Inicio Blog Páxina 2125

Última entrevista aos Elefantiños: “Moria é peor que o cárcere, está colapsado, violan as mulleres…”

Os Elefantes de Papel despídense por un tempo coa derradeira parte da entrevista realizada á súa volta a Galicia, trala súa experiencia na illa grega de Lesbos, onde tentaron axudar aos refuxiados ou cando menos difundir as condicións nas que sobreviven.

P- Como están levando o retorno ao “primeiro mundo”?

R- Eu (Alberto) era moi de ver a TV para desconectar, agora xa non podo. O outro día estaban lendo o futuro no cú dunha persoa. Como vai saír ben a sociedade? Preguntoume a miña cuñada, ao regresar da viaxe, que tal? Pois readaptándome.

Ti volves, pero eles se quedan. E comeza a parecerte noxenta a sociedade na que vives, unha persoa protestando no supermercado porque non teñen a súa marca de papel hixiénico. No campo de Moria caben 1.400 e hai 8.000 dentro e miles fóra, ao redor. A xente vive a ras, con auga para dúas horas diarias. Hai violencia, é peor que o cárcere porque está fóra de control.

Actividade no mar de Lesbos/ Elefantes de Papel

P- Póñense na pel das persoas que atópanse encerradas alí, e tentaron con esta viaxe amosar a todo o mundo esta situación.

R- O medo, a sensación de abandono. Preferirían moitos ter morto afogado que regresar ao teu país. Non hai futuro. E Siria era un país rico, máis que España. Pois pasas a depender das esmolas.

O outro día falábase de que Undargarín estaba triste no cárcere de mulleres, pois estas persoas? En Moria violan a mulleres cada dos por tres, non poden ir solas ao baño. Estaban na súa vida e, de súpeto, no inferno. O ser humano tenta adaptarse… Pero saber que non hai segunda oportunidade, tendo nenos…

Moria estaba a 3 km do Lydl. O día de menos calor eran 31 graos. Pois mirabas familias a pleno sol, camiñando polo asfalto. E igual non era peor que agardar baixo unha lona, rodeados de bechos e virus, e de gardas que por catro duros teñen que controlar a miles de persoas. As condicións son inhumanas.

Braile escritura para cegos
O libro dos Elefantes de papel, pasado ao braille /Miguel Nuñez

P- E logo, de volta á terriña, comprobar o vicio no que vivimos.

R- Daste conta de que aquí somos programados constantemente para vivir nesta sociedade, reedúcante desde o colexio, a base de medo. Despois, nun país como Lesbos descobres que non pasa nada se non tes certas cosas. Manipúlannos. Sempre que sae unha noticia de refuxiados na tele, aparece nalgún momento a palabra delincuencia, e bomba, e traballo.

Elefantes de Papel /Miguel Nuñez

P- Ademais da experiencia cos refuxiados, que anécdota curiosa recordan de Grecia?

R- A forma de conducir. Alí, na illa de Lesbos, deben de caer coches ao mar seguido, que tiñamos que conducir a 20 ou 30 km por hora, eran cantís sen luz. Os semáforos non existen.

Se ves a alguén que leva casco na moto é porque é un vixilante. Multan só aos de fóra: non gritan tanto. Cada vez que morre alguén, deixan un sinal na estrada, basílicas en miniatura. Podes atopar 30 seguidas, a unha beira e a outra”.

ÍNDICE

CAP 0: Entrevista a María e Alberto antes da viaxe

CAP 1: Curando aos nenos o trauma do mar

CAP 2:  “O lixo acumúlase ás portas. O cheiro é indescriptible”

CAP 3: “Refuxiados é un eufemismo, esta xente non ten refuxio”

CAP 4: “Unha broma macabra”

CAP 5: “A importancia de sentirse realizado”

CAP 6: “A Policía entrou pola noite no campo repartindo paus e gases lacrimóxenos”

CAP 7: “O vergoñento cemiterio dos Sen Nome, da illa que non podía absorber máis cadáveres”

CAP 8: “Nunca perdas o brillo que ilumina a túa mirada”

CAP 9: Cambiando a perspectiva do que realmente importa

CAP 10: Moria, onde sobreviven a 10 graos, con apenas auga e mal alimentados

CAP 11: “Non podemos deixar atrás esa praia de pedras blancas e cadáveres negros”

CAP 12:  “O perfil do refuxiado son familias, que escapan enteiras e chegan a metade”

CAP 13: “O do Aquarius foi un conto político”

A Garda Civil investiga a un veciño de Vigo por un delito de incendio forestal en Cangas ocasionado por neglixencia

A Garda Civil investiga penalmente a un veciño de Vigo como presunto autor dun incendio forestal en Cangas debido a unha posible neglixencia con ocasión dunha queima de restos forestais.

O lume produciuse o pasado mes de maio con motivo dunha queima de restos agrícolas que estaba a realizar o propietario dunha leira na parroquia de San Salvador de Coiro, ao propagarse o lume a un arboredo contiguo, que tamén é do mesmo dono.

Segundo as investigacións realizadas polos efectivos da patrulla do Seprona de Cangas, púidose concluír que o propietario da leira, que ten o seu domicilio habitual en Vigo, aínda que notificara a realización da queima, estaba a realizala un día antes dos días que tiña autorizados.

“O incendio púidose producir como consecuencia do inadecuado control que esta persoa debería ter exercido sobre o lume e, sobre todo, pola carencia de medios ao seu alcance que lle permitisen evitar e, no seu caso, remediar, calquera eventualidade como a que se produciu”, explica o atestado do Seprona, segundo recolle a Garda Civil nun comunicado.

Nos labores de extinción do incendio participaron varios efectivos do Posto Principal da Garda Civil e Policía Local de Cangas, un axente forestal e efectivos de Protección Civil de Cangas. As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Cangas, onde deberá comparecer o investigado cando sexa citado.

Hai proxecto para Cabo Udra: prevención de incendios, observatorio de aves, eliminación de eucalipto…

O Concello de Bueu leva uns meses traballando na tramitación de dúas subvencións para a mellora da contorna da área de Cabo Udra, concretamente con cargo á Deputación Provincial de Pontevedra e á Rede Natura 2000, e que fará posibles diversas actuacións tanto de mantemento e acondicionamento deste espazo como de mellora da sinalización de camiños e mesmo a creación dun observatorio de aves.

Tal e como destaca Adrián Ferrer, concelleiro de medio ambiente, a Deputación facía referencia á mellora dos montes e xa se tiveron varias reunións coa directiva da Comunidade de Montes de Beluso.

Neste caso, a Deputación fará unha achega de 4049,64 €, o que supón o 70% do valor da redacción do proxecto, asumindo o Concello o restante. A subvención vai destinada á redacción dun proxecto no que figuren diversas actuacións, como a eliminación de especies alóctonas invasoras (fundamentalmente acacia negra e eucalipto), o acondicionamento da masa forestal mediante a realización de rozas e podas sanitarias, a mellora da sinalización da rede de sendeiros e camiños como medidas de prevención de incendios, implantación de pequenos pasteiros para a introdución dun gando como uso alternativo, a posta en valor do patrimonio etnográfico e arqueolóxico, e o acondicionamento do manancial para a construción dunha fonte.

A realización do proxecto sería con outros fondos posteriores na liña 2 da subvención de cara ao vindeiro ano ou a iniciativa da propia Comunidade de Montes. No tocante ás axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, concedeuse unha dotación de 17250,45 €, dividido en dúas anualidades, e que suporá o desbroce e adecuación de camiños, a instalación de paneis e balizas interpretativas, e a creación dun observatorio de aves.

Posible caso de violencia de xénero no Porriño tras aparecer un matrimonio morto

0

Un matrimonio foi atopado morto este luns no seu domicilio, situado na parroquia de Chenlo, no Porriño (Pontevedra). A principal hipótese que se investiga é un posible caso de violencia de xénero. Así o comunicaron a Europa Press fontes da Guardia Civil, que confirmaron que o achado se produciu en domicilio da parella entre as 14,00 e as 15,00 horas deste luns.

Pola súa banda, o CIAE 112 indicou que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 deu o primeiro aviso sobre as 14,50 horas de que un home alertou de que atopara aos seus pais falecidos no interior da vivenda, no lugar das Filgueiras.

Acto seguido, o 112 Galicia informou do ocorrido á Guardia Civil, que desprazou axentes até o lugar e iniciou a investigación correspondente, de momento coa hipótese dun posible caso de violencia de xénero.

Neste contexto, o Instituto Armado tamén solicitou ao 112 o apoio do Grupo de intervención psicolóxica en catástrofes e emerxencias (Gipce), para dar atención psicolóxica aos familiares dos falecidos.

Investigado un condutor por circular a 193 kms/h por Vigo nun tramo de 80 kms/h

0

Un condutor é investigado pola Garda Civil por circular o 31 de agosto por Vigo a 193 quilómetros por hora nun tramo limitado a 80 quilómetros por hora. O condutor pasou a esta velocidade polo punto quilométrico 8,4 da VG-20, pero non puido ser interceptado pola patrulla que se atopaba notificando as infraccións.

O 10 de setembro, localizouse ao vehículo e recoñeceuse ao condutor, un home con nacionalidade portuguesa e domicilio en Vigo. Por este delito contra a seguridade viaria pode enfrontarse a pena de prisión de tres a seis meses, multa de seis a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días. En todo caso, leva aparellada a privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores de entre un e catro anos.

FALSIDADE DOCUMENTAL

Por outra banda, a Garda Civil informou de que o 8 de agosto unha patrulla de Tráfico deu o alto ao condutor dun turismo na estrada EP-9206 (Portonovo-A Vichona), no municipio de Sanxenxo, quen arroxou unha taxa de alcoholemia positiva.

Con posterioridade púidose comprobar que os datos facilitados por este condutor, veciño de Sanxenxo de 37 anos, non se correspondían coa persoa identificada, senón que eran dun irmán seu, así como que tampouco está habilitado para a condución de turismos, xa que só posúe autorización de condución da clase AM (vehículos de dous e tres rodas que non posúan motores).

Así, procédese á súa investigación polos delitos de falsidade documental e de usurpación de estado civil. As dilixencias foron entregadas no xulgado de garda de Cambados.

A CIG aposta por innovar e formar para garantir o emprego no sector secundario

0

A responsable de automoción da federación de industria da Confederación Intersindical Galega (CIG), María Xosé García, apostou pola innovación empresarial e a oferta de formación regulada na industria 4.0 para garantir o emprego no sector secundario a nivel autonómico.

Nunha rolda de prensa este xoves en Vigo, María Xosé García asegurou que, desde finais de 2018, produciuse un retroceso do sector automobilístico a nivel autonómico. Ante esta situación, sinalou a necesidade de profesionais cualificados e criticou que non existan centros de Formación Profesional (FP) na comunidade que permitan formar aos mozos en novas tecnoloxías.

Co obxectivo de “optimizar” os procesos produtivos, apostou polo “rexuvenecemento” do persoal da industria autonómica co fin de adaptala ás novas necesidades. Para iso, afirmou que é necesario impulsar a produción de vehículos híbridos debido a que as normativas europeas de emisión de CO2 poderían pór en perigo o futuro do motor diésel, no que se centra a industria galega.

A responsable sindical de automoción tamén avogou por apostar polo coche autónomo co obxectivo de situar ao sector automobilístico galego á vangarda e garantir a súa estabilidade a longo prazo. En concreto, a CIG aspira a recoller estas iniciativas nun Plan galego para a industria da automoción no que se inclúan medidas de apoio ao I+D+i.

CUSTO ENERXÉTICO

Así mesmo, asegurou que, ante a carestía da enerxía, a “única solución” que atopan as empresas para reducir custos é “precarizar” as condicións laborais. Ante esta situación, reivindicou a necesidade dunha tarifa eléctrica galega que compense á Comunidade por ser a produtora gran parte da enerxía xerada en España.

Ademais, María Xosé García denunciou o ritmo de traballo “acelerado” do sector automobilístico, polo que sinalou a importancia de que as compañías se comprometan a non “abusar” da contratación de servizos de baixo custo, como Empresas de Emprego Temporal, e avogou por aplicar do convenio sectorial a todos os traballadores deste ámbito.

Adicionalmente, a CIG aposta por crear unha mesa galega da automoción composta polo tres universidades, o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e os sindicatos. O secretario nacional da Federación de Industria do sindicato, Xoán Xosé Bouzas, recalcou que a situación do sector naval é preocupante debido a que “se está quedando obsoleto”.

Por iso, reivindicou a necesidade de apoiar a innovación neste ámbito que, segundo lembrou, conta con menos de 2.000 empregados na comunidade, aínda que hai anos chegou a sumar 10.000 postos de traballo. Bouzas avanzou que o vindeiro mércores se celebrará a Asemblea Nacional de Delegados deste sindicato en Santiago co fin de abordar a situación da industria en Galicia. Posteriormente, ás 12,00 horas, terá lugar unha manifestación que percorrerá a cidade desde a Facultade de Dereito ata a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A Policía Local rescata un can abandonado sen auga no interior dun vehículo en plena vaga de calor

A Policía Local de Vigo foi alertada ás 12:05 horas do día 3 de agosto da presenza dun can atrapado no interior dun vehículo aparcado na zona de Rioboo. Trasladados de inmediato ao lugar, comprobouse como efectivamente na parte do condutor estaba asfixiándose un can de cor branca, da raza Bull Terrier.

Parecía estar baixo os efectos dun golpe de calor, non respondendo ás distintas chamadas que os axentes facían para atraer a súa atención. No interior do automóbil, que se atopaba pechado a excepción duns dous dedos de abertura nas ventás das portas dianteiras, non se observou recipiente algún con auga do que o animal puidese beber.

Rescate semellante ao desta fin de semana, gravado en vídeo

A prioridade era intentar recuperar ao can, así que se optou por intentar baixar unha das ventás do vehículo, e tras conseguilo recolleuse ao animal, que perdera o sentido. O axente, coa axuda dos veciños que requiriran o servizo, foi recuperando aos poucos ao can, prolongándose os labores por espazo de 20 minutos, consistindo en arrefriar a súa
temperatura corporal, facilitándolle auga. Finalmente foise recuperando.

Trala lectura do microchip, o can foi evacuado cara á protectora de animais, para
a súa atención e coidado. O vehículo no que se atopaba foi trasladado ao depósito municipal. Carece de SOA e ITV vixente. O feito de deixar a un animal encerrado no turismo, e nas condicións nas que se fixo, determinou o inicio das actuacións pertinentes por un presunto delito de maltrato animal.

Os universitarios que aínda non están vacinados poden facelo sen cita no Campus

Así o anunciou o pasado mércores o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á celebración do comité clínico que asesora ao Executivo galego no que respecta á pandemia.

Os puntos de vacinación habilitaranse nas sete grandes cidades galegas, nalgúns casos, nos centros masivos e, noutros, en lugares concretamente escollidos polas universidades para levar a cabo o proceso de inoculación.

Así, en Ferrol establecerase un punto de vacinación na Escola Politécnica Superior no Campus de Esteiro da Universidade da Coruña, onde poderán acudir tanto estudantes e persoal universitario como todos aqueles –aínda que non pertenzan ao ámbito da escola superior– que queiran recibir a vacina. Ese punto estará dispoñible entre as 09,30 e as 14,30 horas e entre as 14,30 e as 20,30 horas.

En Santiago de Compostela, vacinarase no auditorio Vidal Bolaño, entre as 9,00 e as 20,00 horas. Na Coruña, pola súa banda, a vacinación terá lugar en IFECO –ExpoCoruña–; mentres que en Pontevedra, realizarase no Recinto Feiral de Pontevedra, en quenda de mañá e tarde; e en Ourense, fronte ao edificio de Ferro –Facultade de Ciencias da Educación–.

Os universitarios de Vigo poderán acudir ao pavillón de deportes do campus, onde teñen preparadas 2.500 dose. En Lugo, habilitarase un punto de vacinación no campus universitario, concretamente, na Facultade de Veterinaria, e cuxo horario de funcionamento será de 10,30 a 13,30 horas e de 15,00 a 18,30 horas.

A ‘querela arxentina’ contra crimes do franquismo suma en Vigo outras cinco denuncias

Os familiares doutros cinco galegos represaliados polo réxime franquista sumáronse este xoves formalmente á causa criminal 4.591/2010, coñecida como a ‘querela arxentina’, que se instrúe nun xulgado de Buenos Aires, coa presentación formal das súas denuncias no Consulado de Arxentina en Vigo.

Así, acompañados pola deputada provincial de Memoria Histórica, María Ortega, pola avogada Jana Calero (de Avogados Novos de Vigo) e por representantes do Comité Español de Apoio á Querela Arxentina (CeaQua), os familiares de Celestino Carbia, Bernardo Mato, Carlos Abella, José Lijó e José Sieira fixeron efectiva a súa adhesión a esta causa en busca de “verdade, xustiza e reparación”.

Manuel Carbia, neto de Celestino Carbia (exalcalde de Valga fusilado en 1937), subliñou que as familias queren “continuar o labor que comezou Darío Rivas en Arxentina”, un país que, en “pouco tempo” puido xulgar a cargos da ditadura, mentres que en España, “despois de 80 anos os franquistas aínda seguen nas institucións”. Ademais, puxo en valor que esta loita fose impulsada “por mulleres”, como a deputada María Ortega.

Pola súa banda, Iria Morgade, bisneta de Bernardo Mato (interrogado por falanxistas e liberado “moribundo” nun monte en 1936), lamentou que o seu familiar foi durante anos “unha sombra” da que non se falaba. “Estamos aquí porque queremos que a miña avoa e a miña bisavoa teñan a verdade, algo que non lle deu o Estado español, que abandonou as vítimas do seu xenocidio”, explicou.

Na mesma liña, Dolores Sanlés, neta de José Sieira (asasinado en 1937 pola súa vinculación coa CNT), afirmou que a día de hoxe a súa nai “aínda ten medo” porque é “filla dun roxo”. Visiblemente emocionada, lembrou que a súa familia chegou a queimar cartas e documentos, aínda que ela conseguiu recuperar un diario e unha carta do seu avó que foi localizada nun faiado e na que pedía aos seus “camaradas” que coidasen da súa muller e fillos e “loitasen por unha Ribeira libre”.

Nela Abella, en representación de Carlos Abella (sindicalista da CNT a quen conmutaron a pena de morta por cadea perpetua), subliñou que a adhesión á querela é unha “oportunidade de desagravio”, que deberían realizar os sucesivos gobernos españois.

Finalmente, Andrés Lijó, sobriño de José Lijó (asasinado por ser sindicalista), afirmou que este paso ante a xustiza pretende “facer ver ao mundo” o que pasou e mostrou a súa esperanza de que a xustiza arxentina permita coñecer a verdade e “que se depuren responsabilidades“.

OUTRAS DENUNCIAS

A presentación das denuncias deste xoves son a continuación da iniciativa que hai unhas semanas tiveron as familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz, que tamén se sumaron á ‘querela arxentina’ con apoio da Deputación de Pontevedra. “Agora presentamos cinco máis, en base á defensa da xustiza universal, contra crimes de lesa humanidade, xa que a xustiza española non está a prol de que isto se faga aquí”, explicou o portavoz de CeaQua, Celso López.

Jana Calero, de Avogacía Nova Viguesa, sinalou que existe neste colectivo un equipo de traballo específico para memoria histórica, centrado en preparar estas querelas contra crimes do franquismo. “Vémonos obrigados a presentalas en Arxentina ante a pasividade do Estado español, que sistematicamente arquiva todas as querelas que se interpoñen“, incidiu.

Así mesmo, aseverou que a ‘querela arxentina’ ten máis de 10 anos de tramitación ás súas costas e centos de adhesións e, a pesar dos problemas de saúde da xuíza instrutora (María Servini) e as dificultades para obter documentación (acentuadas pola pandemia de COVID), a intención é “mantela viva por enriba de todo”. “Non fai falla que busquemos usuarios, porque son moitísimas as familias que están interesadas en facer valer a verdade, a xustiza e a reparación polos crimes contra os seus achegados”, recalcou.

Tres mozos, un deles menor e reincidente, sorprendidos roubando nunha nave empresarial en Mos

A Garda Civil detivo a tres mozos de Vigo que foron sorprendidos infraganti cando roubaban maquinaria e ferramentas nunha nave industrial dunha empresa no municipio de Mos (Pontevedra) a madrugada deste sábado.

Segundo informa a Garda Civil, os feitos tiveron lugar cando recibiron unha alerta que informaba da posible presenza dun vehículo sospeitoso estacionado nas inmediacións da nave. Deste xeito, o Centro Operativo Complexo (COC) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra mobilizou a dúas patrullas de seguridade cidadá dos Postos da Garda Civil de Mos e O Porriño.

Cando chegaron ao lugar, detectaron a tres novos nas inmediacións da furgoneta, que estaba estacionada na parte posterior da nave.

INTENTO DE FUGA

A reacción do catro efectivos que compuñan as dúas patrullas frustrou o intento de fuga dos tres mozos que pretendían escapar cando detectaron a presenza da Garda Civil. No interior do vehículo e nas súas inmediacións atoparon varias bobinas e material que contiña fío de cobre que subtraeran do interior da nave, así como ferramentas e útiles propios para levar a cabo este tipo de roubos.

Os detidos son tres veciños de Vigo de 17, 18 e 19 anos de idade que finalmente foron detidos por unha tentativa de roubo. O menor, que xa contaba con antecedentes por varios roubos no concello de Nigrán, foi posto a disposición dos seus pais e da Fiscalía de Menores.

Ningún dos outros dúas detidos conta con antecedentes policiais e xa foron entregados no Xulgado de Instrución de garda do Porriño, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.

Para as investigacións, foi “fundamental” a colaboración dos cidadáns que, de maneira “incesante”, comunica á Garda Civil multitude de datos principalmente a través do teléfono 062, do portal de Internet ‘Colabora’ do Corpo e dos perfís oficiais nas redes sociais do mesmo.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed