O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou que o goberno local aprobará o vindeiro venres, día 10 de abril, os pregos e as bases do acordo de concesión directa do estadio de Balaídos ao Real Club Celta. O rexedor dixo que na próxima xunta de goberno local aprobaranse as bases desta concesión directa de usos da devandita infraestrutura deportiva. Terá un período de 50 anos prorrogable ata os 75 e a entidade celeste poderá utilizar o campo “para fins deportivos, para fins terciarios e para fins complementarios”. Abel Caballero referiuse a Balaídos como “a principal icona deportiva” de Galicia, destacando que se trata dunha “gran decisión e unha gran medida”. “Estou moi satisfeito e cando en Vigo operamos desde o diálogo e a unidade, sacamos as cousas adiante”, sentenciou.
Abel Caballero aclara un “erro” do Goberno e garante que os prazos do AVE por Cerdedo se manteñen
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, matizou este martes que o contrato de seguimento hidroxeolóxico que licitará Adif sobre a variante de Cerdedo non afecta os prazos do AVE directo a Madrid. O rexedor olívico sinalou que existe un “erro” na resposta dada polo Goberno aos senadores do PP respecto deste proxecto. Segundo explicou Caballero tras aclarar a información co Ministerio, a resposta parlamentaria vincula erroneamente ese novo estudo á obtención da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), cando en realidade non é unha condición necesaria para acadar o dito trámite.
O alcalde subliñou que os prazos avanzados en 2025 permanecen sen cambios. Lembrou que, tras varias reunións a principios dese ano, acordou co Ministerio de Transportes realizar unha licitación conxunta do proxecto ferroviario e o ambiental. En abril de 2025 licitouse o estudo complementario e a DIA, asinandose o contrato en setembro dese mesmo ano. A partir dese momento empezou a contar un prazo de 24 meses, polo que Caballero incidiu en que actualmente “está todo en marcha” e a folla de ruta non sufriu alteracións.
PRAZOS E TRAMITACIÓN ADMINISTRATIVA
A previsión oficial que manexa o Concello é que o proxecto se someta a información pública en marzo de 2027 e que a DIA se obteña en setembro de 2027. Con respecto á contestación dada no Senado, onde o Ministerio indicaba que Adif prepara un novo contrato de seguimento hidroxeolóxico de 60 meses como paso imprescindible para a DIA, Caballero aclarou que ese tipo de contratos se desenvolven incluso co tren xa en funcionamento. Segundo o rexedor, ligar ese estudo de seguimento coa obtención da DIA é unha equivocación técnica na resposta oficial.
Caballero insistiu en que confirmou co Goberno que se manteñen os prazos estipulados e que a tramitación segue o seu curso conforme ao previsto. O alcalde quixo dar unha mensaxe de tranquilidade sobre a conexión directa con Madrid, reiterando que o contrato de Adif de 60 meses ten unha natureza de seguimento constante que non paraliza nin condiciona os pasos administrativos previos para a execución da variante de Cerdedo.
Testemuñas relatan episodios de ameazas e coaccións dun membro do GES Val Miñor que nega os feitos
Un bombeiro do GES do Val Miñor, acusado de tres delitos de coaccións, en concurso con dous delitos de lesións psíquicas menos graves, e un delito de lesións, compareceu este martes ante o tribunal de instancia de Vigo, sección penal praza 1, nun xuízo no que se enfronta a penas que suman 3 anos e 10 meses de cárcere, e no que negou os feitos que lle atribúen, fronte ás testemuñas que relataron episodios frecuentes de ameazas, insultos ou coaccións pola súa banda. O acusado recoñeceu que hai un ambiente de enfrontamento no GES, pero atribuíuno a tensións pola consecución de prazas estables no servizo, e criticou que o GES non dispón de procedementos de traballo. Así mesmo, denunciou “xogadas sucias” no nomeamento dun coordinador do servizo e outras irregularidades, como ordes que lle daban para realizar funcións que, como peón forestal, non lle correspondían. En todo caso, e con respecto aos supostos delitos polos que se lle acusa, negou que insultase aos seus compañeiros e, especificamente, á delegada de persoal, a única muller no servizo. Tamén negou que ameazase de morte nin aos seus superiores nin ao resto de compañeiros.
DESPREZO “POR SER MULLER”
Unha das prexudicadas na causa, a delegada de persoal, declarou ante a xuíza que os problemas co acusado comezaron cando foi despedido nun proceso de estabilización e, aínda que logo volveu incorporarse ao servizo, seguiu o conflito porque nomearon coordinador a outra persoa. Desde ese momento, explicou esta testemuña, o acusado xa adiantou que non ía acatar as ordes e “actuaba con desprezo cara aos compañeiros”. No seu caso concreto, asegurou que o acusado menosprezaba o seu traballo, e dicíalle constantemente que conseguira o seu posto “por ser muller”, pero que, en realidade, non era válida para ese traballo. Así, narrou, chegou a afearlle que traballaba no GES porque lle fixo “favores” aos alcaldes do Val Miñor. Esta testemuña sinalou que o episodio máis grave produciuse un día que lle gritou e insultou, advertíndolle de que a ía “queimar viva”. “Temín pola miña vida”, remarcou, e explicou que agora, aínda que xa non traballan xuntos, nos cambios de quenda “escóndese” para non cruzalo, e evita quedar a soas nas instalacións con el.
“NINGUÉN QUERÍA TRABALLAR CON EL”
Outra testemuña foi o que foi coordinador do servizo cando ocorreron estes feitos, e sinalou que o acusado buscaba o “enfrontamento directo” con el, coa delegada de persoal e coa maioría de compañeiros. Respecto diso, explicou que o propio procesado explicaba “que non ía colaborar, que ía pór todas as trabas posibles”. Este traballador, que a raíz do conflito renunciou a renovar o cargo de coordinador, tamén relatou insultos, faltas de respecto e desobediencia de ordes directas. Igualmente, responsabilizou ao acusado de crispar o ambiente de traballo e dificultar o normal desenvolvemento do servizo: “Ninguén quería traballar con el”. Na mesma liña, outro dos traballadores prexudicados relatou situacións de ameazas, insultos, desprezos e “provocacións”. “Había que facelo todo como el quería (…), a xente non denunciou por medo, porque se puña violento”, sinalou, e engadiu que mesmo actualmente, que só se ven nas substitucións, coincidir con el “é un sufrimento”. Unha cuarta testemuña corroborou que o acusado mantiña unha “actitude desafiante” e que presenciara varias discusións, insultos e ameazas, como que “ía queimar o parque con todos dentro”. “Coñézoo desde hai anos, é unha persoa de carácter moi forte, pero iso derivou nunha situación de ‘ou estás comigo ou contra min'”, explicou, e recoñeceu que o acusado lle dá “medo”.
“NINGUNHA MEDIDA”
Os prexudicados sinalaron que a situación era tan insostible que puxeron os feitos en coñecemento da Mancomunidade do Val Miñor en varias ocasións, e que tamén houbo unha actuación da Inspección de Traballo. No caso do ente supramunicipal, explicaron que se abriu un expediente disciplinario, pero que este “se deixou caducar” sen que a Mancomunidade tomase “ningunha medida” contra este traballador, e iso a pesar das evidencias solicitadas pola Inspección e dos numerosos avisos por parte dos membros do servizo. Respecto diso, remarcaron que os alcaldes (Nigrán, Baiona e Gondomar) eran coñecedores do que estaba a pasar e que tamén trasladaran a situación ao psicólogo da Mancomunidade. “Nunca se fixo nada”, explicou unha das testemuñas.
Vigo volve apostar forte polo Marisquiño: máis de 1,3 millóns de euros para financiar o festival
O Concello de Vigo destinará máis de 1,3 millóns de euros para financiar unha nova edición do festival O Marisquiño, que se celebrará entre o 6 e o 9 de agosto nas inmediacións da praia de Samil. Así o sinalou o alcalde, Abel Caballero, tras asinar este martes o convenio de colaboración coa organización para financiar “integramente” o evento deportivo de cultura urbana.
Caballero puxo en valor que se tratará dun festival gratuíto para todas as persoas que decidan acudir, xa que será o goberno local o que o financie. O rexedor subliñou que arredor de 1.500 deportistas de máis de 30 países daranse cita no evento, que acollerá competicións relacionadas co skate, o BMX ou o basket 3×3, entre moitas outras, ademais de concertos e demais actividades.
Navalia aspira a ser unha feira anual: “Xa vai sendo hora de mostrar ao mundo todo o que facemos”
O presidente de Navalia, José García Costas, aspira a converter a feira da industria do naval nun evento anual, xa que na actualidade celébrase cada dous anos: “Xa vai sendo hora de que poidamos mostrar ao mundo todo o que facemos cada ano”. Así o sinalou na presentación da Zona Innovación do evento, que celebrará a súa décima edición entre o 19 e o 21 de maio no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi).
Para el, trátase de algo “moi necesario” que “ten metido entre cella e cella”. Na súa intervención no acto, engadiu que, “se non é a próxima edición, será a seguinte”, pero Navalia pasará a ser todos os anos. “Creo que é xa unha necesidade porque a innovación se desenvolve todos os días”, apuntou García Costas, quen puxo precisamente en valor esta Zona de Innovación, que repetirá por segunda vez na feira.
En concreto, este ano practicamente duplicará o seu espazo, pasando de 240 metros cadrados a case 400. Así, nela presentaranse até 24 ‘start ups’ chegadas de toda España e do estranxeiro. O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, foi o encargado de abrir a presentación, celebrando esta nova edición da Zona de Innovación de Navalia e destacando que chegarán a ela até catro proxectos da Zona Franca de Cádiz. Pechou o acto o alcalde de Vigo e presidente da Zona Franca, Abel Caballero, quen subliñou o traballo que hai detrás dunha feira destas características e insistiu en que Zona Franca sempre estará para apoiar a Navalia.
A Xunta prevé rematar o novo instituto de Navia a finais de 2027
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciaron que o próximo 24 de abril arrincarán as obras de construción do novo instituto de Navia, en Vigo, esperando que estea terminado a finais de 2027.
Así o sinalaron nunha visita á parcela onde se levantará o centro educativo, denominado IES Domingo Villar e que suporá un investimento autonómico de case 18 millóns de euros. Nun comunicado, a Xunta explicou que se produciron algunhas demoras que impediron iniciar antes os traballos por cuestións administrativas “alleas” ao Goberno galego. En concreto, a pesar de solicitar en decembro de 2024 a licenza municipal, houbo que esperar sete meses para a súa concesión, indican.
Despois, Estradas do Estado, dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, requiriu documentación á Xunta sobre o proxecto e non foi ata a semana pasada cando resolveu favorablemente. Todo iso a pesar de que as obras xa están adxudicadas desde novembro de 2025, recalca o Executivo autonómico.
A pesar de todo, Román Rodríguez reivindicou que o novo instituto de Navia será o primeiro construído de forma íntegra en base aos parámetros do plan de novo arquitectura pedagóxica, o que o converterá nun “referente” en toda España. “Isto supón un salto adiante en termos cualitativos, dado que estamos a falar dun modelo de centro máis flexible e adaptado ás necesidades da educación do século XXI, con espazos versátiles cuxo uso vai dar resposta a distintas funcións segundo necesidades”, subliñou o conselleiro.
Folga de controladores en Peinador a partir do 17 de abril
Unión Sindical de Controladores Aéreos (USCA) e CCOO realizaron un preaviso de folga indefinida para os controladores aéreos das torres de control xestionadas por Saerco que comezaría en 17 de abril ás 00.00 horas e afectaría a 14 aeroportos en España, entre eles o de Vigo e A Coruña.
En concreto, a compañía é a encargada da xestión do control de tráfico aéreo dos aeroportos de Madrid-Catro Ventos, Lanzarote, Fuerteventura, La Palma, El Hierro, La Gomera, Castelló, Burgos, Huesca, Ciudad Real, Vigo, A Coruña, Xerez e Sevilla. Nun comunicado, os sindicatos indicaron que a súa decisión de convocar a folga está destinada a denunciar a falta de persoal, a deterioración das condicións laborais e o seu impacto na seguridade operacional.
Os sindicatos sosteñen que o conflito “non responde a incidencias puntuais”, senón a un “problema estrutural derivado de anos de redución de persoal, sobrecarga de traballo, improvisación organizativa e incumprimentos en materia de descanso, conciliación e planificación do servizo”. Segundo o preaviso rexistrado este 6 de abril, a empresa foi diminuíndo efectivos “sen repor adecuadamente as saídas”.
Entre as causas da folga, USCA e CCOO citan a cancelación de vacacións xa aprobadas, o uso “abusivo” das dispoñibilidades, cambios de quenda comunicados “con escasa marxe”, falta de claridade nos cuadrantes sobre os descansos obrigatorios e prácticas organizativas irregulares en varias dependencias. As organizacións convocantes advirten ademais de que a seguridade aeronáutica “non pode soster sobre un persoal sometido a fatiga, tensión e incerteza permanente”.
USCA e CCOO aseguran tamén que, antes de convocar a folga, tentaron abrir unha vía de negociación coa empresa, pero as reunións previstas foron aprazadas ou canceladas “de forma reiterada” por parte de Saerco. Con esta convocatoria, os sindicatos reclaman persoais suficientes en todas as torres, respecto aos descansos aeronáuticos e condicións laborais compatibles coa seguridade operacional e a dignidade profesional. O preaviso sinala ademais que, con carácter previo, solicitouse a mediación obrigatoria ante o Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA).
Detido un veciño de Vigo nas Neves tras ser sorprendido con maquinaria agrícola supostamente roubada
A Garda Civil de Salvaterra detivo un veciño de Vigo, de 41 anos e con antecedentes policiais, por un presunto delito de roubo con forza nas cousas. En concreto, por subtraer maquinaria agrícola valorada en máis de 2.000 euros en As Neves. Segundo explicou o Instituto Armado nunha nota de prensa, os feitos sucederon o día 5 de abril, cando un cidadán alertou de que vira unha persoa con ferramentas “sospeitosas de seren roubadas”.
Cando a patrulla da Garda Civil chegou ao lugar, varios veciños tiñan retido este home despois de que o alertante o vise con varias rozadoras. Os axentes realizaron unha primeira inspección ocular da zona, atopando unha casa abandonada próxima ao lugar, onde observaron diversas ferramentas, como dous trades, unha motoserra e unha rebarbadora, sendo todas elas recoñecidas por un veciño.
Este mesmo veciño informou de que entraran na súa vivenda e nun almacén da mesma parcela, onde os axentes atoparon evidencias de forza no peche da porta de acceso ao almacén. Deste xeito, procedeuse á detención do sospeitoso por un presunto delito de roubo con forza nas cousas, aínda que posteriormente foi posto en liberdade provisional.
A Universidade de Vigo logra un fito mundial ao criopreservar larvas de medusa
Un equipo científico do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo logrou, por primeira vez no mundo, desenvolver un protocolo eficaz de criopreservación de larvas de medusa. Este avance pioneiro permitirá transformar as estratexias de conservación da biodiversidade e avanzar en novas liñas de investigación en bioloxía e acuicultura. O traballo, desenvolvido polo laboratorio Cryolab do grupo Ecocost, foi publicado na prestixiosa revista científica Cryobiology.
Os investigadores Alba Lago, Jesús Troncoso e Estefanía Paredes lograron demostrar que é posible conxelar e recuperar con éxito as éfiras, que son a primeira fase larvaria da medusa Aurelia aurita. Ata o de agora, a criopreservación aplicárase con éxito noutros invertebrados, pero o caso das medusas resultaba especialmente complexo polo seu alto contido en auga. O proceso baséase nunha combinación de crioprotectores e tratamentos de desconxelación que permiten que as larvas manteñan a súa integridade celular.
No artigo publicado, o equipo propón este organismo como un novo modelo animal para entender a criopreservación de tecidos con gran presenza de líquidos. Segundo explica Estefanía Paredes, o impacto de controlar o arrefriado nestes tecidos axudará a entender como protexer mellor outros organismos de interese local como o mexillón, a ameixa ou o berberecho. O reto principal foi atopar o equilibrio para que os crioprotectores non resultasen tóxicos e evitar a formación de cristais de xeo que destruirían as células.
POSIBILIDADES ABERTAS
Este avance abre novas posibilidades para a conservación do zooplancto gelatinoso, unha peza clave no funcionamento dos ecosistemas mariños e nas cadeas tróficas oceánicas. A capacidade de conservar estes organismos a longo prazo permitirá a creación de bancos biolóxicos para protexer a biodiversidade fronte ao cambio climático e a contaminación. Ademais, facilitará o coñecemento da bioloxía dos cnidarios e o desenvolvemento de novos modelos experimentais aplicables á acuicultura e á xestión de recursos mariños no futuro.
A Xunta entrega unha nova vivenda de protección rehabilitada polo Consorcio Casco Vello de Vigo
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, entregou este martes unha nova vivenda de protección autonómica rehabilitada polo Consorcio Casco Vello de Vigo. Trátase dun fogar situado na rúa Hortas que foi entregado a unha parella da cidade, destacando Allegue a importancia de rehabilitar inmobles para darlles unha nova vida.
Respecto diso, reivindicou o labor do Consorcio na compra e a rehabilitación de edificios. “Neste Consorcio vese esa necesaria colaboración entre administracións”, indicou, lembrando que a entidade está participada nun 90% pola Xunta e un 10% polo Concello olívico.
Nun comunicado, o Goberno galego suliñou que desde a súa creación fai 20 anos, o Consorcio adquiriu 93 inmobles no Casco Vello, dos que 79 deles xa están rehabilitados e deron lugar a 140 vivendas e 36 locais, cun investimento de máis de 30 millóns de euros.
