InicioCulturaOs expertos queren falar da 'morte silenciada': Galicia é a comunidade coa...

Os expertos queren falar da ‘morte silenciada’: Galicia é a comunidade coa taxa de suicidios máis alta de todo o Estado

Cada vez son máis as voces que queren traer o asunto do suicidio á esfera pública e a conversa social.

PUBLICADO O

O Ateneo Atlántico é un dos colectivos culturais máis prolíficos do ecosistema social vigués, e constatouno de novo a noite do mércores cunha xuntaza na Escola de Artes e Oficios, na cal se abordou o sempre polémico, se cadra tabú, tema do suicidio.

“É bo que nos xuntemos para pensar en voz alta, algo que antes se facía cunha certa frecuencia e agora, con este individualismo do WhatsApp e coas máquinas, perdeuse”, salientaba a avogada Elvira Landín na presentación do acto. Landín mesmo recoñeceu o suicidio do seu pai e de varias amizades antes de iniciar a conferencia.

A avogada denunciou que se vexa aos suicidas como covardes ou tolos. Tamén pediu rebaixar o dramatismo, pois “non sempre os suicidios son traxedias, poden partir dunha decisión libre, personal, pensada”.

Elvira, fotografada por Miguel Núñez / Miguel Núñez

A percepción do suicidio pola meirande parte da sociedade xa cambiou e seguirá mudando co tempo: “No pasado estaba ben visto o suicidio indirecto, por martirio relixioso, nas guerras ou por actos heroicos, mais todo isto cambiou coa Idade Media, cando aos suicidas se lles poñía verdes, eran criticados e confiscábanse os seus bens. E ata hai pouco, a época da democracia en España, se alguén intentaba suicidarse e erraba, condiserábase que cometera un delito penal. Non foi nin sequera das primeiras leis que mudaron durante a Transición, como si ocorreu coa pena de morte”.

Elvira salientou como a sociedade actual aboga na súa maioría por despenalizar o suicidio, mentres que os políticos non se poñen de acordo e queda a oposición férrea das relixións ‘de libro’, o xudaísmo, o islamismo, e o cristianismo, ata o punto de negarse a sepultura ao falecido, por considerar o suicidio  como un dos pecados mortais”.

Tamén proxectouse durante o acto boa parte do documental “El suicidio, la muerte silenciada”, de RTVE, dispoñible online, que defende “a necesidade urxente de levar o suicidio ao debate público”.

José Luis Gómez/ Miguel Núñez

José Luiz Gómez, médico forense encargado de facer diagnósticos de suicidios, referiuse a eles como un tema “coñecido e descoñecido ao mesmo tempo”. Con cifras, intentou poñer en valor a súa relevancia, como causa frecuente da morte no mundo.

“En España fálase de 3.500 mortos por suicidio anuais, pero esas cifras quedan atrás e xa estamos chegando a superar os 4.000, dependendo do ano”, salientou.

“En ocasións non é probable coñecer se unha morte foi por suicidio e computala”, destacou, como no caso de mortos por accidente de tráfico ou afogados, dos que non podemos saber se foi un acto intencionado co desexo de quitarse a vida.

“En Galicia temos os niveis máis altos de toda España, estamos na taxa de suicidios por 100.000 habitantes catro ou cinco puntos por riba da media, de feito somos a Comunidade coa taxa de suicidios máis alta do Estado”, salientou.

galicia, ao nivel dos países nórdicos

“A comunidade de Galicia está entre os 10 países con máis suicidios da UE, sendo no que máis suicidios se cometen Lituania, con 30 suicidios por cada 100.000 habitantes, cando España está en 7,5. Os países nórdicos son potencialmente suicidas, e nesas cifras está Galicia, por riba dos 10 suicidios por cada 100.000 habitantes, chegando a superar os 20 en zonas de Ferrol ou Lugo”, lamentou o médico.

A provincia de Pontevedra está ao mesmo tempo por riba da media española e por debaixo da media galega e do resto de provincias.

Normalmente, os suicidios son cometidos por persoas entre os 30 e os 60 anos, pero Gómez trouxo á palestra o dato de que en 2017 producíronse en España 13 suicidios por parte de persoas de menos de 20 anos, unha cifra á que nunca se chegara e que merecería o seu propio estudo.

As causas concretas dos suicidios, a nivel colectivo, seguen a ser un misterio. Así, nos peores momentos da crise os suicidios non eran maiores; e por exemplo en Cádiz, máis pobre, a taxa de suicidios é moi inferior á de Granada ou Málaga, con niveles de riqueza moi superiores.

A nivel dos individuos, os resultados da investigación do médico forense remarcan que, se ben é certo que o 47% dos suicidas presentaban un cadro de depresión, o 25% non presentaban problemas médicos nin psicolóxicos no seu historial.

Por último, o experto negou que o suicidio se ‘contaxie’, un dos mantras dos que todos estes anos defenderon que non se debía falar del. Fixo Gómez a analoxía coa violencia doméstica, e a importancia que tivo comezar a falar desta lacra, e do machismo, para intentar erradicalo ou cando menos provocar o cambio social.

Tiburcio Angosto/ Miguel Núñez

Pola súa banda, o psiquiatra Tiburcio Angosto falou do enigma do suicidio, e como este se levou a tantas persoas, moitas delas de gran intelixencia, xenialidade e talento, ao longo da historia; e da importancia de transformar o que conceptualizamos como traxedias persoais en ‘infortunios correntes’, que lle ocorren a tódalas persoas, para superar as tendencias suicidas.

Falou tamén Angosto aos presentes de cómo Ferrol é o lugar de Galicia con maior concentración de suicidios, ou da discordancia conductual dos suicidas: persoas que tras impedir o suicidio dun compañeiro dándolle motivos para vivir terminan por matarse eles mesmos, ou casos como o da música Violeta Parra, que se suicida tras compoñer un optimista canto á vida, ou o escritor Primo Levi, que sobrevive con fortaleza case infinita aos campos de exterminio nazis e logo se quita a vida 40 anos despois.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...