Inicio Blog Páxina 2126

Opel xa admite pedidos do novo Combo-e Life, fabricado en Vigo

A firma automobilística Opel xa admite pedidos en España do novo Combo-e Life, que se fabrica na planta que o grupo Stellantis (fusión de PSA e FCA) ten en Vigo e dispón de ata 280 quilómetros de autonomía ‘cero emisións’ cunha soa carga.

Dispoñible con carrozaría curta ou longa, de 4,40 e 4,75 metros, respectivamente, o novo Combo-e Life ofrécese con cinco ou sete prazas. Ademais, pode ter unha ou dúas portas laterais correderas.

O modelo máis curto con cinco prazas conta con 597 litros de capacidade de maleteiro, mentres que a versión máis longa alcanza os 850 litros. Cos asentos traseiros abatidos, o volume sobe aos 2.126 e 2.693 litros, respectivamente.

Cun motor eléctrico de 136 cabalos de potencia, a súa batería de ións de litio de 50 quilowatts hora (kWh) pode cargarse ao 80% nuns 30 minutos en puntos de carga rápidos. O vehículo dispón dunha autonomía de ata 280 quilómetros.

Así, o modelo acelera de 0 a 100 quilómetros por hora en 11,2 segundos, alcanzando unha velocidade máxima limitada electronicamente de 130 quilómetros por hora.

O novo ‘español’ Combo-e Life chegará aos concesionarios este inverno, uníndose á gama electrificada de Opel, que xa conta coa Corsa-e, o Mokka-e, o Zafira-e Life e o Grandlad X híbrido enchufable.

Rescatada unha cegoña malferida en Tomiño

0

Policía Local e un concelleiro de Tomiño rescataron no día de hoxe unha cegoña atopada por un veciño de Cotro na mañá deste venres.

Segundo sinalou a alcaldesa Sandra González, a cegoña malferida posiblemente por tropezar con algún cable de alta tensión, foi trasladada ás dependencias municipais e posteriormente ao Centro de Recuperación de Fauna da Consellería de Medio Ambiente.

O Concello dará licenza ao centro de saúde de Bouzas, aínda que dubida que se vaia a construír

O Concello de Vigo ultima a tramitación da licenza solicitada polo Sergas para construír un centro de saúde en Bouzas, aínda que cuestionou que finalmente se vaia a construír. Ademais, volveu  denunciar que se trata dun proxecto “reducido”, con respecto ao planificado inicialmente.

Así o comunicou en rolda de prensa o portavoz do goberno local, o edil socialista Carlos López Font, quen avanzou que o permiso estará listo “nuns días”.

No entanto, incidiu en que o anuncio da construción deste centro de saúde é unha forma de “desviar a atención” por parte da Xunta, dado que “ten a sanidade en Vigo patas para arriba”, con centros de saúde prometidos que non se chegaron a construír, peche doutros, folga na PAC, dimisión en bloque dos xefes de Atención Primaria, ou con “as listas de espera máis altas de Galicia”.

Por outra banda, o portavoz do goberno vigués iincidiu en que a licenza solicitada polo Sergas é para construír “un minicentro de saúde”, cun proxecto reducido “á metade” con respecto ao presentado en 2010.

Así, recordou que, nun principio, prevíase construír un centro de saúde de máis de 1.400 metros cadrados, cun investimento de máis de 1,5 millóns de euros. O proxecto actual, apuntou, prevé un investimento que non chega ao millón de euros, para unhas instalacións de 743 metros cadrados, que non cubrirán as necesidades do barrio de Bouzas.

“Pedir esta licenza é unha pantomima, un engano electoral, outra volta de tuerca da Xunta para enganar os vigueses e os veciños de Bouzas”, sentenciou Font quen aseverou: “Estamos convencidos de que non se vai a construír”.

A empresa viguesa IberAtlantic recoñece reunións con “administracións públicas” interesadas na vacina rusa Sputnik

A empresa afincada en Vigo IberAtlantic, dedicada a facilitar e intermediar a implantación de proxectos rusos en España, recoñeceu que mantivo reunións con “distintas administracións públicas” interesadas na vacina Sputnik V, que aínda non conta co aval da Axencia Europea do Medicamento, aínda que se está analizando.

Así o dixo a compañía a través dun comunicado, tras facerse público o interese da Comunidad de Madrid na adquisición desta vacina a través deste fondo de investimento.

No “marco específico de negociación para a produción da Sputnik V” en Europa, IberAtlantic Global Corporation mantivo “numerosas reunións e comunicacións con diferentes institucións públicas e privadas de moi distinta natureza, incluídas administracións públicas”, destacan.

Con todo, subliñan, estes encontros teñen “carácter confidencial”, polo que non divulgará “ningún detalle” acerca deles. “Sempre recibimos os distintos intereses que se nos expoñen respecto da vacina Sputnik V co maior interese á vez que a máxima discreción e apertura, a fin de valorar todas as propostas”, destacan.

IberAtlantic, con sede en Vigo e delegación en Madrid, é unha compañía centrada en facilitar e promover distintas iniciativas e proxectos con empresas e institucións rusas no mercado español e iberoamericano.

O seu fundador e CEO, Pedro Mouriño, é cónsul honorario da Federación de Rusia para Galicia e, segundo avanzou ABC, o encargado de dirixir as conversas coa Comunidad de Madrid para a hipotética adquisición desta vacina.

A figura de Pedro Mouriño e de IberAtlantic estivo presente hai algunhas semanas nas conversas co Grupo Zendal, tamén galego, para negociar unha posible produción da Sputnik V nas súas instalacións e, por tanto, dentro da UE.

O eucalipto empobrece a biodiversidade en Galicia

A esta conclusión chega un novo estudo científico realizado polo Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo liderado pola profesora titular María Calviño Cancela.

“Os traballos que levamos feito con plantas, aves e liques apuntan a que os eucaliptais albergan en xeral menos diversidade”, destaca Calviño.

Estos achados corroboran as liñas doutros investigadores que sinalan as plantacións de eucalipto como empobrecedoras da diversidade e abundancia de especies animais e vexetais.

Podes consultar aquí o artigo completo en Galicia Confidencial

Vídeo: Colectivos sociais organizan un acto no que acusan de ‘crueis inocentadas’ ao Concello de Vigo

Os colectivos Distopía e Foro Socioeducativo Os Ninguéns ‘aproveitaron’ a festa pagana dos inocentes co Dinoseto como testigo, e denunciaron na Praza da Princesa “as 61.000 persoas que viven no umbral da pobreza en Vigo“, salientan no seu comunicado oficial, no que acusan de “cruentas inocentadas” ao Concello.

Os Ninguéns no Día dos Santos Inocentes/ Miguel Núñez

Así, estes colectivos ven certas fallas de transparencia no goberno local, e denuncian ata “faltas á verdade” e unha supostamente excesiva presenza nos medios de comunicación.

Os Ninguéns no Día dos Santos Inocentes/ Miguel Núñez

Poñen como exemplo os desafiuzamentos: “O alcalde di que en Vigo non hai desafiuzamentos, pero a realidade, segundo a Oficina Xudicial de Desafiuzamentos, informa de que dende outubro do ano pasado a setembro deste ano rexistráronse e executáronse 151 despexos por impago de aluguer de vivendas. As persoas afectadas síntense humilladas e estigmatizadas”.

Os Ninguéns no Día dos Santos Inocentes/ Miguel Núñez

Ademais, acusan ao alcalde de mentir con respecto á política social: “Informa de que o Concello de Vigo é do estado español dos que máis inviste en políticas sociais, cando os datos de Facenda publicados ano tras ano amosan que o Concello de Vigo non é o primeiro nen sequera a nivel galego”.

Kase.O e a súa banda demostran no SonRías Baixas de Bueu que seguen tendo imán

0

Kase.O chegou a Bueu un ano despois do previsto e fíxoo baixo unha premisa diferente á pensada para que encabezase a edición de 2020 do festival SonRías Baixas. En lugar de pechar ‘O Círculo’ coa xira final do seu ansiado disco en solitario publicado catro anos antes, aterrou este agosto de 2021 no sur de Galicia para conmemorar o décimo aniversario desde que elevou ao rap en español a un novo nivel co seu traballo cunha banda de músicos de jazz.

E, unha década despois, demostrou que o do zaragozano barrio da Jota segue tendo imán para continuar atrapando desde o fan que o segue desde os inicios ao que se enganchou máis recentemente. Kase confirmou sobre as táboas do escenario do SonRías Baixas, no que se involucrou, descalzo, durante unhas dúas horas, que peitea canas pero iso non lle impide conectar con todo aquel que lle atenda desde a platea, aínda que agora o faga sentado en cadeiras de terraza de chiringuito, obrigado a conter as ganas de levantarse e bailar.

En 2021, tempo dos festivais da ‘separación social’ e os coros do público afogados polas máscaras que cobren as caras dun público que demostrou en Bueu un comportamento exemplar; o de Zaragoza caldeou unha fría noite de sábado nas Rías Baixas cun concerto no que repasou máis de dúas décadas de reinado entre os rapeiros en lingua castelá.

Fíxoo arroupado de novo por cinco músicos aos que, a comezos dos anos 2010, convidou a ‘desaprender’ as súas rutinas de improvisación no jazz para facer algo máis sinxelo e á vez moi complexo: acompañar a un rapeiro para levar o hip hop a unha nova esfera. A proposta Kase.O Jazz Magnetism abriu un novo abano de sons ao rap español e iso celebran este verán percorrendo un grupo de agraciadas localidades.

Unha delas foi Bueu, única parada da rolda do décimo aniversario de Kase.O Jazz Magnetism, protagonistas do penúltimo episodio do festival, que pecha a súa edición de 2021 este domingo coa banda catalá El Adhesivo para pór a vista xa en 2022, ano no que se espera, dunha vez, volver á ansiada normalidade, tamén no calendario dos certames musicais do verán.

Tras o lanzamento da noite por SonDaRúa, o de Violadores do Verso e a súa banda entregáronse á súa cita co público galego para repasar desde os temas máis clásicos aos máis recentes, eses ‘divertimentos’ cos que pechou unha actuación na que Kase lembrou ao falecido dj JotaMayuscula, convidou a ‘guglear’ a poeta Laura Sanz e recoñeceu desde o escenario que o traballo de “dicirlle á xente que non pode bailar” é verdadeiramente ingrato.

O xerente da área sanitaria de Vigo, novo conselleiro de Sanidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nomeou o novo goberno que lle acompañará no seu cuarto mandato. Un executivo no que destacan a substitución dos conselleiros de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e Eduación, Carmen Pomar. Precisamente, a de Sanidade será asumida polo actual xerente da área sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña.

Tamén haberá cambios na carteira de Economía, que adquire rango de Vicepresidencia con Francisco Conde á fronte e desdóbrase nun novo departamento que aglutina Emprego e Igualdade.

As competencias en educación se reagruparán agora co departamento de Cultura, como o estaban antes da última remodelación en 2018. Así, volverá ser Román Rodríguez quen se ocupe desta área desde a rebautizada Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Ademais, haberá dúas novas caras no Consello da Xunta. Unha delas será, precisamente, a do novo conselleiro de Sanidade tras a destituión de Vázquez Almuiña. O encargado deste departamento chave na xestión da pandemia será Julio García Comesaña, ata agora xerente da área sanitaria de Vigo.

A segunda incorporación ao Executivo de Feijóo é a de María Jesús Lorenzana Somoza, a ata este momento secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural, para a que crea unha Consellería de Emprego e Igualdade. A área laboral se desliga así da de Economía, que se eleva a rango de Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación con Francisco Conde como titular.

RUEDA SEGUE DE VICEPRESIDENTE

Pola súa banda, Alfonso Rueda continuará como vicepresidente –antes era o único, agora será o primeiro–, pero o seu departamento se rebautiza como Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo. Esta última área sumouse a Cultura nos cambios do 2018.

Valeriano Martínez continuará á fronte da carteira de Facenda, que reunirá tamén as competencias en Administración Pública tras desligarse de Vicepresidencia.

En canto ao resto do seu goberno, Feijóo optou por manter as competencias intactas: Fabiola García como conselleira de Política Social; Ángeles Vázquez á fronte de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Ethel Vázquez en Infraestruturas e Mobilidade; José González no medio Rural; e Rosa Quintana como conselleira do Mar.

Os tripulantes galegos do pesqueiro afundido en Costa do Marfil regresan aos seus fogares

0

Un total de tres dos catro galegos que formaban parte da tripulación do ‘Albacora 6’, afundido o pasado sábado en Costa do Marfil, regresaron este venres a Galicia, mentres outro tres vascos foron trasladados á súa comunidade.

Así o detallou en declaracións a Europa Press un dos mariñeiros galegos que aterrou este venres sobre as 16,00 horas no aeroporto de Peinador, José Manuel Pazos. Este traballador, residente en Cangas, indicou que este xoves tamén regresou ao País Vasco o patrón do barco.

O capitán, de orixe galega, é o único español que aínda permanece en Costa do Marfil, onde tamén está o xerente do armador do buque.

En concreto, os 29 tripulantes do ‘Albacora 6’ foron rescatados polo buque vasco ‘Montelape’ –propiedade do Grupo Calvo– despois de que o pesqueiro sufrise unha fuga a 260 millas ao sur da cidade de Abiyán, en Costa do Marfil, o pasado sábado. Salvamento Marítimo foi informado do ocorrido ao redor das 22,40 horas dese mesmo día, tras o cal se dispuxo a prestar o apoio preciso.

Respecto ao suceso, Xosé Manuel Pazos explicou que tivo lugar mentres el realizaba os seus labores e indicou que foron un fallo da iluminación e o aceso dunha alarma de gasoil os que alertaron á tripulación de que tivera lugar algún fallo.

O tripulante tamén narrou que, aínda que se descubriu que parte do túnel estaba inundado, a apertura das válvulas de emerxencia non puido evitar o afundimento do pesqueiro. “Foi un golpe moi duro para os traballadores e a empresa”, recoñeceu a pesar de mostrarse aliviado de que todos os tripulantes puidesen ser rescatados.

Posteriormente, este luns, trasladouse a bordo do pesqueiro ‘Kurtzio’ aos mariñeiros a Abiyán, onde permaneceron ata ser repatriados. Ademais, o responsable do atuneiro viaxou á cidade ese mesmo día para atendelos e clarificar as causas do naufraxio.

O BNG pedirá no pleno de Vigo rexeitar a proposta “antisocial” de aplicar peaxes en autovías

O BNG de Vigo levará ao pleno municipal deste mércores unha moción na que insta o Concello a expresar “clara e rotundamente” a súa oposición á aplicación de peaxes nas autovías e a reclamar á Xunta a rebaixa paulatina ata a desaparición das taxas que se pagan nas autoestradas de titularidade galega (AG-55 e AG-57).

Así o avanzou en rolda de prensa o concelleiro nacionalista Xabier Pérez Igrexas, quen sinalou que a proposta remitida polo “autodenominado progresista” Goberno de España á comisión europea é “antisocial e discriminatoria” para Galicia, que se atopa nunha posición xeograficamente periférica, e que penalizará ás clases traballadoras e ao tecido produtivo.

“Non se pode desincentivar o uso do vehículo privado se non hai unha política real e efectiva de mellora do transporte público”, engadiu o edil do BNG, en relación ao “pretendido afán ecolóxico” desta iniciativa.

Así mesmo, o concelleiro apostilou que é “insultante e inaceptable” que o Goberno expoña esta medida cando “aínda non cumpriu a súa palabra” no que respecta á rebaixa das peaxes da AP-9 e a suspensión desta taxa no caso do tramo entre Vigo e Redondela. “Este Goberno está a tentar agora o que no 2012 non foi capaz de facer o Goberno do PP, con Ana Pastor: unha medida discriminatoria e antisocial, que vai golpear seriamente a Galicia, unicamente con afán recadatorio”, resolveu.

Por iso, este mércores defenderá no pleno municipal unha moción na que insta o Concello a expresar o seu rexeitamento a estas peaxes nas autovías e tamén a reclamar á Xunta que rebaixe as peaxes nas vías de titularidade autonómica.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed