InicioEconomíaO BNG demanda unha fronte común social, política e institucional de defensa...

O BNG demanda unha fronte común social, política e institucional de defensa do naval

Vén de solicitar a Abel Caballero a convocatoria dunha reunión urxente e extraordinaria do Consello Social da cidade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O BNG rexistrou unha solicitude dirixida ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para que convoque unha reunión urxente e extraordinaria do Consello Social da cidade, no que están representados partidos políticos, axentes sociais e económicos, para articular unha fronte común de defensa do sector naval.

Así o avanzou o concelleiro nacionalista Xabier Pérez Igrexas, quen sinalou que, ante a actual situación “crítica” dun sector “estratéxico” para a comarca, “é o momento de dar resposta en clave de cidade”, para esixir medidas tanto á Xunta como ao Goberno central.

O edil do BNG lembrou que a industria de construción naval e as empresas auxiliares chegaron a dar emprego a máis de 10.000 persoas e, na actualidade, apenas concentra 2.000 empregos. Como exemplo desa deterioración, aludiu á situación de Vulcano, liquidado e en “claro risco” de desaparecer como centro de actividade naval, ou de Hijos de J.Barreras, en proceso preconcursal, sen garantías sobre a súa carga de traballo ou sobre a súa continuidade.

Por iso, Xabier Pérez Igrexas demandou “que se dea resposta” partindo “dun amplo consenso social, político e institucional“, articulado no Consello Social da cidade, como xa se fixo en 2011 ante a “ameaza” do ‘tax lease’, tamén no sector naval.

“Que o Consello Social poña ao Concello á fronte desta reivindicación, e que se adopten os acordos necesarios para facer a mellor defensa do naval. Non podemos permanecer impasibles, porque Vigo, a súa comarca e o país non se poden permitir a desaparición deste sector”, sentenciou o concelleiro do BNG.

ÚLTIMAS

Volven prender lume en Chandebrito oito anos despois da traxedia na que morreron dúas persoas

Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas...

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...