Inicio Blog Páxina 2022

A Federación de Anpas de Vigo acusa a Xunta de “deixar fóra” da vacinación ás súas monitoras de comedor

0

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (Foanpas) denunciou que a Consellería de Sanidade pretende “deixar fóra” do calendario actual de vacinacións as monitoras de comedor da organización, ante o que advertiu que se paralizará esta actividade ata que o persoal sexa vacinado.

Así, a presidenta da Federación, Iria Salvande, indicou que este xoves lle trasladarán as súas queixas ao xefe territorial de Educación, César Ares, porque non entenden “que non se vacine ás monitoras que ten Foanpas nas escolas”. “Parécenos unha desvergoña que pensen deixar fóra ás nosas monitoras”, recalcou.

Neste sentido, criticou que se vacine ao persoal de limpeza e aos conserxes antes que ás monitoras, que teñen máis contacto cos menores. “Que se vacine ás limpadoras e non se vacine ás monitoras, cando as criaturas comen sen máscara no comedor, parécenos unha chapuza e unha incongruencia”, censurou.

Por iso, incidiu en que “as traballadoras que prestan servizo nos comedores que xestiona Foanpas tiñan que estar vacinadas”, e así llo esixirán á Xunta. En caso contrario, xa advertiu que a próxima semana celebrarase unha asemblea extraordinaria para paralizar a actividade dos comedores mentres non se vacine” a este persoal.

Denuncian un novo intento de confiscación dos montes veciñais en Tui e O Rosal

A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) denuncia que no concello de Tui e no de O Rosal están recibindo unha comunicación do catastro que lles anuncia a que as terras pasan a ser titularidade da Administración do Estado.

A Organicación Galega de Comunidades de Montes sinala que o Ministerio de Economía e Facenda, mediante as xerencias territoriais dos catastros, está procedendo a unha confiscación dos montes veciñais en mán común amparándose nunha lexislación que non recoñece a realidade de Galicia. Denuncian que a axencia do catastro, un organismo que non define propiedade senón usos, non pode cambiar a titularidade dunhas terras.

A lei de montes do estado articula que os montes veciñais en mán común por ser unha titularidade de caracter xermánico teñen a característica de imprescritibles, é decir que nunca perderá o seu caracter de monte veciñal. A ORGACCMM sospeita que esta non é unha cuestión de carácter xurídico, senón que é unha intención do goberno de confiscar parte dos montes comunais.

Ante esta confiscación encuberta dos montes veciñais en mán común a Organización Galega de Comunidades de Montes convocará os grupos políticos galegos con representación nas Cortes Xerais do Estado para solicitarlle que presenten iniciativas parlamentarias contra esta confiscación. Tamén convocará asambleas territoriais coas comunidades de montes para adoptar medidas para parar esta confiscación encuberta.

Abel Caballero acudirá aos tribunais tras a negativa da Xunta a instalar unha escola infantil no Picacho

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a súa intención de instalar unha escola infantil “permanente” no CEIP Ramón e Cajal (coñecido como colexio ‘Picacho’), despois de que a Xunta rexeitase a posibilidade de acoller alí aos menores da escola infantil municipal Santa Marta, que será derrubada coas obras de urbanización do Barrio do Cura.

A Xunta confirmou que é “inviable” trasladar aos nenos da escola infantil ao CEIP Ramón e Cajal, xa que esa medida suporía incumprir as limitacións de aforamento derivadas da pandemia, ademais dun “problema de adaptación do uso do comedor”, atendendo ás actuais normas de seguridade.

Así o trasladou a dirección do centro e así o confirma o informe da Inspección Educativa, que é desfavorable a devandito trasladado, segundo explicou a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, que sinalou que o colexio de primaria non pode ceder espazos como a aula de illamento do protocolo COVID ou outros espazos anexos ao patio cuberto do recreo e a zona común, “de paso continuo de persoal”.

POSICIÓN “POLÍTICA” DA XUNTA

Pola súa banda, o rexedor, nunha rolda de prensa, tachou esa posición como “política” e lembrou que xa a delegada da Xunta avanzou o pasado venres, “antes de ter os informes”, que non se admitiría o traslado dos nenos. “A Xunta segue traballando en contra da cidade, cunha decisión política”, incidiu, e lembrou que o CEIP Ramón e Cajal está nun edificio municipal.

Segundo asegurou, o Concello dispón de informes técnicos que confirman que hai espazo para instalar unha escola infantil con carácter permanente, xa que o centro ten a metade de alumnos dos que podería acoller. “Quero unha escola infantil permanente nese colexio e, cando se acaben as obras do Barrio do Cura, alí haberá outra. Haberá dúas escolas municipais no centro de Vigo“, proclamou Caballero, quen advertiu de que, se o goberno galego non accede, o Concello de Vigo acudirá aos tribunais.

“É unha decisión firme”, sentenciou o rexedor, quen explicou que o Concello asumirá as obras de adaptación que sexan necesarias para crear esa escola nas instalacións do colexio. Así mesmo, Abel Caballero rexeitou as acusacións de falta de planificación e insistiu en que o ‘Picacho’ ten espazo “inutilizado”, á vez que lembrou que, desde que é alcalde, os seus gobernos puxeron en marcha cinco novas escolas infantís na cidade.

VISITA DO BNG

Por outra banda, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, reuniuse este luns co anpa da escola infantil Santa Marta e con responsables da Federación Olívica de Anpas (Foanpas), tras o que trasladou a “enorme preocupación” polo futuro deste centro educativo.

Na mesma liña, a presidenta de Foanpas, Iria Salvande, sinalou que “non se discute se hai que derrubar, senón que haxa unha alternativa”, e insistiu na idea de que o CEIP Ramón e Cajal non é a solución.

Baixan as hospitalizacións, pero mantéñense case 30 persoas en críticos

Os pacientes con Covid-19 ingresados en hospitais de Galicia descenderon en 39, seis deles menos en UCI e 33 menos noutras unidades de hospitalización. Ademais de aliviarse a presión hospitalaria, baixan os casos activos en 794 ata os 18.452 e os contaxios diarios mantéñense no medio milleiro –582, deles 489 confirmados por PCR nas últimas 24 horas–.

Así se desprende dos datos publicados na mañá deste martes pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste luns, nos que se reflicte que os pacientes con coronavirus en UCI baixan a 248 –seis menos que a xornada anterior– e os hospitalizados noutras unidades descenden a 1.030 –o que supón 33 menos–.

Concretamente na área sanitaria de Vigo, seguen en 29 os críticos e descenden a 139 os doutras unidades –seis menos–. En canto aos casos e contaxios, o distrito conta con 134 casos activos menos. Pola súa banda, os contaxios diarios detectados con diferentes tipos de probas sitúanse nos 81, a segunda áres despois da Coruña con máis PCRs positivas.

POSITIVIDADE E FALECIDOS

En canto á taxa de positividade –porcentaxe de infeccións por test PCR realizados– caeu a un 3,6% en Galicia, despois de baixar a un 4% na xornada anterior e situarse por primeira vez desde o 24 de decembro Galicia por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

As vítimas mortais con Covid durante a pandemia en Galicia aumentaron a 1.988 tras notificar nas últimas horas Sanidade o falecemento de 21 persoas. Destes últimos falecementos notificados, cinco corresponden con persoas usuarias de residencias e outra vítima procedía das vivendas comunitarias de Urzaiz, en Vigo.

Ata o momento curáronse 84.859 pacientes con Covid-19, o que supón 1.355 máis que as 83.504 persoas contabilizadas na xornada deste luns.

Abel Caballero urxe á Xunta que “acelere” a campaña de vacinación ante a suba dos casos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, urxiu este venres ao Goberno galego a “aceleración” do proceso de vacinación ante o aumento de casos de COVID-19 rexistrado nos últimos días. Nunha rolda de prensa celebrada en Vigo, o rexedor olívico solicitou á Xunta que “acelere” o proceso de vacinación dado que leva a cabo “lentamente” e asegurou que “non lle consola” que noutros territorios de España estea a ter lugar máis amodo.

Neste sentido, Abel Caballero incidiu na necesidade de que o Goberno galego “deseñe un plan” para este proceso e remarcou a importancia de que se administren “todas (as vacinas) que cheguen”. “Eu quérolle dicir á Xunta de Galicia que ten que acelerar a administración de vacinas. Están a ir lentos. É certo que (o dato de vacinación) non é dos peores de España, pero eu quero ver á Xunta nos mellores de España administrando vacinas”, insistiu o alcalde de Vigo.

Así mesmo, concretou que a incidencia acumulada rexistrada en Vigo nos 14 días anteriores ao 6 de xaneiro situouse en 178,7 novos casos por cada 100.000 habitantes, o que representa un aumento de 1,3 puntos respecto ao día anterior. Así, lembrou que ese foi o segundo día consecutivo no que a incidencia acumulada subiu, fronte aos descensos observados en días anteriores.

Aínda que recoñeceu que “o dato na cidade de Vigo non é bo”, apuntou que se trata de “un lixeiriño incremento”, mentres que a subida no resto da área sanitaria foi “moi forte”, dado que se elevou en 17,8 puntos respecto ao día anterior. Por iso, chamou a “extremar a prudencia en todas partes” e a “fuxir” das reunións familiares e con amigos.

A educación concertada percorre Vigo en protesta contra a reforma educativa

Centenares de coches percorreron na mañá deste domingo cinco cidades galegas –A Coruña, Vigo, Ourense, Lugo e Ferrol– para protestar contra a reforma educativa, coñecida como Lei Celáa, ao entender que atenta contra “a liberdade” e busca “a imposición dunha ideoloxía laicista impropia dun Estado non-confesional”.

Convocados pola plataforma ‘Más libres. Más plurales. Más Iguales’, os manifestantes ocuparon as estradas dos centros urbanos de cinco das sete grandes cidades galegas –só Santiago e Pontevedra non acolleron protesta– facendo soar o cláxon dos seus coches. Os organizadores da ‘marea laranxa’ aseguran nun comunicado que en Galicia participaron “uns 10.000 vehículos” nunhas marchas que contaron co apoio do PP.

As marchas, desenvolvidas entre as 11,00 e as 13,00 horas, finalizaron coa lectura dun manifesto no que alertan de que a reforma educativa “supón a eliminación de dereitos democráticos e liberdades”. Así, apelaron a defender a “complementariedade” das redes pública e concertada, á vez que acusan o Goberno de “abandonar” aos profesionais destas escolas e dos centros de educación especial.

“A través do control político da educación, estamos a asistir tamén a unha agresión á liberdade de conciencia a favor da imposición dunha ideoloxía laicista impropia dun Estado non-confesional”, sinala o manifiseta, no que reclaman “liberdade” para cursar relixión, unha materia que, segundo defende a plataforma, se imparte “con absoluta normalidade” na actualidade.

Así as cousas, avanzan que continuarán “denunciando o atropelo” e chaman ás forzas políticas a presentar “recursos de inconstitucionalidade” contra a LOMLOE, que prevén levar as institucións europeas “en busca de amparo”.

REUNIÓN DO PP EN PONTEVEDRA

Varios membros do PP, como en Lugo o deputado no Congreso Jaime de Olano ou na Coruña o vicepresidente da Cámara galega Diego Calvo, asistiron cos seus vehículos ás marchas.

En Pontevedra, a vicesecretaria de Política Social do PP, Ana Pastor, e os deputados Pilar Rojo, María Ramallo e Javier Bas mantiveron un encontro con representantes da concertada, aos que trasladaron o apoio dos populares ás súas reivindicacións.

“A liberdade non é un privilexio, é un dereito e os pais teñen dereito a elixir a educación dos seus fillos, sen que outros decidan por eles”, sinalaron ao termo da reunión, segundo recolle un comunicado.

Denunciado por subir ebrio a un autobús en Vigo, negarse a usar de modo correcto a máscara e mostrarse agresivo

Un home de 64 anos domiciliado en Vigo, C.M.C.S., foi denunciado tras comportarse de modo agresivo e negarse a colocarse correctamente a máscara cando se subiu en estado ebrio a un autobús urbano da cidade olívica.

Fontes policiais indicaron que os feitos tiveron lugar este mércores sobre as 17,24 horas, cando os axentes tiveron constancia de que un home que se atopaba baixo os efectos do alcol nun autobús situado na rúa Travesía de Vigo mostrouse agresivo.

Tras desprazarse ao lugar, observaron que o vehículo se atopaba detido nun carril. Así, entrevistáronse co condutor, quen lles explicou que un usuario do servizo que se mostraba agresivo e parecía atoparse ebrio negouse a utilizar correctamente a máscara.

Por este motivo, os policías informaron a este home de que non podía permanecer no autobús se non facía un uso adecuado da máscara de protección.

Aínda que accedeu a baixar do vehículo, o home insistiu en tomar outra liña para desprazarse ao seu domicilio e mostrou unha actitude desafiante. Debido á súa conduta e a causar a detención do autobús e o prexuízo que iso levou aos demais usuarios, foi denunciado administrativamente.

Precisamente, esta mesma semana, outro veciño da cidade, M.V.G., de 43 anos de idade, foi detido como presunto autor dunha agresión ao condutor dun autobús urbano que lle recriminou que viaxase sen usar a máscara obrigatoria.

Vigo suma outros 154 contaxios e achégase xa aos 2.500 casos activos de Covid

Galicia superou os 10.000 casos activos de coronavirus Covid-19 tras situarse con 10.196 este venres, despois de confirmarse por PCR nas últimas 24 horas outros 685 contaxios, deles 154 na área de Vigo.

Así se reflicte nos datos actualizados na mañá deste venres na web da Consellería de de Sanidade con cifras actualizadas ata as 18,00 horas deste xoves, do que se desprende que soben os casos activos na área de Vigo ata os 2.475, o que supón 87 máis que na xornada anterior.

No conxunto de Galicia, se se teñen en conta as altas rexistradas con respecto ao xoves (412 máis), o incremento de casos activos (301 máis) e as persoas falecidas (nove máis), os contaxios soben nuns 722, deles 685 confirmados por PCR nas últimas 24 horas.

En canto ás hospitalizacións, na área de Vigo as persoas con Covid ingresadas soben a 89 –cinco máis–, delas 17 en UCI –una máis– e 72 noutras unidades –catro máis–. Ata a data curáronse 4.249 persoas e feito 143.542 PCR.

En toda Galicia, os pacientes con Covid ingresados en hospitais incrementaron a 593 –16 máis que ese xoves–, dos cales 85 permanecen en UCI –seis máis– e 508 noutras unidades de hospitalización –10 máis–.

Trasladadas tres persoas por un incendio nunha vivenda en Vigo

Tres persoas precisaron asistencia sanitaria este sábado tras rexistrarse un incendio nunha vivenda de Vigo, tal e como informou o CIAE 112-Galicia.

En concreto, o lume iniciouse sobre as 18,00 horas na cociña dunha vivenda dun edificio de 10 plantas situado na Avenida Alcalde Portanet, en Castrelos.

Ata a zona desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Vigo, da Policía Local e de Protección Civil, así como persoal sanitario, que trasladou a tres persoas ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Un dos feridos sufrira queimaduras, mentres que os outros dous estaban afectados por inhalación de fume.

Os bombeiros confirmaron, unha vez extinguidas as chamas, que ardera a campá extractora e os mobles superiores da estancia. Tamén resultaron danados os cristais da cociña e toda a vivenda viuse afectada o fume.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed