Un incendio no Polígono Industrial de Veigadaña, que causou danos materiais nunha nave de reciclaxe no municipio de Mos (Pontevedra) puxo en alerta aos servizos de emerxencia na madrugada deste venres.
Segundo informou o 112 Galicia, non houbo danos persoais e tampouco a estrutura da nave viuse afectada as chamas xa que arderon materiais plásticos almacenados no interior do edificio e algúns cartóns.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos pasadas as 2,45 horas deste venres. As mesmas fontes indicaron que se vía saír fume da parte traseira dunha nave en Mos, polo que se puxo en marcha un operativo no que participaron, ademais dos Bombeiros de Baixo Miño e do Morrazo, membros do GES de Mos, do 061 e Garda Civil.
Así mesmo, persoal do departamento de Medio Ambiente da Xunta de Galicia tamén foi informado en relación con este incendio nunha nave de reciclaxe en Mos. Unha vez apagadas as chamas, os servizos de emerxencia procederon a refrigerar a zona.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou que o PPdeG anunciase que demandará ao Ministerio de Fomento un estudo informativo sobre a creación dun novo acceso ferroviario que se estenda ata o aeroporto de Lavacolla e que non actuase do mesmo xeito co de Peinador.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes na cidade olívica, o rexedor lamentou que o PPdeG demande unha conexión de ferrocarril coa terminal compostelá e, con todo, “se esqueza” de que Vigo non conta cun servizo de alta velocidade que conecte a esta cidade con Madrid.
Neste sentido, reprobou que o Partido Popular defenda as necesidades do aeroporto de Santiago e, no seu momento, non reivindicase a conexión ferroviaria de alta velocidade de Vigo nin a construción da variante por Cerdedo, englobada no tramo que une a esta urbe con Ourense.
Así mesmo, volveu a resaltar os fondos que destina o Concello olívico ao aeroporto de Peinador e recriminou que o de Lavacolla estea “pagado con diñeiro de Galicia”, entre o que, segundo apuntou, inclúese o dos vigueses.
Vigo será a sede galega dunha aceleradora de empresas impulsada desde Portos do Estado mediante un plan de impulso para a innovación no sector a través dun fondo de capital.
Nunha rolda de prensa celebrada en Vigo este martes, a responsable da área de Innovación de Portos do Estado, Jose Llorca, detallou que o obxectivo é incentivar a aposta pola innovación no sector loxístico portuario mediante un financiamento de ata dous millóns de euros por proxecto cuxo reembolso dependerá do éxito da proposta emprendedora no mercado.
Segundo indicou, esta iniciativa, que tamén levará a cabo noutro once cidades españolas, aspira a que os emprendedores coñezan as necesidades do sector loxístico portuario e poidan aplicar os seus coñecementos para dar resposta ás mesmas. Así, este fondo de capital busca apoiar a especialistas en robótica e impresión 3D, entre outras disciplinas.
Jose Llorca avanzou que se espera que o prazo da convocatoria este aberto antes deste verán e que non se peche ata outono co obxectivo de proceder á adxudicación do apoio económico ao redor de finais deste ano.
O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, sinalou que esta iniciativa, que está dirixida non só a start-ups senón tamén a empresas xa constituídas que queiran abrir unha nova liña de negocio, foi presentada na cidade olívica este martes ante un grupo de emprendedores.
A Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo-Cíes vén de celebrar unha xuntanza con Greenpeace, polo que Xornal de Vigo falou co seu presidente, Serxio Regueira Gómez, sobre a situación da nosa ría.
“O noso obxectivo como plataforma pola defensa da ría de Vigo é acadar un saneamento integral da mesma, e seguindo co noso traballo de demandar das autoridades competentes que se realicen as obras de construción das canalizacións separativas de augas da chuvia das residuais urbanas, co obxectivo de acadar a excelencia na calidade das augas, seguindo as directrices da Directiva Marco da Auga da comunidade europea, para que os productos extractivos teñan a máxima cualificación no mercado, para que o baño estea exento de riscos de contraer enfermedades por contaminación, por todo iso temos contactado coa organización ecoloxista Greenpeace”, destacara a asociación nun comunicado.
“Seguen a verterse moitos residuos sen depurar, algo que as distintas administracións non queren recoñecer“, lamenta Regueira: “Ademais das verteduras dalgunhas empresas, hai un problema nas redes dos fogares de Vigo e os concellos da contorna, ao non ter redes separativas pluviais. As verteduras non son continuas, pero se dan. E este problema existiou sempre”.
Como subliñara a pasada semana en rolda de prensa a asociación, “nos anos 90 cada río, regato e recuncho do bordo litoral da ría, era un foco de vertidos contaminados. Non existían depuración e só nos centros urbanos había colectores de fecais, aínda que unitarios, exactamente como na actualidade. Isto continuou no tempo, contaminando bancos marisqueiros, zonas de pesca e mesmo areais, diminuíndo os recursos marinos e os postos de traballo”.
“Con moitos anos de atraso construise a nova EDAR (estación depuradora) do Lagares, e aínda que non se solucionaron os problemas de vertidos sen depurar, as autoridades españolas pretendían que se pechase o expediente, con ameaza de sanción, aberto por Bruselas. A este respecto, comunicamos e denunciamos, novamente, que a día de hoxe séguese incumprindo as determinacións da D.M.A. pois se seguen vertendo á ría de Vigo augas residuais sen a preceptiva depuración, tal como se demostra nas diferentes denuncias efectuadas ante os entes locais e que se reflicten en diferentes medios de comunicación e datas. Isto é consecuencia de neglixencias inaceptables ou fallos puntuais, agravadas pola falta de colectores separativos das aguas da chuvia e das fecais, o que fai imposible que as EDAR poidan efectuar a súa función adecuadamente para cumprir coa D.M.A Europea”, sinalaba.
Mar de Vigo/ Miguel Núñez
“Un exemplo é que o caudal medio de entrada a nova EDAR de Vigo é de 2,6 M3/s, este caudal multiplicase por 20 o 30 os días de chuvia, o que supón un caudal total de 50-60 m³/s, superando en moito a capacidade máxima de entrada á nova EDAR que é de 12 m³/s, pero ainda ten outro problema angadido como é a evacución das augas tratadas ao mar a través do emisario que ten unha capacidade de 8 m³/s. Isto supón que aínda que a EDAR puidese depurar o máximo de 12m³/s, non sería posible evacuar os 12 m3/s”; aclara.
“Tamén trasladamos que en todo el borde litoral de la Ría de Vigo se están vertendo augas contaminadas de aglomeracións como as de Cangas con máis de 25. 000 habitantes, Baiona con máis de 12.000 habitantes, Moaña máis de 19.000 habitantes, Redondela máis de 28.000 habitantes, Sotomaior, de máis de 7.000 habitantes ou Nigrán, con máis de 17.000 habitantes”, denunciaron xa en rolda de prensa.
Serxio Regueira Gómez (der) con membros de Greenpeace/ Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo
“Para que a depuradora funcione ben hai que separar a auga de choiva das augas fecais, algo que non se fai en Galicia, onde é un problema xeral, non se salva ninguén. O problema é que os concellos, que teñen a competencia, non posúen suficientes cartos para efectuar as obras necesarias e efectuar un saneamento integral, e ademais os políticos sinten que é enterrar os cartos debaixo da terra, e non se ve. Ademais, como os concellos teñen a competencia pero non capacidade económica, a Xunta, o Estado ou ata a Comunidade Europea debería colaborar”, lamenta.
“Xa case todos os concellos, nas obras de reparación das rúas, están metendo tuberías dobres que separan augas fecais e de chuvia, pero logo estas dúas augas se xuntan de novo nos colectores, á marxe da ría, e non solucionamos o problema”, acrecenta.
Pese a todo, Regueira non é negativo: “Non é que a ría estea peor, hai 20 anos non había ningunha depuradora practicamente en toda a ría e os refugallos vertíanse dende cada esquina, algo foise mellorando, se había 300 puntos de vertido agora hai só 30, iso sí, máis concentrados”.
O grupo municipal do PP no Concello de Vigo esixiu este venres ao alcalde, Abel Caballero, ao que considera responsable en último termo das decisións de Zona Franca e da Deputación de Pontevedra, “que rectifique” ante a “dramática” perda do proxecto do Campus FP.
Así o manifestou en rolda de prensa a portavoz do grupo, Elena Muñoz, tras anunciarse nas últimas horas a instalación dese campus en Ourense, con apoio da Deputación que preside José Manuel Baltar.
Muñoz lamentou que a cidade de Vigo, a “cidade empresarial por excelencia” de Galicia, perda a oportunidade de contar cun campus pioneiro, “fundamental” para o desenvolvemento empresarial e a formación dos mozos, por unha “decisión política” adoptada “no despacho da alcaldía” olívica.
Segundo denunciou, a Zona Franca “desmarcouse” do Campus FP, no que prevía investir algo máis de 5 millóns de euros, no momento en que David Regades pasou a ser delegado do organismo, nunha manobra da que responsabilizou directamente ao alcalde, Abel Caballero. “Agora vaise a facer en Ourense, esta é a consecuencia da obsesión do alcalde por confrontar coa Xunta desde calquera das institucións que el controla”, denunciou.
A portavoz municipal do PP tamén reprochou a Abel Caballero as súas críticas pola instalación do Campus FP en Ourense. “Agora di que se fai dano ao sector industrial de Vigo. Pois claro, o dano cáusallo o propio alcalde, cando impide a Zona Franca seguir apostando por este proxecto crave”, sentenciou.
Elena Muñoz esixiu a Zona Franca que dea marcha atrás e retome a súa participación no proxecto ou, na súa falta, que o faga a Deputación de Pontevedra. En calquera caso, matizou, pide que se dea un paso desde a alcaldía de Vigo porque, sostivo, é desde o despacho de Abel Caballero desde onde se toman as decisións destas dúas institucións.
Ana García Román é voceira da plataforma Salvemos la Gran Vía de Vigo. Fai máis de 3 meses comezaron a recoller firmas en Change.org, levan máis de 4.000. Logo tiveron a idea de crear unha plataforma en Facebook. A intención: buscar accións en contra da instalación das ramplas da Gran Vía, que ademais suporía a tala das súas árbores.
Así, Ana deixou en claro que”opoñémonos á tala de árbores, os do bulevar central e das aceras, algunhas teñen xa 70 anos. O Concello alega para xustificar a tala que moitas están enfermos, ocos ou mortos. Pero están brotando, están verdes, pode que teñan algunha enfermidade, pero precisamente por como están coidados. O verde de Vigo está abandonado, a este alcalde gústalle máis o artificial que o natural, poñer un pez-seto que custará miles de euros. Se despois de tantos anos ó cargo o alcalde di que as árbores están estropeadas, será pola súa xestión“.
“ÍMONOS REUNIR TÓDOLOS XOVES ÁS OITO NOS REDEIROS, ATARÉMONOS ÁS ÁRBORES SE É NECESARIO”
E ademais, entraría en xogo a escultura dos redeiros de Ramón Conde, outra damnificada: “tamén a queren levar de alí, ata a “paelleira” ou a entrada da autopista en Isaac Peral. Non son malos lugares, pero a escultura está pensada para a súa ubicación actual, inclinada. Nun sitio sen desnivel…. Ramón nas manifestación do 14 de abril veu con nós, a escultura é da época de Manuel Soto como alcalde. Ramón está indignado, e incluso teme que o traslado poida danar a peza”.
Salvemos a Gran Vía / Miguel Núñez
Sobre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a fundadora deste movemento denuncia que “a todo o que non lle aplauda, o desprestixia. En Localia desprézanos, que somos do PP, cando temos o apoio das asociacións verdes coma Amigos da Terra, a Asociación Ecolóxica Parque de Castrelos, Greenpeace… Somos antipartidistas. Recibimos a todo tipo de persoas sexa cal sexa a súa ideoloxía, e temos o apoio formal do PP e das Mareas”.
Pode resultar curioso que dúas formacións políticas coma estas colaboren deste xeito: “Elena Muñoz Fonteriz (PP) e Rubén Pérez Correa (Marea de Vigo) estiveron con nós este sábado. As mareas e o PP están en litixio co Concello, plantexaron conxuntamente unha moción que foi rexeitada”.
Con respecto á ultima manifestación, Ana recoñece que “quedamos con desgusto pola baixa afluencia de persoas nesta ocasión. O bo tempo xogou na nosa contra”. Pero continúan adiante:”Ímonos reunir tódolos xoves ás 8, cada semana, ao pé dos redeiros. A nosa intención é atarnos ás arbores cando comecen a talar.”
Ana laméntase da situación actual:”O bulevar central é único en Galicia, a perda de patrimonio é enorme. De momento temos que esperar á decisión de Patrimonio, organismo pertencente á Xunta de Galicia. Esperamos que frenen algo isto…”
Dende a estatua dos redeiros de Code na Gran Vía / Miguel Núñez
“Estamos en contra das ramplas, aínda que efectivamente Vigo necesite axudas porque ten moito desnivel. Pero hai outras alternativas para a subida, unha moi lóxica é un autobús de saldo que leve de Urzáiz á Praza de España. O grupo das mareas falou tamén dun tranvía pra subir e baixar. Pero a resposta do alcalde é rirse”, asegura a voceira.
Ana aclara que “a transformación das ramplas está pensada para facerse con fondos europeos, que pagarían o 80% da obra. Só do 20% restante encárgase o Concello… Isto da obra, pero o mantemento? Este alcalde malgasta os nosos fondos, hai cousas máis importantes. E agora aínda temos superávit, pero e se chegan vacas flacas? Outro gasto para quitalas? Atendamos máis ás necesidades sociais… É unha necesidade primaria? O que quere é deixar o seu selo… Mentres, os vigueses/as das zonas periféricas ven ás súas rúas desfeitas”.
“Nas ramplas desa inclinación, superior ao 8%, está prohibido que vaian cadeiras de rodas ou carritos de bebé. Entón, para que se fai? Para axudar a quen? Claramente, ao Corte Inglés. Á porta do Corte Inglés hai un apeadeiro das ramplas. O gran privilexiado deste gasto público é un centro comercial privado. Aos pequenos comercios da Gran Vía os hunde, alonxando aos camiñantes das súas tendas. Se sobes pola rampla, non vas máis que ao Corte Inglés”.
Greenpace sumouse á manifestación / Miguel Núñez
Sonia González López, voluntaria de Greenpeace Pontevedra, aclara que esta asociación adhírese á manifestación porque “consideramos que non é a mobilidade que queremos para a cidade. É un acto pouco sostible. A enerxía que consumimos en España non é só renovable, tamén está a que chega de centrais térmicas ou nucleares, que logo non sabemos que facer cos residuos…”
A activista aclara que “o gasto enerxético e económico desta iniciativa é altísimo. Do que se trata (en lugar de realizar obras coma esta) é de favorecer ao peatón antes que ao coche, ao estilo doutras cidades coma Pontevedra. Moveuse bastante este asunto polas redes, porque das 128 árbores algunha se transplantará, pero é fácil que moitas non sobrevivan… Vivimos nunha cidade con moita contaminación, dos coches que circulan tódolos días, e as árbores axudan a mitigala, a que non se eleve”.
Por un Vigo verde, diante do Corte Inglés
Por outra banda, Ana pon en claro que “Vigo non quere perder máis verde, e o progreso non é montar ramplas eléctricas. O alcalde di que vai talar estas árbores, e plantar trescentas e pico. Cantos anos tardan en crecer e filtrar a polución? Está actuando coma Atila, por onde pasa non crece a herba. Por iso temos o apoio de asociacións coma Greenpeace. Mañá din que nos Campos Elíseos de París van por unha rampla para que a xente non se canse de camiñar, e que pasa? Pero nós somos os máis modernos, cargámonos os edificios emblemáticos coma o Rubira, ou os tranvías (época de Portanet), e agora visitas Lisboa ou Oporto e que atractivos son para o turismo. Cada alcalde que vai pasando vai arrincando algo nóso”.
“vigo é puro cementazo”
“Cargarse árbores para facer un pez tropical de cores. Esto é o malo de que un alcalde teña maioría absoluta. E se a tivera pero escoitara a opinión das demais partes…”, lamenta. “E sendo socialista… quédanlle moi lonxe os anos de loita. Nós queremos un Vigo verde, non automático. Coma as escaleiras que van ata o Concello, que pasan boa parte do tempo fóra de servizo. Mentres, medio mundo civilizado está co natural, por recuperar os edificios antigos…”
Vigo maniféstase polos árbores da Gran Vía / Miguel Núñez
“Como vai ser verde se a súa maior aspiración é enchernos Vigo de dinosetos? Dende que aparecimos somos un “grupo do PP”. O outro día, como lle quedaría o corpo cando en María Berdiales apareceron carteis colgados das árbores… “Non me tales”, “gústanos vivir aquí”… pregúntase.
“A finais de mes quizais xa comecen a poñer escavadoras”, estima a portavoz, e afirma con rotundidade: “Nós seguiremos dando a vara. Chámanlle obras de humanización, e cárganse as árbores. Nótase quen non paseou nunca a altas temperaturas, e sentiu o frescor, o amparo das árbores, que necesitan décadas para dar sombra. Vigo é puro “cementazo”, todo o que puxo verde, é dentro de macetas”.
“Os vigueses e viguesas están dormidos e non responden. Hai xente remisa ás manifestacións, e xente que o da por perdido e pensan que vai ser coma co barco de Coia”, conclúe.
O novo responsable de Política Municipal en Esquerda Unida (EU), Rubén Pérez, sinalou a necesidade de que a formación consolide espazos municipalistas “máis aló das siglas” coas que se presente ás eleccións nun momento no que se produce unha “eclosión da extrema dereita” e ante uns próximos meses “de política moi perigosa para a democracia”. Nunha entrevista concedida a RNE, recollida por Europa Press, remarcou a importancia de “consolidar a presenza política” da formación, “máis aló de se as siglas levan EU ou non”.”Non estamos aquí para defender siglas, senón para defender espazos políticos acertados”, aseverou Pérez.
Así mesmo, defendeu a aposta pola “unidade popular” independentemente dos seus resultados e lembrou que “a fórmula orixinaria das mareas municipalistas funcionou ben nos concellos porque (os seus integrantes) soubéronse centrar no conflito concreto”. Así, desligou as plataformas creadas a nivel local do “desastre” que supuxo o espazo político de En Marea na Cámara galega, o que relacionou co feito de que “se impostou de maneira fraudulenta un espazo bo e moi ben xestionado que foron as mareas municipalistas”.
O tamén secretario de Organización de Esquerda Unida puxo en valor que EU represente a terceira forza do ámbito local a nivel estatal e avanzou que esta formación apostará por reforzar o municipalismo. Tamén incidiu na importancia de que os concellos xestionen o 33% dos fondos públicos e destacou a resposta achegada polos mesmos “para resolver os problemas dos veciños” ante a crise derivada da pandemia.
Rubén Pérez, que exerce como concelleiro de Marea de Vigo na cidade olívica, advertiu ademais de que o PSOE deberá decidir o seu modelo a nivel local entre o do alcalde de Valladolid, Óscar Puente, que gobernou con EU e apostou por unha remunicipalización de servizos, ou o do rexedor olívico e presidente da Federación de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero.
CRÍTICAS A ABEL CABALLERO
Precisamente, criticou que Abel Caballero presentase unha proposta sobre os remanentes ao Ministerio de Facenda que finalmente foi “derrotada no Congreso” a pesar de que “toda a FEMP lle dixo que non estaba de acordo”. Ademais, afirmou que nas últimas eleccións municipais, cando Caballero revalidou a súa maioría absoluta á fronte do Concello de Vigo, na cidade viviuse “un proceso de dopaxe electoral” cun alcalde que durante o proceso “inauguraba obra pública”. Ademais, explicou que na urbe olívica “hai medios que sobreviven exclusivamente do cheque do Concello”, o que “ten consecuencias”. Por iso, mostrouse a favor dos medios de comunicación públicos.
A Universidade de Vigo deu a volta ás previsións de matriculación para o curso 2020-21, e logrou superar os 3.800 novos alumnos matriculados (o que supón unha taxa de ocupación de prazas do 103,8 %), segundo os datos que deron a coñecer este mércores o reitor, Manuel Reigosa, a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, e o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos.
Nunha rolda de prensa, Caparrini explicou que, segundo os datos provisionais (falta a incorporación de alumnos da ABAU de setembro, algúns estudantes de máster e do programa de maiores), o número de estudantes matriculados de novo ingreso é de 3.804, para as 3.655 prazas ofertadas (sen contar as do Centro de Defensa da Escola Naval Militar de Marín) e para os 60 títulos de graos dispoñibles.
Isto supón incrementar a taxa de ocupación ata o 103,8 %, fronte á do 98 % por cento do curso pasado (cando o número de prazas ofertadas era de case 3.750). Así, do total de matriculacións, 2.061 correspóndense co campus de Vigo, que ten unha taxa de ocupación do 102 %; 986 matrículas son do campus de Ourense (107 % de ocupación); e 757 correspóndense co campus de Pontevedra (106 % de taxa de ocupación).
A UVigo oferta, así mesmo, 59 títulos de máster, con 1.811 prazas. Ata o momento confirmáronse 3.953 preinscricións e ocupáronse 1.283 prazas na primeira quenda de matriculación, o que supón unha taxa de ocupación do 70,8 %.
Con respecto aos datos globais da UVigo, para o curso 2020-21 hai 16.257 estudantes matriculados, a maioría (9.006) no campus da cidade olívica, e quedan prazas por cubrir aínda nas titulacións de Enxeñaría Agraria e Turismo, ambas as no campus de Ourense; no campus de Pontevedra, hai vacantes nas titulacións de Dirección e Xestión Pública e Enxeñaría Forestal; e no campus de Vigo, quedan prazas en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Enxeñaría da Enerxía, Telecomunicacións, Enxeñaría de Recursos Mineiros, Enxeñaría Industrial (en inglés), Tradución e Interpretación Galego-Inglés, e ADE no centro adscrito IESIDE.
MARCA EN TAXA DE OCUPACIÓN
A UVigo logrou bater unha marca de ocupación de prazas a pesar dos vaticinios e as estimacións debido á pandemia de coronavirus, que apuntaban unha caída do 30 por cento nas matriculacións de máster e do 7 por cento nos títulos de grao.
Segundo sinalou o reitor, Manuel Reigosa, a institución académica viguesa está “moi satisfeita” polo “éxito” inesperado na demanda de matrículas, que atribúe a varios factores.
Así, sinalou que moitos estudantes optaron por “quedar en casa” e estudar en Vigo en lugar de facelo noutras universidades, tamén pensando en futuras posibles medidas de restrición da mobilidade ou nun novo confinamento.
Tamén sinalou que outro “factor diferencial” foi o feito de que a UVigo “fixo as cousas ben durante este curso” e foi capaz de resolver sen problemas o “paso abrupto” do ensino presencial ás clases ‘en liña’.
Finalmente, puxo en valor que a programación da Universidade para o curso 2020-21 “apostou ao máximo pola presencialidad”. “A xente confía na Universidade de Vigo, e ter a máxima presencialidad posible é un compromiso co noso alumnado”, proclamou Reigosa.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou que o Concello elaborará unha guía cos murais cos que conta a cidade e anunciou que se procederá a iniciar a realización doutras 13 pinturas en distintos colexios do municipio.
Nesta liña, puxo en valor o programa Vigo Street Art, que, segundo defendeu, permitiu converter a esta urbe nunha cidade relacionada coa arte urbana.
O rexedor tamén avanzou que este xoves se reuniría con representantes da asociación veciñal de Coruxo e que visitará un mural que se colocou na parroquia. Así, definiu esta obra como unha “expresión” do municipio como urbe costeira.
Noutra orde de cousas, anunciou que se nomeou os sete concelleiros que integrarán a Fundación Marco, cinco dos cales corresponden ao Grupo Municipal Socialista, Abel Losada, Cayetano Rodríguez, María del Carmen Lago, María José Caride, Jaime Aneiros e Nuria Rodríguez.
Ademais, explicou que se escolleron outros dous edís do Grupo Municipal Popular e o Grupo Mixto, Teresa Egerique e Oriana Méndez, como parte da fundación co obxectivo de “representar” os distintos grupos da corporación municipal na entidade.
Así mesmo, defendeu que o Concello de Vigo representa o principal “dinamizador” do Museo Marco da cidade, xa que, segundo remarcou, achega o 75 por cento do seu orzamento.
Un home matou ao seu irmán ao golpealo cunha aixada no municipio pontevedrés de Salceda de Caselas, segundo informaron fontes próximas á investigación a Europa Press.
Os feitos ocorreron sobre as 20,30 horas do venres nunha leira da familia. O agresor, de 49 anos, chamou á Garda Civil para informar os feitos ocorridos tras unha discusión.
Á chegada dos axentes, a vítima, de 51 anos, aínda estaba con vida. Aínda que foi trasladado en ambulancia faleceu no hospital debido á gravidade das feridas. O agresor atópase detido á espera de pasar a disposición xudicial.