Inicio Blog Páxina 2023

As enfermeiras de Vigo mobilizaranse o 16 de setembro polas “condicións de escravitude” que lles ofrece a Xunta

O colectivo vigués ‘Enfermeiras sen cadeas’, con apoio dos sindicatos CIG, Prosagap e CC.OO. denunciou este xoves as “condicións de escravitude” do contrato de continuidade que lles ofrece o Sergas (e que tamén ofreceu aos médicos), e anunciou unha concentración de protesta para o próximo 16 de setembro, ante a dirección provincial de Sanidade, en García Barbón.

Segundo explicaron en rolda de prensa, lonxe de achegar estabilidade, o contrato que ofrece a administración, e que entrará en vigor este outono (con carácter voluntario), “precariza aínda máis” as condicións das enfermeiras eventuais, que son “moitas máis” das que admite a Xunta.

Unha das portavoces de ‘Enfermeiras sen cadeas’, Silvia Rouco, sinalou que a temporalidade afecta a un 40 por cento das enfermeiras en atención especializada e a un 28 por cento en atención primaria (moi lonxe das cifras do Sergas, que fala dun 80 por cento de estabilidade).

Protesta das enfermeiras do cunqueiro pola precaredade do novo contrato © Miguel Nuñez

Así mesmo, recalcou que o contrato de continuidade supón unha constante mobilidade das profesionais (que poden traballar “en dous ou máis centros”), pasar a ter 48 horas de traballo á semana; e ter un 40 por cento do seu horario mensual sen fixar previamente, para que sexa decidido de forma “discrecional” por parte da EOXI, en función das necesidades do servizo.

Silvia Rouco puxo o seu propio exemplo: 18 anos traballando no Sergas, asinou case 200 contratos dos que “só tres tiveron unha duración superior a tres meses”, 89 dos contratos foron de menos de 15 días, e só ten cotizados 11 anos á Seguridade Social. “Non hai horarios, vives pendente do teléfono, se rexeitas un contrato sanciónanche, non temos dereito a carreira profesional, …eu o que quero é estabilidade e non o que ofrecen agora”, denunciou.

Na mesma liña, Olga Martínez subliñou que, co rexeitamento ao contrato de continuidade, as enfermeiras pretenden deixar claro que non queren “ser cómplices da precarización do sistema público de saúde”, e incidiu que, á marxe das peores condicións laborais, esta medida terá repercusión nos pacientes porque non haberá unha continuidade no seu coidado. “O nivel de tensión é inhumano, estamos a pór en perigo o modelo asistencial (…) e as enfermeiras queremos acabar as nosas quendas coa conciencia tranquila”, sentenciou.

“MEDIDA ELECTORALISTA”

Por parte, a portavoz de Prosagap, Marisa Velicia, constatou que a oferta do contrato de continuidade é unha “medida electoralista” do goberno galego e un “intento de lavado de face” ante a situación de precariedade na sanidade galega e, especialmente, na área sanitaria de Vigo.

Enfermeiras sen cadeas © Miguel Nuñez

Así, lembrou que se ofreceron un centenar destes contratos, dos que ao redor dunha cuarta parte serán para a área viguesa, cando “hai máis de 12.000 enfermeiras nas listas de contratación”. Así mesmo, o portavoz de CC.OO., Javier González, advertiu de que o carácter voluntario dos contratos é “unha burla” ao pacto de contratación, porque non ten en conta os méritos dos traballadores.

Finalmente, Pilar Rodríguez, de CIG-Saúde, advertiu de que este modelo “abre a porta” a estender a precariedade a outros colectivos e a xerar prazas estruturais “nesas condicións de escravitude”. Por iso, insistiu, toda solución para a actual situación pasa, entre outras medidas, por “acabar coa taxa de reposición” e “convocar OPEs dignas” que cubran “realmente” todas as prazas necesarias.

Abel Caballero afirma que debe ser Feijóo quen conteste as súas demandas porque outros cargos poden “cesarse en 5 minutos”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, remarcou que debe ser o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen responda as necesidades da cidade, que lle trasladou esta semana mediante unha carta, debido a que, na súa opinión, as afirmacións doutros altos cargos “non valen” dado que “poden ser cesados en cinco minutos”.

Así se pronunciou este martes, a preguntas dos xornalistas nunha rolda de prensa en Vigo, despois de que o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, remarcase que as negociacións co Concello olívico non deben estar condicionadas a “esixencias e ultimátums”. nte esta situación, o rexedor de Vigo subliñou a importancia de que sexa Feijóo a persoa que se pronuncie respecto da carta remitida, xa que, ao seu xuízo, calquera outra posibilidade suporía “esconderse”.

Neste sentido, advertiu de que os vigueses “atenderán” á resposta que o presidente autonómico dea ás demandas relacionadas coa cidade, que definiu como “débedas da Xunta con Vigo”.

Ademais, o alcalde olívico volveu a facer referencia ao desastre electoral do PP en en a urbe galega –pasou de 13 a sete edís nas eleccións municipais de 2015 e de sete a catro nas de 2019–, resultados que leu como “mensaxes” da cidadanía ao presidente autonómico.

Nesta liña, instou a Feijóo a iniciar unha “etapa nova” na relación coa cidade mediante “feitos”, xa que, segundo volveu a reprobar, os resultados das reunións que mantivo con anterioridade co titular do Executivo galego foron “moitas fotos e ningunha realidade”, xa que, “nunca cumpriu as súas promesas”.

Abel Caballero tamén denunciou que a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, trasladouse á cidade para “dicirlle que non” ás súas demandas despois de que esta reiterase o compromiso do Goberno galego coa urbe e a favor do diálogo co Concello olívico, á vez que advertiu de que as “imposicións” serían un “obstáculo” para o consenso.

ACTUACIÓNS DEMANDADAS

Adicionalmente, volveu a acusar a Feijóo de impulsar a candidatura Cíes-Parque Illas Atlánticas ao Patrimonio da Humanidade da Unesco para “frear” a apoiada para o arquipélago vigués en solitario. Así, denunciou o “escurantismo” ligado á presentación desta candidatura, que, segundo asegurou, “non queren” os habitantes das Illas de Ons. Tamén considerou que a presentación a este recoñecemento da Ribeira Sacra prexudicará a consecución do mesmo para as illas.

Así mesmo, denunciou que a Xunta non avogue pola construción de chan industrial na cidade e acusouna de optar por municipios como Mos para este fin, ademais de reclamar a recuperación do proxecto inicial do centro de saúde de Bouzas. En relación ao abastecemento de auga, volveu ha defender a necesidade dun transvasamento de urxencia e criticou que o Concello deba pagar un canon polo mantemento da presa de Eiras.

O rexedor reclamou ademais que o Goberno galego destine fondos ás obras de reforma do estadio de Balaídos, xa que acolle os partidos do principal equipo de fútbol galego. Tamén o instou a iniciar a construción do instituto de Navia, así como a acometer melloras noutros centros educativos, e a impulsar a Formación Profesional (FP) na cidade.

Abel Caballero esixiu unha vez máis subvencións para concertos e festas na cidade, así como para as súas orquestras sinfónicas, e demandou a retirada do recurso contencioso administrativo interposto pola Xunta contra a constitución da área Metropolitana de Vigo, entre outras actuacións.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, a Xunta de Galicia cuestionou este martes a vontade de diálogo do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de quen volveu a criticar a súa intención de “pór condicións”, en lugar de facilitar ese diálogo, e lamentou que o rexedor olívico “falta á verdade” e adoptou unha “actitude victimista”.

Así o trasladou, a preguntas dos medios, a delegada territorial do Goberno galego na cidade, Corina Porro, quen repetiu que, “cando hai ánimo de dialogar, o mellor é aproximar posturas e non pór condicións”.

Corina Porro incidiu en que as demandas do alcalde (como condicións previas para esa aproximación coa Xunta) “parece que están buscadas para non establecer o diálogo”, e repetiu, entre outras cuestións, que non se pode retirar “a única candidatura rexistrada” das Cíes para ser Patrimonio da Humanidade; que hai que cumprir a lei de Patrimonio nas obras de Gran Vía; que as obras para as que o alcalde pide aplicar a lei 3/2016 pódense facer cunha modificación da PXOM; ou que os tribunais “xa se pronunciaron” sobre a área Metropolitana.

Por outra banda, a delegada tamén recalcou o “compromiso” do goberno galego coa cidade, e subliñou que, na actualidade, hai obras e investimentos promovidos en Vigo polo goberno de Feijóo por valor de máis de 85 millóns de euros. “Como se pode criticar iso? É malo que veñan conselleiros á cidade? É malo que se financien estudos de inglés, que se fagan albergues, que se tripliquen as axudas ao Marisquiño?…”, preguntou Corina Porro.

Piden 14 anos de cárcere para un acusado de agredir sexualmente a unha turista en Salceda

0

A Fiscalía pide 14 anos de cárcere para un acusado de ter agredido sexualmente a unha muller, á que coñeceu na terraza dun bar, e á que levou a unha zona apartada de Salceda de Caselas (Pontevedra).

O home, M.A.G., que tamén se enfronta a unha petición de indemnización de 12.000 euros polos danos físicos e prexuízos morais causados á vítima, será xulgado este martes na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Segundo o escrito de acusación pública, os feitos ocorreron na Semana Santa de 2017, cando o acusado coñeceu á vítima e á parella dela na terraza dun bar. A muller e a súa parella aloxábanse nun hotel de Tui.

Nun momento determinado, cando a parella da vítima xa marchara, e ela quedou co acusado no bar, M.A.G. ofreceuse a levala no seu coche ao hotel. Segundo o ministerio público, nese momento a muller tiña as súas capacidades “mermadas” debido ao consumo de droga.

A muller subiu ao coche do acusado que, en lugar de levala ao seu aloxamento, conduciuna a unha zona apartada, ao final dun viaduto encima da N-550, no termo municipal de Salceda de Caselas.

Unha vez alí, para satisfacer o seu desexo, agrediu sexualmente á muller, a pesar de que esta opuxo resistencia. De feito, a Fiscalía recolle no seu escrito que M.A.G. golpeou á vítima na cara e a cabeza, e que forcexeou con ela.

Finalmente, a muller logrou fuxir correndo e, dado que o presunto agresor perseguíaa, refuxiouse nunha especie de lagoa, próxima a unha nave dunha empresa en Cerquido. Desde alí, chamou ao 112. Poucos minutos despois foi rescatada por unha patrulla da Garda Civil, que a atopou coa roupa mollada, a cara e os brazos magullados, con hematomas e outras feridas.

PENAS

Por estes feitos, a Fiscalía acusa a M.A.G. dun delito de agresión sexual, e pide para el 14 anos de cárcere, e a imposición dunha orde de afastamento da vítima durante 12 anos.

Así mesmo, reclama que indemnice á muller, que padeceu tensión postraumática, en 12.000 euros (6.000 euros polos danos físicos e outros 6.000 euros polos prexuízos morais causados).

O director de PSA Vigo quere construír un “anel verde” ao redor da factoría

0

O director da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo, Ignacio Bo, precisou este venres que a “urxencia” da fábrica de Balaídos é poder “integrarse” na contorna, e o seu principal interese está na creación dun anel verde ao redor das instalacións.

Así o matizou a preguntas dos medios durante unha visita ao Centro Tecnolóxico de Automoción (CTAG), na que acompañou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

Ante a polémica sobre unha eventual urxente ampliación do polígono de Balaídos (posta sobre a mesa polo alcalde de Vigo, que anunciou que pedirá a aplicación da lei 3 /2016 para axilizar a tramitación urbanística), Ignacio Bo aclarou que a mensaxe que a dirección da fábrica trasladou ás institucións (Zona Franca, Concello e Xunta) é que o seu “interese fundamental” é “que a integración da fábrica sexa a mellor posible”.

A ese respecto, apostou por construír un “anel verde” ao redor da factoría porque PSA quere ten “unha boa relación coa contorna” e “que non haxa afección mutua”. “A nosa vocación é fabricar en Vigo durante moitos anos”, proclamou.

En relación a unha posible ampliación do polígono, o director da planta sinalou que, se se fai esa ampliación, PSA podería estar “interesada” e podería facer uso deses espazos, sobre todo para a localización de provedores, o que axudaría a reducir custos loxísticos. No entanto, insistiu en que “neste momento, os procesos produtivos (da planta) están cubertos” e que “o que está en discusión é a urxencia”. “A nosa urxencia hoxe é a integración na contorna”, aclarou.

A Xunta, acusada de desprezar a Xustiza: “Os xulgados de Vigo están peor que nunca”

“A situación dos xulgados do penal en toda Galicia, e en particular en Vigo foi sempre moi complicada, tanto pola falta de medios como polas cargas de traballo, e denunciada tanto na Mesa de negociación como nos medios de comunicación”, lembra Pablo Valeiras Ríos, responsable de Alternativas na Xustiza Galega-CUT.

Desde Alternativas na Xustiza consideran (e foi un dos motivos da pasada folga) que os cadros de persoal nestes xulgados non dan abondo para as cargas de traballo existentes e deberían contar cun reforzo debidamente remunerado. As materias nestes xulgados, ademais, poden ser cualificadas como “sensibles”: tráfico de drogas, violencia sobre a muller, alcohol, condución temeraria, entre outras.

“Así mesmo, a gravidade das condenas que se valoran fan que a situación de tensión e estrés sexa palpable no día a día, e dificultando a persecución dos grandes delitos de estafa e contra a Axencia Tributaria (moi difíciles de executar)”, aseguran.

Xulgado de primeira estancia N 13 Vigo / Páxinas Galegas

Denuncian tamén a lentitude dos ordenadores, que cualifican como “obsoletos”, e dos escáneres, “que obrigan a perder tódolos días parte da xornada laboral só en escanear sentenzas, facer as liquidacións de condena, ou as comparecenzas para mandar a Fiscalía”, ademais da incompatibilidade entre programa informático da fiscalía (Fortuny) e o dos xulgados (Minerva).

Para solucionar todos estes problemas, o bipartito, ante as protestas dos traballadores, aprobara 3 prolongacións de xornada por cada xulgado do Penal de Vigo. “Durante esta medida, a pendencia acumulada baixou a mínimos históricos”, defenden.

“Mais coa chegada do actual Director Xeral, Juan Jose Martín, e da Subdirectora Xeral,
Dolores Madrid, nomeados por Alfonso Rueda, as medidas de reforzo elimináronse e a
estatística dos xulgados do Penal regresou aos números anteriores”, salientan, polo que culpan á Xunta de Galicia de “despreciar ao Servizo Público de Xustiza”.

Pirotecnia Galega
Dono da pirotecnia La Gallega, escoltado pola Guarda Civil á saída do xulgado/ Miguel Núñez

Porque, segundo defenden, “agora, tras 3 meses de folga indefinida, cun seguimento do 95% dos traballadores de Vigo, a situación dos xulgados está peor que nunca: nestes momentos, en cada Xulgado do penal da cidade, hai máis de 1000 execucións en trámite. Das 1000 demandas hai aproximadamente 230 sen nin sequera incoar (atopándose incoadas as causas urxentes)”.

E engaden ademais que “os xuízos non correron mellor sorte: ademais dos centos de xuízos suspendidos durante a folga, durante os meses de xuño e xullo nun dos xulgados, a modo de exemplo, suspendéronse, de 102 xuízos, 40 (40%), o que implica unha nova citación das partes, o probable aumento de días de xuízos, e retrasos nas sentenzas e futuras execucións”.

O retraso no traballo provocará que condenados por alcolhemia cumpriran a condena sen ser notificados da liquidación da condena ou en ultimo caso podería prescribir algún tipo de pena leve. Así mesmo, non se recadan os cartos das penas de multa impostas nin tampouco as indemnizacións para os prexudicados de outros delitos.

En conclusión, esixen que a Xunta implante un “verdadeiro plan de actuación, que permita sacar todo o traballo acumulado, tanto pola falta de persoal, como pola falta de medios e pola folga”.

Así chegou o eucalipto a Galicia, arredor de 1850

Como e cando chegou o eucalipto a Galicia? Ninguén tiña unha resposta contundente a esta pregunta até o de agora. Porén, Francisco Javier Silva Pando, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, e Rubén Pino Pérez, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo, sosteñen agora que a primeira plantación coñecida en Galicia estivo en Santa Marta de Ortigueira (A Coruña), arredor de 1850, isto é, antes de que o misioneiro Frai Rosendo Salvado (Tui, 1 de marzo de 1814 – Roma, 29 de decembro de 1900) enviase sementes dende Australia, a partir de 1868.

A creencia até agora era que o clérigo galego fora quen introducira o eucalipto en Galicia, pero esta hipótese é refutada por Silva e Pino no artigo científico ‘Introduction of Eucalyptus into Europe’, publicado na revista Australian Forestry, do Institute of Foresters of Australia.

 

Plantacións de eucalipto no norte da Península
Plantacións de eucalipto no norte da Península

“A introdución do eucalipto en Galicia e noutras partes de España tamén foi obxecto de grandes discusións”, lembran os autores do estudo, que atoparon unha nova pista durante a preparación dun artigo sobre o botánico danés Johan Lange (1818-1898), que recollía plantas en Galicia en 1852.

“Atopamos algunhas cartas na súa correspondencia co naturalista galego Victor López Seoane (1832-1900) que se referían ao eucalipto; isto espertou o noso interese en determinar que plántulas e plantacións foran as primeiras que se estableceron en Galicia e noutras partes de España”, explican os investigadores.
Logo, foron pasando polas súas mans moitos artigos e documentos históricos, minuciosamente examinados polos científicos galegos, até compoñer unha “cronoloxía fiable” da introdución do eucalipto en Europa e, máis detalladamente, en Galicia. A primeira plantación de eucalipto coñecida en Galicia estivo en Santa Marta de Ortigueira (A Coruña), arredor de 1850. Con todo, “a orixe destas sementes é incerta”.
CHEGADA A EUROPA
O exame de documentos históricos e investigacións levadas a cabo en diferentes países de Europa levaron a Silva e Pino a comprobar que “o primeiro eucalipto en Europa (Eucalyptus obliqua) foi plantado nos invernadoiros do Real Xardín Botánico de Kew [Inglaterra], en 1774, a partir de sementes doadas polo capitán Tobias Furneaux, mentres que o primeiro eucalipto (Eucalyptus robusta) plantado ao aire libre foi no Xardín Inglés do Palacio Real de Caserta (Italia) en 1792, por Johann Andreas Graefer, probablemente coas sementes doadas por Sir Joseph Banks”.
Así, os investigadores galegos refutan a hipótese de que as sementes de eucalipto foran recollidas en Timor e introducidas en Europa na década de 1520 por exploradores portugueses e holandeses. “Nese caso, a especie probablemente tería sido Eucalyptus alba Reinw. Ex Blume, E. deglupta Blume o E. urophylla S.T. Blake, pero tales afirmacións non teñen base documental ou científica”, aclaran.

Silva e Pino apuntan aos botánicos Joseph Banks e Daniel Solander como os responsables de recoller e traer os primeros exemplares de Eucalyptus a Europa, tras acompañar ao capitán James Cook na viaxe inaugural do Endeavour en 1770, “pero a maioría desas coleccións nunca foron publicadas.

Logo, baseándose nas distintas mostras recollidas por Banks e Soldander, Joseph Gaertner describiu varias especies novas en 1778, “pero baixo un xénero diferente, a saber, E. gummifera (Sol. Ex Gaertner) Hochr (= Metrosideros gummifera Sol. Ex Gaertner) y E. zebra F Muell. (= M. salicifolia Sol. Ex Gaertner, no E. salicifolia Cav.)”, especifican os científicos galegos.
E xa en 1788, o xénero Eucalyptus foi descrito por Charles L’Héritier de Brutelle baseándose nun exemplar de E. obliqua recollido por David Nelson en Adventure Bay, na Illa de Bruny, Australia, o 26 de xaneiro de 1777, segundo constataron Silva e Pino.
INTRODUCIÓN EN GALICIA
O traballo dos investigadores galegos confirma tamén a hipótese de que os eucaliptos foron inroducidos en España e Galicia antes de que Frai Rosendo Salvado comezase a enviar sementes dende Australia.
Así, Silva e Pino calculan que a primeira plantación de eucalipto coñecida en Galicia estivo en Santa Marta de Ortigueira (A Coruña), arredor de 1850. Con todo, “a orixe destas sementes é incerta”, recoñecen os científicos.
“Foron probablemente Eucalyptus globulus ou E. obliqua”, mentres que “a especie introducida a partir de 1868 a través dos envíos de Salvado foi E. marginata, que é abundante no sur de Australia Occidental, onde vivía o monxe benedictino galego”, expoñen Silva e Pindo no seu traballo de investigación.
Con todo, recoñecen que “ao examinar a literatura sobre a introdución do eucalipto en España e noutras partes de Europa, a data exacta segue sendo incerta“, por iso o ano 1850 non ten por que ser exacto para datar a chegada desta árbore a Galicia, pero si aproximada.
Para chegar ás súas conclusións, Silva e Pino utilizaron dous tipos de documentos fonte. En primeiro lugar, libros e artigos nos que se fai referencia ou se menciona a presenza do eucalipto en Europa dentro dun ámbito máis amplio, e a segunda fonte foi documentación sen publicar. Inclúense o diario de Frai Rosendo Salvado, fundador da misión benedictina en Nova Norcia (Perth, Australia); e a correspondencia recollida por Víctor López Seoane.
Silva e Pino constatan que “a primeira entrada sobre Eucalyptus no diario de Salvado é en setembro de 1867 e refírse a un pedido de sementes de Eucalyptus marginata para un comerciante de Vigo”.
Os investigadores galegos tamén encontraron anotacións de Salvado que indican que en abril de 1868 non había sementes de eucalipto para a venda en Madrid, que se vendían a un prezo de 8 reais por cada 180 sementes, e tamén que en maio dese mesmo ano, finalmente, recibiu as sementes en Huesca nunha das súas viaxes de regreso a Europa.
En xullo dese mesmo ano tamén recibiu un importante envío de sementes do clérigo Rafaelle Martelli dende Nova Norcia, Australia.Entre a documentación, os investigadores tamén descubriron que o 3 de xaneiro de 1885, o catedrático de Medicina Victoriano Comesaña Salvado escribiu desde Santiago de Compostela a Frai Rosendo Salvado, que nese momento se atopaba na Abadía de Montserrat (Barcelona), indicándolle unha dirección en Carril (Vilagarcia de Arousa) para enviar as sementes de eucalipto.
O 19 de decembro de 1885, notificóuselle que o pai Santos Salvado da Guarda recibira as sementes de eucalipto e entregáballas a Manolo Maceira, porque Nicolás Salgado non tiña terra para sementar. Noutra carta datada o 13 de febreiro de 1886, pedíalle máis sementes, dado o interese suscitado entre máis xente pola nova especie. O 4 de abril de 1886, Victoriano Comesaña Salvado informou a Frai Rosendo Salvado que o último envío de sementes fora distribuído entre membros da sociedade civil, centros agrícolas e provinciais e as Deputacións de Galicia e Asturias.
O 21 de outubro de 1886, Santos Salvado pasou unha solicitude de sementes de eucalipto de Joaquín Alonso, propietario do mosteiro de Oia (Pontevedra). E o 1 de xaneiro de 1890, o irmán de Rosendo Salvado confirmou que foran plantados en Salcidos (A Guarda), pero tres anos despois estaban nun estado lamentable, segundo recollen Silva e Pino na súa investigación.
Os autores do estudo confirman ademais que a madeira de eucalipto alcanzou por entón unha “gran reputación”, tanta, que “en xullo de 1895 Juan Areal Barros, secretario do Concello de Ponte Caldelas (Pontevedra) solicitou información a Frai Rosendo Salvado sobre esta madeira que se estaba facendo tan popular para a construción.
Así, “as solicitudes de novas sementes continuaron sen cesar case ata a morte de Salvado en 1900”.Así pois, e tras examinar minuciosamente toda a correspondencia de Salvado e parte dos seus diarios, os dous investigadores obervaron que “non se mencionan sementes de eucalipto antes de 1867, o que nos leva a considerar que os primeiros eucaliptos en Galicia non foron importados ou subministrados por Salvado, calquera que fosen”.
Unha das cousas que máis chamou a atención de Silva e Pino foi que “a única especie mencionada na correspondencia de Salvado é o E. marginata”, ademais das “dificultades mencionadas na súa correspondencia para obter sementes viables e asegurar o seu posterior cultivo en Galicia”.
Unha carta de Salvado datada o 21 de xaneiro de 1890 sinala que “as sementes que enviou S. [Salvado] hai 3 anos, que foron plantadas en Salcidos, non creceron, aínda que brotaron moitas plántulas, só 6 están vivas pero nun estado lamentable: parece que o clima de Salcidos non é bo para elas…”.
De todo o anterior, os dous investigadores deducen que “Salvado comezou a enviar sementes durante a súa estadía en Europa entre 1867 e 1868, a petición de varios terratenentes galegos” e, polo tanto, non foi quen introduciu o eucalipto en Galicia, se ben é certo que foi un actor determinante.
Por outro lado, sobre a correspondencia privada de Victor López Seoane, Silva e Pino din deducir “con seguridade” que exemplares de eucalipto xa foran plantados na década de 1860 en Galicia.
De toda esa correspondencia, os investigadores destacan unha carta clave selada en Santa Marta de Ortigueira o 13 de setembro de 1876, na que Mariano de la Paz Graells lle menciona un exemplar de eucalipto plantado en Ortigueira e cunhas dimensións duns 40 metros de alto e 1,33 metros de circunferencia.
Pero as referencias nesta misiva ao eucalipto esténdense a Cabanas, Viveiro, Barqueiro, A Coruña, Pontevedra e probablemente tamén Santiago de Compostela. O parágrafo de Graells, reproducido por Silva e Pino no seu estudo, di así:E para min … a túa noticia sobre o eucalipto que estás a facer crecer alí co señor Joaquín Romeu, (que ten unhas magníficas árbores) dime que che deu as sementes. Deben crecer ben en Cabanas [onde López Seoane posúe unha casa] como as vin aquí [Santa Marta de Ortigueira] cunha circunferencia de 1 m 33 cm e unha altura de 40 m quizais [itálicas engadidas]. Por favor, cónteme todo o que poida sobre esta árbore en Galicia, onde a vin en Viveiro, San Marta, Barqueiro, Coruña, Sgo. [Santiago?], Pontevedra.
Con eses datos, Silva e Pino calcularon que a árbore de Ortigueira da que fala Graells debería ter por entón arredor duns 25 anos, é dicir, dataría de 1850, máis ou menos, isto é, unha década antes das referencias que se tiñan sobre eucaliptos plantados en Galicia, o cal situaría o exemplar de Santa Marta de Ortigueira como o primeiro eucalipto en Galicia do que se ten constancia.
PROCEDENCIA
Polo que respecta á orixe das sementes utilizadas para as primeiras plantacións galegas, Silva e Pino desbotan que puidesen vir dos Xardíns Botánicos de Melbourne, cando Ferdinand von Mueller foi director deste centro, como se ten especulado, xa que este “subministrou sementes a varios países europeos a partir de 1857, incluíndo algunhas sobre as cales existen probas escritas que chegaron a Galicia en anos posteriores”.
Así, Silva e Pino descartan “definitivamente” a idea de que os primeiros exemplares galegos proviñan do cargamento do botánico e comerciante francés Prosper Ramel, xa que este viaxou a Australia en 1854 e enviou sementes do Xardín Botánico de Melbourne a Francia en 1856, 1857 e 1860.
Porén, non decartan a posibilidade de que “viñesen do mesmo lote que os utilizados polo Barón de Massarelos” (Portugal), xa que “as datas de plantación case coinciden”, argúen. O certo é que, como salientan os investigadores, tense indicios de que os primeiros eucaliptos no país veciño foron plantados ao sur de Vila Nova da Gaia (norte de Portugal) en 1829 e están considerados a primeira plantación para a produción de madeira de eucalipto en Europa.
Posteriormente, en 1852, o Barón de Massarelos reforestou a súa leira local, Quinta da Formiga, coas especies Eucalyptus globulus, E. obliqua, E. viminalis y E. linearis, das cales aínda hoxe perviven algúns exemplares.
“Ademais, considérase que as importacións subseguintes de sementes proveñen de diferentes fontes —Australia e Portugal— con boas taxas de crecemento e produción de sementes a idades temperás, e tiveron máis éxito que as sementes de E. marginata subministradas por Salvado”, detallan os científicos.
Finalmente, a hipótese da chegada de sementes a través da costa cantábrica considérana “factible, aínda que indocumentada, polo menos nas primeiras etapas de introdución do eucalipto”.Pero se a orixe segue sendo un misterio, tamén o é o tipo de especies utilizadas na plantación de Santa Marta de Ortigueira, aínda que Silva e Pino cren “moi probable” que fosen E. globulus ou E. obliqua.
“En calquera caso, foi desde o momento en que von Mueller comezou a enviar sementes dende Melbourne a outros xardíns botánicos e gobernos que a propagación de eucaliptos en todo o mundo se intensificou.
Ata entón, a expansión dos eucaliptos fora algo limitada e feita principalmente por individuos, potenciada polo impacto que a exhibición dun par de exemplares de E. globulus tivera na Exposición Universal de Londres en 1851″, conclúen os dous investigadores.
Na cronoloxía elaborada polos científicos galegos sobre a introdución do eucalipto en Europa —e noutros puntos do planeta— aportan 31 referencias claves, entre os anos 1774 e 1868, das cales cinco pertencen a Galicia: a xa mencionada de Santa Marta de Ortigueira (arredor de 1850), Pontevedra (1865), Ribeiras do Sor (1867), Rubiáns (1867) e Vigo (1868).

 

 

Caballero anuncia a posta en marcha dun reloxo coa contra atrás para a Noiteboa

Vigo comezará a “respirar o Nadal” este luns, 4 de outubro, cun acto que arrincará a conta atrás para o próximo 24 de decembro, cando se celebrará a Noiteboa.

Nunha rolda de prensa, o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, avanzou que este luns ás 20,00 horas na rúa Príncipe acollerá un acto no que se porá en funcionamento un reloxo que marcará o tempo restante para a Noiteboa.

Para iso, indicou que se colocará unha pantalla de varios metros ante o Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo que marcará a conta atrás para o período do Nadal.

Abel Caballero sinalou que esta conta regresiva iniciarase co obxectivo de “empezar a respirar o Nadal” na cidade. En todo caso, remarcou que o acto do aceso da iluminación do Nadal terá lugar noutra data que non desvelou.

“É Vigo quen marca as pautas do Nadal neste planeta”, aseverou o rexedor de Vigo, en cuxas rúas xa pode observarse a iluminación característica dese período.

A Xunta abre unha nova fronte contra Caballero e promete 200.000 euros ao Marisquiño se reconsidera a súa marcha

A Xunta de Galicia confirmou este luns, tras reunirse coa organización do festival O Marisquiño, que está disposta a incrementar a súa achega ao festival, pasando de 120.000 a 200.000 euros, no caso de que reconsidere a súa decisión de suspender a edición deste ano e marcharse de Vigo, e instou a Concello e Deputación de Pontevedra a que “rectifiquen” a súa decisión de reducir as súas achegas nun 70 %.

Así o comunicou, en declaracións aos medios, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, que defendeu que “o compromiso do goberno galego sempre foi o de manter e mesmo incrementar o seu apoio ao Marisquiño”, e por iso ofreceu unha subvención superior nun 80 % á do ano pasado e un 65 % máis elevada que a de 2019.

Así as cousas, Fernández-Tapia expresou a súa confianza en que a organización do festival reconsidere a súa decisión de marcharse da cidade, e pediu ao Concello e á Deputación que “rectifiquen” a súa decisión de recortar as súas axudas nun 70 %.

“É un empeño persoal do Executivo autonómico salvagardar o que é un dos eventos de deporte urbano de maior repercusión tanto a nivel deportivo como de retorno económico para Vigo, polo que esperamos que os organizadores reconsideren a súa marcha”, proclamou.

Pensionistas de UGT e CC.OO. encérranse no edificio da Xunta en Vigo e esixen mellorar a atención a dependentes

0

Pensionistas liderados por Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.) encerráronse este mércores no edificio da Xunta en Vigo para esixir melloras na atención á dependencia. Despois de que a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, comprometésese a reunirse con eles, presentaron un escrito no rexistro do edificio administrativo no que detallaron as súas suxestións para mellorar a situación actual.

O responsable da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO na zona de Vigo, Perico Ucha, denunciou que na última década non se construíse “nin unha residencia pública” na zona olívica mentres se abriron varias privadas. Tamén criticou que, a pesares das promesas do Executivo autonómico, non se colocou “nin unha pedra” nos terreos de Teis nos que se comprometeu a apertura dun centro público. Por iso, os sindicatos demandaron a presentación dun plan que contemple a construción de 400 prazas na área olívica en 2020.

Nesa liña, un estudo de CC.OO. e UGT, mostrou que, entre 2009 e 2016, as prazas públicas en residencias de xestión autonómica ou externa só incrementáronse en 141. Ucha reprobou que só as familias que poidan permitirse abonar os “2.000 euros mensuais” que custa unha praza nunha residencia privada vexan cubertas as necesidades dos dependentes ao seu cargo. Por ese motivo, defendeu a relevancia de que unha persoa que cobre unha pensión duns 1.000 euros poida sufragar con parte da súa retribución unha praza nunha residencia para persoas maiores.

LISTAS DE ESPERA

Ademais, o secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas de UGT na área de Vigo, Juan Fontenla, apuntou que, en Vigo, máis dunhas 500 persoas atópanse “en lista de espera” para acceder a unha residencia pública. A ese respecto, criticou tamén que o período medio desde que se solicita unha praza ata que se concede supere os dous anos.

En concreto, segundo o informe de CC.OO. e UGT, en 2014, en Galicia só se ofertaban 2,97 prazas en residencias por cada 100 maiores de 65 anos, das que a Xunta só financiaba un terzo. Así, o documento sinala que, con todo, a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que a taxa de prazas ofertadas por cada 100 persoas maiores sitúese no 5%. Mentres, a porcentaxe de prazas ofertadas pola Xunta en Vigo descende ata o 0,83%.

Adicionalmente, os sindicalistas reclamaron a creación dun consello autonómico no que se aborden as necesidades das persoas maiores xunto á Administración autonómica. Así mesmo, CC.OO. e UGT esixiron unha mellora das inspeccións de traballo realizadas nas residencias e que se sitúe ás persoas maiores no Sistema Nacional de Saúde (SNS).

A Universidade de Vigo saca unha oferta de emprego público e promoción de 80 prazas

0

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo (UVigo) aprobou unha Oferta de Emprego Público (OEP) para 2019 que suma 55 prazas para Persoal de Administración e Servizos (PAS) funcionario e 25 para o laboral.

Segundo trasladou a universidade, deste xeito, a taxa de temporalidade na institución educativa reducirase ata situarse por baixo do 8 por cento.

En concreto, un total de 36 das prazas para funcionarios corresponden á taxa adicional para a estabilización do emprego e, outras 13, á promoción interna independente. Mentres, establecéronse cinco postos de traballo para a taxa de reposición e un para persoal indefinido non fixo.

En canto ás prazas fixadas para PAS laboral, unha reservouse para persoal indefinido non fixo, tres, para promoción interna independente; e os 21 restantes corresponden á taxa adicional para a estabilización do emprego.

Adicionalmente, o Consello de Goberno aprobou a convocatoria do programa de captación de talento investigador 2019, que ofrece un contrato de tres anos a xornada completa que se poderá prorrograr outros dous. Ademais, na modalidade de investigador distinguido incluirase a posibilidade de prórrogas adicionais de cinco anos.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed