InicioSociedadeA área de Vigo estrea novo laboratorio de microbioloxía, que procesa 100.000...

A área de Vigo estrea novo laboratorio de microbioloxía, que procesa 100.000 probas de COVID-19 ao mes

Mediante o sistema de análise agrupada, fanse cribados entre o persoal sanitario, de residencias e do sector industrial.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A área sanitaria de Vigo puxo en funcionamento un novo laboratorio de microbioloxía, a través do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, para o sistema de procesado agrupado de probas de COVID-19 (sistema ‘pooling’), mediante o que se poden analizar 100.000 mostras ao mes.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o xerente da área, Javier Ponte, así como outros responsables do Sergas, visitou este venres as instalacións, cuxas obras finalizaron esta semana.

O actual laboratorio permite integrar nun único espazo todos os equipos para realizar o procesamento de probas, xa que ata agora o módulo preanalítico atopábase nunha sala diferente, o que dificultaba o proceso.

O sistema de procesamento agrupado de probas conta con diferentes equipamentos: un módulo para clasificar e rexistrar a entrada de mostras, dous robots pipeteadores que agrupan 20 mostras nun tubo, dous equipos de extracción que realizan a PCR, e tres módulos termocicladores que ofrecen o resultado final.

O procesamento agrupado de mostras permite aforrar tempo e custos, multiplicando a capacidade de avaliación, xa que analiza as probas en grupos de 20, de modo que se o resultado global é negativo, todas as mostras son negativas. No caso de que sexa positivo, as mostras poden volver fraccionarse ou analizarse unha por unha.

Outra das vantaxes é que permite detectar precozmente a circulación da COVID-19, xa que se están facendo probas en procura de pacientes asintomáticos (persoal sanitario e sociosanitario), o que permite controlar máis eficazmente a posible aparición de brotes.

PROBAS A SANITARIOS E PERSOAL DE RESIDENCIAS

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou que “as probas van francamente ben” e que, xa hai semanas que se están realizando entre persoal hospitalario e de Atención Primaria. “Agora imos estender o sistema a 15.000 traballadores de residencias de toda Galicia“, lembrou.

O sistema ‘pooling’ implantouse coa realización de probas a traballadores de áreas críticas do Hospital Álvaro Cunqueiro e estendeuse a usuarios e traballadores de residencias. Así mesmo, empezáronse as probas a persoal de Atención Primaria e a traballadores de certos colectivos laborais, como do Porto de Vigo ou de sectores industriais (automoción e metal).

O laboratorio de microbioloxía de Vigo ten capacidade para procesar 100.000 PCR cada mes, e priorízase o cribado quincenal dos 7.000 traballadores sanitarios da área (14.000 mostras ao mes), e o cribado quincenal dos traballadores de residencias sociosanitarias (30.000 mostras ao mes). O resto de probas procesadas (unhas 56.000 ao mes) correspóndense con cribados a colectivos laborais do sector industrial.

Aínda que inicialmente as probas facíanse recollendo unha mostra nasofarínxea, agora fanse a partir de mostras de saliva. Ademais, o persoal conta cun sistema de autorrexistro, a través dunha aplicación móbil, onde aparecen de forma automática os resultados das análises.

ÚLTIMAS

Abel Losada acusa ao PP de “mentir” sobre a seguridade en Vigo e defende a actuación policial en Cabral

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, cargou contra o Partido Popular tras...

Luz verde ambiental ao PERI da antiga fábrica de Álvarez en Cabral: deberá conservar a antiga fábrica e a cheminea

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres o informe ambiental estratéxico do...

Un operativo antidrogas en dúas casas de Vigo, unha delas okupada, remata con tres detidos

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo desarticularon un punto negro de venda...

Peinador opera “con normalidade” a pesar da folga de controladores

Os aeroportos de Vigo e da Coruña operan "con normalidade" este venres a pesar...