1 de 22
Ratificada a condena de 12 anos de cárcere para un home que tentou matar á súa parella en Cangas
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación interposto por un home condenado por tentar asasinar á súa parella en Cangas, e ratificou dita condena, de 12 anos e medio de prisión.
Os feitos polos que foi condenado en primeira instancia pola Audiencia Provincial de Pontevedra tiveron lugar en febreiro de 2019, no domicilio que acusado e vítima compartían en Cangas. O home, Juan Carlos G.N., chegou á casa acompañado da filla de 10 anos da súa parella, que estaba no domicilio cunha prima súa.
A muller, ao velo “molesto” foi detrás del ata o dormitorio e alí discutiron. Nun momento determinado, usando un obxecto inciso, Juan Carlos agarrouna do pescozo con intención de cravarllo pero, ao revolverse ela, só conseguiu facerlle un corte na cara.
A muller pediu auxilio a berros e tentou escapar, pero o agresor alcanzouna e cravoulle o obxecto na zona do ril dereito. A curmá acudiu a socorrela e, ao vela, Juan Carlos preguntoulle: “Queres que che dea tamén?”. Finalmente, o acusado abandonou o domicilio e foi detido horas despois en Xinzo da Limia.
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenouno a 12 anos e medio de cárcere por unha tentativa de asasinato, e impúxolle unha orde de afastamento da vítima (que tivo secuelas físicas e psicolóxicas, e trasladou o seu domicilio fóra de Galicia pola tensión postraumática). Así mesmo, estableceu que indemnizase á muller en máis de 53.000 euros, e ao Sergas en case 4.700 euros.
RECURSO DE APELACIÓN
A defensa de Juan Carlos G.N. presentou recurso de apelación alegando que non houbo delito de asasinato nin aleivosía, xa que o acusado sostén que foi a vítima quen lle atacou primeiro e, na liorta, feriuse. Ademais, sostén que non tivo ánimo de matala e que, en todo caso, podendo acabar coa súa vida, non o fixo.
O TSXG rexeitou estes argumentos, e lembrou que os informes periciais puxeron de manifesto que as feridas da muller “non son compatibles cunha autolesión”, e que o acusado dirixiu o seu ataque ao pescozo, unha zona vital. Así mesmo, o alto tribunal galego sinala na súa resolución que a muller puido salvar a súa vida pola rápida intervención dos médicos e porque a súa curmá interrompeu o ataque ao entrar na habitación.
Finalmente, tamén desestima o argumento da aplicación da atenuante de reparación do dano, porque entende que a achega de 250 euros por parte do acusado non cumpre as condicións para considerarse reparación e porque tampouco houbo “arrepentimento” do procesado.
Pide 4 anos de cárcere e 15.000 euros de indemnización á súa nai por acceder ao seu historial médico
A traballadora do Sergas xulgada en Vigo por un suposto delito de revelación de segredos por acceder en máis dun centenar de ocasións ao historial médico da súa filla asegurou que fixo esas consultas co consentimento dela, aínda que admitiu que a relación entre ambas “é complicada”.
M.J.O.V., que se sentou no banco dos acusados da Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, enfróntase a 4 anos de cárcere e 9 de inhabilitación, e a unha multa de 7.200 euros, segundo a petición da Fiscalía.
A acusación particular, exercida pola súa propia filla, tamén reclama catro anos de cárcere, pero eleva a petición de inhabilitación a 12 anos, unha multa de 8.640 euros e pide, así mesmo, unha indemnización de 15.000 euros por “danos e prexuízos psicolóxicos e morais”.
Durante a súa declaración, a acusada admitiu que, como traballadora do servizo de Admisión do antigo Hospital Xeral, tiña acceso ao sistema informático que almacena os historiais médicos, e que consultou o historial da súa filla en varias ocasións (quedaron rexistrados máis dun centenar de accesos entre xuño de 2012 e abril de 2014), porque ela así llo pediu.
“Accedín ao seu historial sempre que ela pediumo. Sempre o fixen co seu consentimento, aínda que era verbal“, precisou a acusada, quen tamén trasladou que a súa filla tiña problemas de saúde, e que era vítima de violencia de xénero.
Así, a acusada explicou a denuncia da súa propia filla alegando que a parella desta “tena anulada”, e que mesmo chegou a ter en vigor unha orde de afastamento. “El utilízaa, e esa é a razón pola que fai isto. Leva moito tempo manipulada”, argumentou, e engadiu que a denunciante sempre acudiu a ela “cando tiña problemas”, a pesar da súa mala relación.
Pola súa banda, a filla da acusada mantivo ante o tribunal que a relación coa súa nai é mala desde hai anos, e que se foi de casa en 2007 “porque non quería saber nada” dela. “Desde entón apenas falabamos. Non falo con ninguén sobre a miña saúde, e menos con ela”, afirmou.
A denunciante explicou que soubo dos accesos da súa nai ao seu historial porque, tras trasladarse a vivir a outra Comunidade Autonóma, tivo que reclamar a súa historia médica. Cando recibiu a documentación comprobou “que faltaban cousas, e que había anotacións feitas coa letra” da acusada.
Esta testemuña proclamou que “xamais” pediu á súa proxenitora que accedese ao seu historial, e negou que a nai a acompañase nunca a consultas médicas ou probas. De feito, incidiu en que a súa nai exerceu sobre ela “abuso emocional e psicolóxico” e que lle fixo “moito dano desde pequena”.
Por outra banda, negou que fose vítima de violencia de xénero, ou que padeza un trastorno alimentario polo que, denunciou, a súa familia quixo internala en contra da súa vontade. Así mesmo, aseverou que non é unha muller maltratada e que a súa parella non a manipulou para denunciar á súa nai.
Finalmente, afirmou que a súa nai non accedeu á súa historia médica por preocupación senón “para facer dano” e xustificou que pida unha indemnización porque, apuntou, a acusada esnaquizoulle ” a vida”.
Importante baixada de novos casos Covid na área de Vigo
Os casos activos de coronavirus Covid-19 volveron a descender por segundo día consecutivo en Galicia tras rexistrarse máis altas –486– que contaxios –399–, deles 395 confirmados por PCR nas últimas 24 horas– e sitúanse en 10.015. Deste xeito, a cifras baixan considerablemente con respecto a hai unha semana, cando os casos chegaron a aproximarse aos 800, tamén na área de Vigo, onde chegou a haber case 200 novos casos.
Así se reflicte nos datos actualizados na mañá deste luns na web da Consellería de Sanidade con cifras ata as 18,00 horas deste domingo, recollidos por Europa Press, dos que se desprende que os positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas ascenden a 108 na área sanitaria da Coruña e Cee, seguida dos 65 na de Pontevedra; 60 na de Lugo; 57 na de Vigo; 51 na de Santiago; 29 na de Ourense e 25 na de Ferrol.
Os casos activos de Covid-19 descenden en todas as áreas sanitarias galegas, salvo nas da Coruña e Cee, onde aumentan ata os 1.887 –19 máis que este domingo–, e na de Pontevedra e O Salnés, que conta con 1.254 –22 máis–.
Por contra, baixan na de Vigo a 2.469 –34 menos–; a 1.209 na de Santiago e Barbanza –17 menos–; a 1.116 na de Lugo –11 menos–; a 1.035 na de Ourense –47 menos–; e a 1.045 na de Ferrol –26 menos–. Ata a data curáronse en Galicia 31.148 persoas, o que supón 486 máis que as contabilizadas este domingo. E realizáronse 752.416 PCR, 5.779 máis que as feitas ata a xornada anterior.
FALECIDOS
Desde o inicio da pandemia en Galicia contaxiáronse con Covid-19 un total de 42.150 persoas e faleceron 988, delas as últimas sete vítimas foron notificadas por Sanidade na tarde deste domingo, tres delas vinculadas a residencias de maiores.
Caballero promove o turismo: “Para ir ao ceo hai que ir polo menos unha vez a Vigo por Nadal”
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este xoves na Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid a cidade olívica como un destino “sen límites” de atractivos e tamén de oportunidades para visitala ao longo do ano.
O acto de presentación consistiu nunha entrevista informal ao alcalde por parte da xornalista viguesa Noelia Otero, na que o rexedor repasou os principais atractivos turísticos da cidade máis aló dos seus encantos gastronómicos e das illas Cíes.
A iluminación do Nadal, tendencia nas redes sociais e cunha ampla repercusión nos medios de comunicación, é o principal gancho que Vigo quere espremer para desestacionalizar a súa actividade turística.
O entroido é outra das apostas de futuro de Vigo para fidelizar aos seus visitantes, do mesmo xeito que a Festa da Reconquista, na que se rememora a expulsión das tropas napoleónicas; os concertos musicais en Castrelos ou o turismo industrial.
Todo iso sen esquecer a súa gastronomía, “a mellor do mundo”, en palabras de Caballero, e o seu buque insignia en canto á promoción turística da cidade: as Illas Cíes, cuxa declaración como patrimonio da humanidade por parte da Unesco promove o Concello de Vigo.
Pero sen ningunha dúbida, a gran aposta de Vigo por desestacionalizar a súa actividade turística son as luces de Nadal. Abel Caballero cifrou en dous millóns de persoas as que se pasearon polas rúas iluminadas o pasado Nadal e tirou de ironía para afirmar que o chamou o alcalde de Nova York rendido aos encantos da iluminación viguesa, e que o próximo 23 de decembro asistirá ao acto de aceso.
É máis, afirmou que non coñece “a ninguén” que non fóra a Vigo durante as festas do Nadal. E como colofón, proclamou: “para ir ao ceo hai que ir polo menos unha vez a Vigo por Nadal. Quen non vaia, vai ao inferno”.
Máis en serio, apuntou que o segredo do éxito estivo en recuperar a “forma xenuína” de gozar estas festas e ao tempo engadirlle “arte, gusto, luces, decoración e alma”. Caballero fixo fincapé en que durante o Nadal “desatouse a euforia” na cidade. Aludiu a que un cruceiro cunhas 5.000 persoas a bordo atrasou o seu saída tres horas para que a pasaxe puidese ver as luces e a que os trens con destino Vigo “viñan cheos e non paraban en estacións intermedias”.
Durante o acto de presentación proxectouse un vídeo no que se define a Vigo como unha cidade que “fai camiño e cóidache”, en referencia aos seus espazos verdes; onde “a cor inspira os teus pasos” coas medianeiras decoradas, e que “vive o presente e o futuro”, con imaxes dos ascensores e as escaleiras mecánicas para salvar as pronunciadas pendentes das súas rúas.
Un grupo de profesionais prestará axuda psicosocial a afectados polo Covid-19 en Vigo
Un equipo de cinco profesionais atenderá as necesidades psicosociais de afectados polo Covid-19 nos hospitais Povisa e Álvaro Cunqueiro de Vigo, ademais de nos domicilios destas persoas.
Así o indicou nun comunicado a Fundación A Caixa, que impulsa este servizo no marco do seu programa para a Atención Integral a Persoas con Enfermidades Avanzadas.
Neste sentido, catro psicólogos e un traballador social buscarán prestar “unha atención emocional, social e espiritual, cálida e personalizada” para complementar o labor dos profesionais facultativos de Vigo. Ademais, ofrecerase apoio a familiares de persoas que falecesen tras contaxiarse.
En concreto, 230 profesionais que levan a cabo o programa para a Atención Integral a Persoas con Enfermidades Avanzadas, enmarcado na Estratexia de Coidados Paliativos do Sistema Nacional de Saúde, prestarán este servizo en toda España.
Deste xeito, psicólogos, traballadores sociais, enfermeiros, médicos e axentes pastorais prestarán os seus servizos distribuídos nunha rede de 43 equipos de atención psicosocial (EAPS) que traballarán nas unidades nas que se trata o Covid-19 de 129 hospitais españois. Así mesmo, colaborarán en 133 unidades de apoio domiciliario nas que habitualmente atenden a enfermos terminais e os seus familiares.
O mar non ten fronteiras: A Guarda abre unha exposición sobre os pescadores galegos e portugueses
A Exposición das Marcas dos Pescadores de Póvoa e da Guarda inaugúrase este sábado día 21 de setembro ás 19:00h na Casa dos Alonsos da Guarda. A exposición recolle unha mostra fotográfica, aparellos de pesca, artigos e escritos sobre a historia do mar e dos seus pescadores.
Despois dunha breve explicación sobre os diferentes contidos desta exposición, realizarase
unha tertulia, dirixida por Agustín Ferreira Lourenzo, na que participaran pescadores de Póvoa de Varzím e da Guarda, onde se intercambiaran experiencias, anécdotas, memorias e sobre todo, afondar a forte vinculación existente entre estes dous municipios.
As fronteiras non separan as augas do mar e aos seus pescadores, e nos tempos de barcos a remos e velas os povoeiros tiñan moita vinculacións con Galicia e coa Guarda, onde atopaban abrigo ante os temporais do mar e onde tamén visitaban a ermida de Santa Trega.
As súas marcas foron sempre un punto en común entre eles, unha maneira de
identificarse entre si, nun tempo no que non existían outras formas de comunicacións ou
de distinción.
A Exposición Marcas dos Mariñeiros visita A Guarda dende este venres 21 de setembro e ata o 6 de outubro, enmarcada nos actos previos á celebración do XIV Encontro de
Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará na Guarda do 11 ao 14 de xullo de
2019.
Torrecedeira anuncia manifestacións: “Viviamos nun barrio tranquilo, queremos volver a el”
Foi a de hoxe no parque Camilo José Cela de Torreceira unha xuntanza que comezou dun xeito esclarecedor, cando a Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello, a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Torrecedeira e outras amosaron o seu apoio “ás persoas que estes días foron agredidas ou ameazadas, e o absoluto rexeitamento a estes comportamentos, a solución sempre está no diálogo”.
En nome de diferentes colectivos, aseguraron “non ter un problema con ninguén por ser dun xeito ou doutro (…) o noso problema é coa xente que ten comportamentos incívicos, que alteran a normal convivencia do barrio”.

Ademais, defenden que levan anos “reuníndonos con diferentes responsables municipais, responsables do albergue, responsables da Cruz Roja… Todos coñecen a situación e todos puideron resolver os diferentes problemas que estamos denunciando. Non o fixeron. Non nos deixan outra que dicir basta”.
“Temos máis que analizado o que pasa e son ducias de reunións que levamos todos os actores. Dende o 30 de maio o alcalde ten un escrito, dándolle de prazo ata hoxe, para que nos dera respostas, propostas e prazos. O único que fixo foi anunciar na prensa o que están facendo e van facer. O que nós interpretamos como unha falta de respecto. As cousas fálanse cara a cara, mirándonos aos ollos, non a través da prensa”, lamentan.

E engadiron: “Estes días está a levarse a cabo unha maquillaxe. Non nos fiamos, porque segundo o concelleiro de Seguridade, o problema non é para tanto, pero que llo pregunten aos negocios e á veciñanza que foi roubada ou agredida. Para a concelleira de Servizos Sociais, o albergue funciona perfectamente. Funcionaba perfectamente co Padre Carlos, daquela non tivemos problema con el. Non nos fiamos porque levamos anos pedindo a resolución dos mesmos problemas”.
PETICIÓNS
Esixen a apertura dun novo albergue (noutra zona da cidade) “para dar resposta ás ducias de persoas que viven na rúa, xa que entendemos que son totalmente insuficientes os medios actuais, 38 camas para unha cidade de 300.000 persoas, de verdade temos tanto do que presumir? Pedimos que se faga un traballo real coas persoas que precisan de atención, e non 10 noites ó mes”, denunciaron.

Esixen tamén a revogación do actual contrato con Cruz Vermella para a xestión do albergue, posto que “despois de infinidade de reunións cos responsables tanto municipais como da concesionaria, seguen unha e outra vez sen cumprir co prego de condicións, á vista de todos está. Polo que solicitamos que se abra un novo concurso para a concesión”.
Por último, engadiron que “de nada nos vale que esta semana manden a todos os servizos municipais a limpar as rúas, e mañá? Que pasa co barrio do Cura? Que pasa coas naves en ruínas de Marqués de Valterra e Jacinto Benavente? Na actualidade durme máis xente nelas que no albergue. Que pasa co parque do pavillón? Pedimos unha actuación porque os nenos non podían utilizalo e a resposta do Concello foi quitar os bancos para que non se sentaran a beber, e agora séntanse nas randeeiras e as zonas de ocio infantil”.

A frase foi aplaudida: “Viviamos nunha rúa tranquila, queremos volver a ela. Por todo isto, e ante a falta de resposta dos responsables municipais, propoñemos a convocatoria dunha manifestación para o martes 19 de xuño ás 20:00″.
Coñeces a programación da semana do Orgullo en Vigo?
A cidade de Vigo acollerá diferentes actos e actividades para celebrar a semana do Orgullo. Os diferentes eventos, organizados pola Asociación Nós Mesmas coa colaboración do concello de Vigo, realizaranse entre o martes 22 e o domingo 27, sendo o colofón da semana a Manifestación do Orgullo, o vindeiro luns 28.
O martes 22 ás 19:30h Eva Mejuto e Daniela Fernández participarán no Coloquio Memorias da Galicia LGTBI, que se celebrará no Museo Marco. Este espazo tamén será o escenario da proxección do documental Noite Irisada, o vindeiro venres 25 ás 19:00h, que rematará cun coloquio da man de Nanina Santos, Xosé Buxán e Beatriz Briones.
O sábado 26 será a quenda das bicicletas, cunha “Pedalada diversa” que sairá ás 11:30h do Paseo Alfonso. Esta actividade, que precisa de previa inscrición, está organizada coa colaboración de Mulleres Bicivisibles. O domingo 27, tamén previa inscrición, o Monte Vixiador acollerá o xantar “Un día en familia”, con actividades preparadas.
Finalmente, o Día do Orgullo terá lugar a manifestación “Os dereitos humanos non se negocian, lexislanse: Lei Integral Trans Xa!”, que sairá ás 20:00 da Praza dos Cabalos para rematar cun concerto de Petra Porter.
