Inicio Blog Páxina 2031

O BNG ve necesario mellorar o transporte público e acusa ao concello de “inacción”

O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno municipal de Vigo que afronte “a necesaria mellora do transporte público na cidade”. As características e calidade do transporte colectivo urbano son, para o Bloque, un factor “que incide de maneira directa na calidade de vida da veciñanza e tamén na vertebración da cidade, dos seus barrios e parroquias”.

A este respecto, o responsábel local do BNG, Serafín Otero, asegura que “o transporte urbano en Vigo precisa dun impulso decidido que adecúe o servizo que se presta coas demandas da cidadanía. A ausencia de melloras nos últimos anos, polo desinterese e inacción do Goberno municipal, ten provocado que en lugar de aumentar o número de persoas usuarias, este retroceda”.

O BNG urxe o Concello de Vigo a actuar diante do elevado grao de insatisfacción cidadá do actual servizo de transporte colectivo urbano que o coloca como o peor valorado. Nese sentido, chaman a aproveitar a fin da actual concesión, que remata en 2020, para poñer en marcha un novo modelo de mobilidade na cidade.

Celta xiareiros
Autobús/ Miguel Núñez

Unha mellora do transporte público que entenden pasa de maneira inescusábel por un redeseño do mapa de liñas para alargar a conexión dos barrios e as parroquias, por un aumento das frecuencias (de como mínimo cada 15 minutos en horario laborábel e cada 30 minutos no horario restante), a mellora das liñas nocturnas e a ampliación do billete de transferencia (até 2 transbordos durante 60 minutos).

Ademais, urxen a mellorar a conexión co hospital Álvaro Cunqueiro, cunha nova liña directa desde Navia-Coia e aumentando as frecuencias das xa existentes, “especialmente no caso da H3 que na actualidade fai só 2 viaxes por día“, aseguran.

Por outra parte volven insistir na necesidade de incorporar o transporte público urbano nunha mobilidade integral, apostando pola súa integración nun sistema intermodal e metropolitano.

“A veciñanza de Vigo queremos e merecemos unha cidade mellor conectada, apostando nunha mobilidade ambientalmente sostíbel e que permita reducir o uso do vehículo privado. Mais para iso é urxente que se mellore o funcionamento do autobús”, acrecenta Otero.

Álvaro Gago, director de Matria: “Hai moitas mulleres ocultas, explotadas”

O Xornal de Vigo entrevista a Álvaro Gago, director da curtametraxe Matria, unha obra que defende a labor que levan facendo as mulleres galegas durante tantas xeracións sen acadar recoñecemento social. O éxito da cinta está visibilizando un dos grandes problemas que existe na sociedade galega.  Gago suliña, tamén, que quere gravar outra curta en Vigo.

P- Esperaba o éxito desta película, a máis premiada da historia do Festival de Cans do Porriño, e conseguindo éxitos noutros moitos concursos de todo o mundo?

R- Non, eu nunca fago as películas agardando un premio, ou un éxito a ningún nivel, simplemente que a vexa a xente, porque esa idea iría en detrimento da calidade. Hai que concentrarse noutras cousas.

P- Entende e utiliza o formato curto simplemente como un medio camiño cara á longametraxe, tendo en conta o caro que é producir un filme, ou defende a capacidade específica das curtas para transmitir?

R- Eu son defensor da curtametraxe como formato en si mesmo, non como trampolín. Un formato que conta unha historia nun espazo máis curto de tempo, sintetizando o momento dramático. Eu leo novelas e contos do mesmo xeito, non son irmáns menores.

P- Pero, a nivel social, si que se percibe a curta como algo inferior, non?

R- A día de hoxe, o problema é que as curtas non teñen mercado, polo que case é obrigatorio dar o salto á longa. Quizais as curtas sexan parte do futuro, pola velocidade destes tempos, pero non podemos sabelo aínda. A mi, en todo caso, gústame explorar as maneiras diferentes de contar que teñen ambas.

Cartel promocional de Matria

Pero si que é certo que ás curtas non se lles dá a importancia que teñen, pénsase nelas como exercicios para “practicar”, con menos risco a nivel económico. Hai que recoñecer en todo caso que as curtas permiten amosar certa valentía engadida, obviamente. Pero o que diminúe a súa importancia é que non chegan, non que non teñan capacidades. Unha boa historia pode cativar de igual maneira en vinte minutos ou dúas horas.

P- Cales son os seus plans para o futuro?

R- Estou pensando nunha longametraxe para chegar máis aló coa mesma protagonista, expandir o seu universo. Hai moito en Matria que quedou por fóra. Pero antes vou rodar unha curta en decembro. Penso que sempre volverei ao formato curto, de cando en vez. Este ten pensado durar algo menos que Matria, en torno a 15 minutos. E sendo tan curto se contara máis fastidiaría á audiencia unha parte da experiencia, así que, polo momento, tan só confirmo que se rodará na cidade de Vigo.

P- En Matria aparece en primeiro plano a reivindicación da forza das mulleres que na sombra fan todo polos seus. Hai tamén unha crítica á situación do emprego no noso país?

R- Está claro que esa crítica existe na cinta, polas condicións laborais ás que é sometida a protagonista, pero o que non estou facendo é sinalar ás conserveiras, o sector específico é algo que veu pola protagonista, que traballou nas conserveiras moito tempo.

Podería ser calquera outro, posto que son demasiados nos que se viven condicións de traballo complicadas. Ao expoñer Matria en Lalín, viñeron a ver a proxección traballadoras do téxtil, e contáronme a súa situación…

Matria, de Álvaro Gago

En todo caso, a crítica principal de Matria está en que temos que poñer máis o foco en persoas que normalmente non teñen o crédito. Por iso, neste caso, escollei falar de mulleres coma Ramona (protagonista absoluta), contar historias que non saen nos xornais pero ocorren todos os días.

P- Coma no caso de Lalín que comentou antes, supoño que o máis emocionante é escoitar ás persoas que ao levar unha vida semellante a ela vense reflectidas en Ramona.

R- É emocionante e moi triste, tantas persoas vivindo así, inhibidas, xente ocultada que ao fin acadan un mínimo recoñecemento na pantalla. Eu non vivín persoalmente situacións de explotación, polo que o meu papel é facer un exercicio de empatía e poñerme na súa pel.

P- É Matria unha curta autobiográfica?

R- Sí, nun 99%, porque son experiencias vividas no pasado pola persoa que as interpreta, Francisca Iglesias (premio á mellor interpretación feminina no Festival de Cans). Ademais, téndese no audiovisual a buscar un ton interpretativo que para min está por riba de como nos desenvolvemos na realidade.

E Ramona exprésase tal e como o faría unha persoa de Arousa, non emprega ningún tipo de “sobregramatismo”. Ademais, coa cámara tentei de non manipular demasiado ao lector, que algo sempre manipulas, polas elipses ou os cortes, pero de maneira máis sutil.

Álvaro Gago recibe un premio por Matria no Festival de Sundance / Zimbio

Subliño de novo que a protagonista non é actriz, é unha amiga miña que chegou a coidar un dos meus avós, que está a todo, é xenerosa co seu tempo e con todo o mundo. Algunhas veces vémola facer as cousas polos demais por vontade propia, noutras porque é o que ten que facer, botar a casa ás costas.

Algo que a moitas mulleres parece como se lles viñera dado, sen poder cuestionalo, viviron sempre así e así foron educadas, e continúan de maneira automática. Pero Francisca viviu unha transformación positiva, e nós tamén, ao somerxernos nesta obra.

P- Como poden facer para ver Matria os que aínda non a descubriron?

R- Ademais de nos festivais, xa está dispoñible en Movistar +, que está a adquirir curtas, o cal non deixa de ser interesante. En aberto non estará ata que terminen os festivais, a finais de ano, porque unha vez que a abres ao público non podes proxectala neles. No futuro espero que Matria estea en mais canles, como poden ser Amazon Prime.

O pavillón das Travesas celebra esta finde o Campionato de España de ximnasia acrobática

0

Máis de catrocentos acróbatas daranse cita en Vigo na pista central do pavillón Municipal das Traviesas. Chegados desde Andalucía, Valencia, Estremadura, Madrid, Asturias, Galicia e Canarias, os mellores gimnastas acrobáticos competirán polas medallas do Campionato de España durante esta fin de semana.

Cada catro anos, o Flic Flac vigués vén organizando a cita acrobática máis importante da
tempada. Neste caso, dada a alta participación, “máis que un campionato de España,
parece unha gran cita internacional”, subliñan.

O noso representante acudirá á cita, en calidade de anfitrión, e con 87 gimnastas, récord
de participación do club:”Unha mostra máis do empeño dos vigueses no seu crecemento,
tanto en cantidade, como en calidade, en aras de alcanzar ese soño dos mil ximnastas na cidade”.

Vinte e oito gimnastas internacionais estarán presentes no campionato para demostrar o seu espectacular nivel deportivo. Todos os gimnastas seleccionados para o pasado mundial de Bélgica, salvo dous e por lesión, acudirán fielmente á cita máis importante da tempada nacional.

O club Acroflyers, de Tenerife, que asiste a un campionato de España por primeira vez na
súa curta existencia, será o representante canario no nacional e aproveitando a ocasión
varios das súas gimnastas quedaranse uns días adestrando cos vigueses aproveitando
as instalacións da ETEA.

O Concello de Vigo, a parte da colaboración económica, puxo a disposición do club
vigués todo o complexo deportivo das Travesas. Durante a competición, a pista vermella servirá de zona de quecemento para, unha vez concluído o tempo
destinado para ese efecto, os gimnastas pasarán a unha engalanada pista central para a
ocasión.

A idea é que semelle, o máis posible, a un campionato de Europa ou do
mundo. Deste xeito, os gimnastas noveles neste tipo de eventos, van adquirindo a
experiencia necesaria que supón competir contra os mellores”, engaden dende o Club Flic Flac.

Como en todos estes eventos, un dos alicerces máis importantes, e, en moitas ocasións
o que máis, moitos dos familiares, ex-gimnastas, amigos e simpatizantes apuntáronse ao exército de voluntarios que velarán por que todo corra tal e como está programado:”Vai a ser unha pasada ver a tantos petos azuis coidándonos. Estamos infinitamente agradecidos pola mostra, unha vez máis de altruismo e xenerosidade”.

Espérase unha asistencia masiva de público ás Travesas. Os prezos das entradas e dos bonos irán desde os cinco e os vinte euros. 

Iago Aspas, na lista de Lopetegui: Moaña e o Celta estarán presentes no Mundial de Rusia

Acaba de facerse pública a selección española de fútbol para o Mundial de Rusia, no que participará a principal estrela do Real Club Celta de Vigo, o moañés Iago Aspas, que vén de converterse no máximo goleador español da Liga Santander 2017-2018 con 20 tantos.

Só superado pola voracidade de Messi (pichichi con 34 goles), CR7 e Suárez; quedou por diante de figuras internacionais coma Griezmann (Atlético de Madrid) ou Bale (Real Madrid), o cal non bastou para que o equipo vigués acadara as clasificacións europeas pero si para gañar o prezado billete a Rusia.

A táboa de goleadores só foi un dos numerosos reflexos da calidade do moañés, que quererá cerrar unha tempada excepcional aportando situacións de perigo no mundial deste verán, na súa condición de dianteiro versátil, veloz e con intelixencia para o xogo colectivo.

Iago está a vivir unha segunda xuventude desde que retornou ao Celta tralo seu relativo “fracaso” en Liverpool e Sevilla, onde non conseguiu ser determinante, como o está a ser agora en Vigo de forma superlativa.

A dianteira da selección española complétase con Rodrigo (Valencia) e Diego Costa (Atlético de Madrid). Baixo paus, resulta indiscutible a titularidade de De Gea, e pelexarán por algúns minutos a xuventude do ben cotizado Kepa (23 anos) coa experiencia e saber estar de Pepe Reina, con xa 35 primaveras ás costas pero recoñecido pola súa maneira de alentar aos seus compañeiros.

Na defensa, o equipo titular máis previsible sería Ramos e Piqué coma centrais e Jordi Alba e Carvajal polas bandas; coa versatilidade de Nacho e Azpilicueta como un comodín a ter en conta, alternando distintas posicións da retagarda segundo as necesidades do equipo. Tamén serán da partida Monreal Odriozola, polo que Lopetegui contará cun gran número de efectivos para superar o desgaste das roldas clasificatorias.

Como é tradición, seguramente o apartado máis forte sexa o do centro do campo, con xogadores que poden aportar recursos moi distintos e valiosos: músculo, visión, velocidade, calidade e incluso gol.

Busquets debería ser un titular claro, en compañía de grandes xogadores como Koke, Iniesta (se respecta o físico, pode seguir sendo determinante), Isco, Silva, Thiago, Saúl, Asensio e mais o galego Lucas Vázquez.

Lopetegui mesturou xogadores de tódalas idades na procura do mellor resultado posible, cunha selección en xeral ben recibida polos afeccionados.

A consultora contratada por Barreras cesa o consello e queda ao mando do estaleiro

A firma de consultoría internacional Kroll decidiu disolver o consello de administración do estaleiro vigués Fillos de J. Barreras, do que quedou ao mando. A consultora chegara á empresa viguesa poucas semanas atrás despois de que o propio consello de administración lle pedira axuda.

Fontes próximas á empresa consultadas por Europa Press confirmaron a destitución do presidente executivo do estaleiro, Douglas Prothero. Ademais, cesouse como membros do consello de administración ao avogado Carlos Pérez-Bouzada, Johan Kuitunen e José Ismael Rosado.

En concreto, Prothero e os demais cargos que foron destituídos foran nomeados o pasado mes de setembro de 2020 no marco dunha remodelación do consello de administración acometida despois de que ese mesmo verán a filial de Ritz Carlton Cruise Yacht Yardco Ltd (CYYL) adquirise o 100% das accións de Barreras.

O pasado mes de maio, o estaleiro vigués anunciou que comezara a saldar a débeda contraída por 58 millóns de euros con entidades financeiras (43 millóns) e a industria auxiliar (15 millóns) pola construción do cruceiro ‘Evrima’, que en marzo foi trasladado a Santander para traballos de pintura.

Posteriormente, a finais do mes de xuño, comunicou a contratación dos servizos da firma de consultoría internacional Kroll para “apoiar e reforzar a estratexia da compañía” de face a detectar alternativas para “garantir a súa estabilidade e viabilidade”. Precisamente, esta consultora quedou ao mando do estaleiro coa disolución do consello de administración.

Paralalelamente, a pasada semana, a empresa realizou unha presentación aos sindicatos para unha futura negociación dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que se aplicaría ao seu persoal. Así, este luns celebrouse un pleno do comité de empresa (conformado por UGT, con maioría, CC.OO. e CIG) para designar a representación dos traballadores na comisión negociadora para o expediente, pero a 

Un condutor drogado atropela a un ciclista en Gondomar

Un ciclista resultou ferido de carácter leve logo de ser atropelado por unha furgoneta cuxo condutor deu positivo en cocaína e metanfetamina, segundo informaron fontes da investigación.

O suceso tivo lugar ás 11,00 horas deste domingo na contorna da igrexa da parroquia de Donas, no municipio pontevedrés de Gondomar. O incidente produciuse nun cruce, onde a furgoneta acabou golpeando ao ciclista, que caeu ao asfalto sobre unha dos seus xeonllos.

Trasladados ao momento, axentes da Garda Civil de Tráfico procederon a realizar o test de alcoholemia e drogas, no que o condutor do vehículo deu positivo en cocaína e metanfetamina.

Importante crecemento de casos na área de Vigo con novo récord de contaxios en Galicia

0

Galicia bate de novo este mércores a marca de contagios de covid-19 detectados en 24 horas nunha xornada na que a taxa de positividade mantense en niveis da primeira quincena do pasado mes de abril. En total, foron diagnosticadas por PCR un total de 928 persoas, o 11,0% das probas practicadas nun día, o valor máis alto desde o 7 de abril. 

Todo iso, segundo recolle a actualización da evolución da pandemia publicada na páxina web da Consellería de Sanidade con datos das 18,00 horas do martes, nunha nova xornada na que se mantén o crecemento tanto no número de persoas hospitalizadas (son 20 máis que o día anterior) como no global de casos activos, que se multiplicaron desde a semana pasada ata situarse nos 9.479 En Vigo os novos casos son 210 de Vigo, cun crecemento de 70 con respecto ao día anterior.

POSITIVIDADE DAS PCR

Á parte do aumento progresivo da presión hospitalaria observado nos últimos días, a taxa de positividade das PCR en Galicia mantense unha xornada máis en valores similares aos rexistrados na primeira semana de abril durante os primeiros compases da pandemia.

A web de Sanidade recolle na mañá deste mércores que a positividade das PCR practicadas nas últimas 24 horas foi do 11%. En Vigo, esa media é lixeiramente superior, do 1,4%. 

NOVOS POSITIVOS

Este novo empeoramento da situación nos hospitais prodúcese na xornada con máis positivos de covid-19 detectados en 24 horas desde o inicio da pandemia. Nas 9.921 probas PCR realizadas (3.689 máis que 24 horas antes), o Sergas detectou 928 contaxios, 209 máis que o día anterior e 130 máis que o pasado sábado 9 de xaneiro, xornada na que se notificou o maior número de casos diarios ata a data.

Destacan os 229 positivos diagnosticados na área da Coruña (+85) e os 210 de Vigo (+70), mentres que descenden en Santiago a 149 (-22), o distrito que máis casos reportara o día previo.

CASOS ACTIVOS

O avance da pandemia tras as festas do Nadal no que se coñece xa como a terceira onda tamén se reflicte na cifra de casos activos, que este mércores ascende ao total de 9.479 pacientes, 669 máis que o día anterior. En Vigo son 1.720, 141 máis.

A cidadanía viguesa maniféstase pola redistribución da riqueza

Miles de persoas percorren as rúas do centro de Vigo na manifestación principal convocada en Galicia por Comisións Obreiras e UXT baixo a lema ‘Tempo de Gañar’, para reclamar unha maior distribución da riqueza, acorde coa recuperación económica.

Na concentración participaron, ademais dos secretarios xerais de ambos os sindicatos en Galicia, José Antonio Gómez (UXT) e Ramón Sarmiento (CC.OO.), o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; o portavoz de En Marea, Luís Villares; ou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, entre outros cargos políticos.

José Antonio Gómez chamou á mobilización para que este primeiro de maio sexa “un punto de inflexión” para cambiar as políticas laborais e económicas que “están a condenar á inmensa maioría da poboación á pobreza e á precariedade laboral”. “A recuperación só chega a uns poucos”, sentenciou.

O secretario xeral de UXT defendeu “a igualdade plena” entre homes e mulleres, porque “moita xente non entendeu o berro unánime do 8 de marzo”, como demostra a sentenza de ‘La Manada’ ou a fenda salarial. “Non nos valen parches electoralistas”, incidiu, en alusión á subida das pensións, e advertiu de que, se non se reconduce a situación, a mobilización social irá en aumento e haberá un 2018 “moi quente”.

Pola súa banda, o responsable de CC.OO. en Galicia, Ramón Sarmiento, subliñou que “se dan as condicións para que a clase traballadora se mobilice na rúa” porque “non se está dando un proceso de distribución” pese ao crecemento económico. “Está a ensancharse a pobreza e vai ser a mobilización unitaria a que está chamada a reverter as actuais políticas, e de paso que leve tamén a quenes trouxeron estas políticas tan desiguais”, afirmou.

Con respecto á convocatoria de folga xeral promovida pola CIG, sinalou que “todas as organizacións” están emprazadas a mobilizarse e a folga xeral “ten que estar presente dentro dunha estratexia global”, priorizando o “contido unitario” de sindicatos e forzas de esquerda do país.

MANIFESTO

No manifesto lido após a marcha, os sindicatos convocantes denunciaron que a desigualdade e a pobreza “alcanzaron niveis superiores” aos de antes da crise, e criticaron que, pese ao crecemento da economía galega, as melloras non chegan aos petos nin ás condicións laborais dos traballadores.

Así, sinalaron o incremento dos contratos temporais e a tempo parcial ou da brecha salarial; os niveis “mínimos” de protección a desempregados; as “fórmulas abusivas” de organizar o tempo de traballo; ou o aumento da sinistralidade laboral.

A iso únese que a negociación colectiva está “constrinxida” polas reformas laborais e pola actitude da patronal, que “se resiste a reverter nos traballadores os efectos positivos do crecemento económico”.

Neste escenario, CC.OO. e UXT avanzaron que lanzarán “unha crecente mobilización social e laboral, que obrigue á patronal e ao Goberno a abordar as reformas necesarias en materia de negociación colectiva e de emprego de calidade”.

Así mesmo, reclamaron recuperar o “papel central” dos convenios sectoriais estatais, derrogar “aspectos regresivos” das reformas laborais, a absolución dos 300 sindicalistas que están “condenados ou procesados” en España; un sistema fiscal “máis xusto e eficiente”; ou a posta en marcha “inmediata” da prestación de ingresos mínimos.

Xunta pide ao Goberno central a declaración de interese xeral das obras para garantir o abastecemento de auga a Vigo

A Xunta solicitou ao Goberno central a declaración como actuacións de Interese Xeral do Estado das obras precisas para garantir o abastecemento de auga a Vigo e a súa área.

Precisamente, este martes, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira, participaron na reunión da comisión de seguimento do estudo de alternativas de abastecemento auga na zona xunto a representantes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Vigo.

Estas tres institucións asinaron en 2019 un acordo para realizar este informe, que cofinanciaron. Así, neste martes declaráronse finalizados os traballos de análises de alternativas e acordouse o comezo da tramitación ambiental da actuación considerada máis conveniente, que combina varias obras complementarias.

Neste contexto, os representantes de Augas de Galicia mostráronse en desacordo co aumento da demanda potencial estimada e os cálculos sobre as achegas de auga previstas para o período de referencia.

RETICENCIAS DA XUNTA

En canto ás solucións expostas na alternativa considerada idónea no estudo, a Xunta reiterou o seu desacordo cun transvasamento de auga desde a conca do río Verdugo ata o río Oitavén dada a “limitada” disponiblidade de auga na primeira. Así, avisou de que esta actuación non permitiría resolver os problemas de abastecemento de Vigo “en ningún escenario posible de escaseza”, tal e como insistiu en que “queda acreditado en diferentes apartados do estudo”.

Por outra banda, remarcou que o estudo “acredita” que “os problemas da potabilizadora municipal” de O Casal, en Vigo, como “o problema máis urxente do abastecemento de auga”. Ademais, sinalou a “complexidade” das solucións previstas no estudo, que inclúen un bombeo desde o río Miño ao encoro de Zamáns, unha nova presa no río Oitavén, a duplicación do túnel de Amoedo e a conexión entre Nigrán e Gondomar mediante a condución de gravidade.

Así mesmo, o Executivo autonómico solicitou ao Goberno central a declaración como actuacións de Interese Xeral do Estado das obras precisas para garantir o abastecemento de auga a Vigo e a súa área. Así, incidiu en que se busca que se aplique “o mesmo procedemento adoptado para os abastecementos de auga de Lugo, Pontevedra e Ourense”.

Denunciados tres mariscadores furtivos sorprendidos nunha praia de Vigo tras extraer sete quilos de ameixas

A Garda Civil denunciou a tres homes de Vigo con idades próximas aos 40 anos que foron sorprendidos mentres extraían de modo furtivo ameixas na praia de Bouzas da cidade e interveu sete quilos deste produto.

Fontes da Benemérita precisaron que a actuación se levou a cabo no marco dun dispositivo establecido polo Destacamento Fiscal do Porto de Vigo en colaboración co Servizo de Guardapesca da Xunta. Así, buscábase erradicar o marisqueo furtivo detectado recentemente en areais próximos ao porto.

En concreto, este domingo sobre as 15,30 horas, este dispositivo observou a tres persoas sospeitosas entre os bañistas da praia de Bouzas e comprobou que capturaban ameixas que gardaban nos petos da roupa de baño.

Ademais, cando enchían o espazo do que dispuñan nas súas roupas, almacenaban os produtos nun punto do areal que se atopaba fóra do alcance da vista dos bañistas.

Por este motivo, os axentes interceptáronos e, mediante a súa identificación, descubriron que se trataba de tres residentes de Vigo con idades próximas aos 40 anos que carecían de antecedentes relacionados co furtivismo.

Así mesmo, interviñéronse sete quilos de ameixas finas e negras que foran almacenadas entre as rochas e que, posteriormente, devolvéronse á auga. Tamén se denunciou a estas persoas por carecer da licenza de marisqueo e levar a cabo a actividade nunha zona na que non estaba permitido.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed