Inicio Blog Páxina 576

Tres feridos ao precipitarse por un terraplén o vehículo no que viaxaban en Salvaterra

0

Tres persoas resultaron feridas este domingo despois de precipitarse por un terraplén o vehículo no que viaxaban no municipio pontevedrés de Salvaterra de Miño.

Segundo informou o 112 Galicia, o accidente ocorreu sobre as 15.00 horas. Nese momento, un particular chamaba ao 112 Galicia para solicitar axuda. Indicaba que un vehículo que circulaba polo Outeiro, preto do centro cultural da parroquia de Uma, en Salvaterra de Miño, saíuse da vía e precipitouse por un terraplén. Ademais, aseguraba que os seus ocupantes estaban feridos e con dificultades para saír do interior do habitáculo.

Con esta información, o 112 deu aviso aos servizos sanitarios, aos Bombeiros do Porriño e aos GES-Bombeiros de Ponteareas. Así mesmo, puxeron os feitos en coñecemento dos axentes de Tráfico e da Policía Local.

Xa no lugar, os servizos de emerxencia confirmaron que excarceraran ao tres ocupantes que viaxaban no coche, que foron trasladados polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.

Xulgan ao responsable dunha empresa viguesa por traficar cun gas refrixerante prohibido

A Audiencia Provincial de Pontevedra, na súa sede en Vigo, xulga este martes, ás 09.45 horas, a varios empresarios galegos e lusos acusados de traficar cun gas refrixerante prohibido (por destruír a capa de ozono).

A Fiscalía pide penas de máis de 2 anos de cárcere, así como multas que van de 54.000 a 72.000 euros, para varios empresarios e as súas sociedades.

Segundo o escrito de acusación do ministerio público, un dos acusados é responsable dunha empresa afincada na cidade olívica e que, polo menos desde 2010, vendía gas clorodifluorometano, coñecido polo seu nome comercial como gas R22, que se utiliza para refrixeración industrial e de buques.

A venda deste gas está prohibida por normativa europea debido a que se trata dun produto que destrúe a capa de ozono, aínda que se contempla a excepción de que se poida importar, reenvasar e exportar a outros países non comunitarios. Tamén se permite vender en territorio da UE se previamente se rexenera.

A Fiscalía sostén que esta empresa e o seu responsable venderon o gas sen rexenerar, a propósito de que estaba prohibido, a outras empresas, que tamén están acusadas neste procedemento xunto aos seus responsables, e a buques.

O ministerio público considéraos responsables dun delito de tráfico ilegal de sustancia destrutora do ozono, e solicita para cada unha das catro persoas acusadas nesta causa (dúas delas con documento portugués) a pena de 2 anos e 3 meses de cárcere, multa de 66.000 euros e 9 anos de inhabilitación para comerciar con gases refrixerantes.

Para a empresa galega que vendía o gas pide multa de 72.000 euros e a prohibición de realizar operacións de comercio de gases refrixerantes durantes 2 anos; para outra empresa galega que compraba o produto e o distribuía pide multa de 54.000 euros, a mesma multa que para outra empresa portuguesa que adquiriu o gas.

Piden 8 anos de cárcere para unha enfermeira que administrou opiodes como tramadol á súa filla de dous anos

A Fiscalía pide 8 anos de prisión para unha enfermeira, veciña de Vigo, acusada dun delito contra a saúde pública por administrar á súa filla menor de idade medicamentos perigosos para a súa idade, entre eles opioides, e que será xulgada este martes na sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede na cidade olívica.

Segundo o escrito de acusación pública, entre finais de 2018 e decembro de 2020, a procesada administrou á súa filla (desde que tiña dous anos ata o catro) medicamentos como tramadol, un opioide; flecainida, un antiarrítmico; e prometazina, que se usa como antihistamínico. A acusada tiña a custodia da menor e convivía con ela.

A Fiscalía sostén que a enfermeira realizou estes actos “coñecendo o grave risco” que entrañaba para a saúde da nena tomar esas drogas. En marzo de 2022 ditouse auto xudicial polo que se outorgou a garda e custodia da menor ao seu pai.

A Fiscalía considera á muller autora dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de sustancias que causan grave dano á saúde, concorrendo a circunstancia cualificadora (prevista no código penal) de facilitar as sustancias a un menor de 18 anos. Así mesmo, pide que se aplique a agravante de parentesco.

Por todo iso, pide que a acusada sexa condenada a 8 anos de prisión e que se lle prive da patria potestade sobre a nena.

Carlos Botana reafirma a aposta polo ‘crecemento azul’ na súa toma de posesión como presidente do Porto de Vigo

Carlos Botana Lagarón tomou posesión este venres do seu cargo como presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, nun acto no que reafirmou a aposta do organismo polo ‘crecemento azul’ e no que ofreceu “escoita activa” aos axentes e institucións vinculadas coa actividade portuaria. A toma de posesión, na que participaron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente de Portos do Estado, Álvaro Dapena, entre outras autoridades, celebrouse na Estación Marítima ‘Alberto Durán’.

Tras asumir o seu cargo, Botana Lagarón sinalou que esta “nova etapa” estará marcada polo diálogo e a procura de consenso, para traballar en solucións innovadoras que permitan crear “o porto do futuro”. “Todos sodes claves, e sen vós este porto do presente e o futuro non sería posible”, subliñou, dirixíndose aos membros da comunidade portuaria.

O novo presidente do Porto puxo en valor o potencial da terminal viguesa no ámbito pesqueiro, e tamén a presenza dun sector naval “con ampla experiencia e grandes oportunidades coa transición enerxética”. Así mesmo, fixo referencia ao compromiso do Porto coa preservación do medio mariño.

“APOSTA VALENTE”

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o perfil de Botana para asumir o temón do Porto olívico, un perfil ideal para impulsar a competitividade da terminal e a súa capacidade loxística. No acto de toma de posesión, o presidente galego proclamou que “é unha aposta valente encabezar unha organización da que formou parte, da que coñece todo, as fortalezas e debilidades”.

Unha enfermeira de Vigo enfróntase a 7 anos e medio de prisión por acceder ao historial do seu ‘ex’ e da parella deste

Unha enfermeira do Sergas na área sanitaria de Vigo enfróntase a penas que suman 7 anos e medio de cárcere e 18 anos de inhabilitación por dous delitos continuados de revelación de segredos, e será xulgada na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica, este martes.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos ocorreron entre xaneiro de 2016 e outubro de 2019. Nese período de tempo, aproveitando a súa condición de funcionaria e o acceso ao sistema IANUS do Sergas, a procesada entrou 196 veces no historial da súa exparella e outras 124 veces no historial da parella del.

Estes accesos fíxoos sen consentimento, “guiada polo ánimo de invadir a esfera máis persoal e íntima” dos prexudicados, e así puido coñecer circunstancias da súa saúde, dos seus tratamentos médicos, probas diagnósticas, etc.

O ministerio público tamén recolle que a acusada entrou 134 veces no historial médico da súa filla, da que tiña a patria potestade, sen informar o seu pai. Non consta que a procesada difundise algunha desa información sanitaria.

DELITOS E PENAS

A Fiscalía considera a esta enfermeira autora de dous delitos continuados de descubrimento de segredos relativos á saúde, cometidos por unha funcionaria pública.

Por estes feitos pide que sexa condenada a un total de 7 anos e medio de prisión, a pagar 13.200 euros de multa e a ser inhabilitada por 18 anos.

O PP acusa o goberno de Vigo de querer “torpedear” e “expulsar” á Deputación agora que cambiou de presidencia

O PP de Vigo acusou ao goberno municipal de querer “torpedear” o labor da Deputación tras a súa “expulsión” da sede da cidade. “Quérennos fóra da cidade”, denunciou a presidenta local do partido e vicepresidenta da institución provincial, Marta Fernández-Tapias.

Fernández-Tapias pediu preservar as institucións “da batalla ideolóxica” despois de que o Concello de Vigo pedise a reversión de parte do edificio da rúa Chao cedido de forma gratuíta en 2019 á Deputación (por un período de 10 anos) alegando “necesidade urxente” de espazo para actividades de Cultura e Igualdade.

“Mal empezamos se, en lugar de corrixir as formas, o PSOE vigués radicalízase”, apuntou a vicepresidenta provincial, que cualificou a decisión do Concello de “persoal e política”. “Cando xa pensabamos que nada podía sorprendernos, comunícannos esta decisión que, na miña opinión, só xustifícase no mal perder”, engadiu. Segundo Tapias, o PSOE vigués “non asume a súa derrota” tras perder 20.000 votos na cidade e a presidencia da Deputación Provincial, por iso quere “dinamitar” a actividade e proxección da institución en Vigo.

Así, pediu aos socialistas que aclaren “por que un día esixen á Deputación que manteña os seus investimentos en Vigo e ao outro a desahucian”. Na súa opinión, “detrás desta repentina necesidade de espazo, para unha área abandonada a nivel local os últimos 16 anos, non cabe máis que unha decisión política”.

Mostras de dor no minuto de silencio en homenaxe do menor falecido este xoves no Porriño

0

Decenas de persoas gardaron este venres un minuto de silencio ás portas do Concello do Porriño (Pontevedra), en recordo do menor que faleceu tras quedar esquecido durante horas no interior dun vehículo. A concentración silenciosa estivo presidida polo alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo, e membros de Corporación, así como representantes da Policía Local e da Garda Civil. Tamén se sumaron á homenaxe decenas de veciños, que concluíron o acto cun aplauso.

O rexedor do Porriño trasladou unha mensaxe de dor e consternación en recordo do neno, duns 3 anos, así como o apoio e agarimo á súa familia. O Concello decretou tres días de loito oficial, e as súas bandeiras xa ondean a media hasta.

Por outra banda, acordouse suspender as celebracións das festas de Porrigalia, previstas para este fin de semana, e tamén se suspendeu o pleno convocado para este venres para a aprobación dos orzamentos municipais. A sesión estaba fixada para as 9,00 horas pero, tras un minuto de silencio por parte dos corporativos, foi suspendida.

DILIXENCIAS XUDICIAIS

Mentres, o xulgado de instrución número 1 do Porriño incoou dilixencias polo sucedido, aínda que non se ordenou a práctica de ningunha proba porque non recibiu aínda o informe da Policía Xudicial da Garda Civil, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). En todo caso, é previsible que a nai do menor, que foi quen esqueceu ao neno no vehículo, non preste declaración ante os investigadores ata dentro duns días, dado o estado de shock no que se atopa.

Sindicatos do metal anulan os paros para negociar, pero farán folga indefinida desde o 18 de xullo se non hai acordo

Os sindicatos do metal da provincia anunciaron este venres a desconvocatoria dos paros anunciados para os días 12 e 13 de xullo, para “obrigar” á patronal a sentar a negociar, pero rexistraron xa a convocatoria de folga indefinida a partir do 18 de xullo se non hai acordo antes.

Así o trasladaron os portavoces de CIG, CC.OO. e UXT nunha asemblea celebrada na alameda Suárez Chairos de Bouzas, ao termo da manifestación que percorreu este venres as rúas do Vigo no marco das protestas pola negociación do convenio provincial.

Os representantes das centrais explicaron que o primeiro paso é a desconvocatoria das dúas xornadas de paro previstas para as próximas semanas, e contactar coa patronal para retomar as negociacións, xa que “o seu ego” non lles permite “baixar ao rodo”, como sinalou Celso Carneiro de CC.OO., e así “non terán escusas”.

En todo caso, anunciaron tamén a convocatoria de folga indefinida a partir do 18 de xullo se non hai acordo, e advertiron á patronal de que ten algo máis dunha semana por diante para sentar e “arranxar o conflito”. “Isto resólvese si ou si na mesa de negociación”, subliñou.

Pola súa banda, o responsable de Industria da CIG en Vigo, Xulio Fernández, proclamou que os sindicatos “non van ceder” e van gañar “” este conflito, porque o que reclaman para os traballadores “é de xustiza”.

Tras defender o “salto” á folga indefinida a partir do 18 de xullo, Xulio Fernández, subliñou que se manterá a presión “ata as últimas consecuencias” e criticou a Enrique Mallón, portavoz da patronal, a quen “hai que baixar os pantalóns”. “Aquí non se para nada”, asegurou, e denunciou a “represión” da policía aos traballadores, e o intento dos empresarios de “dividir” á parte social.

Na mesma liña, o portavoz de UXT, Rubén Pérez, tamén denunciou que se está tentado romper a unidade sindical e dos traballadores “desde moitas frontes”. Ante a convocatoria de folga indefinida, avisou que se avanza cara a “un momento difícil” polo que apelou á unidade de todos e incidiu en que o paro convocado manterase “contra vento e marea, custe o que custe” se chega o caso.

Detidos en Vigo tres membros dun grupo itinerante especializado en roubos en domicilio

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a tres homes, presuntos membros dunha organización criminal itinerante, asentada na fronteira en Portugal e especializada en roubos en domicilios. Segundo informaron fontes policiais, este grupo asaltou unha vivenda da cidade olívica a mediados de xuño, de onde levaron xoias, reloxos, roupa e complementos de moda de marcas de luxo.

Os sospeitosos estaban asentados no norte de Portugal, preto da fronteira, e desde aí desprazábanse a diversos puntos da provincia de Pontevedra, onde supostamente cometían os roubos.

A investigación levou á Policía a establecer un posible percorrido de fuxida cara a Portugal, e activáronse os protocolos de cooperación internacional, que permitiron a identificación, localización e detención dos autores do roubo cometido en Vigo, onde saltaron o enreixado exterior dunha vivenda unifamiliar para entrar e facerse co seu botín.

No mesmo momento da detención, a Policía interveu 1.500 euros en efectivo, ademais de varios efectos susceptibles de ser utilizados para a comisión de roubos con forza. Aos sospeitosos, que xa pasaron a disposición xudicial, impútaselles un delito de roubo con forza, outro de falsidade documental e un de pertenza a organización criminal. A investigación mantense aberta, para aclarar a posible implicación dos detidos noutros roubos con forza cometidos en Vigo.

Un detido por desobediencia e resistencia antes da saída de manifestación do metal en Vigo

A sexta xornada de folga do metal na provincia de Pontevedra comezou coa detención dunha persoa por resistencia e desobediencia aos axentes da Policía Nacional, segundo confirmaron fontes policiais.

A detención produciuse momentos antes de que saíse a manifestación convocada polos sindicatos, que iniciou a súa marcha sobre as 11,20 horas na rotonda das Industrias Conserveiras, fronte ao antigo estaleiro Fillos de J.Barreiras.

Os manifestantes percorren as rúas da cidade, pasando por Avenida da Coruña, Avenida Castelao e Tomás Paredes, coa intención de finalizar na alameda de Suárez Chairos, en Bouzas, onde se celebrará unha asemblea para analizar a evolución dos paros e decidir os posibles pasos a seguir. Todo iso no contexto da negociación do convenio provincial, que segue bloqueada ante a negativa da patronal a sentar á mesa se non se desconvocan as mobilizacións.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed