InicioDeportesEstela Estévez, atleta olímpica: "Eu pelexaba polo futuro. As demais non querían...

Estela Estévez, atleta olímpica: “Eu pelexaba polo futuro. As demais non querían ver máis alá, dáballes medo”

Xornal de Vigo entrevista aos nosos/as atletas olímpicos.

PUBLICADO O

Bernardo Almuíña, mestre do seu colexio, anunciou unha competición que consistía en ver quen daba máis voltas. Estela pensou: “Eu non me mareo”, e dende aquela. Ao terminar a súa primeira carreira, déronlle un iogur e un bocadillo, pareceulle recompensa sobrada.

Ela estudaba no colexio Mestres Goldar, en Castrelos, o recorda con fascinación: “Tiña instalacións incribles, campo de baloncesto, foso de lonxitude, círculo de lanzamentos, un ximnasio inmenso…”

Entón organizábanse enfrontamentos entre colexios en multitude de deportes, case todos practicaban case todo. “Eu non daba unha, poñía moitas gañas pero era pouco efectiva”, recorda Estela. Ata que atopou o atletismo.

“E cando dás con un no que destacas e encóntraste ben, aí ficas. Eu vivía na Rúa Pastora das Travesas e alucinaba cada día ao pasar por alí e ver á xente correndo na pista de cinza”, recoñece.

Algo máis tarde, estaba ela mesma adestrando: “Era unha pasada. Cun rolo a mantiñan compacta, xa que ao correr levantábase. As liñas pintábanse con cal, os cravos usábanse máis longos, incluso de 15 milímetros. Durante as carreiras facían colgar na  liña de meta un fío de lá. Os atletas de menor estatura, para rompelo, estiraban o brazo e o cortaban coa man”.

Os inicios

A primeira vez que Estela correu nunha pista de material sintético, foi no seu tamén primeiro campionato de España, aínda coma xuvenil: “Asustábame ao comezo, rebotaba un montón. Pero corrín tanto que clasifiqueime para a final, había que correr de novo e tiña medo outra vez. Saíu ben, quedei segunda. E a miña tía dicíame que era moito máis que campioa, era subcampioa”.

Fora tamén a primeira ocasión na que saía da provincia de Pontevedra. No 79 comezara a adestrar con Oliva Román, quen dirixirá á atleta ata a súa retirada en 1995. Costoulle algúns anos adquirir o compromiso necesario: “Os domingos, ou non ía ou chegaba tarde, ata que un día chamoume e concedeume un ultimato, entón comecei a chegar puntual”.

ata despois de ser nai, non comezou a dobrar sesión

Oliva formouna pouco a pouco como atleta. Participaba en todo tipo de carreiras, incluíndo os 400 metros valados, onde chegou a ostentar o récord galego júnior e participar nun campionato de España, onde foi quinta: “Unha atleta madrileña de valados non clasificouse para a final, e eu recordo chorar coma unha madalena para que a colleran a ela, eu non quería”.

Ata os 21 anos, despois de ser nai, non comezou a dobrar sesión, pero xa levaba anos destacando. Sendo xuvenil, a RFEA invitouna a correr o Campionato de España Júnior de 1.500, contra rapazas dous anos maiores. Non levouse medalla ao ser doutra categoría, pero gañou a carreira.

Estela en Balaídos coa súa adestradora, Oliva Román, en 1981

Foi progresando con paciencia, mellorando cada ano nalgunha proba. Seus maiores logros: a plusmarca española de 5.000, o 13º posto nun campionato do mundo de cross (Boston), ser primeira en 3.000 lisos dos Xogos Iberoamericanos celebrados en México de 1988 ou participar nos Xogos de Barcelona nesa mesma proba, entre outros.

unha traxectoria marcada polas reivindicacións

Tamén houbo frustracións e problemas, moito máis aló de anécdotas graciosas como a daquela concentración júnior en Portugal, cando ao chegar á fronteira non permitían ao bus entrar no país veciño porque ela esquecérase da autorización paterna. A deixaban ou non pasaban. Por sorte, unhas horas máis tarde lograron solucionalo.

Porque a súa traxectoria estivo marcada polas reivindicacións: “En España existía un circuíto principal de cross con premios moi distintos para homes e mulleres. O gañador recibía un millón de pesetas, a gañadora 450.000. Costounos moito darlles a entender que podían cortarse os premios por abaixo, posto que éramos menos, pero eran inxustos os premios diferentes para os primeiros e primeiras”. Estela o recorda como unha guerra non só coa Federación Española, senón coas propias mulleres.

Pero ao final si boicotearon a última proba daquel Gran Premio, celebrada en Ourense, cubríndoa ao trote  na súa totalidade. Grandes batallas dunha deportista da que chegaron a dicir na súa xuventude: “Esa, como é feíña, pode triunfar”.

“As demais pensaban que podía perigar o diñeiro que xa lles daban, non querían ver máis aló. Dáballes medo. Pero eu non pelexaba por min, o facía polo futuro. Os asistentes á carreira insultáronnos, que saíramos de alí, que fóramos a fregar… E os da RFEA queixábanse de que había que falar antes as cousas, pero si que o tentáramos primeiro, sen respostas. Durante a proba, ata o comentarista dicía que todo ía ser peor en adiante para nós, e ao finalizala negóusenos o acceso a calquera micro para facer unha roda de prensa”, lamenta a atleta.

Pero non foi a peor para elas. Ao ano seguinte, o primeiro premio feminino ascendeu a 750.000 pesetas: “As demais estaban contentas, pero non supuña ningún triunfo, porque tratábase de que fora xusto, e aínda non o era”.

“Quedei de apestada”, manifesta a deportista: “A calquera atleta internacional fáiselle un homenaxe ao retirarse. A min non. A Federación queimoume moito. A mínima para o Cto. De Europa Júnior de 3.000 era 9:50, fixen 9:38 e non me levaron. Fun aos Xogos porque era a única atleta cunha mínima que era ademais récord de España, senón deixábanme na casa”.

Tamén desilusionouse co equipo de case toda a súa vida, o Real Club Celta de Atletismo: “Dediqueille moitísimo, facíanme ofertas de 2,5 millóns de pesetas e quedaba por menos dun millón. Todo ese esforzo non veuse correspondido”.

Estela, en pleno esforzo

Outra das loitas que mantivo foi a do doping: “Unha atleta deu positivo por dúas ocasións, e non foi nin sancionada. Eu negábame a competir con atletas nesa situación. Amaba o cross de Lasarte, en San Sebastián, onde non eran xa os premios económicos, é que existía unha gran afección polo atletismo, coñecíante polo nome e sabían a túa historia. Pero lles dixen que si competía esa persoa, non participaba. Ao final a botaron fóra e asistín”.

Ela está segura de que tería practicado atletismo aínda que non chegase a internacional, de feito “o mellor de todo foi cando eramos nenas, sen angustias nin estrés. O facías porque che saía de dentro, é a festa do atletismo. Cando es profesional, festas as xustas”.

O descanso é o chamado adestramento invisible. Estela recorda incluso durmir de pé nos trens. Os sábados que non competía eran días de repouso. Durmía ata moi tarde e seu fillo pasáballe os recados. Logo espertaba e miraban películas.

Hoxe, 23 anos trala súa retirada, aspira por primeira vez á xornada laboral completa. Fai dúas décadas, non traballaba fóra: “Nin o pensaba. Vivía en parella e a nosa filosofía era que quedara en casa coidando da familia”.

De  feito, asegura que incluso na súa época ao máximo nivel, priorizaba o traballo de casa: “Gustábame e non o consideraba duro. Era a miña labor, facer fogar”. Cando os seus fillos creceron, decidiu comezar pequenos traballos: cos nenos do Castro- San Miguel, nas escolas do Comesaña S.C., nun comedor de colexio, como comercial…

13 anos despois de deixar a alta competición, volveu correr polas gañas de relacionarse: “Correr é unha escusa”. Federouse de novo en 2013, e na súa primeira proba oficial foi campioa de España veterana de 10 km, en Padrón. Aínda hoxe continúa practicando este deporte de forma esporádica: “son coma o Guadiana, vou e veño”.

 

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...