioMedio Ambiente e PatrimonioO cangrexo azul, unha especie invasora que ameaza o choco galego

O cangrexo azul, unha especie invasora que ameaza o choco galego

Os resultados dun estudo dos científicos do CSIC de Barcelona indican que o cangrexo azul é unha ameaza potencial para os chocos. Esta especie exótica invasora foi identificada recentemente en augas de Galicia por vez primeira. Os ientíficos xa alertaran da "pasividade das autoridades" ante as novas invasións de especies foráneas nas nosas rías.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O cangrexo azul (Callinectes sapidus) é unha das grandes ameazas para as rías galegas. De procedencia americana, esta especie está considerada moi perigosa pola súa voracidade e agresividade. En 2016 deuse a coñecer o primeiro exemplar de cangrexo azul identificado en augas de Galicia, capturado en novembro de 2015 na ría de Vigo.

Agora hai evidencias de que esta especie exótica invasora orixinaria do Atlántico occidental podería poñer en perigo a subsistencia da Sepia officinalis, coñecida popularmente como choco, chopo ou xiba.

Científicos do Institut de Ciències del Mar en Barcelona, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), veñen de publicar os resultados dunha investigación sobre a depredación de ovos de sepia por invertebrados bentónicos. Unha das principais conclusións deste estudo indica que “o cangrexo invasor Callinectes sapidus pode constituír unha nova ameaza para as poboacións nativas de xiba europea”.

“O Callinectes sapidus é un cangrexo depredador en potencia, o que expón a preocupación de que esta especie invasora poida constituír unha nova ameaza para os ovos de sepia a medida que se establezan máis poboacións en augas do Atlántico nororiental“, afondan os científicos do CSIC.

Orixinario das costas do Océano Atlántico occidental, a distribución do voraz cangrexo azul ampliouse a augas costeiras europeas e xaponesas nos últimos anos. Trátase dun invasor cunha alta capacidade de expansión e a súa introdución pode ter consecuencias significativas para a ecoloxía dos ecosistemas invadidos.

Este cangrexo habita en fondos lodosos e areosos de esteiros e augas costeiras pouco profundas, xeralmente de ata 35 metros de profundidade, sublíñase no estudo. Voraces e altamente móbiles e agresivos, estes cangrexos incorporan ovos de invertebrados na súa dieta omnívora. Os científicos xa comprobaron que a súa distribución invasora e o rango batimétrico coinciden cos sitios de desova do choco, polo que “podería significar unha nova ameaza de depredación para as poboacións de Sepia officinalis“, alertan os investigadores do CSIC.

“Esta especie podería constituír unha nova ameaza para os ovos de sepia a medida que se establezan máis poboacións ao longo da súa distribución invasiva”, reiteran os científicos nas conclusións do seu estudo.

PRESENZA EN GALICIA DO CANGREXO AZUL

En xaneiro de 2016, o grupo científico Ecoloxía Azul mostraba o primeiro exemplar de cangrexo azul atopado en augas de Galicia, na ría de Vigo. O especime fora achado en novembro de 2015 na praia de Canabal pola tripulación do barco ‘O Vilela’, pertencente á confraría de Pescadores San Xosé de Cangas do Morrazo.

O propio grupo científico sinalaba que se trataba do primeiro rexistro de Callinectes sapidus en Galicia. A súa identificación foi posible grazas á bióloga Berta Barreiro, técnica da confraría de pescadores de Cangas.

Xa en decembro de 2016, o Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM) identificaba para Galicia Confidencial as principais especies invasoras que están ameazando as rías galegas: novas especies de crustáceos, moluscos e de diferentes filos zoolóxicos de invertebrados nunca antes observados aquí. Na ampla lista aportada polo GEMM destacaba a presenza do cangrexo azul, cuxa expansión tería consecuencias ecolóxicas e económicas “inimaxinables”, alertaron estes científicos, que lamentaban a pasividade das autoridades ante estas novas invasións.

O achado do cangrexo azul en augas de Galicia foi descrito polo Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), con base en Ribeira, nun artigo titulado ‘First records of two decapod crustaceans, the caramote prawn Penaeus kerathurus and the blue crab Callinectes sapidus from Galician waters (NE Atlantic)’, publicado na revista Cahiers de Biologie Marine, da Station Biologique de Roscoff, da Bretaña francesa. O estudo foi elaborado en colaboración co Instituto de Ciencias Marinas de Andalucía (CSIC) e a Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas do Morrazo.

A hipótese coa que traballan os científicos é que a chegada desta e doutras novas especies ás rías galegas pode deberse a un “proceso de tropicalización debido ao quentamento do océano”. De feito, e como se salienta no artigo publicado en Cahiers de Biologie Marine“a temperatura do mar aumentou en Galicia en 0,24ºC por década desde 1974”.

Respecto do cangrexo azul, é o caso “máis problemático” das novas especies descritas, xa que “ten un potencial moi grande de converterse en invasor”, explicou a Galicia Confidencial

“A súa chegada a Galicia tan só era cuestión de tempo. Agora xa está estendido por case toda a costa Atlántica, Mar Báltico, Mediterráneo e Mar Negro”, comentou Juan E. Trigo, do GEMM, a Galicia Confidencial.

A alimentación desta especie baséase normalmente en pequenos bivalvos, “polo que Galicia, cunhas extensións enormes de cultivos destes moluscos, é un auténtico paraíso para o cangrexo azul, que pode chegar a expandirse rapidamente sen ningún tipo de impedimento”, advertiu o experto do GEMM.

A presenza deste crustáceo decápodo nas nosas rías podería causar “danos económicos inimaxinables” ás confrarías de pescadores e á extracción natural doutros bivalvos, sendo moi difícil a súa erradicación xa que “practicamente carece de depredadores naturais” e “o único que podería contar é case en exclusiva o polbo”, alertou Trigo.

Unha invasión de cangrexos azuis suporía enormes danos ecolóxicos e afectaría principalmente á supervivencia do bivalvos de Galicia, pero tamén entraría en “competencia feroz con outros crustáceos autóctonos como a nécora, o boi ou a centola, que poden chegar a verse parcial ou totalmente desprazados”, alertou este experto.

ESTUDO PIONEIRO

O estudo que agora publican os científicos do Institut de Ciències del Mar do CSIC é de enorme importancia, xa que até agora “só foron documentados uns poucos eventos de depredación de ovos de sepia na natureza”, un deles, precisamente na ría de Vigo por un demo (Parablennius gattorugine), en 2011.

“Sorprendentemente”, din os investigadores, “os invertebrados están case ausentes dos informes de depredación de ovos [de xiba]”. Por isto, investigaron os posibles depredadores e como as características de alimentación destes “están relacionadas coa súa capacidade mecánica para rachar a cápsula dos ovos e atacar os embrións”, aportan os autores.

As especies identificadas que se alimentaron de ovos de sepia foron o Bolinus brandaris —un gasterópodo procedente do Mediterráneo que o Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM) identificou tamén entre as novas especies de moluscos invasoras nas augas galegas—, o boi de mar (Cancer pagurus), o cangrexo ermitán vermello (Dardanus arrosor), o lumbrigante (Homarus gammarus), o camarón mantis (Squilla Mantis), os ourizos de mar Echinus melo e Paracentrotus lividus, a estrela de mar escavadora Astropecten aranciacus, ademais do xa mencionado cangrexo azul (Callinectes sapidus), o cal constitúe “unha nova ameaza para os ovos de sepia”, detallan os científicos.

“Os nosos resultados mostran que a depredación dos ovos de xiba por invertebrados mariños bentónicos é posible. Ata onde sabemos, este é o primeiro estudo que abordar deliberadamente a depredación por invertebrados de masas de ovos de sepia“, resaltan os autores, que se ben realizaron a investigación en laboratorio, aseguran que os seus resultados “sosteñen que a depredación dos ovos de sepia por invertebrados pode de feito ser posible na natureza”, podendo comprometer a súa supervivencia.

Os resultados do estudo veñen de publicarse na revista científica Estuarine, Coastal and Shelf Science, nun artigo titulado ‘Invertebrate predation on egg masses of the European cuttlefish, Sepia officinalis: An experimental approach’, asinado por Catarina Padilha Pires Martins, Roger Villanueva e Fernando Fernández-Álvarez.

ÚLTIMAS

O BNG lanza unha ofensiva para evitar a “estafa do PP” de pagar a Abanca 9,3 millóns polo Cine Fraga

O BNG lanzou unha ofensiva institucional para evitar a "estafa do PP" de pagar a Abanca...

Empregados de Benteler lamentan a “política de medo” dun superior que xera “problemas graves de saúde” a compañeiros

Traballadores da empresa auxilar do sector automobilístico Benteler criticaron a "política do medo" levada a cabo, ao...

Abel Caballero critica as palabras de José López sobre as Cíes: “Ou ten ignorancia absoluta sobre patrimonios mundiais ou mala fe”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou este xoves as palabras do conselleiro de Cultura,...

En “breve” a Xunta, Zona Franca e Concello de Vigo asinarán o convenio para crear un parking na ETEA

A Xunta de Galicia, a Zona Franca de Vigo e o Concello asinarán "pronto"...