Inicio Blog Páxina 2032

A UVigo aproba a convocatoria de axudas de recualificación para o período 2021-2023

O consello de goberno da Universidade de Vigo (UVigo) aprobou a convocatoria de axudas de recualificación do sistema universitario español do período 2021-2023 nunha sesión extraordinaria celebrada este xoves.

En concreto, o real decreto polo que se regula a concesión de subvencións ás universidades públicas con este fin publicouse no Boletín Oficial do Estado (BOE) en abril e a adxudicación á UVigo dun apoio de 5,4 millóns de euros para un mínimo de 37 axudas tivo lugar en maio.

Así, as universidades poden publicar na súa páxina web a convocatoria ata o próximo 4 de xullo, mentres a data límite para a resolución definitiva das axudas será o 1 de decembro. En concreto, establécense tres modalidades distintas destinadas á formación de novos doutores, a recualificación do profesorado universitario funcionario ou contratado e a atracción de talento internacional.

Na sesión do consello de goberno, o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da UVigo, Manuel Ramos, lembrou que se trata dunha concesión directa de subvencións ás universidades que debe xestionar cada unha delas.

Ademais, indicou que a proposta de convocatoria de axudas da UVigo pasou en dúas ocasións por comisión de investigación e a mesa de negociación do persoal docente e investigador antes de abordarse neste consello de goberno.

Galicia en Común presenta a lista en Vigo: “O PP deixounos sen 54.000 postos de traballo”

Galicia en Común-Anova Mareas vén de presentar este martes en Vigo a candidatura pola provincia de Pontevedra para as eleccións autonómicas do vindeiro 12 de xullo.

No acto, a número 1 da lista, Eva Solla, destacou a relevancia da cidade de Vigo como motor laboral e industrial da provincia, onde as taxas de paro son extremadamente elevadas. “O Goberno da Xunta do Partido Popular deixounos unha perda de 54.000 postos de traballo no conxunto do país. Esa realidade é anterior á crise do coronavirus e está estreitamente relacionada coa ausencia de políticas públicas de emprego», manifestou.

«O PP deixou de investir 135 millóns de euros en políticas de emprego, cartos que estaban nos orzamentos e non foron executados para crear emprego no noso país. Iso é unha auténtica desvergoña coa bolsa de pobreza que ten esta cidade e o conxunto do provincia”, suliñou

Podemos Galicia © Miguel Nuñez

“A Galicia que imos construír e pola que estamos dispostas a traballar a partir do día 12 de xullo é unha Galicia que non deixa a ninguén atrás” afirmou a cabeza de lista pola provincia. “Precisamos políticas activas de emprego», reafirmou Solla.

No acto participaron outros membros da lista como Iria Figueroa e Marcos Cal, números un, dous e tres da lista provincial, e no que estiveron arroupados polos concelleiros da Marea de Vigo, Rubén Pérez e Oriana Méndez.

Abel Caballero critica que Feijóo anuncie vivendas públicas en Navia para dentro de “5 ou 6 anos” e non un IES

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou este martes que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitase o barrio de Navia para falar da súa ampliación e da construción de 1.600 vivendas protexidas para dentro de “5 ou 6 anos”, e non anunciase a construción dun instituto, que é “fundamental”.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico lembrou que os mozos dese barrio teñen que desprazarse 8 quilómetros para ir a un instituto porque non dispoñen desa dotación en Navia e, tras 12 anos gobernando Galicia, Feijóo “non gastou nin un céntimo” nese barrio. “Todas as dotacións fíxoas o Concello: parques, pistas deportivas, unha escola infantil, unha biblioteca”, recalcou.

Por iso, instou ao goberno galego a construír esa dotación educativa “de inmediato” e subliñou que, se así o decide a Xunta, o Concello de Vigo “regalaralle o terreo”. Segundo Caballero, Feijóo estivo na cidade para dicir que “en 5 ou 6 anos” haberá 1.600 vivendas protexidas, pero aseverou que “en tres anos e medio, Feijóo levará 16 anos gobernando e non faría nin unha soa vivenda en Navia”.

Fútbol sen fútbol

A Policía Local de Vigo sanciona 38 persoas por incumprir o confinamento

A Policía Local de Vigo sancionou a 38 persoas este mércores por incumprir o confinamento decretado pola crise sanitaria do coronavirus.

Así o detallou nunha rolda de prensa realizada de forma telemática o alcalde, Abel Caballero, quen precisou que nesa xornada tamén se identificou a 160 viandantes e se controlaron 1.074 vehículos polos mesmos motivos. Ademais, realizáronse advertencias sobre a necesidade de cumprir o confinamento a outras 32 persoas.

En concreto, o rexedor indicou que os axentes realizaron algunhas destas actuacións despois de que a comunidade de veciños dun edificio alertase de que tres mozos se reuniron nunha zona común, así como tras detectar a apertura dun bar da avenida Atlántida en cuxo interior se atopaban dúas persoas.

Os policías tamén se desprazaron a un supermercado da avenida Rosalía de Castro para regular a gran afluencia de persoas rexistrada no mesmo e revisaron o precinto que imposto nas fontes da cidade.

Preguntado polos medios, Abel Caballero precisou que, no marco das medidas adoptadas para previr contaxios por COVID-19, se comezou a realizar unha desinfección diaria dos vehículos da Policía Local, nos que só se permite que viaxe un axente. Ademais, colabórase na hixienización de coches da Policía Nacional.

SERVIZOS SOCIAIS

Noutra orde de cousas, explicou que se reforzaron os servizos sociais municipais coa contratación de catro administrativos, aos que se sumarán outros dous traballadores proximamente.

Así mesmo, o alcalde sinalou que aínda non se determinou que novo pavillón deportivo se habilitará para acoller a persoas sen fogar de Vigo e a súa área e explicou que a entidade que facilita as camas das que se dota a estas instalacións, a Cruz Vermella, non dispón de máis. Por iso, avanzou que se estudarán vías alternativas para contar con estes mobles se esta organización non reúne os precisos.

Do mesmo xeito, sinalou que na noite deste mércores se ocuparon 41 das prazas das que dispón o pavillón do Berbés para acoller a individuos que carecen dunha residencia, polo que habilitar un novo espazo non resulta “urxente”. Así, prestouse acollida a persoas de Redondela, O Porriño e Baiona que o solicitaron.

Mentres, comprobouse que outro home que pedira unha solución habitacional desde Pontevedra era un residente en Madrid que recibira atención médica en Galicia. A ese respecto, o rexedor indicou que o Concello de Vigo e o de Pontevedra acordaron que este último buscará unha alternativa para esta persoa, que conta con recursos.

Neste sentido, volveu lamentar a suspensión cautelar da área Metropolitana realizada tras a interposición dun recurso pola Xunta, xa que, ao seu xuízo, facilitaría a coordinación con outros concellos para realizar a acollida destas persoas, entre outras medidas.

Adicionalmente, indicou que o Centro Público Integrado de Coia doou pantallas protectoras para persoal sanitario que trata a pacientes con coronavirus.

O Álvaro Cunqueiro participará nun estudo estatal para medir a incidencia da COVID-19 no persoal dos hospitais

O hospital Álvaro Cunqueiro estudará os efectos da COVID-19 en persoal santitario xunto a outros centros no resto do Estado. Na fase alta da pandemia desenvolverase no Hospital de la Princesa; na intermedia, no hospital ICO-Hospitalet, en Barcelona; na de incidencia baixa, o Lucus Augusti de Lugo xunto co Álvaro Cunqueiro, Can Misses en Eivissa e Loja, en Granada.

O ‘AMADIICH’ (Estudo de monitoraxe activa e determinantes de infección incidente de COVID-19 en poboación hospitalaria, segundo as súas siglas en inglés) está coordinado polo Hospital de la Princesa e vaise desenvolver de forma inmediata nos cinco complexos hospitalarios do Sistema Nacional de Saúde mencionados.

O Servizo Galego de Saúde avanza que xa se traballa nun programa similar para os profesionais de atención primaria.

A colisión frontal de dous turismos sáldase con dúas persoas feridas en Mos

Dúas persoas resultaron feridas nun accidente de tráfico rexistrado na madrugada deste venres ao chocar de maneira frontal dous turismos na A-55 ao seu paso polo termo municipal de Mos (Pontevedra).

Segundo informou o 112 Galicia, dez minutos antes das 4,00 horas chocaron frontalmente dous turismos que circulaban pola A-55, antes da saída de Porteliña, ao seu paso por Mos. Tras recibir a chamada de alerta dun particular, o 112 Galicia pasou aviso ao 061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Baixo Miño e aos efectivos de Protección Civil.

Así mesmo, os xestores de emerxencias informaron dos feitos aos Bombeiros de Vigo. Unha vez no lugar, os Bombeiros de Baixo Miño indicaron que non foi necesario o uso do material de excarceración e confirmaron o traslado de dous feridos a un centro hospitalario.

A intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada tamén foi requirida polo 112 Galicia, que se encargou da limpeza vía.

A Xunta avanza que o último tramo da Autovía do Morrazo abrirase ao tráfico a finais de xuño

0

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que o terceiro e último tramo da Autovía do Morrazo, a AG-46, abrirase ao tráfico a finais de xuño e remarcou que se traballa “con intensidade” para que a saída de Cangas finalizar antes que a vía.

Durante unha visita ás obras da autovía autonómica, a conselleira detallou que xa se terminaron as obras do viaduto e os pasos inferiores e superiores do tramo III, que discorre entre as ligazóns de Meira e Cangas e conta cunha lonxitude de 3,8 quilómetros.

Ademais, detallou que, neste momento, leva a cabo unha proba de carga no viaduto presente no tramo “para comprobar que cumpre os requirimentos técnicos” e apuntou que se comezaron os traballos relativos a medianas e beiravías.

A principios de xuño comezarase a estender a capa de rodaxe. No entanto, dado que esta actuación está condicionada polas condicións meteorolóxicas, a conselleira sinalou que aínda non é posible confirmar a data de apertura da vía. Ata ese momento, segundo apuntou, manteranse os desvíos na última parte da autovía para garantir a seguridade dos usuarios e dos máis de 50 traballadores.

Ethel Vázquez lembrou que o tramo III supuxo un investimento de 12 millóns de euros. En total, a conversión en autovía do Corredor do Morrazo sumou un orzamento de 55 millóns de euros e consta dunha lonxitude de 11 quilómetros. Así, asegurou que a posta en servizo do último tramo da AG-46 –os outros dous xa están en funcionamento– é “fundamental” para o desenvolvemento económico e social da comarca do Morrazo.

Preguntada polos medios, a conselleira de Infraestruturas afirmou que a autovía tamén permitirá garantir a “fluidez do tráfico” e mellorar a “seguridade viaria” na zona.

Condenado a máis de 30 anos de cárcere o asasino de Ana Enjamio

0

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que condena a 30 anos e 4 meses de prisión a César Adrio Otero, como autor do asasinato da súa exparella, a enxeñeira Ana Enjamio, ocorrido en Vigo na madrugada do 16 ao 17 de decembro de 2016, e atribúelle tamén os delitos de acoso e vulneración da intimidade.

De acordo co veredicto do xurado, que considerou unanimemente ao acusado culpable deses delitos, o tribunal provincial emitiu un fallo no que tamén condena a César A.O. a indemnizar en máis de 201.000 euros aos pais e irmán da vítima. Así mesmo, impón ao procesado a prohibición de achegarse aos familiares de Ana durante un período 10 anos superior á pena de prisión imposta.

Na sentenza, a Audiencia Provincial aplica as agravantes de xénero e parentesco, e expón que o condenado quería causarlle “unha dor que ía máis aló do que acompaña unha morte violenta, implicando unha especie de tortura, comportamento máis que impropio dun ser humano”, en alusión ás case trinta puñaladas que asestou a Ana Enjamio, a maior parte concentradas á altura do seu corazón.

O PP de Vigo ameaza con denunciar ao Concello se lle “oculta” información do Marisquiño

A portavoz municipal do Partido Popular de Vigo, Elena Muñoz, advertiu ao Concello de que “se lle ocultan información” acudirá de novo ao xulgado para denuncialo, en referencia á documentación sobre a autorización municipal do festival O Marisquiño.

Muñoz insistiu este mércores na súa crítica ao Concello de Vigo por non traslasar ao seu grupo a póliza do seguro de responsabilidade civil que o organizador do festival O Marisquiño declarou entregar o pasado martes na comisión de investigación do accidente que se celebra no Parlamento de Galicia.

A popular referiuse ás declaracións do organizador do festival, que na súa comparecencia parlamentaria ratificou a existencia dese seguro de responsabilidade civil, e reiterou que o seu partido reclamou o expediente conforme se lle deu ao evento licencia municipal e que este seguro non figura entre a documentación entregada.

Elena Muñoz apuntou que “se existe” tal seguro, “que non se achegou ao PP dentro do expediente do Marisquiño” que solicitou, só quedan “dúas alternativas”.

A primeira é “que non constase no Concello de Vigo” e que “deixen avanzar o evento sen seguro” o que para Muñoz sería “unha nova irresponsabilidade extraordinaria” do consistorio vigués porque é unha das cuestións esixidas pola lei.

Elena Muñoz no pleno do Marisquiño/ Miguel Núñez

A outra opción para o PP de Vigo é que lles achegaron un “expediente parcial” no que faltan “documentos fundamentais”. “Xa que logo ocultáronnos información”, sinalou a popular.

“Ambas as opcións son extraordinariamente graves”, lamentou, para recordar que o seu grupo xa denunciou” ao Concello por “ocultar información á oposición”.

Neste sentido, Muñoz manifestou que se esta ocultación se demostra engadirán este episodio ao caso que teñen aberto nos xulgados contra o Concello por estas prácticas.

“Increméntanse as nosas dúbidas sobre a actuación do Concello de Vigo e seguimos sen explicacións pola súa banda”, criticou Muñoz.

Pola súa banda, o concelleiro de Seguridade de Vigo, Carlos Font, sinalou este mércores que se entregou “toda a documentación que pediu o PP” no que concierne á autorización municipal para a celebración do festival O Marisquiño.

“Afirmo categoricamente que o Concello de Vigo ten toda a documentación correspondente a esa autorización e que se fixo dentro da legalidade”, engadiu Font.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed