InicioPolíticaAbel Losada acusa ao PP de “mentir” sobre a seguridade en Vigo...

Abel Losada acusa ao PP de “mentir” sobre a seguridade en Vigo e defende a actuación policial en Cabral

O subdelegado do Goberno critica a visita de cargos populares a unha vivenda ocupada e afirma que poñen en risco operacións policiais

PUBLICADO O

- Advertisement -

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, cargou contra o Partido Popular tras a súa recente visita ao barrio vigués de Cabral, onde denunciaron a existencia dunha suposta ‘narcocasa’. O representante estatal acusou aos dirixentes populares de “mentir” e advertiu de que non permitirá que se cuestione o labor das forzas de seguridade.

Segundo explicou, a presenza de cargos do PP na zona responde a un “show mediático” arredor dunha “infravivenda ocupada” na que, segundo indicou, residen persoas en situación de vulnerabilidade que subsisten coa venda de chatarra. Losada cualificou de “penosa” a iniciativa e criticou a participación da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e da deputada Ana Belén Vázquez, entre outros representantes do partido.

O subdelegado lembrou tamén un episodio ocorrido en novembro, cando, segundo a súa versión, unha visita similar do PP a Cabral provocou a frustración dunha operación policial. “Tras aquela rolda de prensa do PP a actividade ilícita desapareceu e o traballo policial perdeuse”, sinalou, apuntando a que se interrompeu unha investigación que levaba semanas en marcha.

Neste contexto, insistiu en que este tipo de accións políticas poden interferir no labor policial e pediu responsabilidade ás formacións políticas.

En resposta ás declaracións de Paula Prado sobre un suposto incremento da delincuencia na cidade, Losada reclamou “rigor” e expuxo cifras que, segundo indicou, reflicten unha tendencia á baixa. Así, afirmou que os delitos convencionais pasaron de 8.677 en 2019 a 8.078 en 2025, o que supón unha diminución do 7 %.

Ademais, criticou que se mesturen estes datos coa ciberdelincuencia, ao considerar que “é un fenómeno internacional” que non ten impacto directo na percepción de seguridade cidadá. “Mesturar o cibercrimen (…) é facer trampas”, remarcou.

Losada cualificou de “baixo nivel” os ataques persoais recibidos por parte de dirixentes populares e rexeitou entrar nese tipo de confrontación. Pola contra, apelou á cidadanía para que valore as actuacións de cada quen e asegurou que o discurso do PP supón, na práctica, un cuestionamento do traballo policial.

“Por moito que finxan, no fondo o PP ataca á Policía Nacional”, afirmou, engadindo que acusar ás forzas de seguridade de non actuar contra os narcopisos é “mentir á cara”.

OPERATIVOS RECENTES CONTRA O NARCOTRÁFICO

O subdelegado destacou que entre 2025 e o que vai de 2026 se desarticularon arredor dunha vintena de vivendas vinculadas ao tráfico de drogas en Vigo, con case 40 persoas detidas.

Así mesmo, sinalou que, mentres se producía a visita dos cargos populares a Cabral, a Policía Nacional desenvolvía unha operación antidroga na cidade que se saldou con tres detidos e a incautación de cocaína, heroína e haxix.

Losada concluíu reiterando o seu respaldo á Comisaría de Vigo e salientando o que definiu como un “descenso continuo” da delincuencia na cidade.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...