Un equipo científico liderado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), coa participación da Universidade de Vigo, documentou novos casos de coloración anómala en peixes mariños das costas españolas, entre eles a ría de Vigo.
A investigación, publicada na revista Marine Pollution Bulletin, inclúe ademais unha revisión global actualizada sobre a ambicoloración en peixes planos silvestres, unha alteración que provoca a aparición de pigmentación escura no lado do corpo que normalmente carece dela.
O estudo describe tres exemplares con anomalías pigmentarias recollidos entre 2025 e 2026 en augas de Galicia e Andalucía. Entre eles destaca un lenguado senegalés (“Solea senegalensis”) da ría de Vigo que presentaba unha ambicoloración case completa, co lado inferior do corpo pigmentado no canto de amosar a súa habitual coloración esbrancuxada.
Os outros dous casos corresponden a un sargo común (“Diplodus sargus”), capturado en xaneiro de 2026 na baía de Baiona, que presentaba unha anomalía pigmentaria mixta, e a un peixe sapo (“Halobatrachus didactylus”) do golfo de Cádiz con perda de pigmentación compatible con albinismo oculocutáneo.
A identificación das tres especies confirmouse mediante técnicas de análise xenética. Ademais, o equipo documentou fotograficamente outros tres peixes con patróns de coloración pouco habituais durante observacións submarinas realizadas en 2025 na ría de Vigo. Estes últimos casos, correspondentes a sargos e maragotas (“Labrus bergylta”), considéranse posibles anomalías, xa que non se pode descartar que respondan a variacións naturais ou a cambios fisiolóxicos da coloración.
REVISIÓN DE LITERATURA CIENTÍFICA
O achado do lenguado motivou unha revisión da literatura científica internacional sobre a ambicoloración en peixes planos silvestres, como lenguados, rodaballos e platixas. Estes peixes presentan unha marcada asimetría corporal, cos dous ollos situados nun dos lados do corpo. Mentres que o lado superior adoita amosar unha coloración que lles permite camuflarse sobre o fondo mariño, o inferior carece normalmente de pigmentación escura. A ambicoloración altera este patrón, provocando a aparición de manchas escuras ou dunha pigmentación case completa no lado inferior.
Tras analizar un cento de publicacións científicas, o equipo identificou rexistros de ambicoloración en 79 especies pertencentes a dez familias de peixes planos. Trátase da primeira revisión mundial desta anomalía en poboacións silvestres e constitúe unha referencia para futuras investigacións sobre os mecanismos que regulan a pigmentación destes peixes.
