Inicio Blog Páxina 2024

O BNG pide unha declaración institucional de apoio aos traballadores de Vulcano

O BNG rexistrou no Concello de Vigo, para que sexa aprobada no próximo pleno ordinario, unha proposta para unha declaración institucional de apoio ao mantemento do emprego e da actividade industrial no estaleiro Vulcano, en situación de liquidación.

Segundo trasladou o concelleiro nacionalista Xabier Pérez Igrexas, esta iniciativa pretende que toda a corporación olívica, de forma unánime, exprese o seu apoio aos traballadores deste “estaleiro emblemático”, así como aos da industria auxiliar que dependen da actividade nesta bancada.

Así mesmo, sinalou o edil, a declaración inclúe demandar “a todas as administracións competentes” que “cumpran os compromisos contraídos co persoal” de Vulcano, que sente “abandonada”, e que se tomen medidas “urxentes” para asegurar a actividade e o emprego.

“Queremos promover unha posición firme, de cidade (…) Espero que a proposta conte con consenso e se poida aprobar de forma unánime. Os traballadores de Vulcano non se merecen menos”, afirmou Pérez Igrexas.

Así foi a vitoria popular contra a construción dun encoro no río Miño

0

O documental O Salto, unha obra na que se recolle como a forza popular paralizou a construción dun encoro no tramo transfronteirizo do río Miño, será presentado perante o público o próximo venres, 9 de agosto, ás nove da noite, na Casa da Auga de Vide (As Neves, Pontevedra). A loita que rememora este documental comezou a finais dos 70s e durou ao longo de 30 anos. Narrado polos propios protagonistas, vai recollendo as diferentes etapas desta oposición e poñendo en valor todo o que o río Miño lle dá a esa rexión do sur de Pontevedra.

Este traballo foi feito por un mozo da vila, Adrián González, recente graduado en Comunicación Audiovisual e autor doutras obras como a reportaxe As Neves Zona 0 (2017) ou as curtametraxes Mans Mortas (2016) e Castelos de Fame (2015). Comprometido coa historia do seu pobo e a posta en valor do seu entorno, Adrián leva a cabo este documental como homenaxe a aqueles que loitaron polo común, por un patrimonio cultural e medioambiental que se vería en grave en perigo coa construción deste encoro. A supervivencia de especies autóctonas, as pesqueiras, a arte da pesca da lamprea, a economía e o estilo de vida ao redor do río tal e como é agora estaba en xogo co proxecto do Salto de Sela.
A estrea de O Salto xa se produciu o pasado 27 de abril no Auditorio Vázquez Portomeñe de As Neves, acto ao cal acudiron ao redor dunha centena de persoas, entre eles algúns dos protagonistas desta loita, destacando a intervención de Rui Solheiro, expresidente da Cámara Municipal de Melgaço (1982-2013) e principal opositor na marxe portuguesa.
Esta estrea formou parte do Traballo Fin de Grado de Adrián xunto co resto da producción do documental; e agora o seu creador comezará unha serie de presentacións en diferentes lugares de Galicia, sendo o punto de partida a parroquia de Vide (As Neves), lugar no que se ía construir o encoro. A proxección será ao aire libre no patio interior da Casa da Auga, antigo reitoral convertido nun museo dedicado á auga; coorganizado coa Comunidade de Montes de Vide e contará con Taquilla Inversa, abonando a entrada ao final do acto e de forma voluntaria, ao igual que o importe.

A área sanitaria de Vigo pon en marcha a derivación directa de pacientes de determinadas patoloxías

A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo puxo en marcha este xoves a derivación directa de pacientes con certas patoloxías aos servizos de Dermatoloxía, Endocrinoloxía, Reumatoloxía e Psiquiatría.

Segundo precisou a xerencia sanitaria viguesa, poderase prestar este servizo a pacientes preferentes no caso de Dermatoloxía e, a casos relativos ao nódulo tiroideo, no de Endocrinoloxía.

Tamén se derivará a aqueles con atrite, enfermidades sistémicas e autoinmunes ou aos que se atopen en situación de incapacidade temporal a Reumatoloxía e, aos que padezan descompensacións psicóticas, a Psiquiatría.

Ademais, este xoves completouse a carteira de contactos telefónicos dos médicos que traballan no hospital para facilitar o apoio aos que exercen o seu labor en centros de saúde en 26 especialidades hospitalarias.

O obxectivo desta iniciativa, enmarcada no Plan de Comunicación do Sergas, é permitir que os facultativos consulten dúbidas e poidan establecer unha derivación preferente se é necesario. Deste xeito, búscase axilizar os tempos de resposta da atención hospitalaria para abordar casos complexos.

Povisa patrocinará a carreira deportiva de Desirée Vila tras amputarlle unha perna para salvar a súa vida

O conselleiro delegado de Povisa, José Bernardo Silveira, e a paratleta Desirée Vila veñen de asinar este xoves un acordo polo que o hospital patrocinará a súa carreira deportiva. Desirée era ximnasta de elite do club vigués de ximnasia acrobática Flic Flac cando en 2015 sufriu un accidente durante un adestramento.

Como resultado desa lesión, e tras unha estancia nun centro sanitario vigués e unha serie de malas prácticas médicas que acabarían cunha condena recente da Audiencia Provincial ao traumatólogo encargado de supervisala, Desirée foi trasladada a Povisa, onde o equipo médico do hospital viuse obrigado a amputarlle a perna para salvar a súa vida.

Hoxe, Desirée vive na residencia Blume de Madrid e adestra no Centro de Alto Rendemento, e entre os seus obxectivos deportivos está o de participar nos próximos Xogos Paralímpicos.

Ademais, escribiu un libro, ‘Lo único incurable son las ganas de vivir’ (Ed. Martínez Roca), e mantén unha intensa axenda de conferencias e participacións en medios de comunicación. “A miña relación con Povisa parte dun momento moi traumático na miña vida —manifestou hoxe Vila—, cando se viron obrigados a amputarme unha perna. Pero foi tamén o inicio dunha relación moi especial cos grandes profesionais que hai no hospital. Estoulles moi agradecida, e agora moi contenta por este acordo, porque levarei con moito orgullo o nome de Povisa alá onde vaia. Neste hospital, a pesar das circunstancias, sempre me fixeron sentir moi feliz˝.

Pola súa banda, José Bernardo Silveira afirmou que “estamos encantados de apoiar a Desirée no seu novo proxecto deportivo e vital. Co seu exemplo, Desirée traslada á sociedade unha emotiva mensaxe de tesón, de loita contra a adversidade e de afán de superación co que en Povisa sentímonos plenamente identificados, por iso tanto ela como nós tiñamos claro desde facía tempo que iriamos da man nesta nova etapa. Unha circunstancia tráxica, que nunca debía ocorrer, levouna a Povisa, pero aquilo foi o principio dunha amizade e dunha colaboración que agora comeza formalmente. Estou seguro de que Desirée, pola súa forza e a súa personalidade, daranos moitas alegrías”.

Povisa mantén desde hai anos unha política de Responsabilidade Social Corporativa centrada no deporte e a discapacidade, que ten entre os seus exemplos máis sobresaíntes o patrocinio de Susana R. Gacio, campioa do mundo de Paratriatlón, e o apoio ao proxecto Discamino, liderado por Javier Pitillas.

Unha colisión na Ponte de Rande sáldase con tres feridos e retencións de tráfico

Unha colisión entre un turismo e unha furgoneta rexistrada este xoves na Ponte de Rande saldouse con tres feridos e provocou retencións no tráfico na autoestrada AP-9 en sentido norte.

A causa do impacto, a persoa que conducía a furgoneta necesitou da axuda dos efectivos de rescate para poder saír do vehículo e recibir asistencia, xunto cos dous ocupantes do turismo. Así o informaron fontes do  112.

En total, foron tres os feridos nesta colisión, da que os servizos de emerxencias tiveron constancia grazas ao aviso de varios particulares. Tras a alerta, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos Bombeiros do Morrazo, efectivos do 061, axentes da Garda Civil de Tráfico e membros do Centro de Xestión de Autoestradas.

En concreto, o 061 enviou unha ambulancia asistencial e outra medicalizada para atender os feridos, dos cales polo menos un foi levado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, tal como confirmaron fontes sanitarios.

Denuncian o roubo de varios carteis dunha comunidade de montes de Bueu

0

Denuncian o roubo e dano de varios carteis colocados pola Comunidade de Montes Veciñais e Man Común de Beluso. A plataforma da localidade emprazada do concello de Bueu apunta que, na mañá do pasado martes 31, procedeu a colocar nalgúns dos seus montes cinco paneis informativos que pretendían difundir os usos e aproveitamentos permitidos nestas parcelas.

Acontece que, de acordo coa CCMM, “escasos intres despois da súa colocación”,  membros desta comunidade de montes puideron comprobar que dous deses paneis foran roubados. Na mañá do mércores 1 de setembro outro panel apareceu cuberto de pintura.

A plataforma incide en que os feitos xa foron denunciados perante a Garda Civil, e instan aos artífices do “acto vandálico” a que devolvan os carteis subtraídos “coa maior celeridade” na Casa do Pobo de Beluso, xa que, en caso contrario, a denuncia xa feito seguirá progresando.   

De igual forma, apuntan a que “algunhas testemuñas puideron ver a persoas sospeitosas na zona, o que está sendo investigado”. “Dende a directiva da Comunidade de Montes chaman ás persoas comuneiras e á propia veciñanza de Beluso a extremar a vixilancia nos montes veciñais para evitar futuros actos delituosos, así coma a pór no seu coñecemento a información que poida esclarecer estes desafortunados feitos que atentan contra a súa propiedade e contra a convivencia”, inciden.

UGT e CC.OO. piden a investigación da xestión da pandemia para establecer “responsabilidades”

UGT e CC.OO. pediron que leve a cabo unha investigación sobre a xestión da pandemia que “sinale os erros cometidos” e “estableza responsabilidades”.

Durante unha rolda de prensa celebrada en Vigo con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, representantes sindicais remarcaron as consecuencias derivadas da pandemia da COVID-19 e apuntaron que levou o falecemento de máis de 20.000 persoas deste colectivo.

Neste sentido, os sindicatos lembraron a estas vítimas e afirmaron que o seu falecemento mostrou a “incapacidade” do sistema para “dar unha resposta adecuada” a esta situación. Ademais, aseguraron que a crise sanitaria “puxo de manifesto as graves deficiencias do Servizo para a Autonomía Persoal e a Atención á Dependencia (SAAD)”.

Por este motivo, UGT e CC.OO, demandaron que se constitúa unha comisión no Parlamento de Galicia que investigue o ocorrido e permita depurar “responsabilidades”.

Así mesmo, demandaron o desenvolvemento e a implantación de políticas que garantan unha atención sociosanitaria “adecuada” e o envellecemento activo como “base do benestar” das persoas maiores.

GASTO EN SANIDADE

Do mesmo xeito, os sindicatos pediron que o gasto sanitario público pase de representar o 6,2% do PIB a alcanzar o 7,2% e que o importe destinado á Atención Primaria represente o 25% do total. Precisamente, as centrais apuntaron que en Alemaña se destina o 9,7% do PIB á sanidade, mentres que en Francia e Reino Unido este gasto representa o 9,4% e o 7,8%, respectivamente.

Tamén reclamaron que se garanta a protección das persoas maiores autónomas ou que precisen de axuda ante a situación actual. Ademais, avogaron por que o Executivo central e os gobernos autonómicos establezan condicións que permitan alcanzar un marco de colaboración social que achegue seguridade xurídica, eficacia e calidade á atención ás persoas maiores.

Adicionalmente, as centrais sinalaron a necesidade dunha coordinación da atención sociosanitaria que se articule mediante unidades monitoradas polo sistema público de saúde. Tamén apostaron por abrir un debate para desenvolver unha Lei integral de dereitos de persoas maiores que garanta a súa protección social e económica.

CC.OO. e UGT esixiron ademais unha revalorización automática das pensións de acordo co Índice de Prezos ao Consumidor (IPC) e a “revitalización” do Pacto de Toledo como “instrumento de diálogo social”.

Os alumnos do buque-escola noruegués ‘Sorlandet’ colaboran co Banco de Alimentos de Vigo

Uns 60 alumnos da A+ World Academy a bordo do buque-escola noruegués Sorlandet, atracado no porto de Vigo, realizarán este venres unha Operación Quilo especial a favor de Banco de Alimentos.

O persoal deste barco de vela, que está a percorrer distintas cidades do mundo, púxose en contacto semanas atrás coa ONG solicitando unha acción de voluntariado para os seus estudantes procedentes de países como Noruega, India, México ou Estados Unidos, entre outros.

Por iso, este mesmo xoves, responsables da Fundación Provincial Banco de Alimentos desprazáronse ata as instalacións do buque escola, onde ofreceron unha charla formativa sobre a actividade da entidade aos novos estudantes de bacharelato.

Durante o encontro, o presidente e vicepresidente da entidade, Pedro Pereira e Iván Martínez, respectivamente, agradeceron o interese mostrado polo persoal deste buque escola.

“Ides vivir unha experiencia única, en cuestións académicas non só hai que ser os mellores estudantes ou tentalo, senón que tamén hai que saber porse na pel das persoas que, desgraciadamente, non poden ter unha vida como a vosa, que sen a axuda dos Bancos de Alimentos aínda se atoparían nunha situación peor”, destacou Martínez.

Por parte do A+ World Academy, a Assitant Dean, Gabriela Delgado, indicou que é unha “gran honra poder participar en actividades solidarias así” e agregou que supón “toda unha meta” para os alumnos achegarse a realidades próximas de necesidade.

PRAZA ELÍPTICA E NAVIA

Desta maneira, este venres os alumnos repartiranse para participar como voluntarios en dous supermercados Froiz, situados na Praza Elíptica e en San Paio de Navia, de 10,00 horas a 14,00 horas en grupos de 10 persoas. Ademais, contarán co apoio de tradutores de inglés da Escola Oficial de Idiomas, que de maneira altruísta colaborarán coa ONG.

Á vez que se celebrará a Operación Quilo, outros 40 alumnos realizarán labores de clasificación de comida no almacén de alimentos situado en Lavadores. Banco de Alimentos destacou, ademais, que aproveitando esta recollida especial, a cadea de supermercados Froiz comprometeuse a doar tamén “unha importante cantidade de produtos básicos” que chegará nas próximas datas á nave.

O proxecto Piloto 5G en Galicia terá usos en condución, industria naval, vixilancia ou saúde

0

O proxecto ‘Piloto 5G en Galicia’, liderado por Telefónica en cooperación con outras empresas, administracións e centros de investigación, e que conta cun orzamento de máis de 11 millóns de euros, desenvolverá oito casos de uso desta tecnoloxía, aplicada a diferentes ámbitos na comunidade autónoma.

O proxecto foi presentado este martes no Museo Marco de Vigo, nun acto que contou coa presenza da ministra de Economía e Empresa en funcións, Nadia Calviño; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; ou a conselleira delegada de Telefónica, María Jesús Almazor, entre outras autoridades.

Así, probaranse as posibilidades da tecnoloxía 5G na asistencia á condución no túnel de O Cereixal; no servizo de Movistar Fusión sobre acceso fixo radio 5G en contornas rurais e urbanas en Vigo; no uso de drones para vixiar infraestruturas con Adif e Ineco en Ourense; no plan de dixitalización do estaleiro 4.0 en Navantia (Ferrol); na produción de eventos deportivos no estadio de Riazor e na cidade deportiva de Abegondo, na Coruña; ou na exploración e diagnóstico oftalmológico remoto en tempo real, co Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada do doutor Fernández Vigo na cidade olívica.

En todos os casos vaise despregar rede 5G para probar as capacidades desta tecnoloxía, nun proxecto que foi seleccionado (xunto a outro en Andalucía) na convocatoria de axudas públicas promovida polo Goberno central e que conta, a través de Rede.es, con cofinanciamento da UE.

En Galicia, este proxecto piloto terá unha duración de 24 meses, e un orzamento de máis de 11 millóns de euros (4 millóns cofinanciados con cargo a fondos FEDER). Ademais, María Jesús Almazor destacou que a comunidade galega e España contan cunha das mellores redes de Europa e están nunha “posición privilexiada”, en canto a infraestruturas, para o despregamento do 5G.

NOVAS AXUDAS

Pola súa banda, a ministra en funcións, Nadia Calviño, puxo en valor o “compromiso” do Goberno con estas novas tecnoloxías, e asegurou que España está “ben situada” para afrontar a “revolución” que suporá a extensión do 5G.

Ademais, recalcou que este avance terá impacto económico (con “importantes retornos”, mellor posicionamento en mercados internacionais, mellora do emprego cualificado, etc.), político (porque España “ten moito que dicir” na UE sobre estas tecnoloxías) e social (porque é unha oportunidade de pór aos cidadáns “no centro” e mellorar as súas vidas).

Calviño anunciou, por outra banda, que tras a convocatoria de axudas que permiten a posta en marcha deste proxecto piloto, o Goberno prevé lanzar outra convocatoria de axudas para o uso do 5G no mes de outubro, cun orzamento máximo de 45 millóns de euros. “Levamos 15 meses traballando na estratexia de transformación dixital, e hai moitas iniciativas que só están a esperar a que se poña en marcha a lexislatura”, apostilou.

GALICIA, REFERENTE NO USO DO 5G

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou a importancia de Galicia como rexión referente en iniciativas piloto de uso de tecnoloxía 5G. De feito, lembrou, ademais dos 8 casos que se desenvolverán ao amparo das axudas de Rede.es, están a levarse a cabo outras 9 experiencias nas que traballan os principais operadores adheridos ao Nodo 5G do plan da Xunta.

Na súa intervención, o titular do Executivo autonómico sinalou que “non é casual” que Galicia sexa elixida para a posta en marcha destas iniciativas porque, entre outras cuestións, foi “a primeira” comunidade en contar cun plan para facilitar a extensión da rede 5G. A ese respecto, indicou que a comunidade galega aspira a ser unha das primeiras rexións da UE que dispoña dos servizos avanzados do 5G.

O presidente galego destacou a importancia do uso desta tecnoloxía, nunha rexión con gran dispersión poboacional e complexa orografía, e destacou as aplicacións do 5G en ámbitos como o sanitario, a prevención e loita contra incendios, as aplicacións no turismo, o control de accesos e vixilancia, ou a formación.

Segundo incidiu, os proxectos piloto como o presentado este martes son “o paso previo” ao despregamento desta tecnoloxía, e lembrou que a Xunta traballa para facilitar aos concellos un modelo de ordenanza-tipo. Ademais, engadiu, elaborarase un “catálogo de solucións técnicas” para a extensión da rede en centros históricos e contornas protexidas, e promoverase a formación neste ámbito tecnolóxico.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed