Na cidade de Nova York, miles de estudantes fan cola para conseguir comida mentres a economía máis poderosa do planeta presume de prosperidade. A proposta de supermercados públicos do alcalde Zohran Mamdani aparece como unha resposta audaz á emerxencia alimentaria. Porén detrás desa iniciativa podemos facer unha pregunta moito máis profunda. Trátase de aliviar a fame ou de enfrontar o sistema que a produce?
Hai unha escena que se repite nunha morea de cidades do mundo, aínda que poucas veces aparece nos folletos turísticos. É de noite. As luces dos rañaceos seguen acesas, os taxis pasan con présa e os escaparates de Manhattan continúan brillando coma se a cidade non durmise nunca. Porén nunha das estacións de metro próximas, moi preto do campus universitario, fórmase unha ringleira silenciosa fronte a unha despensa de alimentos. Non é unha protesta nin un acto político. É a cola dos estudantes que esperan algo tan elemental como comida.
A escena ten algo de paradoxal e histórico. Nova York é un dos grandes centros financeiros do planeta, unha das capitais onde se organiza a acumulación da riqueza global. Con todo, no seu interior convive unha xeografía moito menos visíbel de precariedade cotiá. O estudantado universitario que depende das despensas alimentarias ou dos programas de asistencia non é unha anomalía illada. É o síntoma dunha estrutura económica que reorganizou a cidade enteira ao redor da lóxica do lucro.
Nese contexto aparece a figura do alcalde Zohran Mamdani e a súa proposta dos supermercados municipais xestionados pola cidade. A idea é aparentemente simple. Se o mercado privado non ofrece alimentos a prezos alcanzábeis, o sector público pode intervir directamente e vender produtos a prezo maiorista ou almacenista. A proposta ten moito de xesto político transformador. Un intento de introducir unha cuña pública dentro dun sistema dominado por grandes cadeas comerciais inseridas en complexas redes loxísticas que determinan que se produce, canto custa e quen pode pagalo.
A iniciativa esperta entusiasmo entre moitos estudantes e organizacións sociais porque creba unha rutina política coñecida. Durante décadas a resposta institucional á pobreza alimentaria consistiu en programas de asistencia, subsidios ou bancos de alimentos. Todas estas medidas alivian o problema, pero de cando en cando cuestionan as estruturas que o xeran. Funcionan como redes de seguridade nunha economía que produce inseguridade de forma sistemática.
A fame estudantil en Nova York non é un accidente. É o resultado de varias dinámicas que se entrelazaron de vagar durante décadas. O prezo da vivenda disparouse até niveis que absorben gran parte dos ingresos familiares. A educación superior transformouse nun sistema cada vez máis dependente de matrículas elevadas e da débeda estudantil. Ao mesmo tempo o custo dos alimentos aumentou mentres os salarios reais están estancados para amplos segmentos sociais.
Cando esas variábeis se cruzan, o resultado é unha xeración que estuda, traballa e aínda así non pode garantir algo tan básico como encher a neveira.
Neste punto convén observar o fenómeno con certa distancia histórica. As grandes cidades do capitalismo contemporáneo funcionan como nodos dun sistema económico global que concentra riqueza e poder en determinados territorios mentres externaliza custos cara a outros. Nova York non é só unha cidade. É un centro neurálxico dentro dunha rede mundial do capital financeiro, tecnolóxico e comercial.
Iso significa que a súa prosperidade depende de procesos que se estenden moito máis aló das súas fronteiras urbanas. A produción agrícola global, as cadeas loxísticas, a especulación inmobiliaria e a financiarización da economía forman parte do mesmo armazón.
Cando os alimentos encarecen en Nova York non é unicamente por decisións locais. É o reflexo dun sistema capitalista que converteu a comida nunha mercadoría sometida a dinámicas do mercado mundial. A agricultura industrial, a especulación con materias primas e a concentración corporativa do sector alimentario inflúen directamente no prezo que paga un estudante por un paquete de arroz ou por unha caixa de verduras.
Desde esta perspectiva, a inseguridade alimentaria aparece como unha expresión máis dunha crise máis ampla de reprodución social. As sociedades necesitan garantir certas condicións básicas para soster a vida cotiá. Alimentación, vivenda, coidados, educación. Sen eses elementos ningunha economía pode reproducirse a longo prazo.
Con todo, o capitalismo tardío foi trasladando progresivamente o custo desa reprodución cara aos fogares e cara aos individuos. As familias asumen cada vez máis gastos que antes estaban parcialmente socializados a través do sector público. Cando o prezo deses servizos esenciais dispárase, a vida cotiá comeza a fracturarse.
A fame estudantil é unha desas fracturas. Para millóns de persoas, os programas de asistencia non representan un privilexio senón unha ferramenta de supervivencia dentro dun sistema económico que xa non garante condicións mínimas de seguridade material. Porén eses programas tamén están sometidos a presións políticas constantes. Os recortes orzamentarios, os requisitos laborais e a burocracia crecente reflicten unha narrativa dominante que sospeita permanentemente de quen recibe axudas públicas. En lugar de preguntarse por que tanta xente necesita apoio para alimentarse, a discusión política xira ao redor da vixilancia e o control dos beneficiarios de axudas, subsidios e subvencións.
Esa lóxica revela unha tensión profunda. O sistema necesita traballadoras cualificadas, estudantes formados e cidadáns produtivos. Porén ao mesmo tempo resístese a financiar as condicións materiais que fan posíbel esa formación.
As despensas universitarias convértense así en institucións paradoxais. Funcionan como espazos de solidariedade comunitaria, organizados por estudantes, voluntarios e organizacións locais. Pero tamén son unha lembranza incómoda de que a economía máis rica do planeta non garante comida suficiente para quen se está preparando para integrarse nela.
Fronte a este panorama, a proposta de supermercados públicos introduce unha ruptura interesante. Non se limita a distribuír axuda. Tenta intervir directamente no mercado alimentario.
A idea lembra que o acceso á comida pode ser considerado un dereito colectivo e non simplemente unha mercadoría. Se unha cidade pode xestionar o transporte público, as bibliotecas ou a subministración de auga, tamén podería intervir na distribución dos alimentos.
Esa reflexión non é allea ao debate que tamén podería abrirse en Vigo e no conxunto de Galicia. Nun territorio cun forte sector agroalimentario e cunha tradición cooperativa relevante, a creación de supermercados municipais podería converterse nun instrumento para conectar directamente produtoras locais e consumidoras urbanas, reducindo intermediarios e prezos.
Un supermercado público impulsado polo Concello de Vigo, por exemplo, podería vender produtos básicos a prezos máis baixos, priorizar alimentos de proximidade e apoiar o tecido agrícola galego ao tempo que garantiría o acceso a comida de calidade para sectores sociais con ingresos limitados.
Con todo, a proposta expón preguntas máis amplas sobre o papel do Estado nunha economía profundamente financiarizada. As grandes cadeas de supermercados forman parte de conglomerados corporativos que operan a escala estatal e internacional. Controlan redes loxísticas, contratos de subministración e estratexias de prezos extremadamente sofisticadas.
Un supermercado municipal tería que competir dentro dese ecosistema. Podería reducir prezos e mellorar o acceso a alimentos frescos, pero tamén se enfrontaría a presións comerciais e políticas considerábeis.
Aínda así, a proposta ten un valor simbólico poderoso. Sinala que a política urbana pode ir máis aló da xestión tecnocrática da pobreza. Pode tentar reorganizar e regular parcialmente as regras do mercado.
Ese xesto resulta particularmente relevante nun momento histórico no que moitas cidades atópanse atrapadas entre crises múltiples e poliédricas. Crise de vivenda, crise climática, crise de coidados, crise de alimentación…
O sistema alimentario global, por exemplo, é un dos principais responsábeis das emisións de carbono, deforestación e degradación do solo. A produción industrial dos alimentos está profundamente integrada na lóxica de crecemento infinito que caracteriza ao capitalismo contemporáneo.
Ao mesmo tempo, esa mesma lóxica produce desigualdade extrema no acceso á comida. Mentres unha parte do planeta consome en exceso, outra parte enfronta inseguridade alimentaria crónica.
A situación dos estudantes en Nova York reflicte unha versión urbana desa contradición global. A cidade está chea de restaurantes de luxo e supermercados gourmet. Pero tamén está chea de barrios onde o acceso a alimentos frescos é limitado e moi caro.
Algo similar, salvando as distancias, pode observarse tamén en Vigo. Nunha cidade con forte actividade económica e portuaria conviven barrios con oferta gastronómica de alto nivel e fogares que destinan unha parte crecente dos seus ingresos á compra de alimentos.
Neste escenario, a política municipal móvese dentro dun campo de forzas complexo. Por unha banda existe presión para manter a competitividade económica da cidade. Doutra banda medra a demanda social de políticas que garantan condicións de vida dignas.
As iniciativas de Mamdani parecen situarse nesa intersección. Autobuses de balde, coidado infantil universal, supermercados públicos. Todas elas comparten unha lóxica similar. Reducir o custo da vida cotiá e redistribuír parcialmente os recursos urbanos.
Porén a cuestión central segue sendo até que punto esas medidas poden transformar as estruturas profundas que xeran desigualdade.
As grandes megacidades, as urbes medianas e mesmo moitas vilas do planeta convertéronse en escenarios privilexiados para a acumulación do capital. A especulación inmobiliaria, a financiarización dos servizos públicos e a crecente concentración da riqueza están a redefinir profundamente o espazo urbano, transformando as cidades en territorios cada vez máis subordinados á lóxica do beneficio e cada vez menos orientados ás necesidades sociais da maioría. Nese contexto, cada política social enfróntase a unha tensión permanente. Pode aliviar os síntomas da crise ou tentar modificar as súas causas.
A proposta dos supermercados públicos móvese entre ambos os polos. Pode reducir o prezo dos alimentos para miles de persoas. Pero tamén abre unha discusión máis ampla sobre quen controla o sistema alimentario e con que obxectivos.
Talvez esa sexa a súa contribución máis interesante. Porque detrás da pregunta sobre a fame estudantil aparece unha cuestión moito máis profunda. Que tipo de cidade quere ser Nova York?
Unha cidade na que o acceso á comida depende exclusivamente da capacidade individual de pagamento. Ou unha cidade na que certos bens esenciais forman parte do patrimonio común e están garantidos para todas as persoas. Esa é a disxuntiva real. As longas ringleiras diante das despensas universitarias xa emitiron un veredicto silencioso. Mesmo no corazón das economías máis ricas, miles de estudantes non poden permitirse comer con dignidade. A pregunta xa non é se o problema existe, senón se a política está disposta a intentar resolvelo e actuar en consecuencia, tanto en Nova York como en Vigo.