Coa celebración do Día da Ciencia en Galego e dos días mundiais da Vida Silvestre, da Creatividade e a Innovación e das Telecomunicacións e da Sociedade da Información o Plan Ciencia de ida e volta reforza a seu programa de actividades nunha cuarta edición, na que a UVigo segue a contar coa colaboración e financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
A divulgación científica entre todo tipo de públicos, dende escolares a maiores, pasando pola comunidade universitaria, sitúase unha edición máis no epicentro do Plan anual de actividades 2024/2025 da Unidade de Cultura Científica (UCC+i), que volve incluír na súa programación as accións desenvolvidas outros anos co gallo do Día Mundial da Muller e da Nena na Ciencia, a expo-feira científica A ciencia que vén ten nome de muller, o programa Embaixadores da Ciencia e o Coñecemento, o concurso Youtubers Científicos ou o programa de formación sobre divulgación científica para persoal investigador da UVigo.
No acto de presentación do plan, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, incidiu no dobre obxectivo desta iniciativa, dunha banda “dotar ao noso persoa investigador das ferramentas precisas para que poidan divulgar mellor”, e pola outra, achegar o labor investigador que se desenvolve na UVigo á cidadanía, “desde os cativos aos maiores, para así espertar vocacións científicas, pero tamén darnos a coñecer para que as e os cidadáns nos elixan para formarse, tamén durante toda a vida”.
GALEGO NA CIENCIA
Das novidades que nesta cuarta edición inclúe o programa de actividades a primeira será o Día da Ciencia en galego, que o 4 de novembro porá en valor o uso do idioma no ámbito científico e a promoción da investigación desenvolvida na lingua propia de Galicia. En colaboración coa Área de Normalización Lingüística da UVigo e co triplo obxectivo de normalizar o uso do idioma cooficial de Galicia no ámbito escolar e universitario, visibilizar o traballo investigador realizado na UVigo en galego e apoiar o traballo científico nesta lingua, publicarase un minidiccionario de vocabulario científico-técnico en galego dirixido a alumnado universitario e persoal investigador. “Trátase de abrir unha porta a algunhas cuestións de interese como temas xurídicos, a micoloxía ou cuestións relativas á bioloxía”, explicou Elena Muiños, técnica da UCC. Así mesmo, presentaranse dous proxectos de investigación en centros educativos da área de influencia da UVigo: Siri fala en Galego! e un campionato de videoxogos retro e desenvolverase o ciclo de charlas Galinfluencers, coa participación de persoas que fan divulgación científica en galego a través de redes sociais.
A segunda das novidades da programa de Ciencia de ida volta chegará o 17 de maio, Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Co obxectivo de sensibilizar sobre as posibilidades que o uso da internet e outras tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) poden ofrecer ás sociedades e á economía e fomentar a necesidade de reducir a brecha dixital, desenvolveranse dúas actividades enfocadas a educar sobre os perigos da desinformación e proporcionar novas ferramentas tecnolóxicas para combater a desinformación. En marcha contra a desinformación é unha exposición itinerante, que conta coa colaboración do equipo de investigación da UVigo responsable do desenvolvemento da ferramenta DebaTrue, que percorrerá centros escolares, facultades e cidades divulgando sobre a importancia do acceso a unha información veraz e sobre os mecanismos de comprobación e verificación dispoñibles para evitar as noticias falsas e os bulos que circulan na rede. Un obradoiro de redes sociai para familias no edificio Redeiras, completará a programación dedicada a esta efeméride.
BIOBLITZ E DÍUA DA CREATIVIDADE
Así mesmo, Ciencia e ida e volta recupera para a programación deste ano os días mundiais da Vida Silvestre, Bioblitz, o 3 de marzo, e o da Creatividade e a Innovación o 21 de abril. No primeiro caso, desenvolverase a competición Bioblitz no campus de Vigo, na que as e os participantes converteranse en exploradores e terán que fotografar, identificar e xeorreferenciar tantas especies como sexa posible no tempo do percorrido. Paseos científicos interxeracionais en Ourense e Pontevedra e un obradoiro de vermicompost para alumnado de centros escolares, dirixido polo grupo de investigación GEA, desenvolveranse tamén ao abeiro desta celebración. Mentres, con motivo do Día Mundial da Creatividade e a Innovación, que ten o obxectivo e promover o pensamento creativo multidisciplinar, terá lugar un obradoiro de Design Thinking coa colaboración do grupo do centro de investigación atlanTTic e da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, enfocado a mulleres en situacións de elevada vulnerabilidade. Precisamente estas mulleres serán as protagonistas dunha serie de podcast nos que, xunto a persoas expertas do ámbito universitario, relatarán as súas experiencias tras participar en programas educativos encamiñados á inclusión social e á inserción laboral.
YOUTUBERS CIENTÍFICOS
Ás novidades que nesta edición inclúe o programa Ciencia de ida e volta, súmanse accións xa consolidadas na programa como a formación sobre divulgación científica para persoal investigador da UVigo que comeza hoxe, e no que da man de especialistas, as e os asistentes abordarán cuestións como porque e como facer divulgación e actividades de cultura científica ou comunicación da ciencia en redes.
Entre novembro e decembro desenvolverase unha nova edición do concurso de vídeos divulgativos sobre ciencia, Youtubers Científicos, que este ano, como novidade, abre a participación ao alumnado de ESO e Bacharelato, mantendo a do persoal investigador. As actividades en colaboración coa Unidade de Igualdade da UVigo encadradas na iniciativa A muller e nena na ciencia o 11 de febreiro, coa finalidade de incrementar e estimular o interese das nenas e adolescentes polas carreiras científico-tecnolóxicas; a expo-feira científica A ciencia que vén ten nome de muller no mes de maio se desenvolverá na comarca do Deza e a acción Embaixadores/as da Ciencia e o Coñecemento en colaboración co Programa Universitario de Maiores da UVigo, completan a programación.