Inicio Blog Páxina 11

Caballero reivindica Vigo como “a primeira cidade turística de Galicia” e critica o papel da Xunta na política aeroportuaria

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, respondeu ás críticas formuladas polo director de Turismo de Galicia defendendo o posicionamento da cidade olívica e cuestionando a actuación da Xunta no ámbito aeroportuario. O rexedor asegurou que Vigo é “a primeira cidade turística de Galicia” e criticou o que considera unha política discriminatoria cara ao seu municipio.

Caballero afirmou que “o localismo da Xunta é financiar Santiago e non Vigo, que ten máis viaxes de negocios, máis turismo e máis capacidade de atracción de voos”, ao tempo que defendeu o potencial do aeroporto de Peinador para desenvolver conexións en múltiples ámbitos.

O alcalde tamén rexeitou a proposta de especialización dos aeroportos galegos impulsada desde o sector turístico, cualificándoa como unha “bobada de rango maior”. Segundo explicou, a estratexia de Vigo pasa por ampliar o seu alcance sen restricións: “A especialización consiste en ocupalo todo”.

Ademais, mostrou o seu desacordo coa resposta do Goberno galego ás súas críticas previas, cualificándoa de insuficiente. “Quixeron ver se coaba e non coou”, sinalou, en referencia ao que definiu como un “desmentido suavito” por parte da Xunta.

REIVINDICACIÓN DO PAPEL DE VIGO

No conxunto das súas declaracións, Caballero insistiu en que Vigo conta con maiores capacidades en termos de atracción turística e de actividade económica vinculada ás viaxes, situando a cidade como referente no conxunto de Galicia neste ámbito.

O rexedor enmarcou estas afirmacións nun contexto de debate sobre o modelo aeroportuario galego, no que reclama unha maior implicación da Administración autonómica e un tratamento equilibrado entre os distintos territorios.

O Tribunal Supremo confirma a condena de 7 anos por violación nun aparcadoiro de Vigo

0

O Tribunal Supremo confirmou a condena de sete anos de prisión para o home que en maio de 2022 cometeu unha agresión sexual contra outro no baño dun aparcadoiro situado na rúa Rosalía de Castro. A resolución ratifica así as decisións previas da Audiencia Provincial de Pontevedra e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A sentenza, con data do 12 de marzo de 2026, inadmite o recurso presentado pola defensa do condenado, que cuestionaba a valoración das probas e a credibilidade do testemuño da vítima. Porén, o alto tribunal considera que a resolución está debidamente fundamentada e apoiada en diferentes elementos probatorios.

Entre as probas tidas en conta polos maxistrados figuran as declaracións de persoas próximas á vítima, así como a dun axente da Policía Nacional que a asistiu tras os feitos. Ademais, inclúense gravacións do aparcadoiro e un informe psiquiátrico que acredita as secuelas derivadas da agresión.

Segundo se considera probado, os feitos tiveron lugar na madrugada do 29 de maio de 2022, cando o agresor abordou á vítima na rúa Rosalía de Castro. Tras dicirlle que lle roubaran o bolso, propúxolle baixar aos baños dun aparcadoiro coa escusa de consumir droga.

Unha vez no interior, pechou a porta e cometeu a agresión sexual, tras o que abandonou o lugar deixando á vítima no chan e levando consigo o seu teléfono móbil.

CONDENA E MEDIDAS COMPLEMENTARIAS

A sentenza establece que o acusado é autor dun delito de agresión sexual con penetración, polo que foi condenado a cinco anos de prisión, e doutro de roubo con violencia, que suma dous anos máis, acadando un total de sete.

Ademais da pena de cárcere, impón a prohibición de achegamento e comunicación coa vítima durante dez anos, así como unha medida de liberdade vixiada durante cinco anos tras o cumprimento da condena. Tamén deberá facer fronte a unha indemnización de 9.000 euros.

A resolución do Tribunal Supremo é firme e non admite recurso.

Caballero acusa a Xunta de “atacar outra vez Vigo” por non defendela dos que non queren “voos a Peinador”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tachou de “absolutamente disparatada” a proposta do Clúster de Turismo para o aeroporto de Vigo, na que ve un “silencio cómplice” da Xunta, e advertiu: “Voume a encargar eu de que haxa voos a Vigo que teñan destinos e ámbitos turísticos“.

Nun audio remitido aos medios, o rexedor asegurou que o Concello xa está en diálogo con distintas compañías áreas, como xa fixo tamén na Feira Internacional de Turismo (Fitur), para que operen novas rutas desde Vigo. “Todas teñen un enorme interese en traer voos turísticos”, asegurou.

Caballero trasladou a súa “indignación” ante a proposta que o presidente do clúster, Cesáreo Pardal, trasladou o mércores ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. A entidade avoga por unha especialización do tres aeroportos galegos, de forma que o de Santiago opere voos vacacionais e os da Coruña e Vigo estean orientados a rutas de traballo.

Na súa valoración da proposta, o rexedor vigués tachouna de “absolutamente disparatado” e instou ao organismo a que “o mellor que pode facer é disolverse”. “Pero o máis grave que sucedeu onte foi o silencio cómplice do conselleiro Diego Calvo ante esta proposta“, engadiu.

Caballero reprochou ao responsable autonómico que non rexeitase a proposta “con forza e dureza”: “quedou calado a ver que sucedeu”. Por iso, atopa no sucedido “un novo ataque durísimo” contra o aeroporto de Vigo por parte da Xunta, á que volveu a reprochar que non destinase “nin un só céntimo” a Peinador.

Remolcado a Vigo un iate que quedou sen propulsión no medio da ría

Gardacostas de Galicia remolcou ata o Real Club Náutico de Vigo o iate ‘Thor’, que quedou á deriva no medio da ría viguesa co seu patrón a bordo do mesmo. Esta embarcación de recreo, de 7 metros de eslora, quedou sen propulsión mentres navegaba durante esta tarde, segundo informa o organismo adscrito á Consellería do Mar nas súas redes sociais.

Desta forma, a lancha auxiliar do buque Ría de Vigo procedeu ao rescate do iate e do seu patrón. Tras unha rápida intervención, remolcouno ata as instalacións do Real Club Náutico de Vigo

Ferido un neno en bicicleta tras ser atropelado por un coche en Redondela

Un neno que circulaba en bicicleta por unha estrada de Redondela resultou ferido ao ser alcanzado por un coche durante a tarde deste mércores. O menor precisou asistencia médica, do mesmo xeito que o condutor do turismo, que sufriu unha crise de ansiedade. Segundo os detalles facilitados polo 112 Galicia, o accidente ocorreu no quilómetro 1,2 da PO-250, na parroquia de Reboreda. Preto das 16.40 horas, un particular solicitou asistencia sanitaria para un neno ferido nun accidente entre unha bicicleta e un coche.

Con todo, o alertador asegurou que o menor estaba totalmente liberado e accesible. A central de emerxencias avisou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico. Do mesmo xeito, foron informados os Bombeiros de Redondela, o GES de Mos e os efectivos de Protección Civil da localidade. Xa no lugar dos feitos, a Policía Local solicitou ao 112 asistencia para o condutor do turismo, que sufriu unha crise de ansiedade.

Caballero eleva o ton pola ampliación de Balaídos: “Si hai proxecto” para Tribuna e carga con dureza contra o PP

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este mércores que “si hai proxectos” para ampliar a bancada de Tribuna en Balaídos no marco da candidatura da cidade a ser sede do Mundial de 2030, e cualificou de “ignorantes” os membros do PP. Nunhas declaracións remitidas aos medios, o rexedor afirmou que o goberno local enviou á RFEF o “proxecto” da bancada de Tribuna e que, posteriormente, se analizou a súa ampliación.

O resultado, segundo explicou, foi a previsión de incorporar máis aforo mediante o desprazamento cara atrás da bancada e a incorporación de novas fileiras de asentos. “E cando o transformamos e seguimos estudándoo para facer o proxecto básico, saíu isto”, manifestou o alcalde mentres mostraba a infografía con ese deseño. “Este é o proxecto básico, o debuxo do proxecto básico que completa o que lle enviamos á Federación para ter 43.000 espectadores de aforo en Balaídos”, proclamou o rexedor, que o pasado 18 de marzo, en declaracións a Europa Press, sinalara que a ampliación de Tribuna dispoñía dun “anteproxecto” e que “o proxecto hai que contratalo”.

Con todo, Caballero insistiu este mércores en que “si hai proxectos” e explicou que, ademais dese “proxecto básico” da ampliación de Tribuna, o Concello fixo “máis cousas” e deu a coñecer en setembro de 2025 o novo perímetro do estadio para obter ese aforo ampliado. “É proxecto iso (…) hai que ensinarlle ao PP, que son uns ignorantes, que iso é proxecto”, proclamou. “Pero tamén en outubro confirmamos que se ía facer nunha bancada corrida e ensinamos este borrador de proxecto, anteproxecto, en suma, proxecto base para que se soubese como ía ser”, engadiu.

DESPRAZAMENTO DE COLECTORES

Por outra banda, confirmou que o Concello xa dispón da autorización de Augas de Galicia para acometer a obra dos colectores, que deben ser desprazados para permitir a ampliación de Tribuna, e avanzou que eses traballos están “a piques” de aprobarse e que comezarán a principios do mes de maio. “Non só o proxecto, que o hai, o proxecto básico está, é que estamos xa coa obra”, proclamou, e insistiu en que “cada vez que fala” a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, “é mentira tras mentira”.

Caballero tamén lembrou a súa esixencia de que estes traballos, así como os da ampliación da bancada, deben ser cofinanciados pola Xunta e pola Deputación de Pontevedra. Nese sentido, reiterou que PP e BNG manteñen unha “pinza” para que Vigo non sexa sede do Mundial, coa cooperación do presidente da RFEF, Rafael Louzán. “Pois perderon, e van pagar, que remedio queda”, sentenciou, para engadir que “o PP de Vigo e o seu responsable non soportan que a Vigo lle vaia ben”.

“CHÁMASE MENTIREIRO A SI MESMO”

Pola súa banda, a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, sinalou que o alcalde fai “oposición á oposición” e que, coas súas palabras deste mércores, “chámase mentireiro a si mesmo”. “Di que mentimos nós ao dicir que non hai proxecto de execución para ampliar Tribuna ou para mover os colectores. Non é só que o digamos nós. É que o recoñeceu el en declaracións á prensa. Aí está a hemeroteca”, manifestou.

A este respecto, incidiu en que o alcalde “non enviou aínda nada nin á Deputación nin á Xunta” porque, segundo sostivo, “non ten nada que enviar”. “Pero que non se preocupe. En canto mande un proxecto de execución, analizarémolo con rapidez”, asegurou, antes de insistir en que a candidatura de Vigo “sempre tivo o apoio da Xunta e da Deputación”, como evidenciarían o acordo do Consello da Xunta e a carta de compromiso da Deputación.

O BNG CARGA CONTRA A AMPLIACIÓN DE BALAÍDOS

O BNG de Vigo presentou as súas alegacións contra o proxecto de ampliación do polígono industrial de Balaídos, que cualifica de “erro estratéxico” por considerar que afonda nun modelo de cidade insustentable e supón “un novo castigo” para a veciñanza da parroquia de Matamá. Así, o portavoz municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, cuestionou a necesidade de ocupar máis de 230.000 metros cadrados de novo solo industrial, ao considerar que “é unha irresponsabilidade seguir depredando territorio sen antes optimizar e reordenar o espazo industrial existente”.

A este respecto, lembrou que a cidade dispón de alternativas, como o Parque Tecnolóxico de Valadares ou a Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), “hoxe infrautilizada”. Así mesmo, sinalou que esta ampliación é “filla dun PXOM que naceu de costas á veciñanza”. O BNG advertiu do “impacto” que terá esta ampliación sobre a calidade de vida das persoas desta zona, que xa sofren “desde hai décadas” ruídos, malos cheiros e contaminación por micropartículas. “Pretender que un ‘cinto verde’ de maquillaxe vai solucionar isto é unha burla”, apuntou Pérez Igrexas.

Por todo iso, o BNG solicitou formalmente que o proxecto se someta ao procedemento ordinario de avaliación ambiental estratéxica, rexeitando o “atallo administrativo” da vía simplificada. “Vigo merece luz e taquígrafos, e a veciñanza de Matamá merece que a súa saúde se poña por riba de calquera outro interese”, sinalou o portavoz nacionalista.

Incautan en Salvaterra, unha narcolancha con destino a Ceuta


A Garda Civil, nun operativo conxunto con Vixilancia Aduaneira, interceptou unha embarcación de alta velocidade —coñecidas como narcolanchas— que era transportada por estrada a bordo dun camión no concello de Salvaterra de Miño.

Segundo os primeiros datos da investigación, o destino final da planeadora era a cidade de Ceuta.

A intervención produciuse grazas á vixilancia estratéxica que as forzas de seguridade manteñen no sur de Galicia, unha zona historicamente vencellada á fabricación e transporte deste tipo de naves prohibidas pola lei de contrabando. A embarcación, duns dez metros de eslora e cun valor estimado de 30.000 euros, carecía de calquera tipo de rexistro ou documentación legal.

Tanto o Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Comandancia de Pontevedra como o Servizo de Vixilancia Aduaneira procederon á identificación dos transportistas e dos responsables implicados na loxística. As pescudas actuais céntranse en determinar se este envío ten relación coa rede criminal desarticulada recentemente en Ceuta, onde se descubriu un sofisticado “narcotúnel” para o tráfico de haxix e cocaína, e no que tamén estarían involucrados individuos con ligazóns en Vigo e outras localidades da provincia.

Este novo golpe volve poñer o foco nos vínculos operativos entre os grupos de narcotraficantes de Pontevedra e as organizacións que operan no Estreito de Xibraltar.

Unha policía lánzase ao mar no Náutico de Vigo para rescatar un mozo que se tirara tras unha mensaxe de despedida

Axentes da Policía Local de Vigo levaron a cabo nas últimas horas un operativo de rescate dun mozo de 30 anos, que se precipitou de madrugada ao mar na zona do Náutico, tras enviar unha mensaxe de despedida a un coñecido. Segundo informaron fontes policiais, tras coñecerse o envío desa mensaxe, unha patrulla trasladouse ao domicilio do mozo, onde unha das moradoras sinalou que cría que o home se atopaba na súa habitación e explicou que o vira por última vez ao mediodía, cunha actitude cabizbaixa por problemas persoais. Ao chamalo sen obter resposta, os axentes entraron no cuarto, pero este atopábase baleiro.

Inmediatamente, deron aviso a todas as unidades da situación, co fin de establecer un operativo de procura e localización deste home. Sobre a 1.30 horas da madrugada, a sala do 092 recibiu un aviso por unha persoa que se precipitara ao mar á altura do pantalán próximo á Praza da Estrela. Varias dotacións desprazáronse á zona e, seguindo as indicacións duns pescadores, achegáronse ao lugar onde caera o mozo. Alí localizaron o seu corpo flotando boca abaixo. Unha das policías lanzouse á auga e comprobou que o home estaba inconsciente e non respiraba.

Mediante o uso do chaleco de rescate, un elemento da dotación dos vehículos patrulla, foi remolcado ata unhas escaleiras contiguas e, unha vez ambos fóra da auga, comezáronse as manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) co desfribilador. Tras 20 minutos, presentáronse efectivos de Urxencias Sanitarias, que se fixeron cargo de continuar a reanimación mediante o robot LUCAS e, tras media hora, determinaron o seu traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde ingresou na UCI. No operativo tamén colaboraron efectivos da Policía Nacional, da Garda Civil e da Policía Portuaria. O home rescatado resultou ser o que enviara a mensaxe de despedida, S.V.G., de 30 anos.

A muller detida en Vigo por un intento de roubo nunha xoiaría encañonou a un empregado ao berro de “isto é un atraco”

A muller detida en Vigo este martes tras tentar roubar nunha xoiaría da rúa Gran Vía ía armada cun revólver, co que ameazou un empregado do establecemento, e tamén se lle interveu un puñal que ocultaba entre a roupa. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron pasadas as 18.00 horas deste martes, cando o 092 recibiu un aviso de que se estaba a producir un roubo nunha xoiaría. Cando os axentes ían de camiño, recibiron a información de que a persoa autora deses feitos portaba unha arma de fogo, polo que se solicitou apoio doutras unidades policiais.

Cando chegaron os policías, a testemuña que chamara informoulles de que vira entrar unha muller na xoiaría, encapuchada e cun revólver. Os axentes entraron no local, que tiña a reixa parcialmente pechada, e alí viron dúas persoas forcexando cunha muller que levaba un revólver na man dereita. Así, os funcionarios fixéronse cargo da sospeitosa, que mostrou gran resistencia, e lograron desarmala e engrilletala.

Ao tomar declaración ás testemuñas, a Policía confirmou que a muller entrara na xoiaría cun pasamontañas e lentes de sol e que lle colocara o revólver no pescozo ao responsable do establecemento mentres gritaba: “Isto é un atraco, todos quietos, contra a parede”. Nun momento de descoido da muller, o empregado logrou suxeitarlle a man coa arma e, co apoio de varios clientes, zafarse e intentar inmobilizala ata a chegada dos axentes. As testemuñas conseguiron ademais quitarlle do pantalón un puñal que ocultaba. Os policías detiveron a muller e incautáronse das armas. Á sospeitosa, M.A.B., de 49 anos, atribúeselle un delito de roubo con violencia e intimidación en grao de tentativa.

Stellantis Vigo pacta o ERE con ata 80 saídas incentivadas e pecha a negociación cos sindicatos

A dirección da factoría viguesa da multinacional automobilística Stellantis e os sindicatos aprobaron finalmente este mércores o acordo do expediente de regulación de emprego (ERE), que recolle un máximo de 80 saídas incentivadas ata o 18 de decembro. Segundo fontes da empresa, desta maneira ponse fin ao período de consultas iniciado o pasado 24 de marzo e redúcese de 90 a 80 o máximo de saídas finalmente acordadas. O documento contou co visto e prace de 9 dos 10 membros da parte social (SIT-FSI, UGT e CC.OO.) e estará vixente desde o 27 de abril ata o 18 de decembro.

O ERE recolle ata 80 despedimentos que, para se produciren, deberán contar cunha “dobre voluntariedade” entre as partes. Estas saídas poderán afectar tanto ao persoal mensual como ao persoal por horas. O pacto inclúe unha indemnización calculada segundo os criterios recollidos no Estatuto dos Traballadores para os empregados menores de 59 anos, así como indemnizacións máximas de ata tres veces o salario anual bruto para os traballadores de 59 anos; de 2,5 salarios anuais brutos para os de 60 anos; de 2 para os de 61; e de 1 para os de 62 anos, do mesmo xeito que en anteriores ERE en Stellantis Vigo.

Pola súa banda, existe a posibilidade de extinción con dereito de retorno preferente, con opción de reincorporación aos 36 meses e cunha indemnización equivalente a 1,25 anualidades do salario anual bruto. “En resposta á petición da parte social tamén se incluíu como medida de acompañamento a posibilidade de suspensión do contrato con dereito de retorno para traballar noutra empresa ou nun proxecto persoal durante 12 ou 24 meses”, apuntan as mesmas fontes. Así mesmo, para a execución deste acordo constituíuse unha comisión paritaria de seguimento integrada polas partes asinantes.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed