InicioDeportesDavid Gómez, atleta olímpico: "No Rosal había xente mellor ca min"

David Gómez, atleta olímpico: “No Rosal había xente mellor ca min”

Xornal de Vigo entrevista aos nosos olímpicos.

PUBLICADO O

David Gómez comezou a practicar atletismo no seu colexio do municipio do Rosal, grazas ao seu profesor de Educación Física, de igual xeito que outros dos nosos olímpicos, como Estela Estévez, Ramón Magariños ou Julia Vaquero.

Algo non tan común hoxe en día, lamenta: “Xa eran poucos profesores o que o facían, e iso vai terminar”. En quinto de EXB (Educación Xeral Básica), tiñan una táboa na que anotaban os seus rexistros nas diferentes probas, e a partir dela Félix, o mestre, confeccionaba un equipo competitivo para a pista.

Con David Gómez, quen anos máis tarde lograría acudir a dous Xogos Olímpicos na proba do decathlon, tiña un problema: era o que máis saltaba en lonxitude e altura, o que máis corría no cross. De feito, na súa primeira competición de lonxitude gañoulle a seu compañeiro do colexio. Iso si, quedaron último e penúltimo.

O futuro atleta profesional tomaba as cousas con calma: “Tardei bastante. O meu primeiro campionato galego foi con 15 anos. E no Rosal había xente mellor ca min, pero deixarono. Hai dous grandes momentos nos que a xente se descolga, ao comezar o instituto e a universidade. Tamén a miña irmá sería moito mellor atleta ca min”.

unha decisión difícil

Entre outras razóns, demorouse no atletismo porque practicaba dende os 6 o balonmán. Chegou a xogar na selección galega deste deporte, pero tíñao claro: “O atletismo era a miña paixón, porque só dependía de min. Cabreabame cando sentía que os meus compañeiros se daban por vencidos, e ti non podías facer nada. No deporte de equipo pasas desapercibido, vas coa corrente”.

David chega a Vigo con 16 anos de idade, xa para adestrar só atletismo. De tódolos xeitos, pasa dous anos máis competindo co equipo de balonmán, durante a fin de semana: “Isto chocaba moito aos novos, que nin me coñecían e saía a xogar co seu equipo. Logo mirábanme e pensarían: vale, é o que mete os goles”.

Era un bo lateral esquerdo. Chegaron a chamalo o Chapela e o Octavio para o seu segundo grupo. E David non dubida: “Tería gañado moito máis diñeiro que no atletismo, pero non quería os cartos. O meu obxectivo era claro dende o principio: ser olímpico, xa o recoñecera sen complexos na TV local da Guarda nunha das miñas primeiras entrevistas. No balonmán iso non ía depender de min”.

Primeirísimo plano de David Gómez en Beijing 2008 / Jed Jacobsohn/Getty Images)

Non o desanimaba que, ao comezo, gañáralle xente do seu propio pobo: “Cando es neno, o concepto do mundo é o que miras. Había algúns con barba xa. Eu pensaba: xa os collerei”.

E non foi ata os 16 anos cando da un salto de calidade e colócase en primeira plana “porque había un nivel altísimo. Con 14 anos fixen 1,75 metros en salto de altura, e era un chaíñas. Hoxe a nivel absoluto case ninguén salta iso. Sempre había alguén que me gañaba, iso axudoume moito”.

O CAMIÑO CARA OS XOGOS

Ao vivir nun pobo, viuse na necesidade de moverse ata Vigo: “Foi unha gran sorte que os meus pais puideran permitirse esa aposta, e que non lles gustara o deporte. Nunca se meteron en nada, e creo que acertaron niso. Sabían que era saudable, e xa está. Agradézolles que estiveran ao marxe”.

A ambición foi sempre un factor determinante. A primeira vez que David Gómez foi a un Campionato de España (cadete), gañouno. Fixo 4.800 puntos no Octathlon: “Pero había un con 5.100 puntos (o récord de España), seguía gañándome. E o meu adestrador dixo: tes que facer récord de España. Eu contestei: para iso estou aquí. Conseguino e logo mirei para o ránking de Europa, estaba lonxísimos dos primeiros, había que seguir”.

David Gómez nos 50 metros valados dun Campionato Galego de PC/ davidgomezmartinez.es

De Júnior xa dobraba sesión, 3 horas de mañá e 3 de tarde. Tantas probas distintas coma as que compoñen o decathlon precisaban e tamén permitían xornadas de adestramento moi extensas: “É coma un nadador, que chega a facer 3 sesións diarias, porque non hai impacto. Co disco na man tamén podes estar horas. Recordo na Blume aos de tiro con arco, sen falar para non subir o pulso, tirando frechas toda a tarde. Aí está o intento de Salazar no Oregon Project, a idea de correr na auga. Porque se foras capaz de meter máis apoios sen lesionarte…”.

Foi subcampión do mundo Júnior. Ao ano seguinte sufriu unha lesión, e quedou sexto no campionato de Europa Sub 23, para uns meses máis tarde romper o pé: “Foi moi difícil. Estou máis orgulloso de reporme das miñas caídas que dos Xogos. Tiven polo menos a sorte de que os meus anos bos sempre foron os dos Xogos Olímpicos. Pero aquel ano en branco, de promesa, paseino moi mal, escaioláronme, 3 meses en muletas sen poder apoiar o pé sequera. E a motivación de facer traballo complementario dura un mes, logo entras en barrena. Estaba xa vivindo só, en Vigo, ía facer a compra coas muletas, lembro ir ao banco e á volta sentirme tan derrotado que collín o bus para unha soa parada”.

Pero ergueuse. De feito, ao ano seguinte fixo a súa mellor marca de sempre en altura, que nunca volvería superar, saltando co pé que rompera.

Finalizou os seus estudos no bacharelato: “Tiña as metas moi claras, e fixen unha aposta forte. Para que seguir, se na clase estaba pensando no que ía facer despois. O mundo non me importaba, o atletismo era unha obsesión”.

David executando un lanzamento de xavelina / davidgomezmartinez.es

Fíxolle unha oferta unha universidade americana, dende Texas. Rexeitouna: “Son subcampión do mundo na miña casa, para que vou cambiar, pensei. Pero claro, anos máis tarde reflexionas: tería unha carreira, e o inglés…”

Non é moi partidario dos centros de alto rendemento: Eu fun á Blume cunha lesión e volvín con dúas. Para min teñen sentido se vives nun pobo e non tes a posibilidade de desprazarte á cidade. Pero unha persoa que vive ao lado da pista… Ademais a esas idades, ir a perderse por Madrid. O malo de ser deportista de elite é que o tes que ser a unha idade complicada, 20 anos e tantas cousas por facer. Se puideras selo con 40… ”

Os primeiros Xogos de David foron en Grecia, e supuxeron unha gran decepción para el: “Chegas alí e pensas que te van recibir con coroas de loureiro, e decátaste de que non es ninguén, un pringao que vai facerlle publicidade a McDonalds e Samsung, que saian ben os patrocinadores. Non mandas nada. Hai rolda de prensa a tal hora das marcas, e tes que ir á forza”.

Levou varios paus. O primeiro, cando na lista de convocados non estaba o seu adestrador: “Nin a uns Xogos nin aos outros. E vai o seleccionador nacional, porque si. E dicirlle a quen leva anos preparándote: mira, Antonio, que ti non vas. Pero en Pekín xa gocei máis. Non fun tan idílico, xa tiña unha idea”.

Nunha das súas competicións en representación do Club Celta Atletismo / davidgomezmartinez.es

Con 31 anos, intentou a súa terceira clasificación olímpica, estando, asegura, mellor que nunca, pero entre unha pequena escordadura cervical en abril e que a mínima subira 250 puntos dende os anteriores Xogos, quedou a só 80.

E engade: “Con todo o respecto, non é o mesmo ser olímpico en concursos que nunha carreira. Ana Peleteiro foi ao último mundial repescada, ao ser novena do ránking. Logo quedou terceira. É certo que por exemplo a maratón é practicada por moita máis xente, pero facer a mínima pode suporme a min ter que estar entre os 20 mellores do mundo, e a da maratón igual significa ser o 600. Tes xa a 200 kenyanos por diante túa. Forma parte da política da IAAF, os patrocinadores, a TV. É que ir ao campionato do mundo de heptathlon en pista cuberta é case imposible, só entran directamente os 4 primeiros do ránking, o resto a dedo. Igual o 8ª non vai, levan ao décimo. E as mulleres no péntatlon igual. 4 por ránking e o resto a dedo”, denuncia.

UNHA GRAN VANTAXE

Pero a historia de David Gómez é sobre todo a dun apaixonado do atletismo: “Nunca me gustou a palabra sacrificado no deporte, porque ti non sofres, ti gozas. Vexo á xente subindo fotos que se adestramento durísimo, un inferno non sei que… Eu nunca sufrín. Estaba satisfeito, despois de facer unhas series lácticas. Se vomitaba na meta, pois xenial, un día perfecto”.

Cando acudía aos campionatos internacionais, quedaba na pista a tomar apuntes. Se algo do que facían chamáballe a atención, íalles preguntar en canto terminaran: “Cada persoa segue un sistema de traballo. É moi interesante”.

Lembra como na súa xuventude dixéronlle un día: “Ti tes unha gran vantaxe, gústache isto”. A David pareceulle algo obvio. Non o era: “Hai xente moi boa, con calidade, que están aquí porque destacan, e cando chegan os problemas ou hai que espremerse, plantan. Eu pesaba 90 quilos, os rivais mirábanme e pensaban que o que se me daba ben era lanzar. Pero non, era correr, de feito dáme rabia non ter feito 400 metros valados e mesmo os 800. Con 93 quilos fixen 2:39 no 1000, de sétima proba no Heptathlon. Creo que con 13 quilos menos podería telo corrido rápido. Tamén tiña unha capacidade innata para os valados e para soportar o ácido láctico. Pero o resto, traballo e traballo”.

Gustáballe correr sobre todo ao final, terminar cun cambio forte: “Cando fixen o intento de mínima para Londres, viñera Sergio Piñón dende Narón para facer o Decathlon. Ao chegar ao 1.500, preguntoume se me tiraba. Dixen que vale, para facer 4:26. El propuña pasar o quilometro en 2:50, eu contesteille que non, a 3 minutos mellor. Quedou sorprendido. Ao final pasei en 3:03 e fixen os 4:26. Saíndo a 2:50 xa estoupara máis dunha vez”.

E, na súa última etapa, converterse en adestrador axudouno a mellorar nas súas propias probas: “Entón dinme conta de que a pértega era máis fácil do que pensaba, e realicei o meu mellor concurso de pértega con 32 anos, operado dos Aquiles, de volta de todo”.

SEMPRE VINCULADO AO ATLETISMO

No 2014 lesionou o isquio, ao ano seguinte rompe un dedo do pé con 33 anos. Tiña que operalo, e non había seguridade de que fora a quedar ben. Así que decidiu retirarse. Por sorte, catro anos antes recibira, segundo as súas propias palabras, a mellor “bolsa” posible: “No 2010 Lence, o meu adestrador, díxome que cando me retirara tería traballo con el, como monitor. Tiña 30 anos, e só cobraba 400 euros ao mes despois de dúas citas olímpicas. Dos 18 aos 30 vivira só do atletismo, sen estudar nin traballar. E non teño problema en dicir o que gañaba. Había anos que era bastante si: pero ía para o peto. Un ano olímpico podía gañar 3.000 ao mes, pero outros eran só 500. Ao final, fun mileurista toda a miña carreira”.

En plena loita co belga Hans van Alphen e o chinés Qi Haifeng nos Xogos de Beijing 2008 / JEWEL SAMAD/AFP/Getty Images)

Contento, afirma: “Estou a traballar no que me gusta, é o soño americano”. Ademais, augura futuro para as probas combinadas, da man dos atletas: “Hai moitísimo nivel en España, en Galicia non é que creceran, é que había anos nos que nin se celebraba o galego. O que si que é certo é que a xente ten medo ás probas técnicas. Igual un fai 11:20 no 100 e xa di que é velocista, e non sae de alí. Cando igual podería ser un gran lanzador de xavelina, ou un campión do salto de lonxitude”.

Aínda que poida parecer unha ironía, David cre que ao nivel do atletismo veulle “ben” o impacto da crise: “Fai unhas décadas, eu ía polos colexios buscando raparigos, e case o desprezaban porque era gratis. Uns anos máis tarde, coa crise, chegaban á pista buscando monitores, algúns retirados fai moitos anos, e non había case ninguén, e  dicíalles: ven comigo. Non atopaba moita máis solución. Así foi como empecei a adestrar xente. Fai dez anos chegou ás pistas unha xeración que agora son atletas. Na pista non había ninguén, hoxe en día no Celta ata cadete teñen 170 nenos, máis outros clubs: Comesaña, AVA… Porque é un deporte barato”.

David, en pleno salto / davidgomezmartinez.es

De tódolos xeitos, o atletismo si parece entrar en contradición coa mentalidade (xeneralizando, por suposto) das novas xeracións: “Hoxe en día é case imposible captar a un neno para facer fondo. A capacidade de esforzo, de chegar exhausto, non a tes nos mozos. Moitísimos dos que destacan na longa distancia son fillos de inmigrantes: teñen outra mentalidade”.

Un atletismo que perdeu tamén a súa capacidade de atracción, de xerar lendas e ídolos: “Julia Vaquero non é do meu pobo por uns metros, a súa casa é a última do anterior. Eu quería ser coma ela, era unha crack para min. Ía pola Guarda, a miraba e non me atrevía a saudala. Félix falábame de Carl Lewis e ía á biblioteca da escola para buscar libros del. Sotomayor era un heroe para min. Con 14 anos saltaba 2 metros e eu o comparaba cos meus 1,75″. 

A cousa cambiou: “Hoxe en día os nenos, con Internet na palma da man, non saben quen é, miran a Nediam Vargas na pista e dálles igual. Non teñen ese ansia por coñecer o mundo que lles rodea. Eles terminan, recollen a mochila e marchan. Cando eu aínda recordo a Alejandro Gómez dándolle caña fortísimo polo parque de Castrelos e 10 ou 15 nenos detrás del, intentando seguilo. Sabes o que era chegar ao día seguinte á escola e dicir que corriches con Alejandro? Que na súa primeira maratón case bate o récord do mundo. Hoxe falas del e pregúntanche se sae en Operación Triunfo”.

Preme para ler a nosa entrevista a Estela Estévez, olímpica en 3.000 metros lisos

ÚLTIMAS

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...

Poñen marcha un servizo de aluguer de bicis eléctricas en Vigo, dispoñibles en sete aparcadoiros da cidade

A compañía Welgood puxo en marcha un servizo de aluguer de bicicletas eléctricas en...