O BNG rexistrou unha solicitude dirixida ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para que convoque unha reunión urxente e extraordinaria do Consello Social da cidade, no que están representados partidos políticos, axentes sociais e económicos, para articular unha fronte común de defensa do sector naval.
Así o avanzou o concelleiro nacionalista Xabier Pérez Igrexas, quen sinalou que, ante a actual situación “crítica” dun sector “estratéxico” para a comarca, “é o momento de dar resposta en clave de cidade”, para esixir medidas tanto á Xunta como ao Goberno central.
O edil do BNG lembrou que a industria de construción naval e as empresas auxiliares chegaron a dar emprego a máis de 10.000 persoas e, na actualidade, apenas concentra 2.000 empregos. Como exemplo desa deterioración, aludiu á situación de Vulcano, liquidado e en “claro risco” de desaparecer como centro de actividade naval, ou de Hijos de J.Barreras, en proceso preconcursal, sen garantías sobre a súa carga de traballo ou sobre a súa continuidade.
Por iso, Xabier Pérez Igrexas demandou “que se dea resposta” partindo “dun amplo consenso social, político e institucional“, articulado no Consello Social da cidade, como xa se fixo en 2011 ante a “ameaza” do ‘tax lease’, tamén no sector naval.
“Que o Consello Social poña ao Concello á fronte desta reivindicación, e que se adopten os acordos necesarios para facer a mellor defensa do naval. Non podemos permanecer impasibles, porque Vigo, a súa comarca e o país non se poden permitir a desaparición deste sector”, sentenciou o concelleiro do BNG.
As precipitacións e os fortes ventos que trouxo consigo o temporal asociado á borrasca ‘Helena’ provocaron máis de medio centenar de incidencias en Vigo, segundo explicou este venres o alcalde olívico, Abel Caballero, en rolda de prensa.
Así, desde o mediodía do xoves ata primeira hora da mañá deste venres, os efectivos de emerxencias do Concello acudiron a varios puntos da cidade por inundacións, desprendementos, caídas de árbores e desprazamento de colectores e outros elementos.
Segundo os rexistros de incidentes facilitados pola Policía Local, nas últimas horas houbo intervencións por caídas de árbores, ramas ou postes no Camiño da Traída de Augas, no Camiño da Seara, na rúa Carapucha ou en Travesas.
Por outra banda, efectivos de emerxencias tiveron que acudir, por inundacións ou balsas de auga na calzada, á Avenida Arquitecto Palacios, Martínez Garrido, Avenida de Citroën, Ramón Nieto, ao túnel de Guixar, ao Areal, á circunvalación de Bouzas, ou as rúas Nigrán e Cañiza.
Así mesmo, informouse de desprendementos de terra e pedras, e de muros caídos (ou con risco de caerse) en varios puntos da parroquia de Valadares, no Camiño Remanso, en Doutor Corbal, en Rúa do Pazo ou nunha gasolineira da Avenida do Aeroporto.
Finalmente, a Policía Local tamén rexistrou numerosas incidencias polo levantamento de tapas de sumidoiro (en Areal, Castrelos, Valadares, López Moura, Salgueira,…) e por desprazamento de valos e colectores.
Varios nenos escolarizados nas escolas infantís da Choupana e O Hío, situadas na zona de Cangas do Morrazo, experimentaron unha serie de reaccións alérxicas, probablemente por unha intoxicación alimentaria debido ao menú servizo nos centros.
O primeiro caso foi detectado o pasado venres na Choupana, cando a algúns dos pequenos aparecéronlles varias manchas vermellas no corpo que desaparecían espontaneamente en menos dunha hora. Os profesionais da escola, ante as sospeitas de que a orixe das manchas puidesen ser os alimentos, cambiaron rapidamente o menú servido na segunda quenda de comida.
Precisamente, contabilizouse un caso similar noutra escola infantil da zona, a do Hío, cuxa cociña comparte xestión a través dunha empresa de catering coa da Choupana. Desde a Xunta destacaron a Europa Press que os profesionais do centro “actuaron coa maior axilidade” para asegurar o benestar dos pequenos.
Técnicos da Consellería de Sanidade están a realizar análise do menú servido na gardaría durante ese día, ante a posibilidade de que sexa a causa desta reacción alérxica.
O partido político Ciudadanos vén de preguntar á Xunta sobre as contas de Povisa, para saber se o diñeiro público está a utilizarse de forma eficiente, “porque nos preocupa a súa situación”, alegaron.
Lembrou a súa portavoz Olga Louzao que “é o maior hospital privado de España, e as súas instalacións prestan actualmente servizo a 137.000 usuarios de sanidade pública de Vigo e da súa área”.
Segundo a versión da dirección da empresa, é debido a unha “reinterpretación” por parte da Consellería de Sanidade de varias das cláusulas do concerto asinado no ano 2014 que se ocasionaron no citado hospital unhas perdas “que ascenden aos 42 millóns de euros”.
A decisión da empresa foi a anunciar a finais de setembro a entrada de POVISA en preconcurso de acredores, poñendo en risco o servizo público de saúde na cidade máis poboada de Galicia e na súa área.
Hospital POVISA/ Miguel Núñez
Con estas premisas, desde Ciudadanos Galicia consideran que “esta situación está a xerar inestabilidade no cadro de persoal, que se suma a un momento de precariedade laboral en moitos dos seus postos, como xa denunciaron representantes dos traballadores” e por iso e ante este dilema “non podemos quedarnos quietos e esperar a que se resolva soa está situación”.
É ben sabido que a maioría dos servizos prestados por Povisa dependen da sanidade pública, polo que “se a empresa entra en preconcurso, a sanidade pública debe, cando menos, preocuparse e analizar o ocorrido, por iso desde Cs preguntamos ao goberno galego por cuestións que cremos de vital importancia para o esclarecemento desta situación”.
Ciudadanos presentou este xoves pola mañá un documento no Parlamento galego. Nel, Cs Galicia pregunta á Xunta se coñece “o motivo polo que as contas anuais do Hospital Povisa e o correspondente informe de auditoría do exercicio 2017 aínda non están depositadas e a disposición do público no Rexistro Mercantil”.
Ademais desta cuestión, seguiu explicando Olga Louzao, portavoz do partido, que “queremos saber se a Xunta ten información suficiente para poder determinar se a situación económica da empresa é tan grave como afirman os responsables deste centro privado” .
Desde Cs dubidan con respecto á cuestión de se existiu algún tipo de control, auditoría ou similar por parte da Xunta ou dalgunha outra empresa independente, ao longo dos últimos anos, para poder verificar o correcto uso dos fondos asignados ao centro.
“O que está en xogo é a calidade do servizo sanitario a moitos usuarios de Vigo e da súa área e eles deben poder saber se eses fondos público asignados a POVISA foron xestionados con adecuación ás necesidades dos servizos e se a calidade asistencial ofrecida aos usuarios é adecuada”, concluíu.
A xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo destacou que o 75,43 por cento do persoal de Enfermaría da zona conta cun contrato indefinido.
Nun comunicado, pronunciouse deste xeito despois de que a CIG denunciase a precariedade que padece o persoal de Enfermaría da EOXI e asegurase que a eventualidade supera o 60 por cento.
Así, acusou ao sindicato de basearse en “datos manifestamente incertos” para “deteriorar a imaxe da sanidade pública galega” debido a “intereses” que relacionou coas eleccións sindicais, que terán lugar o 23 de maio.
A EOXI concretou que, na última década, nos 12 procesos de Oferta Pública de Emprego (OPE) celebrados no Sergas, 997 profesionais desta titulación obtiveron unha praza fixa nesta área sanitaria, así como que se dotou de 38 prazas máis en 2017 no marco do Plan de estabilidade do servizo de saúde galego. Así, apuntou que, desde 2015, o incremento das prazas foi de 118.
Ademais, a xerencia lembrou que, nos próximos días, resolverase a convocatoria das 450 prazas de mobilidade interna ofertadas no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi).
Tamén insistiu na necesidade de contar con persoal interino para cubrir as ausencias do persoal titular xa que, segundo apuntou, estas alcanzaron unha porcentaxe de ata un 9,26 por cento na área sanitaria de Vigo.
A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber expuxeron este mesmo martes pola mañá “a necesidade de que o Plan de Transporte Metropolitano da área de Vigo contemple novas perspectivas, como o acceso con animais domésticos aos vehículos que realizan as rutas por algún dos Concellos adheridos”.
Os animalistas sinalan a existencia de modelos ‘exportables’ ao mapa de transporte entre municipios da zona olívica, como o acceso flexible de Zaragoza e Barcelona, que se condiciona en función da ocupación dos vehículos e das horas do día, ou Berlín, cidade que leva anos facilitando esta entrada, fomentando a convivencia responsable.
É precisamente este resultado o que buscan os colectivos en defensa dos animais, “subliñando a necesidade de que os poderes públicos dean resposta a novas demandas cidadás, xa que o número de cans ou gatos incrementouse de forma notable no último lustro e seguen tendo vetada a entrada neste transporte”.
FFW e LIBERA! expuxeron esta iniciativa co convencemento do “custo nulo” da mesma e que poderá estar supeditada a que os animais accedan ao autobús con correa e que estean identificados, sen máis obrigacións ou co pago dun segundo ticket de transporte, ao entender que podería fomentar un maior beneficio para as empresas concesionarias das liñas.
Neste senso, os animalistas resaltaron que unha mobilidade inclusiva con animais “favorece o desenvolvemento de posteriores políticas de convivencia e contribúe a desmitificar ideas e prexuízos sobre o comportamento dos animais”.
Estas organizacións explican que, durante anos, a política habitual foi de restrición case absoluta da presenza de animais en espazos públicos “e agora, coa nova Lei de Benestar Animal, esta dinámica debe reverterse”.
O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil de Pontevedra investiga a morte de catro cabalos no municipio pontevedrés de Oia o pasado fin de semana, segundo confirmou o Instituo Armado a Europa Press.
Un equipo do Seprona de Tui dirixe esta investigación tras o achado de catro equinos salvaxes mortos nun monte da parroquia de Viladesuso, nunha zona denominada O Areeiro, por gandeiros do lugar.
Un equipo de sanidade animal da Xunta de Galicia recompilou mostras na mañá deste luns para elaborar un informe sobre a causa da morte destes cabalos, cuxos cadáveres seguían esta mañá no monte.
Os catro cabalos estaban dentro dunha canle de formigón que se emprega para introducir aos animais e proceder a desparasitarlos.
Axentes da Policía Local de Vigo que circulaban en funcións de prevención pola rúa Couto San Honorato foron requiridos ás 3 da madrugada deste venres por un individuo con signos evidentes de consumir bebidas alcohólicas.
O home preguntou se lle podían axudar a atopar o seu vehículo da marca Peugeot 407, (facilitando tamén o numero de matricula), engadindo ademais que como ía borracho non lembraba onde o estacionaba.
Os Axentes advertiron ao devandito individuo que en caso de atopar o seu vehículo se abstivera de conducir, debido ao seu estado. Pero pasados uns minutos os actuantes sorprenderon ao condutor do turismo Peugeot 407, circulando pola rúa Couto Piñeiro, polo que lle deron o alto.
Unha vez identificado, o home, de 48 anos de idade, nado na Habana e domicializado en Vigo, realizou por mandato policial a proba preceptiva de determinación do grao de impregnación alcohólica, arroxando esta un resultado positivo de 0,86 miligramos de alcol por litro de aire expirado na primeira proba e 0,74 mg/ l de aire expirado na segunda proba.
Devandito condutor foi encartado en dilixencias xudiciais en calidade de investigado por un presunto delito contra a Seguridade Viaria, ao superar o limite penal establecido.
José Carlos Adán Arias, atleta vigués olímpico en 5.000 metros, comezou a correr nunha carreira do seu barrio, que formaba parte das festividades do San Xoán do 82. Quedou segundo, e marchou para casa contento sen maiores consecuencias.
Ao ano seguinte, repetiu co mesmo resultado, outro segundo posto, de tal xeito que só lle gañou o mesmo corredor. Pero estaba presente Ignacio Cetero, o adestrador daquel mozo, quen vira como un raparigo sen preparación algunha gañara ao resto dos seus atletas, que corrían case todos os días. Carlos tiña 15 anos, e comezou a practicar atletismo con eles, sen máis obxectivo que desfrutar.
Na primavera do 1984 pasou a adestrar con Julio Rodríguez. Eran xa seis días de adestramentos máis intensos, e costoulle uns meses asimilalos. Pero rapidamente acumulou postos de finalista e incluso algúns metais nos campionatos de España de categorías menores.
Comezou a dobrar sesión (é dicir, adestrar mañá e tarde) na tempada 88-89, o que compaxinaba cun traballo de almacén para a marca deportiva New Balance. Tiña 21 anos. Coa idea de chegar a ser internacional absoluto, cheo de ilusión, os días máis intensos da semana non paraba: adestramentos ás 7 da mañá, logo entraba ás 9 a traballar e saía ás 7 da tarde, entón baixaba de novo ao parque de Castrelos ou ás pistas de Balaídos.
Cando queda sexto no campionato de España de campo a través, clasifícase para o mundial de Noruega. Por este éxito gaña máis diñeiro que todo o ano traballando, así que decide dedicarse enteiramente ao atletismo.
José Carlos Adán Arias, nun Campionato de España de Cross / El Correo Gallego
O seu plan inicial era volver traballar se non conseguía ningún obxectivo importante antes do 92, pero a progresión resultou tan positiva como para vivir integramente da práctica atlética ata outubro de 2004, día da súa retirada.
Considérase un afortunado: “Foron 15 anos coma deportista profesional nos que puiden vivir sen abafos importantes, aínda que sempre coa tensión de que se non acadas vitorias, tampouco diñeiro. Nun traballo normal, estás de baixa e cobras igual”.
Só tivo tres lesións importantes: unha fractura de estrés no pé dereito, que lle impediu optar aos Xogos Olímpicos de Atlanta ao non poder correr o campionato de España (xa conseguira a marca mínima esixida tanto en 5.000 como en 10.000); unha operación do tendón de Aquiles no 98 e unha mononucleose que lle impediu participar no Europeo de cross do 2000: “A unha persoa normal, non lle afectaría tanto, pero en conxunto co desgaste do meu adestramento, as miñas defensas acusárono moito”.
Pero, en definitiva, “meu deporte é tan traumático que non me podo queixar. Teño moita sorte de con xa 51 anos seguir correndo, de forma popular, e non ter molestias, non me doe nada, e iso que adestraba moitísimo, con Julio Rodríguez. Sometinme a un sistema moi esixente, que aseguraba resultados se o asimilabas. Eran 11 sesións semanais, sen descansar ningún día, acumulando 170 quilómetros á semana durante moitos anos”.
Unha vida difícil pero que elexía e aceptaba: “Gustábame, o levo no sangue. E era un soño: vivir do deporte, viaxar a gastos pagos, representar a España polo mundo”.
José Carlos Adán, xunto a outras lendas do noso atletismo como Alejandro Gómez ou os irmáns De la Torre, nunha milla de homenaxe á súa xeración atlética / Luis Pereiro Gómez
Estima como seus máis importantes logros a clasificación para os Xogos Olímpicos de Barcelona, ser campión de España de cross, onde participan medio fondistas e fondistas de tódalas probas, e o sexto posto nun Campionato de Europa de 5.000 en pista decido ao sprint, a menos dun segundo dos metais. Por suposto, tamén está moi orgulloso de ter baixado de 28 no 10.000 e 13.20 no 5.000, posuíndo aínda hoxe o récord galego desta proba.
Os seus adestramentos máis esixentes non supoñen un reto moito menor. Recorda cubrir en solitario e nas pistas de Balaídos un 10.000 en 28:55 minutos, seis series de 1.000 metros a 2:33, tres de 2.000 a 5:15, ou dous tandas de 3 quilómetros recuperando entre 4 e 5 minutos, en só 8:09 e 8:04.
Na actualidade, case ninguén en Galicia é capaz de facer un único tres mil a ese ritmo, e competindo a máxima intensidade contra outros atletas. De feito, a maioría dos corredores populares non poderían soportar seus trotes suaves da época, 12 ou 14 quilómetros en arredor de 3:45 minutos cada un. Os facía polas tardes, despois de completar uns 20 a 3:25 esa mesma mañá.
Por suposto, coidábase: masaxe dous días por semana, dieta, 5 comidas diarias, unhas 8 ou 9 horas diarias durmindo: “Eu non tiña días festivos, comía as uvas e o día 1 estaba ás 11 nas pistas. Non me fixaba no calendario, para min todos os días eran iguais. O primeiro que facía ao levantarme era tomarme o pulso. Se tiña máis de 45 pulsacións, cambiaba as series por un rodaxe rexenerativo. Trátase de darlle caña e recuperarse o máis pronto posible… para seguir dándolle caña”.
Carlos Adán, adestrando nas pistas de Balaídos no 97
Sobre unha das probas máis míticas do atletismo, a maratón, cre que o derrotou: “no 97, prepareina a conciencia. O test de media maratón saíu ben, en 1.03.15, e viaxei a Ámsterdam para baixar de 2.11. Xa na carreira, avanzaba a ritmo de 2.09, pero no 32 as pernas dixeron corre ti, así que acabei en 2.15, sufrindo cambras, pasándoo moi mal”.
Volveu intentalo anos máis tarde, pero “xa saín derrotado”, recoñece. Pasou en 1:05 o ecuador da proba, pero aos 25 quilómetros as imaxes mentais do calvario sufrido na anterior vez foron tantas que abandonou.
En 2003 xa vía a alta competición como parte do pasado, e tomou a decisión meditada de abandonala o ano seguinte: “Creo que é distinto retirarse así que por lesión ou problemas psicolóxicos, leveino moi ben. De feito seguía baixando a Castrelos, ese mesmo ano xa corrín algunha popular, e aínda hoxe se podo gañarlle ao de adiante, dou fe que gánolle”.
O axuntamento de Ribeira chamouno para levar unha escola de atletismo, na que chegou a adestrar á recente medallista europea Ana Peleteiro, pero cesaría desta labor en 2007.
Carlos Adán competindo en pista no 94
Agora prepara a corredores populares, e ademais dende a súa retirada traballa no porto de Vigo como policía, de feito xa acudiu a varios mundiais de policías e bombeiros, en Australia, Canadá ou EE.UU: “O ano que ven é en China, moi lonxe, pero, se a saúde me acompaña, irei ao de 2021 en Róterdam”.
El mesmo considera algo “masoquista” que o único que bote de menos hoxe en día daquel tempo na elite internacional sexan “os nervios, a tensión. Porque sigo apuntándome en carreiras, pero vou tranquilo. Antes, xogábame constantemente becas e patrocinadores”.
En calquera caso, da súa carreira, asegura que só cambiaría unha cousa: “A fractura de estrés de xuño a setembro, uns meses máis tarde. E quen sabe se podería ter ido tamén a aqueles Xogos de Atlanta”.